Saltar ao contido

Lucio Serxio Catilina

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Modelo:BiografíaLucio Serxio Catilina

Editar o valor en Wikidata
Nome orixinal(la) L.Sergius L.f. Catilina Editar o valor en Wikidata
Biografía
Nacemento108 a. C. Editar o valor en Wikidata
Roma Antiga Editar o valor en Wikidata
Morte62 a. C. Editar o valor en Wikidata (45/46 anos)
Pistoia (Roma Antiga) Editar o valor en Wikidata
Causa da mortemorto en combate Editar o valor en Wikidata
Senador romano
valor descoñecido – 62 a. C.
Pretor
68 a. C. – 68 a. C.
Propretor África Proconsular
67 a. C. – 66 a. C. Editar o valor en Wikidata
Actividade
Ocupaciónpolítico da Roma antiga Editar o valor en Wikidata
Período de tempoRepública Romana Tardía Editar o valor en Wikidata
Familia
CónxuxeGratidia
Aurelia Orestilla Editar o valor en Wikidata
NaiBelliena Editar o valor en Wikidata
IrmánsSergia Editar o valor en Wikidata

Descrito pola fontePaulys Realenzyklopädie der klassischen Altertumswissenschaft
Obálky knih,
The Nuttall Encyclopædia >>>:Catiline, Lucius Sergius Catilina Editar o valor en Wikidata
BNE: XX883924

Lucio Serxio Catilina (en latín Lucius Sergius Catilina), nado no ano 108 a. C. e finado no ano 62 a. C., máis coñecido como Catilina, foi un destacado político romano da era tardorrepublicana, pertencente á facción dos populares. Catilina pasou á historia por ser o protagonista da chamada conxuración de Catilina, unha conspiración que, segundo as acusacións formuladas por Marco Tulio Cicerón, consistiría en destruír a república romana. Tal acusación, nos termos que foi planteada, é segundo diversos autores esaxerada e baleira de significado.[1]

Catilina é unha das figuras máis enigmáticas da historia de Roma, envilecida e desdebuxada polos cronistas e historiadores clásicos. As dúas fontes principais de información sobre Catilina son precisamente as máis hostís ao personaxe. Marco Tulio Cicerón, o seu maior inimigo político, non aforrou ningunha denuncia contra el, especialmente nos seus discursos chamados Catilinarias, mentres Caio Salustio Crispo atribuíulle algúns dos máis viles crimes na súa monografía moralista Bellum Catilinae. Aínda así, moitas das peores acusacións contra el, como a de que facía sacrificios humanos, eran con moita probabilidade meras invencións. A pesar diso, a «Conxuración de Catilina» segue sendo un dos máis famosos e turbulentos feitos das últimas décadas da república romana.

Contorno familiar

[editar | editar a fonte]

Catilina naceu no ano 108 a. C. (ou posiblemente pouco antes), último representante da gens Sergia, familia da máis nobre orixe patricia, aínda que de pouca fortuna social e económica. A pesar da herdanza consular da súa familia, o último Serxio que chegou a cónsul foi Cneo Serxio Fidenas, no 380 a. C.

De seu pai non sabemos moito, aínda que, a xulgar pola expresión de Cicerón (in patris egestate), debeu de ter escasos medios económicos e permanecer apartado da política. Seu bisavó, Marco Serxio Silo, pola contra, distinguiuse por participar en case todas as batallas da segunda guerra púnica.

Catilina trataría de restaurar a herdanza política da súa familia, como tamén da súa antiga situación económica.

Carreira militar

[editar | editar a fonte]
Cicerón pronuncia o seu discurso contra Catilina, de Cesare Maccari.

Comandante capaz, Catilina tivo unha meritoria carreira militar. Comezou desempeñando o cargo de tribuno ou prefecto das tropas auxiliares durante a Guerra Social xunto a Pompeio e Quinto Tulio Cicerón, ás ordes do cónsul Cneo Pompeio Estrabón no 89 a. C.

Tamén apoiou a Lucio Cornelio Sila na guerra civil entre os anos 84 e 81 a. C. Durante o goberno de Cinna, Catilina non desempeñou un papel fundamental, aínda que ficou nunha segura situación política. Cando Sila retornou a Italia, Catilina abrazou a súa causa, servindo no seu exército co cargo de cuestor; de igual modo, foi un destacado membro da oligarquía durante a ditadura silana, beneficiándose das proscricións. Plutarco atribúelle o asasinato de varios nobres, así como a morte do seu propio irmán e a do seu cuñado, o cabaleiro Quinto Cecilio. Outra acción que se lle atribúe igualmente foi a morte de Marco Mario Gratidiano, sobriño de Caio Mario, cuxa cabeza pasearía polas rúas de Roma e levada a un agradecido Sila.

