Saltar ao contido

Lydia Koidula

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Modelo:BiografíaLydia Koidula

Editar o valor en Wikidata
Biografía
Nacemento12 de decembro de 1843 (Xuliano) Editar o valor en Wikidata
Vändra, Estonia Editar o valor en Wikidata
Morte30 de xullo de 1886 (Xuliano) Editar o valor en Wikidata (42 anos)
Kronstadt, Rusia Editar o valor en Wikidata
Causa da mortecancro de mama Editar o valor en Wikidata
Lugar de sepulturaMetsakalmistu Editar o valor en Wikidata
Grupo étnicoPobo estoniano Editar o valor en Wikidata
EducaciónPärnu Linna Kõrgem Tütarlastekool (–1861) Editar o valor en Wikidata
Actividade
Campo de traballoPoesía e xornalismo Editar o valor en Wikidata
Ocupaciónpoetisa, xornalista, tradutora, escritora Editar o valor en Wikidata
Obra
Obras destacables
Familia
CónxuxeEduard Michelson (1873–valor descoñecido) Editar o valor en Wikidata
PaiJohann Voldemar Jannsen Editar o valor en Wikidata

Descrito pola fonteGrande Enciclopedia Soviética 1969-1978, (sec:Койдула Лидия)
Obálky knih,
Metzler Autorinnen Lexikon (1 ed.), (p.259–260) >>>:Koidula, Lydia (eigentl. Lydia Emilie Florentine Jannsen) Editar o valor en Wikidata
Musicbrainz: ae7694ae-8b79-4ede-937a-4d118d47f6bf Discogs: 1326680 Find a Grave: 194784501 Editar o valor en Wikidata

Lydia Emilie Florentine Jannsen, nada en Vändra (condado de Pärnu) o 24 de decembro de 1843 e finada en Kronstadt (Rusia) o 11 de agosto de 1886, máis coñecida como Lydia Koidula, foi unha poeta estoniana. O seu sobrenome, que lle puxo o escritor Carl Robert Jakobson, significa "Lydia do Amencer" en lingua estoniana. Tamén é coñecida como Koidulaulik, "A cantante do Amencer".

En Estonia, coma noutros lugares de Europa, a mediados do século XIX non se consideraba a literatura como unha traxectoria adecuada para unha moza, polo que a poesía e o traballo xornalístico de Koidula no periódico do seu pai, o populista Johann Voldemar Jannsen (1819–1890), aparecían publicadas de forma anónima. Con todo, foi unha figura literaria importante, fundadora do teatro estoniano, e relacionada con Carl Robert Jakobson (1841–1882) e Friedrich Reinhold Kreutzwald (1803–1882), autor da épica nacional estoniana Kalevipoeg. Co tempo, Lydia Koidula acadou o status de poeta nacional de Estonia.

Traxectoria

[editar | editar a fonte]

Lydia Jannsen naceu en Vändra (Fennern), Estonia. En 1850 a familia mudouse á capital do condado, Pärnu, e en 1857 o pai, Johann Voldemar Jannsen, comezou o primeiro periódico local en lingua estoniana. Na vila Lydia asistiu á escola de gramática en lingua alemá, e en 1864 os Jannsen mudáronse á cidade universitaria de Tartu. Se ben a expresión do nacionalismo, incluíndo as publicacións en linguas indíxenas, era un asunto sensíbel no Imperio ruso, o tsar Alexandre II era relativamente liberal e Jannsen puido evitar a censura imperial para publicar o primeiro periódico en lingua estoniana con distribución en todo o país. Lydia colaborou nos dous periódicos, ademais de publicar a súa propia obra.

En 1873 casou con Eduard Michelson, médico militar, e mudouse á base naval de Kronstadt, preto de San Petersburgo. Entre 1876 e 1878 visitaron Breslau, Estrasburgo e Viena. Aínda que pasaba os veráns en Estonia, tivo unha gran morriña do seu país. Foi nai de tres nenos, e faleceu por mor dun cancro de mama en 1886. O seu último poema foi Enne surma — Eestimaale! ("Antes da morte, a Estonia!").

A obra máis importante de Koidula é Emajõe ööbik (O Rousinol do río Emajõgi), publicado en 1867.[1]

A influencia alemá en Koidula era inevitábel, dado que os alemáns tiveran a hexemonía na rexión desde o século XIII. Hai unha influencia particular do estilo Biedermeier, que dominou a arte continental burguesa entre 1815 e 1848.

Koidula está considerada a fundadora do teatro estoniano pola súa actividade dramática na Vanemuise Selts. Escribiu e dirixiu a comedia, Saaremaa Onupoeg ("O curmán de Saaremaa") en 1870, baseado na farsa de Theodor Körner Der Vetter aus Bremen ("O curmán de Bremen"), adaptada á realidade do seu país, cunha caracterización rudimentaria e sinxela mais popular. En 1870 escribiu e dirixiu Maret ja Miina e a primeira obra teatral estoniana, Säärane mulk. Na obra teatral de Koidula reflíctese a pegada do filósofo, dramaturgo, e crítico Gotthold Ephraim Lessing, pois as súas obras eran didácticas e unha ferramenta para a educación popular.

No primeiro Festival da Canción de Estonia, en 1869, dous poemas seus foron musicados: Sind Surmani e Mu isamaa on minu arm. Este último converteuse en himno oficioso durante a ocupación soviética, cando se prohibiu o himno que compuxera o seu pai, Mu isamaa, mu õnn ja rõõm.

Homenaxes

[editar | editar a fonte]

En Pärnu está o museo Koidula, na que foi a casa de Johann Voldemar Jannsen e sede do Perno Postimees até 1863. O museo ten como tarefa principal manter viva a memoria de Koidula e Jannsen, e amosar a súa vida e traballo no contexto do período de espertar nacional en Estonia.

Na cidade de Pärnu hai unha escultura de Amandus Adamson, construída en 1929. Ademais, Lydia Koidula aparecía no billete de 100 krooni, antes da chegada do Euro a Estonia.[2]

Galería de imaxes

[editar | editar a fonte]
  1. Gunter, Faure (2012). The Estonians: the long road to Independence. Londres: Lulu.com. pp. 145–146. ISBN 978-1105530036. 
  2. "Lydia Koidula & the 100 kroon Estonian banknote". Estonia - Paradise of the North (en inglés). 16 de xullo de 2017. 

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]