Saltar ao contido

Lucio Licinio Lúculo

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Modelo:BiografíaLucio Licinio Lúculo

Editar o valor en Wikidata
Nome orixinal(la) Lucius Licinius Lucullus Editar o valor en Wikidata
Biografía
Nacementoc. 117 a. C. Editar o valor en Wikidata
Roma Antiga Editar o valor en Wikidata
Mortec. 57 a. C. Editar o valor en Wikidata (59/60 anos)
valor descoñecido Editar o valor en Wikidata
Senador romano
valor descoñecido – valor descoñecido
Edil (pt) Traducir
79 a. C. – 79 a. C.
Pretor
77 a. C. – 77 a. C.
Cónsul romano
74 a. C. – 74 a. C.
Xunto con: Marco Aurélio Cota (pt) Traducir
Cuestor
Editar o valor en Wikidata
Datos persoais
ResidenciaRoma Editar o valor en Wikidata
RelixiónRelixión na Roma antiga Editar o valor en Wikidata
Actividade
Ocupaciónpolítico da Roma antiga, militar da Roma antiga Editar o valor en Wikidata
Período de tempoRepública Romana Tardía Editar o valor en Wikidata
Partido políticooptimates Editar o valor en Wikidata
ProfesoresAntíoco de Ascalón Editar o valor en Wikidata
Familia
FamiliaLicinii Luculli (en) Traducir Editar o valor en Wikidata
CónxuxeClodia
Servilia Minor Editar o valor en Wikidata
Fillosvalor descoñecido
Licinia
 () Clodia
Marcus Licinius Lucullus
 () Servilia Minor Editar o valor en Wikidata
PaisLucius Licinius Lucullus Editar o valor en Wikidata  e Cecília Metela Calva Editar o valor en Wikidata
IrmánsMarcus Terentius Varro Lucullus Editar o valor en Wikidata
ParentesFaustus Cornelius Sulla, ward
Fausta Cornelia, ward
Cornelia Postuma, ward Editar o valor en Wikidata
Cronoloxía
63 a. C.Triumph of Lucius Licinius Lucullus (en) Traducir Editar o valor en Wikidata

Descrito pola fonteEnciclopedia soviética armenia
Vidas paralelas
Enciclopedia militar Sytin Editar o valor en Wikidata
BNE: XX1008451

Lucio Licinio Lúculo (en latín, Lucius Licinius Lucullus);[1] nado polo 118 a. C. e finado polo 56 a. C., foi un destacado político e militar romano do século I a. C. Combateu ás ordes de Sila na Guerra Social e a Primeira Guerra Mitridática, e apoiouno na Primeira Guerra Civil.

Foi cónsul no ano 74 a. C. e venceu a Mitrídates VI do Ponto na Terceira Guerra Mitridática, en Asia Menor, na que conquistou os reinos orientais. A súa destreza no mando destacou nesa campaña durante o asedio de Cícico no 73-72 a. C. e na batalla de Tigranocerta no 69 a. C. e o seu estilo de mando recibiu unha grande atención polos expertos militares da antigüidade que estudaron profusamente as súas campañas[2] e, na correspondencia capturada a Mitrídates VI Eupátor, Lúculo é cualificado como o xeneral máis destacado dende Alexandre Magno.[3]

Traxectoria

[editar | editar a fonte]

Ascendencia e primeiros anos

[editar | editar a fonte]

Lúculo foi un membro da destacada gens Licinia e da familia, ou estirpe, dos Luculli, que puido ser descendente da antiga nobreza de Tusculum. Era neto doutro Lucio Licinio Lúculo, quen fora cónsul no 151 a. C. e gobernador da Hispania Citerior; e fillo de Lucio Licinio Lúculo, pretor no 104 a. C., e que participara, aínda que sen moito éxito, na Segunda Guerra Servil na que foi acusado de malversación mentres ostentaba o mando na campaña siciliana e, posteriormente, no 102 a. C. condenado ao exilio.

A familia de súa nai, Cecilia Metela Calva, pertencía a unha das familias máis relevantes da nobilitas plebea que estaba no cume do seu poder e influencia a finais co século II a. C., cando naceu Lúculo. Cecilia, era a filla máis nova de Lucio Cecilio Metelo Calvo (cónsul no 142 a. C. e censor entre o 115–114 a. C.), e medio irmá de dous dos membros máis importantes dos Optimates da súa época, Quinto Cecilio Metelo Numídico (cónsul no 109 a. C. e censor 102 a. C.). e Lucio Cecilio Metelo Dalmático (cónsul no 119 a. C. e Pontifex Maximus), que foi o pai da terceira esposa de Sila, Cecilia Metela. Daquela, Lúculo, por tanto, foi curmán de Quinto Cecilio Metelo, tamén alcumado «Pío» ou «Piadoso», e politicamente, de Lucio Cornelio Sila.[4]