A principios da década do 70 a. C. serviu no estranxeiro, posiblemente con Publio Servilio Vatia, en Cilicia. No ano 73 a. C. foi levado a xuízo por adulterio coa virxe vestal Fabia, aínda que Quinto Lutacio Catulo, principal líder dos optimates, testificou no seu favor e Catilina foi exculpado.

No 68 a. C. foi pretor, obtendo o goberno da provincia de África como propretor durante os dous anos seguintes. Unha vez de volta, no 66 a. C., presentouse como candidato para as eleccións consulares, último chanzo do cursus honorum. Non obstante, o cónsul Lucio Volcacio Tulo impediulle ser candidato por motivos de forma. Pouco máis tarde chegou unha delegación da provincia de África que denunciou a Catilina no senado por abuso de poder cando exerceu o seu cargo de gobernador. Catilina foi levado de novo a xuízo no 65 a. C., momento no que recibiu o apoio de moitos dos homes máis distinguidos de Roma, incluíndo moitos dos consulares. Incluso un dos cónsules daquel ano, Lucio Manlio Torcuato, amosou o seu apoio a Catilina. Cicerón considerou tamén exercer a defensa de Catilina ante o tribunal. De novo, Catilina sería exculpado, mais a súa absolución non sería suficiente para que os electores borraran del toda sospeita dos seus supostos crimes.

A primeira conxuración de Catilina

[editar | editar a fonte]

Con toda probabilidade, Catilina non estivo involucrado na que se daría en chamar Primeira Conxuración de Catilina, aínda que moitas fontes históricas implícano na mesma. Ademais, non parece suceder só nunha fonte, senón que esta implicación preséntase en todas as fontes, aínda que a pesar de todo, estímase que non é senón a reprodución dunha serie de ruxe-ruxes. Moita desta información pertence aos discursos de Cicerón In Toga Candida, discursos que efectuou durante a súa campaña electoral do 64 a. C.

A oligarquía decidiu retirar o seu apoio a Catilina para ulteriores candidaturas, véndose así obrigado a pasar á oposición, sendo protexido por Craso. Os candidatos a cónsules Publio Antonio Paeto e Publio Cornelio Sila (sobriño do ditador) tiveron que renunciar ao consulado acusados de suborno masivo. Deste xeito, os outros dous principais candidatos, Lucio Manlio Torcuato e Lucio Aurelio Cota serían os cónsules do ano 65 a. C. Supostamente Catilina, ofendido por non permitírselle o acceso ao consulado, conspirou con Cneo Calpurnio Pisón e os anteriores candidatos a cónsules para organizar a matanza de moitos dos senadores e dos novos cónsules o mesmo día que estes tomaban posesión dos seus cargos. Logo, eles mesmos erixiríanse como cónsules e Pisón sería enviado a Hispania para organizar as súas provincias.

Non está claro quen participou nesta conxuración, que fracasou (como un segundo intento un mes máis tarde). Catilina actuou, segundo todos os indicios, como axente de Craso a fin de que este, de ter triunfado o complot, fose nomeado ditador, con Xulio César como lugartenente.

Máis tarde, no 62 a. C., Marco Tulio Cicerón defendería a Sila ante o tribunal tras ser acusado de pertencer á recente conspiración. Finalmente, Sila foi exculpado e Cicerón recibiu un importante crédito, que investiu nunha nova vivenda.

Anos de transición

[editar | editar a fonte]

Durante o ano 64 a. C., Catilina foi aceptado de forma oficial como candidato ás eleccións consulares do ano 63 a. C. Presentouse xunto a Caio Antonio Hibrida, do que se sospeitaba que fora un dos conspiradores. A pesar diso, Catilina foi derrotado por Marco Tulio Cicerón e Caio Antonio Hibrida nas eleccións, principalmente porque a aristocracia romana temía a Catilina e aos seus plans económicos. Catilina promovía as reivindicacións da plebe xunto á súa política económica das tabulae novae, a cancelación completa das débedas.

Ese mesmo ano, Catilina fora levado de novo a xuízo, aínda que nesta ocasión, polo seu papel na represión de Sila. A instancias do cuestor Marco Porcio Catón, todos os homes que se aproveitaran da represión foron levados a xuízo. Catilina foi acusado de asasinar a Marco Mario Gratidiano, e por pasear a cabeza deste polas rúas de Roma. Outros acusábano de ter asasinado a moitos outros homes notables da cidade. A máis indignante das acusacións aseguraba que asasinara ao seu propio cuñado, e ter pedido a súa proscrición posteriormente a Sila para facer da súa morte un acto lexítimo. A pesar de todo isto, Catilina foi de novo exculpado, aínda que algúns conxecturan que esta exculpación debeuse á influencia de César, quen presidía o tribunal.

