Liga Gallega (A Coruña)

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Liga Gallega
Tipopartido político
Ideoloxíagaleguismo
Data de fundación1897
Data de disolución1907
SedeA Coruña
PaísGalicia
editar datos en Wikidata ]
Cartón postal da Liga Gallega coa bandeira de Galicia, a máis antiga conservada.[1]

A Liga Gallega foi un grupo político rexionalista liberal fundado en 1897 na Coruña por iniciativa dos participantes na tertulia rexionalista A Cova Céltica, e como esta tiña a súa sede na librería de Carré Aldao; presidido por Manuel Murguía e dirixido por un comité integrado por Manuel Lugrís Freire, Uxío Carré Aldao e Salvador Golpe que en 1898 redactaron o seu regulamento, integramente en galego. Waldo Álvarez Insua foi o presidente en 1899.

Foi unha das correntes nas que se bifurcou a Asociación Regionalista Gallega, presidida por Murguía. A Liga Gallega da Coruña tivo unha inspiración liberal, fronte á Liga Gallega de Santiago de Compostela, máis conservadora.

Despois de 1900 tivo escasa actividade, aínda que sobreviviu ata 1907. O seu órgano de expresión foi ata mediados de 1898 Revista Gallega que dirixía Galo Salinas. Foi pola súa iniciativa que se ergueu en 1904 o monumento en memoria dos Mártires de Carral.

A Liga Gallega naceu en defensa dos intereses materiais, morais, políticos, económicos e sociais de Galicia. Pedía a constitución dunha autonomía para Galicia de igual xeito que se concedera a Cuba e Porto Rico e a fins de 1897 iniciou unha campaña de recollida de sinaturas.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. VVAA (2006). Galicia, a forza da palabra. Centenario da Real Academia Galega. Fundación Caixa Galicia. p. 119. ISBN 84-96494-82-9.