Mámoa do Rei (Vilaboa)

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Coordenadas: 42°21′29.9″N 08°40′21.4″O / 42.358306, -8.672611

Mámoa do Rei (Vilaboa)

A mámoa do Rei ou Chan de Castiñeiras 1 é un túmulo megalítico de aproximadamente 26 metros de diámetro e 2 metros de altura situado no concello de Vilaboa, a carón da lagoa de Castiñeiras. Está catalogado coma Ben de Interese Cultural.

Descrición[editar | editar a fonte]

É unha mámoa que pertence ó conxunto de Chan de Castiñeiras, do que se coñecen outros sete túmulos e polo menos dúas cistas. Esta é a de maior tamaño do conxunto. No exterior quedan restos dun anel lítico perimetral (que delimita o túmulo) e dunha coiraza no lado oriental. No seu interior ten unha cámara megalítica poligonal cun pequeno corredor que non se diferencia en planta, no que conserva gravados e restos de policromía.

Foi escavado en 1975 por un equipo baixo a dirección de Ramón Sobrino Lorenzo-Ruza. Entre 2001 e 2003 leváronse a cabo traballos para a súa posta en valor nos que se inclúen: unha prospección, unha escavación e unha reconstrución integral do dolmen intratumulario.

Gravados[editar | editar a fonte]

Os gravados atópanse na cara interna dun dos ortóstatos de granito que da aceso á cámara. Trátase de varias filas de liñas en zigzag sobre as que aparece unha figura cruciforme rematada cun buraco ovalado. Fixéronse mediante o picado da superficie da rocha cun instrumento puntiagudo, o que produce sucos con esquinas en ángulo. Isto permite analizar os sucos, dos que diferénciase dous tipos: no cruciforme os sucos teñen unhas dimensións de 30mm de ancho por 5mm de profundidade, o resto das figuras teñen -en tódolos casos- 25mm de ancho por 3mm de profundidade. A pesar desta disparidade de tamaños predomina a opinión de que tódolos gravados se fixeron no mesmo tempo, xa que a técnica é a mesma.

É probable que a cara da peza onde están fose preparada mediante un traballo de alisado da superficie. Esta suposición faise a raíz dunha comparación coa superficie do resto dos ortóstatos, aínda que cabe a posibilidade de que se trate da cara externa da rocha da que se quitou o laxe.

A decoración das liñas de zigzag parece ligada ó megalitismo e os petróglifos, nos que abundan os motivos xeométricos. Mentres que o cruciforme pódese interpretar coma un antropomorfo, podería ser un paralelo do do dolmen de Axeitos.

Rehabilitación[editar | editar a fonte]

O primeiro que se levou a cabo foi a re-escavación arqueolóxica do túmulo e unha prospección intensiva da área do arredor (na que se atopou un depósito de cerámica). Coa escavación descubriuse a estrutura tumularia: unha coiraza de pedras, un anel lítico no perímetro e un “atrio de aceso” no que se detectou a presenza de seis ídolos líticos (un con forma antropomorfa). E as formas arquitectónicas do seu interior: a cámara poligonal ten 5m e diferenciáronse polo menos tres áreas pavimentadas que se superpoñen na área do aceso, o que se correspondería coas diferentes fases construtivas.

A intervención permitiu obter suficientes datos coma para facer unha proposta de rehabilitación. A prioridade era manter unha boa conservación do monumento trala súa escavación. Dos ortóstatos só catro dos orixinais se conservan (un é o que ten os gravados) polo que o equipo estudou as técnicas construtivas dos dolmens da zona para proceder a súa reconstrución da forma máis fiel posible. Unha vez rematada a estrutura intratumularia fíxose unha reconstrución volumétrica do túmulo usando a terra retirada durante a escavación e sementouse unha cuberta vexetal, por último volveuse a colocar a coiraza de pedras.


Inventario[editar | editar a fonte]

Durante a escavación desta mámoa polo equipo dirixido por Sobrino Lorenzo-Ruza atopáronse numerosos restos recollidos por Antonio de la Peña[1] dos que só se conservan os que están en cursiva:

  • Área 2: Fragmento cerámico vermello decorado con liñas paralelas (14x18x12 mm) - Sete cristais de rocha - Tres lascas de cuarzo - Fragmentos cerámicos pequenos - Pequenos anacos de limonita - Pequenos fragmentos de óso - Fragmento de sílex (12x7 mm) - Bordo dun pequeno vaso de cerámica - Dúas puntas de frecha de sílex
  • Área 3: Un cristal de rocha - Tres lascas de cuarzo - Pequenos fragmentos de cerámica - Bóla de granito pulimentada de 70 mm de diámetro
  • Área 4: Dez cristais de rocha e unha lasca - Fragmento cerámico (16x15x6 mm) decorado con circuliños - Fragmentos de cerámica - Pequenos anacos de limonita - Fragmento de sílex (5x5 mm)
  • Área 5: Cinco fragmentos de cristais de rocha - Pequenos fragmentos de limonita - Pequenos fragmentos de cerámica
  • Área 6: Nove cristais de rocha e unha lasca - Pequenos fragmentos de limonita
  • Área 7: Fragmento de sílex e punta de coitelo - Pequenos fragmentos de limonita - Dous pequenos fragmentos cerámicos - Sete cristais de rocha, un deles con marcas de talla
  • Área 8: Tres cristais de rocha grandes, catro pequenos e un cristal de berilio - Lámina de forma semipoligonal (20x20x2'5mm), moderna, de cor calcaria con pátina castaño-agrisada - Grans de limonita
  • Área 9: Fragmentos cerámicos - Sete cristais de rocha e unha lasca - Areas de limonita
  • Área 10: Fóra da sepultura, estéril (A 1,2 m da superficie unha estrutura -muro- de pedra)
  • Área 11: Fóra da sepultura, estéril (A 1,2 m da superficie unha estrutura -muro- de pedra)
  • Área 12: Fóra da sepultura, estéril (A 1,2 m da superficie unha estrutura -muro- de pedra)
  • Área 13: Pequenos fragmentos de cerámica
  • Área 14: Catro fragmentos de sílex, un é a punta dun coitelo - Catro cristais de rocha
  • Área 15: Cinco pedras femias de moer (65x20x10 mm), (28x20x12 mm), (30x19x8 mm), (46x27x15 mm), (47x13x15 mm) - Pequeno fragmento de sílex solto e un micrólito (12x6mm) - Fragmentos cerámicos pequenos - Un disco de gneis de 56 mm de diámetro cun bordo de 7 mm atopado xunto ás pezas da moenda - Areas de limonita - Dez cristais de rocha - Dez cristais de rocha e lascas de cuarzo - Dous fragmentos cerámicos - Esquirlas de óso
  • Área 16: Un cristal de rocha (40x18x18 mm) e unha lasca de cuarzo
  • Área 17: Dentro da cámara, estéril
  • Área 18: Un núcleo de cuarzo afumado - Unha punta de frecha xunto o anterior - Unha punta de frecha de cuarzo xunto o anterior - Unha punta de frecha de cuarzo - Tres cristais de rocha - Catro cristais de rocha e unha lasca de cuarzo - Tres fragmentos cerámicos
  • Área 18a: Unha punta de frecha de sílex de cor agrisada-morada - Micrólito triangular de sílex
  • Área 19: Unha lasca de cuarzo - Unha punta de frecha de cuarzo - Unha punta de frecha de sílex rota - Fragmentos nucleiformes de sílex (32x15x17 mm) - Fragmentos de placa de xisto pulimentado (40x22x3 mm) - Fragmento de placa de xisto pulimentado (20x15x15mm) - Un pequeno fragmento cerámico con engobe - Dez cristais de rocha e unha lasca - Unha punta de frecha de sílex de cor amarela clara - Punta de frecha de sílex de cor chocolate escuro - Punta de frecha de sílex rota (a maior) de cor gris afumado - Cerámica baixo as pedras de cobertura do corredor

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Peña Santos, A. (1975): "Los grabados megalíticos de la "Mámoa do Rei", Pontevedra". Santiago de Compostela: Gallaecia I".
  • Peña Santos, A. (1976): "Estudio de los materiales conservados de tres sepulturas megalíticas. (Península de Morrazo, Pontevedra)". Santiago de Compostela: Gallaecia II".
  • Vázquez Collazo, Santiago (2007): "La "Mámoa do Rei", rehabilitación de un yacimiento tumular en el marco de su puesta en valor (Chan de Castiñeiras, Vilaboa-Pontevedra)" no V Congreso Internacional sobre Musealización de Xacementos Arqueolóxicos. Conservación e presentación de xacementos arqueolóxicos no medio rural. Impacto social no territorio.
  • García Alén, Alfredo (1954): "Materiales para la Carta Arqueológica de la provincia de Pontevedra". Pontevedra: El Museo de Pontevedra, VIII, Memoria 1953"

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

  1. Peña Santos. & Estudio de los materiales conservados de tres sepulturas megalíticas. 1976.