Luísa dos Países Baixos

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á busca
Luísa dos Países Baixos
Lovisa av Nederländerna (en sueco)
Louise der Nederlanden (en neerlandés)
Raíña cosorte de Suecia e de Noruega
Johan Christoffer Boklund-Lovisa.jpg
A raíña Luísa retratada por Johan Christoffer Boklund (1861)

Reinado 8 de xuño de 1859
30 de marzo de 1871
Nome completo Guillermina Federica Ana Luísa dos Países Baixos
Outros títulos
Nacemento 5 de agosto de 1828
A Haia, Prinsenvlag.svg Reino Unido dos Países Baixos
Falecemento 30 de marzo de 1871
Estocolmo, Swedish civil ensign (1844–1905).svg Suecia
Sepultura Riddarholmskyrkan
Predecesor Xosefina de Leuchtenberg
Sucesor Sofía de Nassau
Consorte Carlos XV
Descendencia
  • Casa real Casa de Bernadotte (por matrimonio)
    Proxenitores Federico dos Países Baixos
    Luísa de Prusia

    Escudo de Luísa dos Países Baixos
    Armas da raíña Luísa

    Luísa dos Países Baixos (bautizada como Vilhelmina Frederika Anna Louise), nada na Haia o 5 de agosto de 1828 e finada en Estocolmo o 30 de marzo de 1871, foi unha princesa neerlandesa que foi raíña consorte de Suecia e Noruega desde o 8 de xuño de 1859 até o 30 de marzo de 1871.

    Traxectoria[editar | editar a fonte]

    Primeiros anos[editar | editar a fonte]

    A princesa Luísa naceu o 5 de agosto de 1828 na Haia. O seu pai era o príncipe Federico, segundo fillo do rei Guillerme I do Reino Unido dos Países Baixos e da súa esposa Guillermina de Prusia.[1] A súa nai, Luísa de Prusia, era a oitava filla do rei Federico Guillerme III de Prusia e da duquesa Luísa de Mecklemburgo-Strelitz.[2]

    A súa educación foi confiada especialmente á súa institutriz belga Victoire Wauthier, e estudou francés, alemán, inglés, ruso e mais piano.

    En 1849 a corte de Estocolmo pensou que a princesa Luísa era unha adecuada candidata para o matrimonio do Príncipe da Coroa Carlos, fillo do rei Óscar I de Suecia e da súa esposa Xosefina de Leuchtenberg, herdeiro das coroas de Suecia e Noruega, despois de que fallasen as negociacións para concertar o matrimonio entre Carlos e unha princesa prusiana. Nese ano, Carlos viaxou ao Reino Unido dos Países Baixos para coñecer a princesa Luísa. O rei Óscar I desexaba asegurar conexións entre a familia real da nova dinastía de Bernadotte e as antigas dinastías reais de Europa, e unha princesa protestante era vista como unha raíña adecuada para a unión Suecia-Noruega despois de dúas predecesoras católicas. Luísa reunía estes requisitos e, ademais, esperábase un gran dote da rica casa de Orange-Nassau. O secretario do gabinete L. Manderström foi enviado para estudar o caso e informou que Luísa tiña unha excelente educación e era unha moi boa persoa (aínda que non era atractiva fisicamente). Ao parecer, Luísa sentiu unha atracción inmediata por Carlos, mentres que este, en cambio, aparentemente, quedou decepcionado. En agosto de 1849 foi arranxado o compromiso, tras convencer Óscar ao seu filo de que o aceptase. O compromiso anunciouse oficialmente en febreiro de 1850 e casaron en Estocolmo o 19 de xuño de 1850.[3][4]

    As expectativas da gran fortuna de Luísa debateuse en Suecia, tanto no Parlamento como na prensa radical, que suxeriu que o monarca agora sería capaz de financiar a construción da rede dos ferrocarrís suecos. En realidade, con todo, o seu dote resultou ser moi pequeno. Luísa estudou a lingua sueca e a historia do país; porén, nunca aprendeu o noruegués. Por outra parte, dado que o goberno neerlandés apoiara o matrimonio, Luísa non tivo que renunciar aos seus dereitos ao trono dos Países Baixos polo seu matrimonio.[Cómpre referencia]

    Princesa herdeira[editar | editar a fonte]

    Carlos e Luísa regresando a Palacio despois da súa voda.

