A lingua sidamo é unha lingua afroasiática pertencente á póla de linguas cuxitas. É falada en parte do sur de Etiopía polo pobo sidama, particularmente na zona Sidama. "Sidaamu Afoo" é o autónimo étnico para a lingua, mentres que "sidaminya" é o nome en lingua amhárica. Aínda que non se coñece ningún dialecto específico, comparte máis dun 64% de semellanza léxica co alaba-k'abeena, un 62% co kambaata e un 53% co hadiyya, tódalas cales son linguas faladas no suroeste de Etiopía. A orde de palabras é suxeito-obxecto-verbo. O sidamo ten máis de 100000 falantes como segunda lingua. O grao de alfabetización dos falantes como primeira lingua é de 1%-5%, mentres que os de segunda lingua é de 20%. En termos de escrita, o sidamo empregou o alfabeto ge'ez até 1993, e dende entón emprega o alfabeto latino.[1]