Catilina elixiu de novo optar polo consulado. Nas eleccións do ano 62 a. C., Catilina foi derrotado novamente, esta vez por Décimo Xunio Silano e Lucio Licinio Murena, o que quebrou definitivamente as súas ambicións políticas. A única posibilidade de obter o consulado era xa a través de medios ilexítimos: a conspiración ou a revolución.

A segunda conxuración de Catilina

[editar | editar a fonte]

Privado dos seus apoios políticos, Catilina derivou cara ao populismo máis exacerbado, e comezou a recrutar un nutrido grupo de homes das clases senatoriais e ecuestres, descontentos tanto coa política do Senado e de Pompeio como coa situación económica existente no momento. Publio Cornelio Léntulo Sura, o conspirador máis influente tras Catilina, obtivera o rango de cónsul no ano 71 a. C., pero foi expulsado do senado polos censores durante as purgas políticas do ano seguinte. Autronio tamén foi cómplice da conspiración, tras ter sido expulsado do goberno romano.

Promovendo a súa política de condonación de débedas, Catilina reuniu a moitos pobres baixo a súa bandeira, xunto con moitos dos veteranos de Sila. Enviou a Caio Manlio, un centurión do antigo exército de Sila, para liderar a conspiración en Etruria, onde este conseguiu reunir un exército. Enviou tamén a outros homes a tomar posicións importantes por toda a Península Itálica, e iniciou unha pequena revolta de escravos en Capua. Mentres o malestar da poboación se deixaba sentir polos campos romanos, Catilina fixo os preparativos finais para a conxura en Roma. A acción debía de iniciarse simultaneamente en varios puntos de Italia, especialmente en Etruria, onde, como puxo ao descuberto a rebelión de Lépido, existía un particular descontento entre a poboación e os veteranos. Os seus plans incluían os incendios e a matanza de senadores, tras os cales uniríase ao exército reunido por Manlio. A revolución -sempre segundo os plans iniciais- alcanzaría finalmente a cidade de Roma, onde a promesa dun programa social sostería a Catilina como ditador ou como cónsul. Para levar estes plans a cabo, Caio Vornelio e Lucio Vargunteio deberían asasinar a Cicerón no amencer do 7 de novembro do 63 a. C.

Aínda que os políticos populares como Craso e César estiveron ao corrente da conxuración, parece o máis probable que permaneceron afastados dela, por considerar os plans demasiados radicais ou difíciles de levar a cabo. Cicerón tivo, non obstante, coñecemento do que se tramaba cando Quinto Curio, un dos senadores, o alertou do perigo a través do seu amante Fulvia, o que o converteu nun dos seus informadores. Desta forma, Cicerón puido escapar dunha morte segura.

Pouco despois, Cicerón denunciaría a Catilina ante o senado no primeiro dos discursos das Catilinarias. Dese momento é unha das súas máis famosas frases: «Quousque tandem, Catilina, abutere patientia nostra?» (Até cando abusarás da nosa paciencia, Catilina?). Dise que Catilina reaccionou de forma violenta asegurando que, se el se queimaba, o faría no medio da destrución xeral. Inmediatamente despois disto, saíu en dirección á súa casa, mentres o Senado autorizaba a Cicerón facer uso do senatus consultum ultimum. Era o 22 de outubro do 63 a. C. Aquela noite, Catilina fuxiu de Roma baixo o pretexto de que se dirixía a un exilio voluntario en Masilia, mais dirixiuse cara ao campamento de Manlio en Etruria.

Mentres Catilina preparaba o seu exército, os conspiradores continuaban cos seus plans. Xustamente por entón encontrábanse en Roma dous embaixadores pertencentes á tribo gala dos alóbroges. Así que a Léntulo ocorréuselle intentar atraelos á súa causa. A idea era que, ao estalar a revolución, cruzasen os Alpes coa súa cabalería e se uniran aos sublevados. Para conquistar o seu favor, Léntulo valeuse dos servizos de Publio Umbreno, personaxe coñecido dos galos por ter feito asiduamente negocios nas súas terras, e de Publio Gabinio Capito, un líder conspirador de clase ecuestre. Umbreno, expúxolle aos embaixadores dos alóbroges toda a conxura, incluíndo nomes, datas, plans e lugares. A fin de convencelos narroulles a consabida historia, segundo a cal, os augurios indicaban que Publio Cornelio Léntulo Sura, ía ser o terceiro Cornelio que gobernase Roma. Desta maneira a conxura foi revelada.

