Luis del Sol
Luis del Sol Cascajares | |||
---|---|---|---|
![]() | |||
Información persoal | |||
Nome | Luis del Sol | ||
Nacemento | 6 de abril de 1935 | ||
Lugar de nacemento | Arcos de Jalón | ||
Falecemento | 20 de xuño de 2021 | ||
Lugar de falecemento | Sevilla | ||
Altura | 169 centímetros | ||
Posición | centrocampista | ||
Carreira xuvenil | |||
Alegría | |||
San Gerónimo | |||
Retiro San Miguel | |||
Andalucía | |||
1951–1953 | Betis | ||
Carreira sénior | |||
Anos | Equipos | Aprs | (Gls) |
1953–1960 | Betis | 162 | (41) |
1953–1954 | → Utrera | ||
1960–1962 | Real Madrid | 55 | (22) |
1962–1970 | Juventus | 228 | (20) |
1970–1972 | Roma | 50 | (4) |
1972–1973 | Betis | 17 | (0) |
Selección nacional | |||
1959 | España sub-21 | 1 | (0) |
1957–1959 | España B | 3 | (0) |
1960–1966 | España | 16 | (3) |
Adestrador | |||
Carmona | |||
1981–1982 | Jerez Industrial | ||
1983 | Betis Deportivo | ||
1986 | Betis Deportivo | ||
1986–1987 | Betis | ||
1990 | Recreativo de Huelva | ||
2001 | Betis | ||
Na rede | |||
![]() ![]() ![]() | |||
Partidos e goles só en liga doméstica. [ editar datos en Wikidata ] | |||
Luis del Sol Cascajares, nado en Arcos de Jalón o 6 de abril de 1935 e finado en Sevilla o 20 de xuño de 2021, foi un futbolista e adestrador de fútbol español. Xogaba como centrocampista e comezou a súa carreira no Betis, no que militou durante sete tempadas. Xogou dous anos no Real Madrid, co que gañou dúas ligas, unha Copa do Xeneralísimo, unha Copa de Europa e unha Copa Intercontinental, e a continuación pasou unha década no fútbol italiano. Foi o primeiro español en xogar na Juventus, na que militou oito anos, e posteriormente xogou dous anos na Roma, club do que foi capitán.
Foi internacional coa selección española, coa que disputou dúas Copas do Mundo (1962 e 1966) e coa que se proclamou campión da Eurocopa de 1964.
Traxectoria[editar | editar a fonte]
Betis e Real Madrid[editar | editar a fonte]
Naceu en Arcos de Jalón, na provincia de Soria, trasladándose coa súa familia a Andalucía aos dous meses de idade. Tras xogar en varios equipos infantís, aos 16 anos ingresou no equipo xuvenil no Real Betis. Xogou unha tempada cedido no Utrera, e na tempada 1954/55 debutou co primeiro equipo na Segunda División. Titular indiscutible no club branco e verde durante as seguintes seis tempadas, logrou o ascenso á Primeira División na 1957/58. Debutou na máxima categoría nun partido ante o Granada, e completou o seu paso polo Betis con 190 partidos oficiais e 45 goles.[1]
En abril de 1960 foi traspasado ao Real Madrid por 6 millóns de pesetas.[2] Estreouse co equipo branco nas semifinais da Copa de Europa ante o FC Barcelona, e foi titular tamén na final de Hampden Park, onde o seu equipo se proclamou campión goleando ao Eintracht Frankfurt por 7-3. Ademais marcou catro goles na Copa do Xeneralísimo, alcanzando a final, onde o Real Madrid perdeu ante o Atlético de Madrid.
Na seguinte campaña conquistou a primeira edición da Copa Intercontinental, sendo titular nos dous partidos ante Peñarol. A continuación debutou co club branco na liga, marcando 17 goles que contribuíron a que o equipo de Miguel Muñoz lograse o título por diante do Atlético.[1]
Italia[editar | editar a fonte]
No verán de 1962, con 27 anos, trasladouse a Italia para fichar pola Juventus FC, converténdose no primeiro futbolista español na historia do club e no terceiro español na Serie A, despois de Luis Suárez e Santisteban.[3] Militou no club piemontés durante oito tempadas e vestiu o número 10 dende a marcha de Omar Sívori ao Napoli en 1965.[4] Disputou un total de 292 partidos oficiais durante a súa etapa en Turín, marcando 29 goles e gañando unha liga e unha Copa de Italia.[1][5][6]
En 1970 fichou pola Roma, onde sucedeu ao seu paisano Joaquín Peiró como capitán do equipo. Militou alí durante dous anos, disputando 57 partidos e marcando catro goles.[7][8]
Últimos anos[editar | editar a fonte]
Despois dunha década en Italia, regresou ao Betis para a campaña 1972–73. Xogou 17 partidos no equipo adestrado polo húngaro Ferenc Szusza, que acabou descendendo á Segunda División, momento no que Del Sol decidiu colgar as botas aos 38 anos de idade.