Non se dispón de ningunha constancia acerca da súa data de nacemento, pero segundo Plutarco, era maior que Cneo Pompeio[5], o que sitúa o seu nacemento antes de 106 a. C. Estímase que naceu arredor do ano 118 a. C. polo feito de que o seu irmán máis novo, Marco Terencio Varrón Lúculo foi edil plebeo no 80 a. C., para o que se requiría unha idade de trinta e seis anos, e posto que ambos eran irmáns non se podían levar moito tempo, tal como o demostra o feito de que as súas carreiras políticas fosen case simultáneas.[6]

A comezos da década de 90 a. C. acusou xunto ao seu irmán ao fiscal Caio Servilio Vatia de cometer roubos. Este era quen, anos atrás, desterrara ao seu pai a Lucania. No xuízo, con todo, desatáronse actos de violencia, nos que houbo moitas mortes e Servilio terminou fuxindo da cidade. A pesar diso, a xente considerou un acto heroico que os dous mozos irmáns perseguisen ao malfeitor, gañando ambos unha gran popularidade.[4][7]

Ás ordes de Sila

[editar | editar a fonte]

Conflitos en Italia

[editar | editar a fonte]

O seu primeiro servizo militar coñecido foi como tribuno militar que serviu no exército de Sila en Campania durante o Bellum Italicum, a Guerra Social (91 a. C.87 a. C.), na que os aliados itálicos, tras tentar sen éxito conseguir a cidadanía romana, rebeláronse contra Roma; segundo afirman as fontes antigas, Lúculo, distinguiuse pola súa ousadía e intelixencia[8] e, mesmo, chegou a escribir unha historia da guerra en grego. De tódolos xeitos, é probable que este non fose o seu bautismo de sangue, posto que para ocupar o cargo requiríase participar en cinco campañas, pero é a primeira acción militar súa da que hai constancia.[9] Para esa época, moitos dos deberes que tempo atrás eran propios dos tribunos militares, como a comandancia dunha lexión, pasaran a mans dos legatus e xeralmente os que ocupaban o posto non terminaban destacándose nin aumentando a súa fama militar. Lúculo, no entanto, probaría ser unha das excepcións á regra.[10] Sábese que Lúculo ocupou o posto no 89 a. C.; non obstante, posto que podía servir como tribuno militar durante máis dun ano, cabe a posibilidade de que o ocupase tamén no 90 a. C. Primeiro combateu ás ordes do cónsul Lucio Porcio Catón, e cando este morreu en combate, pasou a servir baixo as ordes de Lucio Cornelio Sila, quen estaba a adquirir unha brillante reputación polas súas campañas.[11]

Lúculo foi elixido cuestor no inverno do 89-88 a. C. durante as mesmas eleccións nas que Sila foi elixido cónsul con Quinto Pompeio Rufo, como collega e cuxo fillo estaba casado coa filla máis vella de Sila, Cornelia. Lúculo era, probablemente, o cuestor mencionado como o único oficial do exército de Sila que podía soportar acompañar ao cónsul cando marchou sobre Roma. No outono do mesmo ano, Sila enviou a Lúculo a Grecia para avaliar a situación mentres el mesmo supervisaba o embarque do seu exército. Lúculo chegou a Grecia e tomou o relevo de Quinto Brucio Sura, quen fora capaz de deter a invasión mitridática no norte de Grecia.[12][13][14]

Cando Sila chegou co exército principal, Lúculo volveu servir como cuestor; acuñou diñeiro que se utilizou durante a guerra contra Mitrídates no sur de Grecia (87-86 a.C.). O diñeiro que Lúculo acuñaba, segundo o costume romano, levaba o seu nome: o chamado Lucullea.[15][16]

Comandante da frota contra Mitrídates

[editar | editar a fonte]

Durante a Primeira Guerra Mitridática, como procuestor, no inverno de 87 a 86 a. C., Sila encargoulle organizar unha frota a partir dun escuadrón de 6 naves, con obxecto de contrarrestar o dominio marítimo da armada do Ponto. Lúculo visitou varias illas e cidades do Mediterráneo oriental, aliadas dos romanos, e conseguiu reunir unha frota considerable que dirixiu con mestría. Auxiliou a Sila no asedio de Atenas, conseguindo expulsar as forzas do rei do Ponto das illas de Quíos e de Colofón (86 a 85 a. C), e no verán de 85 a.C. rexeitou axudar ao caudillo popular Caio Flavio Fimbria, que atrapara a Mitrídates en Mitilene, o que permitiu escapar ao rei do Ponto. Pouco despois derrotou á frota póntica dirixida por Neoptólemo na Batalla de Tenedos (86 a. C.), o cal permitiu que Sila cruzase a Asia Menor.[17]

Procuestor de Murena

[editar | editar a fonte]

