Lili Bleeker

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Infotaula de personaLili Bleeker

Editar o valor em Wikidata
Biografía
Nacemento17 de xaneiro de 1897 Editar o valor em Wikidata
Middelburg, Países Baixos Editar o valor em Wikidata
Morte8 de novembro de 1985 Editar o valor em Wikidata (88 anos)
Zeist, Países Baixos Editar o valor em Wikidata
Datos persoais
País de nacionalidadeReino dos Países Baixos Editar o valor em Wikidata
EducaciónUniversidade de Utrecht Editar o valor em Wikidata
Director de teseLeonard Ornstein Editar o valor em Wikidata
Actividade
Lugar de traballo Utrecht (en) Traducir (1930–1963) Editar o valor em Wikidata
Ocupaciónmatemática , membro da resistencia , física , construtora de instrumentos Editar o valor em Wikidata

Caroline Emilie Bleeker, máis coñecida como Lili Bleeker, nada en Middelburg (Países Baixos) o 17 de xaneiro de 1897 e finada en Zeist (Países Baixos) o 8 de novembro de 1985, foi unha empresaria e física neerlandesa, coñecida polos seus deseños e fabricación de instrumentos ópticos. Aínda que non era habitual que as mulleres desenvolvesen unha carreira senón que traballasen no fogar, decidiu continuar coa súa educación e nunca chegou a casar coa súa parella, Gerard Willemse, o cal era altamente infrecuente para a época.[1] Ao acabar os seus estudos, converteuse nunha das primeiras mulleres nos Países Baixos en converterse en doutora en física e matemáticas.[2] Tras obter o seu doutoramento, fundou unha empresa dedicada á física, que influíu na creación da Organización Neerlandesa para a Investigación Científica Aplicada, e construíu unha pequena fábrica para a elaboración de instrumentos científicos e ópticos.

A empresa de Bleeker sufriu duramente os efectos da segunda guerra mundial. As vendas baixaron, tivo que despedir a algúns dos seus empregados e aos restantes tívolles que pagar do seu propio peto.[3] Bleeker, xunto coa súa parella Willemse, tivo que esconderse por ocultar a xudeus dos oficiais alemáns despois de que estes últimos invadisen a súa fábrica.[4] Tras o fin da guerra, a súa empresa rexurdiu, e debido aos seus actos durante a guerra foi recoñecida coa Medalla Real do exército neerlandés e concedéuselle un préstamo para recuperarse e abrir unha nova fábrica en Zeist. A súa empresa fabricou os instrumentos ópticos necesarios para o desenvolvemento do microscopio de contraste de fases, inventado por Frits Zernike, que recibiu por iso o premio Nobel en 1953.[4][5]

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Lili Bleeker naceu o 17 de xaneiro de 1897 en Middelburg, era a menor dos cinco fillos de John Lambert Bleeker, un pastor luterano desa cidade, e Martha Gerhardina Döhne.[6] Criouse en Middelburg e mostrou unha gran precocidade na súa infancia, de forma que saltou o seu primeiro ano de primaria. Bleeker asistiu ao instituto Lange Sint en Middelburg, e aínda que era unha estudante brillante a súa nai desalentábaa a continuar os seus estudos.[7] Con todo, Bleeker decidiu continuar os seus estudos a pesar destas reticencias.

En 1916, entrou na Universidade de Utrecht para estudar física e astronomía.[8] Durante a carreira, Bleeker traballou como profesora nunha escola secundaria feminina para pagar os seus estudos, aínda que non se vía apta para o traballo porque considerábase demasiado nova. Como resultado, traballou como titora privada.[6] En 1919 converteuse en axudante de laboratorio de varios profesores no Observatorio Sonnenborgh de Utrecht e en 1926 foi nomeada axudante xefe.[1][7] O 5 de novembro de 1928 completou o seu doutoramento en física cum laude da Universidade de Utrecht baixo a dirección de Leonard Ornstein, que a describiu como «moi intelixente e ben formada, tanto teórica como experimentalmente». A tese de Bleeker tratou sobre a medida de emisión e dispersión no espectro de metais alcalinos. A imprenta responsable de imprimir a súa tese era propiedade do pai do que sería a súa parella, Gerard Willemse.

Carreira[editar | editar a fonte]

O 5 de xuño de 1930, 18 meses despois de obter o seu título, Bleeker fundou unha consultoría física que traballou con diversas empresas e fábricas de instrumentos científicos.[1] A súa consultoría serviu de modelo para a fundación da Organización Neerlandesa para a Investigación Científica Aplicada en 1932. Máis tarde, Bleeker abriu unha fábrica de instrumental científico e óptico. Até 1936, a empresa centrouse na fabricación de ferramentas de laboratorio e instrumentos para medir a electricidade. Con todo, en 1936, Bleeker decidiu fundar un obradoiro de óptica, e en 1937 comezou a produción de instrumentos ópticos. Os seus deseños foron punteiros na industria óptica dos Países Baixos, que até entón era case inexistente. En 1938, Bleeker comezou a fabricar prismáticos para o exército neerlandés. En 1940, os Países Baixos entraron na segunda guerra mundial e Bleeker detivo a produción de prismáticos xa que non quería producir nada para o exército alemán. No entanto, mantivo a produción doutros instrumentos. Desenvolveu microscopios para as universidades neerlandesas e os seus estudantes. Bleeker tamén escondeu a cidadáns xudeus na súa fábrica ata que en 1944 as autoridades alemás recibiron información respecto diso. Logrou enganar aos oficiais alemáns e escapar cos xudeus, pero Bleeker e a súa parella tiveron que esconderse tamén.[7] Durante ese tempo os alemáns pecharon a súa fábrica. Tras a guerra, abriu unha nova fábrica, que foi a primeira no mundo en fabricar o microscopio de contraste de fases inventado por Frits Zernike.[9]

Recoñecementos[editar | editar a fonte]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 1,2 "Dr. Caroline Emilie Bleeker, physicist and businesswoman". Arquivado dende o orixinal o 01 de xuño de 2020. Consultado o 1 de decembro de 2017. 
  2. "Nedoptifa S microscoop". Arquivado dende o orixinal o 01 de xuño de 2020. Consultado o 1 de decembro de 2017. 
  3. van Ginkel, Gijs. "BINOCULARS MADE IN HOLLAND: BLEEKER DR. CAROLINE (LILI) EMILIE BLEEKER (1897-1985) BRILLIANT SCIENTIST DUTCH PIONEER DESIGNER AND PRODUCER OF OPTICAL INSTRUMENTS INITIATOR AND DIRECTOR OF THE FIRST DUTCH OPTICAL FACTORY NEDOPTIFA (1930-1978). A short history" (PDF). 
  4. 4,0 4,1 "Nedoptifa | Delft Microbiology". Consultado o 2 de decembre de 2017. 
  5. Razkin, Uxue. "La empresaria “Lili” Bleeker y las lentes que valieron un Nobel". Mujeres con ciencia. Consultado o 19 marzo 2020. 
  6. 6,0 6,1 djr (20 de marzo de 2017). "Digitaal Vrouwenlexicon van Nederland". Consultado o 2 de decembro de 2017. 
  7. 7,0 7,1 7,2 7,3 Haines, Catharine M. C. International Women in Science: A Biographical Dictionary to 1950 (en inglés). ABC-CLIO. ISBN 9781576070901. 
  8. "CAROLINE EMILIE BLEEKER". Consultado o 2 de decembro de 2017. 
  9. Van Ginkel, Gijs. "BINOCULARS MADE IN HOLLAND: BLEEKER" (PDF).