    Luisa saíu de Alemaña nun barco sueco de Travemünde e chegou a Suecia cos seus pais e a súa irmá María, que estiveron presentes na súa voda. A princesa Luísa e o Príncipe da Corona Carlos casaron en Estocolmo o 19 de xuño de 1850 na Catedral, coñecida en sueco como Storkyrkan (literalmente, "Grande Igrexa") ou Sankt Nikolai kyrka (Igrexa de San Nicolao).[3][4] Despois da voda, o rei Óscar I levou a Luísa a unha xira por Suecia para que coñecese o país.

    A relación entre Luísa e Carlos non foi feliz. A parella tiña personalidades diferentes: Luísa era introvertida, tímida e prefería unha vida sinxela, mentres que Carlos era extrovertido a afeccionado ás festas e á vida social. Luísa foi infeliz no amor con Carlos, que a encontraba pouco atractiva e lle era infiel, o que a ela lle doía moito.

    Desde 1852 até 1860, Carlos tivo unha relación con Josephine Sparre, dama de honor de Luísa, o que provocou un escándalo. Sparre foi descrita como tan dominante que se dicía que a princesa herdeira e a súa dama de honor cambiaran os seus papeis. Fritz von Dardel describiu a Sparre deste xeito: "a dama en cuestión é a gran favorita do príncipe, así como da princesa, e goberna totalmente a ambos os dous en todo o relacionado coa súa vida cotiá. Dotada dun talento inusual para agradar e facerse indispensábel, logrou manexar o príncipe herdeiro nun estraño grao."[5]

    Luísa trataba a Carlos benevolentemente, e este, en cambio, tratábaa a ela con neglixencia. Un coñecido episodio que atraeu a atención tivo lugar na festa de aniversario de Luísa no Palacio de Drottningholm en 1857, cando o príncipe herdeiro propuxo un brinde ao seu "amor secreto", con Luísa e Josephine Sparre presentes. Isto causou unha desagradabel escena, e o irmán de Carlos, o príncipe Óscar, reprendeuno indirectamente pedindo a súa propia esposa, Sofía de Nassau, que brindase con el. Esta escena causou tal impresión a Luísa que estalou en bágoas e sufriu un ataque de nervios.[4]

    Raíña consorte[editar | editar a fonte]

    A raíña Luísa contra 1868.

    O día 8 de xuño de 1859 Luísa converteuse en raíña consorte de Suecia e Noruega, cando o seu esposo accedeu ao trono co nome de Carlos XV de Suecia á morte de seu pai, o rei Óscar I.

    Luísa non foi unha raíña brillante, debido á diferenza de personalidades entre ela e o rei. De feito, non desempeñou ningunha influencia política, a diferenza da súa predecesora (a súa sogra), Xosefina de Leuchtenberg. Pasou a súa vida realizando as tarefas domésticas e tratando de compracer o seu marido, pero o rei tratábaa cunha condescendente bondade. Co tempo, a súa saúde deteriorouse.

    Nunha ocasión, durante unha comida campestre, Luísa sufriu unha especie de ataque (posibelmente de epilepsia, segundo as descricións contemporáneas), pero pensouse que era unha reacción histérica debida á neglixencia coa que a trataba o seu esposo. Posteriormente, Luísa foi illándose da xente até a súa recuperación.[6]

    Aínda que non lle gustaban os deberes cerimonais, preferindo coidar da súa vida familiar, Luísa tiña interese pola moda, e sempre vestía elegantemente. O seu marido adoraba a súa filla, pero tratábaa coma se fose "un rapaz", o que preocupaba á súa esposa, que non quería unha "infancia sen rendas" para a súa filla.

    Luísa tivo que soportar as infidelidades do seu esposo. Despois da súa relación con Josephine Sparre, tivo outra, desde 1869 a 1872, con Wilhelmine Schröder.[3]

    Carlos tivo un fillo ilexítimo, Carl Johan Bolander, nacido o 4 de febreiro de 1854, e que foi o pai do bispo Nils Bolander,[7] e unha filla, Ellen Svensson Hammar, nacida o 28 de outubro de 1865 e finada en 1931.

    Así mesmo, hai rumores de que tiña máis fillos extraconxugais.[8]

    Galería de imaxes[editar | editar a fonte]

    Descendencia[editar | editar a fonte]

    O matrimonio tivo dous fillos:[1]

    1. Súa Alteza Real a princesa Luísa, nacida en Estocolmo en 1851 e morta no Palacio de Amalienborg en 1926. Casou co rei Federico VIII de Dinamarca.
    2. Súa Alteza Real o príncipe Carlos, duque de Södermanland, nacido en Estocolmo en 1852 e morto na mesma cidade en 1854.