Tras a firma da paz con Mitrídates, entre os anos 85 e 80 a. C. Lúculo permaneceu en Asia, sempre como procuestor, recadando diñeiro para financiar a guerra de Sila contra os populares, tarefa que realizou con éxito e sen extorsións onerosas, demostrando grandes dotes como administrador. Ao mesmo tempo, reprimiu con prontitude e vigor a revolta de Mitilene.[18]

Ascenso político

[editar | editar a fonte]

A finais de 80 a. C. partiu para Roma, sendo nomeado edil en 79 a. C., xunto co seu irmán Marco Terencio Varrón Lúculo. Segundo Plutarco, negouse a desempeñar tal maxistratura por afecto cara ao seu irmán, esperando ata que tivese a idade necesaria para poder facelo xuntos. Ambos financiaron uns xogos esplendorosos, notables por introducir por primeira vez o combate de elefantes contra touros.[19]

O moribundo Sila dispensoulle o máximo afecto, dedicándolle as súas Memorias e encargándolle a revisión e o comentario das mesmas, así como a titoría do seu propio fillo, Fausto Cornelio Sila, excluíndo a Pompeio, feito que segundo Plutarco fraguou a inimizade entrambos.[20] Unha lei especial de Sila permitiulle ser Pretor xusto tras a edilidade, no 78 a. C., e propretor do 77 ao 76 a. C. en África, onde novamente deu proba dos seus dotes como administrador. Foi finalmente elixido cónsul en 74 a. C. xunto con Marco Aurelio Cota, opóndose aos intentos do tribuno da plebe Lucio Quinctio de derrogar as leis silanas.[21]

A Terceira Guerra Mitridática

[editar | editar a fonte]

Ao final do seu período consular obtivo a provincia da Galia Cisalpina e o seu colega Cota a de Bitinia (recentemente legada a Roma polo seu último rei, Nicomedes IV) ), pero naquel momento morreu Lucio Octavio, o procónsul de Cilicia e Lúculo conseguiu ser nomeado procónsul desta provincia en lugar da Galia, e co encargo de dirixir, sse fose preciso, a guerra por terra contra Mitrídates VI de Ponto, a cal se vía vir, mentres Cota tería o mando da frota.[22]

A campaña do 73 a. C.

[editar | editar a fonte]

Ao final do ano 74 a. C. xa estaban os dous cónsules en Asia. Lúculo traía unha lexión desde Italia e atopou catro máis en Asia que eran as antigas forzas que serviran baixo o mando de Fimbria; restaurou a disciplina destas tropas e ao final puido reunir trinta mil infantes e 2.500 xinetes.[23] Xusto a tempo, posto que pronto recibiu noticías de que Mitridates invadira Bitínia (73 a. C.) con 150.000 homes, derrotara a Cota por terra e mar e bloqueouno en Calcedonia. Lúculo dirixiuse a Galacia pero cando pasou a Frixia viuse detido en Otryae por un destacamento de Mitridates dirixido polo romano exiliado chamado Varius. A aparición dun meteoro impediu o enfrontamento.

Mentres Mitrídates abandonaba o asedio de Calcedonia e dirixiuse contra Cízico, Lúculo, gran estratego e un táctico de extraordinario talento, dirixiuse a esta zona, pero sen présas, esperando as dificultades loxísticas do rei para manter un exército tan grande. Estableceu o campamento a certa distancia, desde onde podía vixiar, interceptar as comunicacións e impedir as subministracións. Cando o inverno impediu a Mitrídates recibir subministracións por mar, a fame afectou aos seus homes e tivo que levantar o asedio; un destacamento de quince mil homes de vangarda foi atacado por Lúculo e aniquilado en Rhyndacus; cando o groso das forzas do rei empezaron a retirada, Lúculo·atacou a súa retagarda no paso do Aesepus e no Gránico, causando numerosos baixas ao inimigo. Aqueles que escaparon refuxiáronse en Lampsaco, baixo o mando de Varius.[24]

O exército de Mitrídates quedou seriamente danado pero o rei conservou o dominio do mar, e deu o mando da frota ao romano Varius con orde de manter o dominio do mar Exeo mentres el regresaba a Bitinia. Lúculo·enviou aos seus lugartenentes Voconius e Triarius na súa persecución, mentres el mesmo se ocupaba de formar unha frota no Helesponto con achegas de todas as cidades gregas de Asia. O primeiro combate foi en Ilium, e Lúculo·derrotou á frota póntica, e o segundo foi en Lemnos onde a frota do rei foi case aniquilada e o mesmo Vario foi feito prisioneiro xunto co seu estado maior.[25]

Entón Lúculo púidose dirixir a Nicomedia onde estaban Cota e Triario que se preparaban para asediar a Mitrídates. O rei póntico, cando coñeceu a derrota da frota, fuxiu da cidade e escapou por mar cara ao seu reino. Lúculo reuniuse con Cota e Triario en Nicomedia e enviou ao primeiro a forzar o levantamento do asedio de Heraclea, e Triario, coa frota, foi enviado ao Bósforo, para impedir a unión das escuadras inimigas.

