Luis Estévez Romero

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirixido desde «Luis Estévez y Romero»)
Luis Estévez Romero
Nacemento1849
Lugar de nacementoMatanzas
Falecemento4 de febreiro de 1909
Lugar de falecementoParís
Causaferida por arma de fogo
Soterradonecrópole de Cristóbal Colón
NacionalidadeCuba
Alma máterUniversidade da Habana
Ocupaciónpolítico
CónxuxeMarta Abreu Arencibia
editar datos en Wikidata ]

Luis Gonzaga Irene Estévez y Romero, nado en Matanzas o 20 de outubro de 1849 e finado en París o 4 de febreiro de 1909, foi un político cubano. Desempeñou o cargo de primeiro vicepresidente de Cuba durante a primeira lexislatura de Tomás Estrada Palma (1902-1906). Foi esposo da filántropa cubana Marta Abreu Arencibia.[1]

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Foi fillo de José Torcuato Estévez e Luisa Romero, de orixe humilde. O seu pai faleceu cando Luis era apenas un adolescente.

En 1866 graduouse de Bacharel en Artes con notas sobresalientes. Seguidamente iniciou estudos de Medicina na Universidade da Habana. Porén, dous anos despois cambiou para a carreira de Dereito. En 1872 graduouse de Bacharel en Dereito, en 1873 obtivo a Licenciatura e en 1878 realizou o Doutoramento en Dereito Civil e Canónico.

En 1868 coñeceu á moza Marta Abreu, 4 anos maior que el. Inicialmente os pais de Marta resistíronse a aceptar a relación, pois Luis era pobre e máis novo ca ela. Con todo, casaron o 6 de maio de 1874. O ano seguinte tiveron o seu primeiro fillo, Pedro Nolasco Julio Zenón. Posteriormente tiveron unha nena, Cecilia, que faleceu aos poucos meses de nacer.[2]

Luis estabeleceuse en Santa Clara, a cidade natal da súa esposa. Na década de 1880 Marta comeza o labor filantrópico a prol da súa cidade e Luis apoiouna en todos os seus actos benéficos. O 15 de setembro de 1885 Luis foi nomeado «Fillo Adoptivo» de Santa Clara, e o 4 de abril de 1894 unha das súas rúas foi rebautizada co seu nome.[2]

O 24 de febreiro de 1895 estalou a Guerra Necesaria (1895-1898) a terceira guerra pola independencia de Cuba. O matrimonio, co seu fillo Pedro, exiliouse en París. Os tres defendían o independentismo e colaboraron con diñeiro e outros recursos desde o exilio. Concluída a guerra, a familia retornou a Cuba en xaneiro de 1899, tras unha breve estadía nos EUA.[2] O 9 de outubro dese ano Luis Estévez foi elixido presidente do Partido Nacional Cubano. En novembro de 1901 o partido nomeou a Tomás Estrada Palma como candidato presidencial. O Maior xeneral Máximo Gómez propuxo a Luís para a vicepresidencia.

Luís exerceu a vicepresidencia de Cuba durante a primeira lexislatura de Estrada Palma (1902-1906).[2] Con todo, ante as intencións reeleccionistas de Estrada Palma, gran parte dos políticos opúxose, entre eles, Luis Estévez. De feito, renunciou ao seu cargo de vicepresidente o 31 de marzo de 1905. En xuño dese ano exiliouse en París coa súa familia.

O 2 de xaneiro de 1909 faleceu Marta Abreu Arencibia na capital francesa. Foi enterrada de maneira provisional na tumba do seu cuñado Joseph Grancher no cemiterio de Montmartre.[2] O 4 de febreiro Luis Estévez, desesperado pola morte da súa esposa, suicidouse cunha arma de fogo. Os restos de ambos foron repatriados a Cuba o 20 de febreiro de 1920 a bordo do vapor Flandres, e sepultos na Necrópole de Cristóbal Colón da Habana.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Rey, Lourdes (8 de setembro de 2020). "Mi Teatro lleva el nombre de la Patrona de Cuba". Trabajadores - Órgano de la Central de Trabajadores de Cuba (en castelán). Consultado o 20 de novembro de 2011. 
  2. 2,0 2,1 2,2 2,3 2,4 Fernández Ramírez, Narciso Amador (13 de febreiro de 2017). "Marta Abreu y Luis Estévez, un Amor Inolvidable". Cubahora. Primera revista digital de Cuba (en castelán) (La Habana). Consultado o 22 de novembro de 2022.