Lilli Suburg
Lilli Suburg cara 1866 | |
| Biografía | |
|---|---|
| Nacemento | 1 de agosto de 1841 Rõusa |
| Morte | 8 de febreiro de 1923 Valga |
| Lugar de sepultura | cemiterio vello de Vändra |
| Educación | Pärnu Linna Kõrgem Tütarlastekool |
| Actividade | |
| Ocupación | xornalista, editora, activista polos dereitos das mulleres, escritora, pedagoga |
| Pseudónimo literario | Lilli Caroline Suburg |
| Descrito pola fonte | A Biographical Dictionary of Women's Movements and Feminisms, (p.544-547) >>>:SUBURG, Lilli (Caroline) (1841–1923) |
Caroline Suburg, máis coñecida como Lilli Suburg, nada na propiedade Rőusa, no municipio de Uue-Vändra da parroquia de Vändra, no Imperio Ruso, o 1 de agosto de 1841 e finada en Valga o 8 de febreiro de 1923, foi unha xornalista, escritora e feminista estoniana. En 1882, fundou unha escola primaria privada para nenas estonianas en Pärnu; en 1885, trasladou a institución a Viljandi, onde aumentou o número de estudantes. Entre 1887 e 1894, fundou e comezou a publicar a primeira revista feminina de Estonia, Linda (en galego, Lina).[1] Despois de verse obrigada a vender a súa publicación, Suburg trasladouse a Letonia e dirixiu alí unha escola ata 1907.
Traxectoria
[editar | editar a fonte]Primeiros anos e educación
[editar | editar a fonte]Era filla de Eva (de solteira Nuut) e Toomas Suburg. Pouco despois do seu nacemento, a familia trasladouse á próxima propiedade Vana-Vändra, onde Toomas traballaba como supervisor e Eva como queixeira. Grazas ao seu traballo, a parella finalmente puido arrendar toda a propiedade e enviar á súa filla, que previamente fora educada pola institutriz da mansión Rõusa, a unha escola privada.



De 1852 a 1859, Suburg estudou na escola privada dirixida por Marie von Ditmar en Pärnu e, pouco despois, comezou a estudar no instituto feminino da cidade.[2] Os seus estudos foron interrompidos durante case unha década por problemas de saúde, que foron diagnosticados por un médico en Tartu como resultado da erisipela.[2][3] Durante este tempo, Suburg viuse obrigada a permanecer na cama durante meses e a ler moito: obras de literatura alemá, pedagoxía, libros e ensaios sobre temas femininos. Cando puido, ensinaba aos seus irmáns menores. Os seus pais adquiriran un gran bosque preto de Sikana, onde Toomas cuidaba do gando. Ampliou a granxa a unha empresa de produción leiteira na propiedade de Waldburg e a familia mudouse á nova propiedade.[3]
Carreira
[editar | editar a fonte]A enfermidade deixou cicatrices na cara de Suburg e, desde entón, nunca permitiu que se fixese unha fotografía sen un pano que cubrise as cicatrices. En 1869, recuperouse e completou os exames necesarios para obter o seu certificado de ensinanza. En 1872, coñeceu a Carl Robert Jakobson, un escritor e pedagogo involucrado no seu espertar nacionalista.[4] Co seu apoio, Suburg comezou a traballar nun relato curto, Liina, baseado na súa propia vida. O relato, que avaliaba o choque cultural entre os costumes estonianos e báltico-alemáns, publicouse en 1877 e tivo varias reimpresións.[5] Ao ano seguinte, de novo por iniciativa de Jakobson, Suburg comezou a traballar como editora do Pärnu Postimees. O xornal, coñecido polo seu conservadorismo, baixo a influencia de Suburg, avanzou politicamente cara a unha posición máis radical.[6]
En 1880, Suburg adoptou a Anna Wiegandt, unha moza orfa, o que foi unha decisión pouco ortodoxa para unha muller solteira naquel momento.[6] Case simultaneamente con isto, a fortuna familiar cambiou. Ao vivir por riba das súas posibilidades, Toomas decidiu vender o gando e conservar só unha pequena parte da terra e o muíño. Eva e as fillas opuxéronse á venda, pero Toomas consumou a transacción e pouco despois, Suburg e a súa filla mudáronse a Pärnu.[3] Aló, fixo plans para establecer unha escola privada para nenas na que quería ensinar ás alumnas estonianas na súa propia lingua. As regulacións vixentes naquel momento prohibían ensinar en entoniano calquera materia que non fose relixión, o que obrigou a que Suburg, en 1882, abrise a institución como unha escola de lingua alemá.[6] Para manter a escola, organizou bazares, deu discursos e representou espectáculos, pero as elites locais non o aprobaban a iniciativa.[3][6]
En 1885, os seus partidarios de Viljandi instaron a Suburg a trasladar a escola. Puido alugar unhas instalacións máis grandes e atraer a máis estudantes. Cincuenta nenas vivían no internado e, en total, aumentou o número de alumnos nun oitenta por cento. O aumento do número de estudantes fixo que a escola fose financeiramente segura e Suburg púxose a deseñar un sistema educativo único. Aínda que estaba obrigada a ensinar en alemán, tivo coidado de incluír nos cursos a estonianos destacados, como Jakobson, Lydia Koidula e Friedrich Reinhold Kreutzwald, para axudar aos seus alumnos a desenvolver un sentido da súa propia cultura e un xuízo independente na súa propia esfera de aprendizaxe. En dous anos, Suburg buscou ampliar o currículo e achegouse ás autoridades para que lle permitisen a ela e á súa filla ensinar cinco anos de alemán e dous anos de ruso para as nenas maiores. A súa solicitude foi rexeitada, o que provocou que Suburg lle cedese a xestión da escola á súa filla. Wiegandt volveu a contactar coas autoridades e foi aprobada para continuar ensinando o programa de cinco anos durante outros seis anos. Durante ese tempo, en 1892, a rusificación substituíu o formato en lingua alemá.[3]