Lúculo, co groso do exército, atravesou Galacia saqueando o país e entrou en Ponto sen ningunha oposición seria até Temiscira (Themiscyra), pero para evitar que o rei iniciase unha guerra de guerrillas nas montañas, non o perseguiu cara a Cabeira (onde estaba agora Mitrídates) e detívose para asediar Amisos e Eupatoria, esperando que ao privar ao rei destas importantes cidades obrigaríao a se someter; pero Mitrídates enviou reforzos ás dúas cidades asediadas e permaneceu tranquilo en Cabeira onde dispuña dunha forza de corenta mil infantes e catro mil xinetes.

A campaña do 72 a. C.

[editar | editar a fonte]

Calímaco, o comandante da gornición de Amisos, fixo unha gran defensa da cidade malia a enerxía despregada por Lúculo para tomala polo que o asedio de prolongou ao longo de todo o inverno sen ningún resultado decisivo. Na primavera do 72 a. C., Lúculo deixou a Murena con dúas lexións para manter o asedio e marchou contra Mitridates a Cabeira, pero a superioridade do póntico en cabalaría impedía un enfrontamento directo e só se produciron escaramuzas, onde os romanos levaron a peor parte e, finalmente, por mor da carencia de provisións, Lúculo tivo que se retirar cara a Capadocia.

Xustamente entón uns destacamentos de tropas reais dirixidos por Menemachus e Myrom foron aniquilados por un dos lugartenentes de Lúculo, e Mitrídates decidiu afastarse do inimigo mais, ao da-las ordes de retirada, o pánico apoderouse das tropas que se desbandaron e o mesmo rei estivo a piques de morrer na confusión e foi perseguido pola cabalaría romana cara a Comana, desde onde fuxiu a Armenia acompañado só por un pequeno corpo de cabalaría,sendp acollido por Tigranes II de Armenia. Lúculo, despois de facerse dono da fortaleza de Cabeira, perseguiu ao monarca até Talaura, pero ao ver que este se fuxira a Armenia, detívose nesa cidade e enviou a Apio Claudio Pulcro como embaixador ao rei Tigranes, pedindo a entrega de Mitrídates.

Lúculo recibiu a submisión da Pequena Armenia que fora sometida por Mitridates, e tributos dos colquis e tibarenes. A seguir, volveuse para someter completamente o Ponto. Inmediatamente, as cidades de Amisos e Eupatoria que aínda resistían, rendéronse, pero Amisos foi incendiada por Calímaco antes de fuxir, e aínda que Lúculo fixo o posible para extingui-las lapas, os seus soldados estaban máis interesados no saqueo que en secundar os seus esforzos e a cidade, finalmente, queimouse en gran parte. Con todo, tratou de reparar o dano na medida do posible concedéndolle a liberdade á cidade e convidando a novos poboadores con privilexios especiais. Heraclea, aínda asediada por Cota, non caeu en poder dos romanos até o ano 71 a. C. e Sinope foi capturada por Lúculo pouco despois, co cal se completou a conquista do reino do Ponto.

Ao mesmo tempo, Macares, fillo de Mitrídates, que fora nomeado por seu pai rei do Bósforo, enviou embaixadores para facer ofertas de submisión ao xeneral romano e mesmo lle axudou con barcos e subministracións para a conquista de Sinope. Mentres tanto, Apio Claudio non obtivo unha resposta positiva de Tigranes e sospeitouse que os dous reis preparaban unha nova guerra en conxunto.[26]

Lúculo levou a cabo un monumental labor de saneamento económico da provincia de Asia, sumida unha grave crise financeira provocada pola brutal explotación á que a sometían os publicanos que tiñan arrendada a recadación de impostos. Iso valeulle a hostilidade dos equites e de numerosos senadores que sacaban pingües beneficios coas depredaciones dos publicanos.[27]

A campaña do 69 a. C.

[editar | editar a fonte]

