Lunar Prospector
Lunar Prospector | |
---|---|
Representación artística da Lunar Prospector en órbita lunar. | |
Tipo | Científico |
Organización | NASA |
Destino actual | Estrelada contra a Lúa.[1][2][3] |
Data de lanzamento | 7 de xaneiro de 1998, 2:28 GMT[1][4][5][6] |
Foguete portador | Athena 2[1][3] |
Sitio de lanzamento | Centro Espacial de Cabo Cañaveral, rampla 46[1][2] |
Duración da misión | 19 meses[1][3] |
Obxectivo da misión | Estudo da Lúa.[1][2] |
Decaemento | 31 de xullo de 1999 |
NSSDC ID | 1998-001A[1][3] |
Masa | 158 kg[1] |
Dimensións | Cilindro de grafito-epoxy de 1,37 m de diámetro e 1,28 m de alto, con tres mastros que sobresaían radialmente 2,5 m do corpo principal e unha extensión de 1,1 dun dos mastros para albergar o magnetómetro.[1][3] |
Potencia | 202,0 vatios[1] |
Lunar Prospector foi un satélite artificial estadounidense lanzado o 7 de xaneiro de 1998 mediante un foguete Athena 2 desde o Centro Espacial de Cabo Cañaveral cara a Lúa.[1][2][3]
Características
[editar | editar a fonte]Lunar Prospector foi unha misión pertencente ó programa Discovery. O seu obxectivo era realizar observacións científicas da Lúa desde unha órbita polar, entre elas cartografar a composición da superficie, buscar posibles depósitos de xeo nos polos, medir os campos campo magnético e gravitatorio e buscar sucesos de expulsión de gases do subsolo lunar.[1][2][3]
O corpo principal da nave era un cilindro de grafito-epoxy de 1,37 m de diámetro e 1,28 m de alto, con tres mastros que sobresaían radialmente 2,5 m do corpo principal e unha extensión de 1,1 dun dos mastros para albergar o magnetómetro. A masa da sonda ao inicio da misión, propelente incluído, era de 296 kg. Sen propelente a sonda pesaba 158 kg. A sonda estabilizábase mediante xiro, a 12 r.p.m. e co eixo de rotación apuntando perpendicularmente á eclíptica. A propulsión estaba a cargo de seis propulsores monopropelente (usando hidracina) de 22 Newton de impulso. A alimentación eléctrica era proporcionada polas células solares que recubrían o corpo cilíndrico da sonda e que proporcionaban unha media de 186 vatios de potencia que eran almacenados nunha batería recargable de 4,8 amperios-hora de capacidade. As comunicacións tiñan lugar mediante dous transpondedores de banda S, cunha antena de aliñación de fase para a baixada de datos a media ganancia e unha antena de baixa ganancia tanto para subida como baixada de datos. A sonda non tiña ordenador de a bordo e todo o control facíase desde terra, cos comandos procesándose a bordo da nave mediante unha unidade simple de comando e control. Os datos científicos podían enviarse tanto directamente a terra como gardarse a bordo nunha gravadora de estado sólido ata a súa retransmisión.[1][2][3]
Tras o lanzamento o 7 de xaneiro de 1998, Lunar Prospector seguiu unha órbita que a levou á Lúa en 105 horas. Durante a etapa de cruceiro despregáronse os mastros e calibráronse o magnetómetro e o espectrómetro de partículas alfa. A órbita inicial arredor da Lúa tiña un período de 11,6 horas. Tras varias manobras a órbita rebaixouse a unha de 3,5 horas de duración, para finalmente, o 16 de xaneiro, chegar á orbita de traballo, de 100 km de altura, 118 minutos de duración e unha inclinación de 90 graos. O 19 de decembro de 1998, tras varios meses de recoller datos, a órbita foi baixada a unha de só 40 km de altura para obter datos de maior resolución. O 28 de xaneiro de 1999 a órbita foi baixada aínda máis, ata deixala nunha elipse de 15 km de periapse e 45 km de apoapse. A misión finalizou o 31 de xullo de 1999, cando a sonda foi estrelada a propósito contra un cráter do polo sur en sombra permanente co obxectivo de observar a posible nube de restos resultante e estudala para intentar verificar a presenza de auga. Finalmente o impacto non produciu tal nube.[1][2][3]
Instrumentos
[editar | editar a fonte]Lunar Prospector levaba a bordo os seguintes instrumentos científicos:[1][2][3]
- Espectrómetro de raios gamma.
- Espectrómetro de neutróns.
- Magnetómetro.
- Reflectómetro de electróns.
- Espectrómetro de partículas alfa.
- Experimento Doppler gravitatorio.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ 1,00 1,01 1,02 1,03 1,04 1,05 1,06 1,07 1,08 1,09 1,10 1,11 1,12 1,13 1,14 NASA (27 de marzo de 2013). "LunarProspector" (PDF) (en inglés). Consultado o 17 de xullo de 2013.
- ↑ 2,0 2,1 2,2 2,3 2,4 2,5 2,6 2,7 Mark Wade (2011). "Lunar Prospector" (en inglés). Consultado o 17 de xullo de 2013.
- ↑ 3,00 3,01 3,02 3,03 3,04 3,05 3,06 3,07 3,08 3,09 Gunter Dirk Krebs (2013). Gunter's Space Page, ed. "Lunar Prospector (Discovery 3)" (en inglés). Consultado o 17 de xullo de 2013.
- ↑ N2YO (2011). Real Time Satellite Tracking, ed. "LUNAR PROSPECTOR" (en inglés). Consultado o 17 de xullo de 2013.
- ↑ "Note verbale dated 22 July 1998 from the Permanent Mission of the United States of America to the United Nations (Vienna) addressed to the Secretary-General" (98-55196). 4 de agosto de 1998: 12. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 14 de maio de 2015. Consultado o 17 de xullo de 2013.
- ↑ Claude Lafleur (2010). "Lunar Prospector" (en inglés). Consultado o 17 de xullo de 2013.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Lunar Prospector |