    Despois de ter os seus dous fillos, a raíña non puido volver quedar embarazada por motivos de saúde. En 1854 morreu o príncipe Carlos Óscar de pneumonía aos dous anos de idade e, dese modo, o futuro rei perdeu o seu único herdeiro, xa que a lei sálica prevalecía naquel momento en Suecia, polo que a primoxénita, a princesa Luísa, estaba excluída.

    Carlos quedou moi disgustado porque isto significaba que a súa proxenie non sería o seguinte monarca de Suecia; o herdeiro sería o seu irmán Óscar. Luísa ofreceulle a Carlos o divorcio para que puidese casar e ter o herdeiro que anhelaba, pero o rei declinou a oferta.[Cómpre referencia]

    Morte[editar | editar a fonte]

    Luísa dos Países Baixos faleceu en Estocolmo o día 30 de marzo de 1871, aos 42 anos, sen poder dar un descendente varón ao seu esposo, co cal, debido á lei de sucesión da época, a coroa pasou á súa morte ao irmán de Carlos XV, que reinaría como Óscar II.

    Foi enterrada no panteón real da Igrexa de Riddarholmen, de Estocolmo.

    Antepasados da raíña Luísa[editar | editar a fonte]

    Ascendencia de Luísa dos Países Baixos (tres xeracións)
    Luísa
    dos Países Baixos
    Federico dos Países Baixos Guillerme I dos Países Baixos Guillerme V de Orange-Nassau
    Luísa de Prusia
    Guillermina de Prusia Federico Guillerme II de Prusia
    Federico de Hesse-Darmstadt
    Luísa de Prusia Federico Guillerme III de Prusia Federico Guillerme II de Prusia
    Federico de Hesse-Darmstadt
    Luísa de Mecklemburgo-Strelitz Carlos II de Mecklemburgo-Strelitz
    Federico de Hesse-Darmstadt

    Monarcas actuais descendentes de Luísa[editar | editar a fonte]

    Descendentes de Luísa dos Países Baixos son a raíña Margarida II de Dinamarca, o rei Harald V de Noruega, o rei Alberte II de Bélxica e o gran duque Henrique I de Luxemburgo.

    Predecesor:
    Xosefina de Leuchtenberg
    Raíña consorte de Suecia
    1859-1871
    Sucesor:
    Sofía de Nassau

    Notas[editar | editar a fonte]

    1. 1,0 1,1 Xenealoxía de Louise von Nassau, Princess of the Netherlands, en The Peerage (en inglés).
    2. Luise Auguste Wilhelmine Amalie Prinzessin von Preußen en The Peerage (en inglés).
    3. 3,0 3,1 3,2 Robert Braun (1950), p. 199.
    4. 4,0 4,1 4,2 Anne-Marie Riiber (1959), p. 39.
    5. Robert Braun (1950), p. 99.
    6. Robert Braun (1950), p. 201.
    7. Carl-Erik Sahlberg en Nils Bolander diktare och predikant. ISBN 91-86112-39-2, p. 11. Resumo (en sueco).
    8. Lagerqvist & Åberg en King and Rulers of Sweden. ISBN 91-87064-35-9, p. 48.

    Véxase tamén[editar | editar a fonte]

    Bibliografía[editar | editar a fonte]

    • Anne-Marie Riiber (1959): Drottning Sophia. Uppsala: J. A. Lindblads Förlag.
    • Herman Lindqvist (2006): Historien om alla Sveriges drottningar. Stockholm: Norstedts Förlag. ISBN 91-1301-524-9.
    • Lars Elgklou (1995): Familjen Bernadotte, en kunglig släktkrönika. Trelleborg: Skogs boktryckeri. ISBN 91-7054-755-6.
    • Lars O. Lagerqvist (2979): Bernadotternas drottningar. Albert Bonniers Förlag. ISBN 91-0042-916-3.
    • Robert Braun (1950). Silvertronen. En bok om drottning Josefine av Sverige-Norge. Stockholm: Norlins förlag. ISBN 9-9145-0490-6.

    Outros artigos[editar | editar a fonte]

    Ligazóns externas[editar | editar a fonte]