Saltar ao contido

Luigi Giorgi (1848-1912)

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Para outras persoas chamadas igual, véxase a páxina de homónimos Luigi Giorgi
Non confundir con Luigi Giorgi (1880-1954), gravador xefe da Ceca de Tianjin, na China.
Modelo:BiografíaLuigi Giorgi
Nome orixinalRaffaele Evaristo Luigi Giorgi
Biografía
Nacemento1848
Lucca, Toscana
Italia Italia
Morte24 de agosto de 1912
Roma
Italia Italia
EducaciónAcademia de Belas Artes de Lucca.
Q89547790Moedas de Vítor Manuel III.
Actividade
OcupaciónDeseñador e gravador de Medallas e moedas.


Luigi Giorgi, nado en Lucca, Toscana, en 1848 e finado en Roma o 24 de agosto de 1912,[1] foi un ourive, escultor, medallista e deseñador e gravador de moeda italiano, que ocupou o posto de gravador xefe da Casa da Moeda de Roma.

Traxectoria

[editar | editar a fonte]

Primeiros anos e formación

[editar | editar a fonte]

Raffaele Evaristo Luigi Giorgi, nado en Lucca en 1848, era fillo de Paolo Giorgi, un ourive cicelador que se viu obrigado a emigrar ao Brasil, de onde nunca regresou, polo que quedou ao coidado unicamente da súa nai.[2]

A súa primeira infancia estivo marcada por tres sucesos desgraciados: sendo aínda un bebé, a varíola que padeceu deixoulle unha deficiencia visual; pouco despois, un incidente cunha carruaxe fixo que perdese o seu ollo esquerdo; e finalmente, ficou orfo de nai cando el tiña só sete anos, como resultado da epidemia de cólera do inverno de 1855-1856, polo que, xunto cos seus tres irmáns, acabou ingresando na Pía Casa de Beneficencia de Lucca.[2][3][4]

Nese período asistiu a unha escola mutua en Lucca, onde aprendeu o oficio de paraugueiro e amosou aptitudes para o debuxo. Aos 17 anos abandonou a institución benéfica para vivir co seu irmán maior. Comezou entón a acudir á Academia de Belas Artes de Lucca, ao tempo que traballaba como aprendiz nun obradoiro de ourivaría.[2][3][4]

En 1866 intentou alistarse como voluntario partidario de Garibaldi, aínda que non puido conseguilo por mor das súas limitacións visuais, e sendo aínda menor de idade, casou con Cesira Fannucchi.[2]

Madureza artística

[editar | editar a fonte]
Medalla do Centenario da Universidade de Boloña (1888).

Giorgi deixou o obradoiro onde traballaba como aprendiz e estableceu un propio, onde produciu obxectos de ourivaría e gravado como xoias, custodias e matrices para selos, así como as súas primeiras medallas.[2]

Condecoración da Campaña de Libia (1913).

A sona que foi collendo como artista levouno a trasladarse a Florencia, a onde foi chamado en 1882 para participar nas honras a Giuseppe Garibaldi co gallo do seu pasamento. Nesta cidade instalou un novo estudio, perfeccionou a súa técnica de gravado e especializouse na arte da medalla, na que acadou un gran recoñecemento,[2] sobre todo como retratista.[4] A esta época corresponden medallas tan sobranceiras como a da visita de Vitoria de Inglaterra a Florencia, a do Centenario da Universidade de Boloña, a da morte de Humberto I, a conmemorativa da fin das obras de Santa Maria del Fiore e outras dedicadas a personaxes históricos como Amerigo Vespucci, Dante Alighieri ou Giuseppe Verdi, así como condecoracións.[5][6] A gran produción de Giorgi entre a fin do século XIX e o principio do XX converteuno nun dos gravadores máis recoñecidos de todo o Reino de Italia.[2]

Nos seus traballos, Luigi Giorgi inscribiu, a modo de marca de gravador, diversas iniciais; as utilizadas adoito foron as seguintes: LGI, LGIORGI e L. GIORGI.[2]

Gravador xefe da Real Casa da Moeda

[editar | editar a fonte]

En 1906 participou no concurso para ocupar o posto de gravador xefe da Real Casa da Moeda de Roma, do que resultou gañador, polo que sucedeu no posto a Filippo Speranza (1839-1903).[5] Do mesmo xeito, o ano seguinte, ao se inaugurar a Escola de Arte da Medalla na casa da moeda, foi elixido como un dos seus profesores e exerceu tamén como o primeiro director da institución.[2]

Na Real Casa da Moeda ocupouse do deseño e o gravado de toda a serie monetaria italiana emitida a nome de Vítor Manuel III a partir de 1908, incluídas as moedas da Somalia italiana, desde 1909.[2][3][4][7]

Raffaele Evaristo Luigi Giorgi finou en Roma dun ataque ao corazón o 24 de agosto de 1912, aos 64 anos.[2]

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]