Na primavera do 69 a. C., Lúculo decidiu anteporse aos plans de Mitrídates e Tigranes coa invasión de Armenia, que efectuou con 12.000 infantes e 3.000 xinetes. Deixou o goberno do Ponto ao seu lugartenente Sornatius e recibiu a asistencia de Ariobarzanes II de Capadocia, e tras cruza-lo río Éufrates, avanzou por Sofena e cruzando o Tigris para avanzar cara á capital do rei armenio, Tigranocerta. O rei armenio enviou a Mitrobarzanes para deter a Lúculo·pero o armenio foi derrotado e as súas forzas aniquiladas. Tigranes fuxiu de Tigranocerta e encargou a defensa ao seu oficial Manceo (en latín, Mancaeus) retirándose ao interior do país a esperar as tropas que estaba a reunir. Lúculo·asediou Tigranocerta coa esperanza de que o rei armenio tentase atacar os sitiadores e forzar un combate decisivo. Tigranes cando reuniu as tropas enviou un continxente que puido reforzar a cidade e sacar ás súas mulleres e concubinas, e animado por este éxito presentouse na zona con 150.000 infantes, 55.000 xinetes e 20.000 arqueiros e hondeiros. Con todo, Lúculo avanzou coa súa pequena forza ao encontro deste exército formidable, e cando alguén lle lembrou que o día (o seis de outubro) era un día de mala sorte, el respondeu: "Entón eu fareino un día afortunado". Tigranes foi completamente derrotado na Batalla de Tigranocerta (69 a. C.). Pouco antes de que os romanos aniquilasen as súas hostes, segundo afirman varios escritores da anigüidade, Tigranes burlouse de Lúculo e os seus homes afirmando que «eran demasiado escasos como para formar un exército, pero demasiados para unha embaixada»,[28] Trala caída de Tigranocera, a cidade foi obxecto de saqueo, aínda que os seus habitantes foron perdoados, e os gregos, que foran obrigados a trasladarse aló dende Cilicia e Capadocia, puideron volver ás súas respectivas cidades.[29]

Os dinastas locais tiveron que aceptar o protectorado romano, entre eles o rei de Comaxene, Antíoco I. Lúculo·investiu ao seléucida Antíoco XIII Asiático, que aproveitando os feitos recuperara o reino de Siria de mans dos armenios e fora proclamado en Antioquia (aínda que xa fora recoñecido antes polo senado romano como lexítimo rei).[30] Os romanos pasaron o inverno na Gordiene (Corduene). A cidade de Nísibe aínda resistía baixo a dirección do enxeñeiro grego Calímaco, o antigo eficaz defensor de Amisos.

Pero o máis importante dos monarcas veciños era Fraates, rei dos partos, a quen Lúculo, malia que sabía que fora a súa amizade e apoio fora demandado intensamentepor Mitrídates e Tigranes, enviou a Sextilio como embaixador. O monarca parto deu unha recepción amigable ao enviado romano, e despediuno con fermosas promesas, pero o seu obxectivo era só contemporizar, e, por tanto era dubidosa a súa conduta futura, o que levou a Lúculo a deseñar un plan para deixar a Mitrídates e Tigranes para outro momento, e marchar contra Fraates. Porén, os seus proxectos víronse abortados por unha rebelión no seu propio exército. Mentres preparaba a renovación das operacións militares nas rexións montañosas, enviou ordes a Sornatius para traer no seu apoio ás tropas que deixara no Ponto, pero os soldados se negarón rotundamente a seguilo, e o legado non puido facer valer a súa autoridade. Mesmo aqueles que estaban baixo o mando de Lúculo na propia Gordiene, alarmáronse ante a idea de marchar contra os partos, e non só obrigaron ao seu xeneral a abandonar este proxecto, senón que ademais houbo dificultades para proseguir unha vez máis a campaña contra Mitrídates e Tigranes.

A campaña do 68 a. C.

[editar | editar a fonte]

Mentres tanto, Tigranes percorreu Armenia e reuniu un novo exército para pasar no ataque na primavera do 68 a. C. Oficiais gregos instruíron a preto de corenta mil soldados e trinta mil xinetes, armenios, iberos e medos, entre outros. Aproveitando os saqueos dos templos e santuarios que facían os romanos, púidose dar á loita un cariz de defensa da nación e da relixión.

Na primavera do 68 a. C., Lúculo decidiu atacar Artaxata, no corazón de Armenia e saíu de Migdonia cara a aquela cidade un pouco máis tarde, xa en pleno verán. Tigranes, e mais Mitrídates VI Eupátor que o acompañaba, rexeitaron a batalla frontal, e coa cabalaría tentaron evitar o abastecemento dos romanos. Para forzar o combate, Lúculo chegou até o río Arsanias, camiño a Artaxata. Preto do río, á beira de Manazkert, os armenios provocaron a chamada batalla de Artaxata. A vitoria dos romanos foi unha vez máis decisiva e os dous reis fuxiron ignominiosamente, deixando un gran número dos seus homes caídos no campo de batalla. Pero cando Lúculo quixo seguir adiante coa intención de facerse dono de Artaxata, a capital de Armenia, interveu entón un factor inesperado. Aínda que era un gran xeneral, Lúculo era un aristócrata incapaz de gañarse o afecto dos seus soldados. Aínda por riba, as súas lexións eran as chamadas fimbrianas, outrora recrutadas por Lucio Cornelio Cinna para combater a Sila, e eran especialmente levantiscas. Lúculo someteunas a unha dura disciplina, o que unido á súa condición de aristócrata e amigo persoal de Sila fixérono tremendamente impopular. Así, as súas tropas negáronse a continuar a marcha por tan inhóspita rexión.

Deste xeitto, Lúculo viuse obrigado a regresar cara ao sur, onde puxo sitio á cidade de Nisibis, en Migdonia, que seguía defendida polo coñecido Calímaco e, malia ser considerada totalmente inexpugnable, Lúculo ocupouna durante unha noite de inverno escura e tormentosa.[31]

A campaña do 67 a. C.