Obra
[editar | editar a fonte]Suburg continuou publicando mentres dirixía a escola e intentou obter os permisos necesarios para publicar unha revista feminina. Varias obras da época incluían pezas de moralidade sentimental e idealización como Maarja ja Eeva: ehk suguluse truudus ja armastus mehe vasta (en galego: María e Eva: ou a fidelidade da parentela e o amor polo marido)[4] de 1881 e Leeni (1887). Finalmente, en 1888, conseguiu a aprobación necesaria para editar e publicar a primeira revista feminina de Estonia, Linda.[7] A revista abarcaba unha variedade de temas relacionados coas mulleres, como os dereitos legais, a crianza dos fillos, a educación das mulleres e o seu desenvolvemento espiritual[3] e o dereito á ñibre elección de permaneceren solteiras e non casar.[8] A publicación tamén incluía artigos de destacadas estonianas e artigos traducidos por destacadas feministas sobre o sufraxio feminino, así como noticias e debates sobre os recentes desenvolvementos educativos e científicos.[9] Os temas que trataba eran radicais para a época e xeraron críticas burlonas doutros medios. Suburg editou a revista ata que as dificultades financeiras a obrigaron a vendela en 1894,[8] pero Anton Jürgenstein continuou coa súa publicación até 1905.[10]
En 1899, Wiegandt pechou a escola de Viljandi, casou con Jaan Lammas e a parella levou a Suburg a vivir con eles á aldea letoa de Omuļi na granxa de Egerí. Nai e filla volveron abrir unha escola onde ensinaba aos nenos ata 1907, cando naceu a filla de Lammas.[11] Suburg publicou o seu último relato, Linda, rahva tütar (Linda, a filla do pobo) en 1900 e comezou a traballar nas súas propias memorias, entre as que destaca Suburgide perekond (A familia Suburg), publicada en la revista Eesti Kirjandus entre 1923 e 1924), que presenta unha visión da sociedade do momento.[4]
Aínda que foi recoñecida como unha das primeiras feministas de Estonia e nomeada membro honoraria da Sociedade de Mulleres de Tartu en 1916, non puido asistir ao primeiro congreso de mulleres celebrado en Tartu en 1917,[9] no momento en que as mulleres estonianas conseguiron o dereito ao voto[8] e, simplemente mandou uns saúdos.
Morte e legado
[editar | editar a fonte]Nos seus últimos anos, Suburg viaxaba periodicamente para visitar á súa irmá Laura en Valga. Durante unha visita, morreu aló o 8 de febreiro de 1923. Foi enterrada no antigo cemiterio de Vändra en Vändra, Estonia. A Sociedade de Mulleres de Vändra encargouse da súa tumba e, en 1926, a Unión de Organizacións de Mulleres de Estonia (en estoniano: Eesti Naisorganisatioonide Liit) erixiu un monumento á súa memoria.[9] En 1982, colocouse unha placa conmemorativa no lugar que albergara a súa escola e a oficina editorial de Linda en Viljandi.[3]
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Dillane (2021), p. 8.
- 1 2 Tamul, Lätt & Kostabi 2006, p. 544
- 1 2 3 4 5 6 7 Vahtre 1997
- 1 2 3 K., A. (17 de outubro de 2021). "Lilli Suburg". sisu.ut.ee (en inglés). Archived from the original on 17 de outubro de 2021. Consultado o 22 de abril de 2026.
- ↑ Tamul, Lätt & Kostabi 2006, pp. 544–545
- 1 2 3 4 Tamul, Lätt & Kostabi 2006, p. 545
- ↑ Tamul, Lätt & Kostabi 2006, pp. 545–546
- 1 2 3 Tamm, Evelin (8 de marzo de 2017). "The very first Estonian feminists – Lilli Suburg and Marie Reisik". estonianworld.com (en inglés). Archived from the original on 08 de marzo de 2017. Consultado o 18 de abril de 2026.
- 1 2 3 Tamul, Lätt & Kostabi 2006, p. 546
- ↑ Eesti Rahvusraamatukogu. "Linda : Esimene literatuurlik ja ajakohane ajakiri Eesti naisterahvale" [Linda: A primeira revista literaria e actual para mulleres estonianas]. dea.digar.ee (en estoniano). Consultado o 18 de abril de 2026.
- ↑ Einasto 2013, p. 26
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]| Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Lilli Suburg |
Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Dillane, Fionnuala (verán 2021). "“What is a Periodical Editor? Types, Models, Characters, and Women”". Journal of European Periodical Studies (en inglés) 6 (1): 7–24. ISSN 2506-6587. doi:10.21825/jeps.v6i1.20638.
- Einasto, Jaan (2013). Dark Matter and Cosmic Web Story (en inglés). Danvers, Massachusetts: World Scientific. ISBN 978-981-4551-06-9.
- Tamul, Sirje; Lätt, Andra; Kostabi, Leili (2006). "Suburg, Lilli (Caroline) (1841–1923)". En Haan, Francisca; Daskalova, Krassimira; Loutfi, Anna. Biographical dictionary of women's movements and feminisms in Central, Eastern, and South Eastern Europe: 19th and 20th centuries (en inglés). Budapest: Central European University Press. pp. 544–547. ISBN 978-9-637-32639-4.
- Vahtre, Sulev (1997). "Suburg, Lilli 1841-1923". Eesti ajalugu elulugudes: 101 tähtsat eestlast (en estoniano). Talín: Olion. ISBN 978-9985-66-081-2.