A delegación tomou rapidamente vantaxe desta oportunidade, e informou a Cicerón, quen instruíu aos delegados para obter un proveito tanxible da conspiración. Cinco dos líderes conspiradores escribiron cartas aos alobroges para que os delegados mostraran ao seu pobo que existía unha esperanza nesta conspiración, pero estas cartas foron interceptadas no seu camiño cara á Galia na ponte Milvio. Entón Cicerón leu estas cartas incriminatorias no Senado. A sesión senatorial do 5 de decembro foi decisiva: nela Catón solicitou a pena de morte para os conxurados, que Cicerón aplicaría inmediatamente pese á brillante defensa realizada por Xulio César. Os cinco conspiradores foron executados sen xuízo na prisión do Tuliano. Desta forma púxoselle fin á conxura en Roma.

Tras ter sido informado da nova sobre o desastre en Roma, Catilina (declarado hostis desde o 15 de novembro) e o seu pouco equipado exército iniciaron a marcha cara á Galia, para logo volver para Roma en multitude de ocasións, nun van intento de evitar o combate. Inevitablemente, Catilina viuse forzado a loitar, polo que escolleu enfrontarse ao exército de Antonio preto de Pistoria (a actual Pistoia), coa esperanza de que Antonio perdera a batalla e desanimara ao resto dos exércitos. O mesmo Catilina loitou con bravura na batalla, e unha vez constatado que non existía esperanza de vitoria, lanzouse contra o groso do inimigo. No reconto dos cadáveres, todos os soldados de Catilina atopáronse con feridas frontais, e o cadáver do mesmo Catilina encontrouse adiantado respectos das súas propias liñas. Cortóuselle a cabeza e esta foi levada a Roma, como proba pública de que o conspirador estaba morto.

Descricións sobre Catilina

[editar | editar a fonte]

Segundo o totalmente parcial e tendencioso Salustio:

Lucio Catilina (...) foi de gran fortaleza de alma e corpo, pero de carácter malo e depravado. A este, desde a adolescencia, resultáronlle gratas as guerras civís, as matanzas, as rapinas, as discordias cidadáns, e nelas tivo ocupada a súa xuventude. O seu corpo era capaz de soportar as privacións, o frío, o insomnio máis alá do crible para calquera. O seu espírito era temerario, pérfido, veleidoso, simulador e disimulador do que lle apetecía, ávido do alleo, mal gastador do propio, fogoso nas paixóns; moita a súa elocuencia, o seu saber minguado. O seu espírito insaciable sempre desexaba cousas desmedidas, incribles, fóra do seu alcance. A este home, despois da ditadura de Sila asaltárao un desexo irreprimible de facerse dono do Estado e non tiña escrúpulos sobre os medios cos que o conseguiría con tal de procurarse o poder. O seu ánimo feroz axitábase máis e máis cada día pola diminución da súa facenda e pola conciencia dos seus crimes, incrementadas unha e outra con aquelas artes que antes sinalei. Incitábanlle ademais os costumes corrompidos da cidade botados a perder por dous males pésimos e opostos entre si: a libertinaxe e a avaricia. Posto que a circunstancia trouxo a colación os costumes da cidade, o asunto mesmo parece aconsellarnos volver atrás e explicar brevemente as institucións dos antepasados en paz e en guerra, como gobernaron a República e o grande que a deixaron para que pouco a pouco se transformase da máis fermosa e excelente na peor e máis infame.
A Conxuración de Catilina, V
...o seu espírito impuro, hostil aos deuses e aos homes, non podía tranquilizarse nin na vela nin no repouso, até tal punto o remordemento corroía a súa alma sobresaltada. Así pois, a súa cor era pálida, a súa mirada repulsiva, o seu andar unhas veces rápido e outras parsimonioso; no seu aspecto e no seu rostro evidenciábase inequivocamente a loucura.
A Conxuración de Catilina, X
  1. diversos autores plantearon obxeccións á existencia real da conspiración, entre eles "El asesinato de Julio César: Una historia del pueblo de antigua Roma", 2005, ISBN 84-95786-72-9, que recolle opinións de Arthur D. Kahn "The education of Julius Caesar" e K. H. Walters "Cicero, Sallust and Catiline")

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]
  • webhistoria.com - "A insurrección do proletariado rural", unha breve historia do transfondo social da revolta de Catilina (en castelán).