Saltar ao contido

Los Borbones en pelota

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Los Borbones en pelota
OrixeEspaña
Tema(s)Isabel II de España e Dinastía Borbón
Data de pub.1991
Na rede
BNE: XX1885898
editar datos en Wikidata ]
Lámina do álbum

Los Borbones en pelota é o título dun álbum de láminas satíricas realizadas entre os momentos inmediatamente anteriores á Revolución de 1868 e o inicio do reinado de Amadeo I e que están asinadas co pseudónimo SEM. [1] [2] Son 107 láminas, [3] pintadas en acuarela, denigratorias e mesmo pornográficas, onde se caricaturizan personaxes públicos de finais do reinado de Isabel II, sobre todo da casa real. Van acompañadas de agudos textos alusivos, ás veces poéticos.

O álbum estivo desaparecido até 1986 cando foi adquirido pola Biblioteca Nacional de España.[4]

Segundo unha necrolóxica dedicada a Gustavo Adolfo Bécquer de 1870 publicada na revista republicana Gil Blas, Gustavo e o seu irmán Valeriano D. Bécquer empregaron a firma SEM para os seus debuxos "no primeiro período desta publicación", fundada en 1864 [5] Isto levou a Robert Pageard, Lee Fontanella e María Dolores Cabra a publicar en 1991 un libro coas láminas no que afirman que os irmáns Bécquer son os autores de Los borbones en pelota. Porén, Jesús Rubio Jiménez dubida desta atribución,[6] Rubén Benítez négaa[4] e Joan Estruch Tobella afirma que o verdadeiro autor foi probabelmente o republicano e anticlerical Francisco Ortego.[7]

Bécquer era da rama conservadora entre os moderados, que lideraba Luis González Bravo, e entre ambos forxouse unha boa amizade. González Bravo, que tiña interese pola literatura, foi o seu mecenas. e nomeouno en dúas ocasións censor de novelas.[7][7] Considerar que SEM eran os irmáns Bécquer creou unha enorme confusión, pois converteu de súpeto aos Bécquer en pornógrafos, republicanos, anticlericais e ingratos cara González Bravo, que tamén aparece satirizado nos debuxos.[7]

No primeiro período da revista Gil Blas, entre 1865 e 1866, publicáronse unha serie de viñetas contra o goberno da Unión Liberal, nas que tamén figuraba a raíña, e que foron asinadas por SEM. Pero, segundo Estruch Tobella, non é probable que os irmáns Bécquer estivesen detrás deles e sempre sinala a Ortego.[7] Estruch teoriza que o responsable de Gil Blas, Manuel del Palacio, que se enfrontara con Gustavo no Café Suizo e que daquela tiña a Francisco Ortego traballando no seu xornal, pretendía culpar a Bécquer de Los borbones en pelota para distanciarse tanto como puidese a partir dese álbum, xa que en 1870 esperaba beneficiarse de postos dentro do novo réxime, ao amparo de Sagasta, e este tipo de debuxos danaron a súa reputación. O fillo de Manuel del Palacio, Eduardo, seguiría nesta liña cando escribiu en 1947 que os irmáns Bécquer sempre traballaban xuntos, aínda que asinaban como SEM. Eduardo asegurou tamén que non era a primeira vez que se enfrontaran o seu pai e Bécquer.[7]

Rubén Benítez, pola súa banda, acusa a Eusebio Blasco de ter atribuído o pseudónimo SEM aos irmáns Bécquer. Blasco era un dos fundadores da Gil Blas e, aínda que era republicano, aliñouse en 1870 a favor do goberno. O seu protector, Nicolás María Rivero, ocupou o Ministerio do Interior e nomeouno o seu secretario particular. Tiña unha baixa opinión de Gustavo Adolfo Bécquer, por iso tiña os mesmos motivos que Manuel del Palacio para acusar aos irmáns Bécquer de seren SEM. [7]

Outro elemento en contra de que os irmáns Bécquer sexan SEM é o feito de que unha das láminas, publicada en 2012 nunha edición que amplía a de 1991, se mofa do atentado contra Joan Prim, que tivo lugar o 27 de decembro de 1870, cando Gustavo e Valeriano xa morreran.[7]

A pornografía máis dura mostra aos máis poderosos nas orxías: a raíña Isabel II, o rei consorte, González Bravo, Marfori, Napoleón III, San Antonio María Claret, Sor Patrocinio, etc. Despois hai caricaturas degradantes onde aparecen políticos progresistas como Prim, Espartero, Topete, Sagasta, etc. Tamén hai láminas nas que se representan idealizacións: a Liberdade, a República, España, etc.[8]

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]

Outros artigos

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]