[editar | editar a fonte]

Pero o descontento entre as súas tropas, que xa dera a Lúculo moitos problemas, estourou con renovada violencia no campamento de Nisibis. Estas accións de descontento foron impulsadas ​​polo seu propio cuñado Publio Clodio Pulcro, quen o acusaba de prolonga-la guerra para os seus propios obxectivos persoais. En balde Lúculo tratou de convencer ao seu exército rebelde para renovar as operacións na primavera do ano 67 a. C., e mentres el permanecía inmóbil en Nisibis, Mitrídates, con oito mil soldados, a metade armenios, entraba no Ponto e o reconquistaba, doadamente, en poucos meses derrotando en varias accións sucesivas aos legados de Lúculo, Triarius e Fabio.

Mentres tanto, os armenios avanzaron cara á rexión do Tigris e ocuparon os distritos do norte e case obrigaron a renderse á lexión dirixida por Fannius que foi salvada do desastre pola chegada do propio Lúculo.

A comezos do 67 a. C., o rei de Atropatene, e xenro de Tigranes, foi enviado contra Capadocia onde combateu ás guarnicións romanas estacionadas alí, as cales foron aniquiladas e no verán xa dominaba unha boa parte do país. Así, ante esta situación e as críticas en Roma contra Lúculo, que agora tiñan o apoio parcial dos optimates, tivo que abandonar Armenia e avanzar cara ao Ponto para restablecer a situación. Cando chegou a Ponto, Mitrídates retirouse cara á Armenia Menor e cando quixo ir na súa persecución o exército amotinouse; polo que tivo que permanecer en inactividade todo o verán deixando o camiño libre a Mitrídates e Tigranes.

Entón chegaron a Asia os legados do Senado romano con ordes de resolver a situación política da zona, e de que Ponto tiña que ser reducido a provincia romana, mais atopáronse que os romanos xa non dominaban o país. Entre os legados estaba o irmán do xeneral, Marco Licinio Lúculo. As noticias chegaron a Roma e os adversarios do xeneral aproveitaron para desacreditalo; un decreto do senado transferiu o goberno de Bitinia e a dirección da guerra ao cónsul dese ano (67 a. C.), Manio Acilio Glabrión, pero este home era completamente incompetente para a tarefa asignada, e cando chegou á provincia, e se decatou da realidade da situación, non levou a cabo ningunha acción para muda-la situación e asumi-lo mando, ao tempo que debiliou aínda máis a posición de Lúculo ao enviar un comunicado ás tropas anunciando que o seu comandante fora substituído e liberándoos da súa obediencia. Ao remata-lo 69 a. C., tanto Mitrídates como Tigranes recuperaran boa parte dos seus respectivos reinos, en tanto que Lúculo apenas tiña unha fracción das súas anteriores forzas.

No 66 a. C., Pompeio tomou o mando dunha guerra xa gañada, en tanto que Lúculo foi abandonado polos seus últimos homes. O seu sucesor só permitiu levar de regreso a Roma unha escolta de mil seiscentos soldados para o seu triunfo, un grupo de homes tan proclive ao motín que Pompeio considerábaos inútiles por completo para o servizo militar.[32] Pompeio aumentou aínda máis a irritación do seu rival, procedendo a anular moitas das iniciativas que este presentara, mesmo antes de que el abandonase a provincia.[33]

De volta a Roma, por mor das maquinacións dos seus inimigos, foi privado do mando e do seu triunfo sobre Mitrídates (que se atrasou até que Cicerón logrou que fose celebrado no 63 a. C.)[34] pero non dun cuantiosísimo botín, estimado en máis de cen millóns de sestercios.[35] Daquela, Lúculo buscou consolo nas artes e nas satisfaccións do lecer, retirándose da vida política.[5] Construíuse unha espectacular mansión no monte Pincio, da cal hoxe só se conservan os chamados Horti Lucullani (como parte da Vila Borghese), un lugar tan fastuoso que non sería igualado até os tempos de Nerón e a súa Domus Aurea. Así é que, vendo Tuberón o Estoico a súa gran vila na costa preto de Nápoles, os outeiros suspendidos no aire por medio de dilatados arcos, as fervenzas precipitándose no mar, as canles e estanques para a piscicultura e os mil e uns luxos dos que dispuña, non puido menos de chamarlle "Xerjes togado".

Tiña en Túsculo diferentes habitacións e miradoiros de fermosas vistas, e, ademais, certos claustros abertos e dispostos para paseos; Pompeio o Grande, ao velo, censurou que, dispondo aquela vila con tanta comodidade para o verán, a fixera case inhabitable para o inverno, ao que, sorríndose, contestoulle Lúculo que por que ía el a ser menos que as grúas e as cegoñas e non poder cambiar de casa coas estacións.

