Lodoïska

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Luigi Cherubini (Google Art Project)

Lodoïska é unha comédie héroïque en tres actos con música de Luigi Cherubini e libreto do francés Claude-François Fillette-Loraux baseado na obra Les amours du chevalier de Faublas de Jean-Baptiste Louvet de Couvrai. Estreouse en París o 18 de xullo de 1791 no Théâtre Feydeau.

Estrea[editar | editar a fonte]

En 1791, no apoxeo da Revolución Francesa, estréase Lodoïska de Luigi Cherubini. Nese momento de rápidos cambios sociais, o mundo da ópera estase abrindo a un público máis amplo onde os compositores buscan unha materia que lle interese as masas. Lodoïska é considesara unha das primeiras “óperas de rescate”, un xénero que creceu froito da revolución, cunha narrrativa baseada no rescate dun prisioneiro (polo xeral, un dos protagonistas principais) e o triunfo sobre o seu inimigo. A ópera foi recibida con estusiasmo e interpretouse máis 200 veces nun tempo próximo a estrea. Foi tan popular que volveu a revivir no Feydeau no 1819 e realizouse con frecuencia nos países xermánicos a principios do século XIX, incluíndo unha produción en Viena no 1802.

Personaxes Repartición da estrea
Conde Floreski Tenor Pierre Gaveau
Princesa Lodoïska Soprano de Justal
Dourlinsky Barítono Châteaufort
Titzikan Tenor Vaillière
Altamoras Baixo Georget
Lysinka Mezzo-soprano Hédou-Verteuil
Varbel Barítono Jean-Blaise Martin

Argumento[editar | editar a fonte]

A acción ten lugar en Polonia no século XVII.

Acto 1[editar | editar a fonte]

Esbozo para a decoración do primeiro acto (1791), de Ignazio Degotti

Un grupo de guerreiros tártaros, dirixidos por Titzikan, achéganse ao castelo dun notorio barón chamado Dourlinsky. Un dos homes de Titzikan, informa de que Dourlinsky abandona o castelo con frecuencia, e na súa ausencia podería ser fácil tómalo. Pero Titzikan di que un ataque furtivo sería socavado -el quere derrotar a Dourlinsky nun concurso xusto-. Entón escoitan a alguén que se achega e pasan a esconderse no bosque para observar. O conde Floreski aparece co seu fiel asistente Varbel. Os seus cabalos foran roubados polo tártaro, polo que estaban camiñando a pé. Floreski está buscando a súa noiva, Lodoïska. Os dous tiñan planeado casaren, pero o pai dela tivo un desacordo político con Floreski, así que cancelou a voda, denunciou a Floreski e encondeu a Lodoïska nun lugar secreto. Dende entón, morreu o seu pai e non saben exactamente onde está. Floreski e Varbel enfróntanse con Titzikan e os seus guerreiros. Na pelexa, os tártaros están desarmados. Titzikan está impresionado pola honorable forma de batallar de Floreski e os dous homes forman unha alianza. Titzikan di que el e as súas forzas están planeando atacar a Dourlinski, cuxas forzas devastaron as súas terras. Floreski lembra que Dourlinski era amigo do pai de Lodoïska. Pode ser aquí onde está retida? Seguidamente, cae unha pedra aos seus pés, cunha nota adxunta (foi lanzada pola mesma Lodoïska). Está retida na torre da prisión do castelo. Cando Floreski se achega á torre, ela cántalle, dicindo que a medianoite debe subir ata a cima da torre e baixar ata a súa xanela. Pero o nervioso Varbel ten outra idea. Dourlinsky non sabe que o pai de Lodoïska morreu. Varbel di que deben ir ao castelo, entregar as noticias, e dicir que foron enviados pola nai de Lodoïska para traela á casa. Floreski está de acordo. Chaman á porta do castelo e un servente introdúceos no interior.

Acto 2[editar | editar a fonte]

Unha galería antiga, sketch para a decoración do segundo acto (1791) de François Verly, logo de Ignazio Degotti

Altamora, secuaz de Dourlinsky, leva a Lodoïska da torre a un escuro corredor dentro do castelo, xunto á súa enfermeira, Lysinka. Entón Dourlinsky entra e ordena a Lysinka saír da habitación, quere falar a solas con Lodoïska. Dourlinsky cóntalle a súa intención de casar con ela, pero recibe unha contestación de que non ten dereito a facelo. Dourlinsky ameaza cos dereitos de amante, pero ela contéstalle que é un monstro, non un amante, e que está namorada doutra persoa, do conde Floreski. Hai unha forte discusión e Douslinsky ordena aos seus homes que a leven á parte máis escura e secreta da torre da prisión. Tamén promete localizar a Floreski, quen queira que sexa, e desfacerse del. Con Lodoïska desaparecida, Douslinsky reúnese con Floreski e Varbel, sen saber quen son. Cando lle din que foron enviados para levar a Lodoïska xunta a súa nai, Dourlinsky, claramente, non o cre. Dilles que informen de que Lodoïska xa non está con el. Sabendo que Douslinsky está mentindo, Floreski vacila, sen saber que facer a continuación. Para gañar un pouco de tempo, coméntalle que lles gustaría quedar esta noite para poder descansar antes da súa viaxe de volta á casa. Douslinsky está de acordo, pero ordena mantelos vixiados. Floreski está furioso, sabe que Doulisnky planea roubar a Lodoïska para si mesmo. Varbel trae unha inquietante noticia: escoitou a dous homes de Douslinsky planeando ofrecerlles uns refrescos: dous vasos de viño envelenados. Cando aparecen os homes, Floreski entretenos mentres Varbel cambia o viño que lles ofreceron polos vasos que os homes de Dourlinsky traían para si mesmos. Todos beben, e os envelenadores pronto estarán fríos. Cando Floreski e Varbel tratan de escapar, Douslinsky confróntaos cun grupo de soldados. Floreski desafíao revelando a súa identidade, e ambos son detidos como prisioneiros.