Selección española[editar | editar a fonte]
Foi 16 veces internacional coa selección española, coa que marcou tres goles.[5] Debutou o 15 de maio de 1960 no estadio Santiago Bernabéu, xogando a segunda metade nun amigable contra Inglaterra que rematou con vitoria por 3-0.[9]
Participou en dúas Copas do Mundo, en 1962 e 1966 (xogando catro partidos en total), e formou parte do equipo gañador da Eurocopa de 1964, aínda que non chegou a xogar ningún minuto na fase final.[1][5]
Trala retirada[editar | editar a fonte]
Despois da súa retirada dos terreos de xogo fíxose adestrador e traballou durante anos na canteira do Betis. Dirixiu tamén o filial, o Betis Deportivo, e en 1986 colleu as rendas do primeiro equipo na Primeira División, experiencia que repetiu no 2001.[1] Dirixiu un total de 77 partidos oficiais do primeiro equipo do Betis e pasou brevemente por outros conxuntos como o Jerez Industrial ou o Recreativo de Huelva.
Morreu o 20 de xuño de 2021 en Sevilla, aos 86 anos.[10]
Estilo de xogo[editar | editar a fonte]
Centrocampista completo, Del Sol foi considerado un dos mellores xogadores do mundo na súa posición durante a década de 1960. Fisicamente forte, dinámico, intelixente e tecnicamente hábil, era coñecido principalmente polo seu ritmo e a súa tenacidade e resistencia, e destacou tamén pola súa habilidade para perseguir aos rivais, romper os movementos dos contrarios e seguidamente comezar xogadas de ataque, grazas ao seu movemento e distribución do balón. Ademais das súas habilidades técnicas, tamén era coñecido polo seu forte carácter, liderado, temperamento e dedicación no campo.[1][5][7][8][11][12]
Pola súa habilidade para repartir balóns, o seu compañeiro Alfredo Di Stéfano púxolle o alcume de "carteiro".[1][5][7]
Palmarés[editar | editar a fonte]
- Betis
- Segunda División (1): 1957/58.
- Real Madrid
- Primeira División (2): 1960/61, 1961/62.
- Copa do Xeneralísimo (1): 1961/62.
- Copa de Europa (1): 1959/60.
- Copa Intercontinental (1): 1960.
- Juventus
- Serie A (1): 1966/67.
- Copa de Italia (1): 1964/65.
- Roma
- Copa Anglo-Italiana (1): 1972.
- Selección española
Notas[editar | editar a fonte]
- ↑ 1,0 1,1 1,2 1,3 1,4 1,5 1,6 "Del Sol". Real Madrid Club de Fútbol (en castelán). Consultado o 28 de abril de 2022.
- ↑ "Del Sol, un andaluz nacido en tierras sorianas, firma un contrato fabuloso con el Real Madrid". ABC (en castelán). 9 de abril de 1960. p. 74. Consultado o 28 de abril de 2022.
- ↑ Galasso, Vito (2019). La storia della grande Inter in 501 domande e risposte p. 157. ISBN 978-88-227-3910-0. (en italiano). Newton Compton Editori. p. 157. ISBN 978-88-227-3910-0. Consultado o 28 de abril de 2022.
- ↑ "Da Ferrari a Bernardeschi: la Juve e l'importanza della maglia numero 10" (en italiano). 24 de xullo de 2017. Consultado o 28 de abril de 2022.
- ↑ 5,0 5,1 5,2 5,3 5,4 Bedeschi, Stefano (6 de abril de 2017). "Gli eroi in bianconero: Luis DEL SOL" (en italiano). Consultado o 28 de abril de 2022.
- ↑ "Players and coaches who unite Juve and Madrid". UEFA (en inglés). 5 de maio de 2015. Consultado o 28 de abril de 2022.
- ↑ 7,0 7,1 7,2 "Eight Spanish stars who've played for Roma" (en inglés). 17 de febreiro de 2016. Consultado o 28 de abril de 2022.
- ↑ 8,0 8,1 "From Del Sol to Totti: The last 10 Roma captains" (en inglés). 6 de abril de 2016. Consultado o 28 de abril de 2022.
- ↑ "España, 3 - Inglaterra, 0". Mundo Deportivo (en castelán). 16 de maio de 1960. p. 3. Consultado o 28 de abril de 2022.
- ↑ "Muere Luis del Sol, leyenda del Betis". Marca (en castelán). 20 de xuño de 2021. Consultado o 28 de abril de 2022.
- ↑ Damascelli, Tony (4 de maio 2015). "Da Del Sol a Morata, un filo tra Juve e Real". Il Giornale (en italiano). Consultado o 28 de abril de 2022.
- ↑ "Del Sol allo Juventus Museum". Juventus F.C. (en italiano). Arquivado dende o orixinal o 15 de xuño de 2014. Consultado o 28 de abril de 2022.
- Nados na provincia de Soria
- Nados en 1935
- Finados en 2021
- Futbolistas de Castela e León
- Centrocampistas de fútbol
- Xogadores do Real Betis Balompié
- Xogadores do Real Madrid CF
- Xogadores do Juventus FC
- Xogadores do AS Roma
- Futbolistas gañadores da Liga de Campións da UEFA
- Futbolistas gañadores da Eurocopa
- Xogadores da selección de fútbol de España sub-21
- Xogadores da selección de fútbol de España
- Xogadores do Mundial de Fútbol de 1962
- Xogadores do Mundial de Fútbol de 1966
- Adestradores de fútbol de España
- Adestradores do Real Betis Balompié
- Adestradores do Recreativo de Huelva