As ceas cotiás de Luculo eran un malgaste de riqueza, non só en panos de púrpura, en vaixela, pedrería, en entretementos, senón nos manxares máis raros, delicados e exquisitos. Nunha ocasión na que ceaba só, e os seus criados lle puxeran unha única mesa e unha cea modesta, molesto, fixo chamar ao seu mordomo, e como este respondéralle que non habendo ningún convidado creu que non querería unha cea máis abundante, díxolle : "Como! Non sabías que hoxe Lúculo cea con Lúculo?" E a continuación fíxose servir un esplendoroso banquete do que gozou el so.

Así mesmo, introduciu en Roma a cereixa, o pexego ou mazá persa e o albaricoque.

Nos seus últimos anos de vida foi perdendo progresivamente o xuízo, aínda que Cornelio Nepote indicaba que iso non foi debido á vellez ou a enfermidade, senón ás beberaxes que lle ofrecera un dos seus libertos, un tal Calístenes. O seu irmán, que ao parecer sentía grande afecto cara a el, encargouse do seu coidado e da súa cuantiosa facenda, seguíndoo á tumba pouco despois.

Lúculo casou dúas veces: primeiro con Clodia, filla de Apio Claudio Pulcro, de quen se divorciou ao seu regreso da guerra contra Mitrídates, por mor da súa conduta licenciosa e despilfarradora.[36] E en segundo lugar, con Servilia, filla de Quinto Servilio Cepión, e media irmá de Marco Porcio Catón.[5] Con esta última tivo un fillo, de nome Lucio.

Descrición

[editar | editar a fonte]

Descrito por Plutarco como "de gallarda estatura, de boa presenza e elegante no dicir", Lúculo pasaría á Historia por extravagancias como as mencionadas, convertido no prototipo eterno do luxo desmedido, a pesar do seu innegable talento, a súa intelixencia e a súa honestidade. Encerrado como un monstro indolente nos seus fastuosos palacios e xardíns, fatigado de tantas contendas, dedicouse de maneira total ao exercicio e recreo da filosofía, entregado á investigación da verdade e a meditación en calma sobre as plácidas doutrinas de Epicuro, confirmando co exemplo da súa propia carreira a tolemia da ambición e a vaidade da virtude.

Recibiu unha excelente instrución, e falaba correctamente as linguas grega e latina.

Lembrado como home de vastísima cultura, protector das artes e as letras, foi o único romano notorio na República tardía que expresou interese na idea de construír unha biblioteca pública. Acerca da súa afección ás letras, refírenos Plutarco que sendo aínda mozo, con ocasión de certa disputa que tivo co xurisconsulto Hortensio e o historiador Sisena, comprometeuse a escribir a historia da Guerra Social ou Mársica, en verso ou en prosa, en grego ou en latín, segundo lle pedise a sorte, e parece que esta determinou que fose en prosa grega.[37] Por desgraza, esta obra está hoxe perdida.