Acto 3[editar | editar a fonte]

Dourlinsky vai a xunta Lodoïska cun ultimato, se ela non casa con el, Floreski morrerá. Sen saber o sucedido na súa casa, Lodoïska invoca un tecnicismo: non pode casar salvo que estea o seu pai alí para entregala. Pero Douslinsky confésalle que o seu pai morreu e Lodoïska desmáiase. Cando levan a Floreski, Lodoïska recupera a conciencia e corre tras del. Dourlinsky repite a demanda: ou casa con el ou Floreski morre. Lodoïska di que preferiría ser apuñalada no corazón antes que casar con el. Floreski e ela prometeron morrer xuntos en lugar de ceder. Dourlinsky cría que estaba a punto de conseguir o que quería, pero vendo que non cedía pregúntase que facer a continuación. Nese punto escóitase un canón. Titzikan está atacando o castelo co seu exército. Nunha espectacular escena que axudou a facer da ópera un éxito en París, fan voar un dos muros do castelo e ao esboroarse revela o campo de batalla preparado fóra. Nunha loita feroz, os tártaros superan as forzas de Dourlinsky. Mentres isto sucede, Douslinsky esconde a Lodoïska na torre, pero Titzikan rescátaa xusto cando a torre ía derrubarse. O inxenuo tártaro consegue salvar tamén a Floreski, arrebatándoo das mans de Douslinsky xusto no momento oportuno. Co seu castelo en chamas ao seu redor, Dourlinsky admite a derrota.

Trama e música[editar | editar a fonte]

A trama de Lodoïska pode asociarse como un desenvolvemento da ópera “O rapto no serrallo” de Mozart, pero cun carácter máis melodramático. Cherubini equilibrou este melodrama escribindo grandes conxuntos dramáticos acompañados dun elenco heroico na música que se pode asociar a Beethoven. Aínda existe a austeridade neoclásica propia da escritura familiar de Medee e que non é en absoluto italiana, pero tamén se pode escoitar un vínculo distinto entre o mundo sonoro da escritura orquestal de Cherubini e a de Beethoven. Lodoïska require dunha soprano e dous tenores que poidan combinar a flexibilidade co poderío vocal. A ópera ábrese cunha dramática aria para Titzikan que claramente leva a voz ao seu límite de rexistro. O primeiro acto dedícase case exclusivamente ás voces masculinas, coa utilización dun trío e un cuarteto dramático e heroico. O acto conclúe cun extenso onde Cherubini trae a Lodoïska por primeira vez converténdose nun golpe dramático.

O segundo acto abre cunha gran aria de Lodoïska, un acompañato dramático seguido dunha aria en dúas partes e unha sección lenta encantadora seguida doutra dramática e rápida. Cherubini volve mostrar a súa grande habilidade cos conxuntos, xa que temos un excelente cuarteto con coro para Lodoïska, Lysinka, Varbel e Altamoras.

O terceiro acto ábrese cun par de arias bastante terroríficas, contrastadas cunha alegre para Dourlinsky, e seguida doutra de desafío para Lodoïska. Un cuarteto final conduce a un interludio orquestral magnífico extenso que describe a batalla antes do clímax.

Discografía[editar | editar a fonte]

Ano Repartición: Lodoïska, Lysinka, Floreski, Titziken, Varbel, Dourlinsky, Altamoras, Talma) Director orquestra e coro Etiqueta
1961 Ilva Ligabue, Renata Mattioli,Giancinto Prandelli, Renato Gavarini,Sesto Bruscantini, Walter Monachesi,Plinio Clabasssi, Carlo Cava Oliviero De Fabritiis,

Orchestra e Coro di Roma della RAI

LP:Mauro R. Fuguette MRF «Cherubini Series» MRF/C-02 CD:Charles Handelman, Live Opera
1991 Mariella Devia, Francesca Pedaci,Bernard Lombardo, Thomas Moser,Alessandro Corbelli, William Shimell,Mario Luperi, Danilo Serraiocco Riccardo Muti

Orchestra e Coro del Teatro alla Scala di Milano

CD:Sony Classical 47290 / S2K 47290 / SRCR 8709-10
1994 Susan Patterson, Marie-Noëlle de Callataÿ,John Aler, Donald Litaker,Philippe Fourcade, Jean-Luc Chaignaud,Julian Hartman, Geert Smits Frans Brüggen

Radio Kamerorkest, Groot Omroepkoor

CD:

Premiere (2009) House of Opera 5154

Notas[editar | editar a fonte]

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • The Rough Guide to Opera, terceira edición, xuño de 2002, Londres, Rough Guides Ltd.
  • Dictionnaire Lyrique ou Histoire des Opéras – Félix Clément e Pierre Larousse- Slatkine Reprints, Xenebra 1999

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]