Lule Warrenton

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura
Lule Warrenton
Lule-Warrenton.jpg
Nacemento22 de xuño de 1862
LugarFlint
Falecemento14 de maio de 1932
LugarLaguna Beach
NacionalidadeEstados Unidos de América
Educada enUniversidade de Michigan
Profesiónactriz, directora de cine, guionista, actriz de cinema e actriz de teatro
editar datos en Wikidata ]

Lule Warrenton, nada o 22 de xuño de 1862 en Flint, Michigan e finada o 14 de maio de 1932 en Laguna Beach, California, foi unha actriz, directora e produtora cinematográfica de nacionalidade estadounidense, activa na época do cinema mudo. Entre os anos 1913 e 1922, actuou nun total de 81 filmes.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Inicios[editar | editar a fonte]

Nada en Flint, Míchigan, o seu pai era director de produción.[1] Baixo a supervisión do seu tío, Sheridan Corbyn, Warrenton empezou a interpretar papeis como actriz infantil, iniciando así a súa carreira, que abarcaría o ámbito teatral e o cinematográfico.[2]

Warrenton estudou no St. Rose's Convent e despois na Universidade de Michigan. Iniciou a súa actividade teatral dedicándose á elocución na Universidade de Notre Dame.[3] Máis adiante foi lectora de Shakespeare, interpretando a súa primeira obra na Vitoria Rifle's Armory de Montreal, Canadá.[4]

Actriz[editar | editar a fonte]

Warrenton actuou en 81 filmes ao longo da súa carreira no cinema. Xeralmente fixo papeis secundarios, usualmente en comedias ou westerns, mais de cando en cando fixo tamén papeis principais.[5] Warrenton tiña reputación de ser unha actriz versátil, polo que interpretou personaxes moi diversas, entre elas a unha muller negra en The Queen of Jungleland,[6] e a un chinés mandarín, disfrazada cun mostacho, baixo a dirección de Henry McRae.[6] Esta versatilidade foi precisamente moi encomiada polo xornal Pittsburgh Press.[6]

Directora[editar | editar a fonte]

Máis coñecida pola súa carreira como directora, Warrenton foi a única muller directora que na época tivo un estudio propio mentres traballaba con Universal Studios.[7] Warrenton traballou no guión dalgunhas das súas cintas, mais o seu axudante Allen Watt foi o responsábel da maior parte dos seus guións.[8] O fillo de Warrenton, Gilbert Warrenton, traballou como responsábel da fotografía en moitas das producións da súa nai.[7]

Warrenton empezou a súa carreira como directora traballando principalmente con comedias, mais máis adiante centrouse na rodaxe de películas especificamente deseñadas para o público infantil, ás que ela chamaba "Filme for Little Ones".[8] Calling Linda foi a primeira desas películas, rodada en 1916. Ao ano seguinte produciu e dirixiu The Bird's Christmas Carol, a cal protagonizaba a actriz prodixio de catro anos de idade Mary Louise. The Bird's Christmas Carol era unha adaptación ao cinema da novela de Kate Douglas Wiggin, que vendera máis dun millón e medio de exemplares.[7] Máis adiante Warrenton e Louise colaboraron nun bo número de producións. Debido á súa reputación traballando con actores infantís, Warrenton fíxose coñecida nos círculos de Hollywood co apelativo de "nai".[7]

Influencia social[editar | editar a fonte]

En certo xeito Warrenton foi pioneira na progresión da muller no mundo laboral profesional, e especialmente en Hollywood. Ademais de ser a única muller directora con estudio propio, Warrenton converteu a súa propia casa en centro social para as mulleres de Hollywood, e foi clave para estabelecer dentro de Hollywood Film Company unha residencia permanente para as incontábeis mozas que traballaban como extras en Hollywood.[8] Warrenton foi tamén unha das catro persoas fundadoras do Hollywood Studio Club, ao cal podía acceder calquera muller conectada cos estudios cinematográficos.[9]

Carreira posterior aos Universal Studios[editar | editar a fonte]

Warrenton iniciou a súa traxectoria con Universal Studios en 1912, mais cortou lazos coa compañía en 1917, continuando coa rodaxe de películas xuvenís como cineasta independente.[8]

Warrenton finalmente deixou Hollywood e ingresou no Conservatorio de Música de San Diego, á vez que dirixía unha compañía cinematográfica composta por mulleres, tamén localizada en San Diego (California).[2]

Vida persoal[editar | editar a fonte]

Warrenton tivo un fillo, o cámara Gilbert Warrenton, e unha filla, Virginia Zimmerman, que casou cun médico de Os Ánxeles.[10]

Selección da súa filmografía[editar | editar a fonte]

  • The Werewolf (1913)
  • Samson (1914)
  • Bound on the Wheel (1915)
  • Secret Love (1916)
  • Her Bitter Cup (1916)
  • The Gilded Spider (1916)
  • Bobbie of the Ballet (1916)
  • The Wilderness Trail (1919)
  • Blind Hearts (1921)
  • Ladies Must Live (1921)

Notas[editar | editar a fonte]

  1. "Lule Warrenton". 
  2. 2,0 2,1 The Story World and Photodramatist (Jul-Oct 1923). Photodramatist Publishing Company, inc. 1923-7. 
  3. Motion Picture Studio Directory and Trade Annual (1917). New York, Motion Picture News, Inc. 1917. 
  4. "Montreal Herald - Google News Archive Search". news.google.com. Consultado o 2019-02-27. 
  5. Moving Picture World (Oct 1915). New York, Chalmers Publishing Company. 1915. 
  6. 6,0 6,1 6,2 Motion Picture News (Jul-Oct 1915). Exhibitors' Times, inc. 1915-7. 
  7. 7,0 7,1 7,2 7,3 Motion Picture News (Apr-Jun 1917). Motion Picture News, inc. 1917-4. 
  8. 8,0 8,1 8,2 8,3 Motography (Jul-Sep 1916). Electricity Magazine Corp. 1916-7. 
  9. Photoplay (Feb-Sep 1917). Chicago, Photoplay Magazine Publishing Company. 1917-2. 
  10. International Photographer (Jan-Dec 1932). Hollywood, Local 659 of the I.A.T.S.E. and M.P.M.O. of the United States and Canada. 1932-1. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]