  1. Epigraficamente, Lucius Licinius L f L n Lucullus
  2. Dión Casio, Historia romana, XXXVI
  3. Cicerón, Academica Prior, Libro II
  4. 4,0 4,1 Plutarco
  5. 5,0 5,1 5,2 Plutarco
  6. William Smith (1870), p. 831
  7. Cicerón
  8. Plutarco, Lucullus, 2.1
  9. Keaveney (2009), p. 21
  10. Keaveney (2009), pp. 21-22
  11. Keaveney (2009), páx. 22
  12. Fratantuono, 2017, pp 20-21
  13. Tellford 2014, pp. 117-118
  14. Matyszak 2016, p. 55
  15. Frantantuono 2017, p. 20
  16. Plutarco, Vida de Lúculo, II. 1-2.
  17. Plutarco, Lúculo, 2; Sila, 11. Apiano, Bellum Mitrhidaticum 33,51, 52 e 56. Orosio, Historiarum adversus paganos VI, 2
  18. Plutarco, Lucullus, 4; Cicerón, Academica priora II, 1.
  19. Plutarco, Lucullus, 1; Cicerón, Academica priora II, 1; Plinio, Naturalis Historia VIII, 7.
  20. Plutarco, Lucullus 1. 4.
  21. Plutarco, Luculus, 5; Cicerón, Academica priora II, 1; Aurelio Víctor, De viris illustribus, 74.
  22. Plutarco Luculus 5, 6; Cicerón pro Murena 15; Eutropio Brevario libro VI, 6
  23. Plutarco, Lucullus 7, 8; Apiano, Bellum Mitrhidaticum, 72
  24. Plutarco, Lucullus 8-11; Apiano, Bellum Mitrhidaticum 71-76; Tito Livio, Epitome XCV; Floro, Epítome de la historia de Tito Livio libro III. 6; Eutropio, Brevario libro VI. 6; Orosio, Historiarum adversus paganos, libro VI. 2; Cicerón, Pro Lege Manilia 8, pro Murena 15; Orelli, Inscripción Nº 545.
  25. Apiano, Bellum Mitrhidaticum 77; Plutarco, Lucullus 12; Cicerón Pro Lege Manilia 8, pro Murena 15; Eutropio, Brevario VI. 6; Memnon. 42.
  26. Plutarco, Lucullus 19, 23, 24; Apiano, Bellum Mitrhidaticum 82, 83; Memnon. 45,47-54; Estrabón Geografica libro XII. p. 546, 547;. Salustio, Historiae libro II.fr. 28, libro IV.fr . 12, p. 240, ed. Gerlach
  27. Plutarco, Lucullus 20, 23; Apiano, Bellum Mitrhidaticum 83; Cicerón, Academica priora II. 1
  28. Plutarco, Lucullus 23, 24 - 28; Apiano, Bellum Mitrhidaticum 84, 85, 46; Memnon, 56,57; Eutropio, Brevario libro VI. 9; Tito Livio, Epítome XCVIII
  29. Plutarco, Lucullus 29; Dión Casio, Historia Romana, libro XXXV. 2, Estrabón, Geografica libro XI. p. 532
  30. Apiano, Siria 49.
  31. Plutarco, Lucullus 30-32, Apiano, Bellum Mitrhidaticum 87; Dión Casio Historia Romana libro XXXV. 4-7
  32. Plutarco, Lucullus 33-35; Apiano, Bellum Mitrhidaticum 88-91; Dión Casio Historia Romana libroXXXV. 80-10, 12-17, Cicerón, Pro Lege Manilia 2, 5, 9, Epistulae ad Atticum libro XIII. 6; Eutropio, Brevario libro VI. 11
  33. Plutarco, Lucullus 36, Pompeius 31; Dión Casio, Historia Romana, libro XXXVI. 29
  34. Plutarco, Lucullus 37, Catón el Menor 29; Cicerón, Academica priora libro II. 1; Veleio Patérculo, Historia Romana libro II. 34
  35. Nicolet (2001), páx. 110
  36. Plutarco, Lucullus 38.
  37. Plutarco, Lúculo 1.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]
Fontes clásicas
Fontes modernas
  • Christ, Karl (2006). Pompeyo (en castelán). Traducido por Roberto Bernet. Barcelona: Herder. ISBN 8425424550. 
  • Frantantuono, Lee (2017). Lucullus: The Life and Campaigns of a Roman Conqueror (en inglés). Barnsley: Pen & Sword Military. ISBN 978-1473883611. 
  • Goldsworthy, Adrian (2003). Grandes generales del ejército romano (en castelán). Barcelona: Ariel. ISBN 978-84-3446-770-5. 
  • Goldsworthy, Adrian (2006). César: la biografía definitiva. Traducido por Teresa Martín Lorenzo. Madrid: La Esfera de los Libros. ISBN 978-84-9734-658-0. 
  • Holland, Tom (2016). Rubicón: Auge y caída de la República romana. Barcelona: Ático de los libros. ISBN 9788416222360. 
  • Keaveney, Arthur (2005). Sulla. The Last Republican (en inglés). 2ª edición revisada. Londres: Routledge. ISBN 978-0415336611. 
  • Keaveney, Arthur (2009). Lucullus. A Life (en inglés). 2ª edición revisada. Piscataway: Gorgias Press. ISBN 978-16-072-4078-5.  
  • Matyszak, Philip (2016). Mithridates the Great: Rome's Indomitable Enemy. Pen & Sword Military. ISBN 978-1473828902. 
  • Mommsen, Theodor (2003). Historia de Roma. Vol. 3 (Dende a reunión de Italia até a submisión de Cartago e de Grecia). Traducido por Alejo García Moreno. Madrid: Turner. ISBN 978-84-7506-606-6. 
  • Mommsen, Theodor (2003). Historia de Roma (en castelán). Vol. 4 (A revolución). Traducido por Alejo García Moreno. Madrid: Turner. ISBN 978-84-7506-607-3. 
  • Nicolet, Claude (2001 [1979]). Rome et la conquête du monde méditerranéen 264–27 av. J.-C. Vol. 1, Les Structures de l'Italie romaine. Col. Nouvelle Clio, l'Histoire et ses problèmes (en francés). París: Presses universitaires de France. ISBN 978-2130519645. 
  • Smith, William (1870). "Lucullus (4)". Dictionary of Greek and Roman Biography and Mythology (en inglés) 2. pp. 831–837. 
  • Tellford, Linda (2014). Sulla: A Dictator Reconsidered. Pen & Sword Military. ISBN 978-1783030484. 

Outros artigos

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]


Predecesor:
Lucio Octavio e
Caio Aurelio Cota
 
Cónsul da República Romana
xunto con Marco Aurelio Cota
 
74 a. C.
Sucesor:
Marco Terencio Varrón Lúculo e
Caio Casio Longino