Luisa de Medrano

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Luisa de Medrano
Posible retrato de Luisa de Medrano como Sibila Samia. Del conjunto "Profetas y Sibilas" de Juan Soreda, c.1530. Museo de san Gil. Atienza.jpg
Nacemento9 de agosto de 1484
Lugar de nacementoAtienza
Falecemento1527
NacionalidadeEspaña
Ocupaciónprofesora universitaria, Intelectual, escritora e poeta
editar datos en Wikidata ]

Luisa de Medrano Bravo de Lagunas Cienfuegos, chamada en fontes primarias Lucía de Medrano, nada en Atienza o 9 de agosto de 1484 e finada en 1527 ?, foi unha latinista española.[1] Foi quen de ditar unha lección de canons na Universidade de Salamanca, desenvolvendo actividades das que as mulleres estaban excluídas na Europa renacentista.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Luisa de Medrano era filla de Diego López de Medrano, señor de San Gregorio, e de Magdalena Bravo de Lagunas, da liñaxe dos Salvadores de Berlanga de Duero. O seu avó apoiou a raíña Isabel contra Henrique IV, conquistando con traizón o inexpugnable castelo de Atienza onde se estableceu como alcaide.

Luisa de Medrano foi contemporánea doutras mulleres cultas como Beatriz Galindo la Latina e Beatriz de Bobadilla.[2]

Segundo Jacinto Chicharro, Luisa de Medrano sería retratada como Sibyl Samia nun dos catro paneis de profetas e sibilas da igrexa da Trindade en Atienza atribuído a Juan Soreda, conservado no museo de San Gil da mesma localidade.[3]

Luisa de Medrano aparece citada en diversas obras ao longo dos séculos: Gil González Dávila (1650),[4] Nicolás Antonio (París, 1672 - Madrid, 1778), Bernardo Dorado (1776),[5] Diego Clemencín (1821), Manuel Hermenegildo Dávila (1849), Marcelino Menéndez Pelayo (1896),[6] etc.

Na actualidade é coñecida polos salmantinos por darlle nome ao Instituto Lucía de Medrano.[7] O esquecemento no que caeu esta muller chega mesmo ao punto de que, durante a inauguración do actual edificio do Instituto, ningunha das autoridades presentes soubo explicar quen era Lucía de Medrano.[7]

En 1935 a alemá Thérèse Oettel publicou Una catedrática en el siglo de Isabel la Católica: Lucía de Medrano, obra que aínda é unha referencia. Na introdución, afirma que pasou polos principais arquivos da Península para recoller probas que demostrasen a verdade do que lera: «que xa no século XVI algunhas damas aristocráticas tiñan cadeiras en España; por exemplo, Lucía (sic) de Medrano, en Salamanca.»[8]

Outros artigos, como o realizado por Carabias Torres a petición de Adolfo Domínguez Perrino, defenden que, aínda que destacou no dominio da lingua latina e no coñecemento da cultura clásica, Luisa de Medrano nunca foi, stricto sensu, profesora da Universidade de Salamanca.[9]

En 2015 creouse o Premio Internacional Castela-A Mancha para a Igualdade de Xénero "Luisa de Medrano", concedido a Soledad Cazorla, Marcela Lagarde, Miguel Lorente, Amelia Valcárcel e Bernaldo de Quirós e, en 2020, a Carlota Bustelo García del Real.[10]

A editorial Espasa publicou en 2018 a novela de ficción histórica La catedrática, obra de María López Villarquide, que recrea a súa biografía a través dos puntos de vista de diferentes personaxes coetáneos de Luisa de Medrano. A novela foi traducida ao chinés e publicouse en 2022.[11]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Escritoras y pensadoras europeas
  2. "Mujeres de poder en la Castilla de 1500" (en castelán). Consultado o 12 de maio de 2019. 
  3. Chicharro Santamera, Jacinto, Alpedroches.com. "El retraro [sic] de Luisa de Medrano". Consultado o 12 de maio de 2019. 
  4. González Dávila, Gil (1650). "Mujeres ilustres que ha tenido la ciudad". Teatro eclesiastico de las Iglesias metropolitanas y Catedrales de los Reynos de las dos Castillas: Vidas de sus Arzobispos, y Obispos, y cosas memorables de sus sedes III. p. 216. 
  5. Dorado, Bernardo (1776). Historia de Salamanca. Bibliografía Hispano-Latina clásica. p. 558. 
  6. Menéndez Pelayo, Marcelino O.C. (1896). "XXI". Antología de los poetas líricos castellanos. III, parte 1ª. Ignacio Larramendi. p. 34. 
  7. 7,0 7,1 I.E.S. Lucía de Medrano (Salamanca)
  8. Oettel, Thérèse (1935). Una catedrática en el siglo de Isabel la Católica Luisa (Lucía) de Medrano. Consultado o 12 de maio de 2019. 
  9. Carabias (2019), pp. 199-201.
  10. "Premio Internacional Luisa de Medrano | Instituto de la Mujer de Castilla-La Mancha". Consultado o 5 de marzo de 2019. 
  11. Con tradución de Bao Weixin. Ver enlace en chinés: wenhui.whb.cn.