Ludvig Harboe

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Ludvig Harboe

Ludvig Harboe (16 de agosto de 1709 - 15 de xuño de 1783), foi un eclesiástico e historiador dinamarqués.

Biografía[editar | editar a fonte]

Cando fixo 18 anos anos, seus pais enviárono a estudar a un instituto de Hamburgo, posteriormente estudou nas universidades de Rostock, Wittenberg e Jena. En 1732 volveu a Dinamarca para completar os seus estudos de teoloxía en Broager e en 1735 estableceuse en Copenhaguen.

En 1738 escribiu conxuntamente con Jacob Langebek a Dänische Bibliotek oder Sammlung von alten und neuen gelehrten Sachen aus Dännemark. En 1738 foi nomeado capelán alemán da Igrexa Garnisons de Copenhaguen. Entre 1741 e 1745 foi visitador en Islandia da Generalkirkeinspektionskollegietpå coa misión de coñecer de primeira man as posibilidades de introducir alí a confirmación e o catecismo de Erik Pontoppidan, de carácter pietista.

Bispo[editar | editar a fonte]

En 1743, mentres aínda estaba en Islandia, recibiu o nomeamento como bispo de Trondheim, aínda que non se estableceu na diocese ata 1746. Nos dous anos que durou a súa pastoral procurou reformar a diocese nun senso pietista pero atopou a oposición de boa parte da poboación e o clero. En 1748 volveu a Dinamarca, casou con Frederikke Louise Hersleb, filla do bispo de Selandia Peder Hersleb do que Harboe era axudante e en 1757, á súa morte, converteuse no novo bispo.

En 1777 Harboe e Ove Høegh-Guldberg recibiron o encargo de redactar un novo libro de salmos, aprobado en 1778 que é único porque máis dunha terceira parte débese a unha muller, Birgitte Cathrine Boye.