Saltar ao contido

Libros del Asteroide

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
 Libros del Asteroide
Imaxe
 Instancia de
Datas
 Fundación / creación
2005 Editar o valor en Wikidata
Localización
 Sede
 País
Códigos e identificadores
VIAF6145424147686791687 Editar o valor en Wikidata
Fontes e ligazóns
 Páxina WEB
Facebook: librosdelasteroide Twitter: LibrosAsteroide Youtube: UCAdnFn6oSCyxOEoiQKkQnEw Editar o valor en Wikidata
Wikidata

Libros del Asteroide é unha editorial independente fundada en Barcelona en 2005 por Luis Solano. A firma recibiu varios premios e recoñecementos, entre os que destaca o Premio Nacional ao Mellor Labor Editorial Cultural concedido polo Ministerio de Cultura de España en 2008.[1]

O catálogo de Libros del Asteroide conta cunha única colección que en 2024 chegara aos 322 títulos. O seu fío condutor non é outro que o criterio do fundador, quen, valorando a súa calidade literaria, a forza emocional e o entretemento, selecciona persoalmente as obras. Aínda que inicialmente se propuxera publicar traducións ao castelán de literatura estranxeira moderna descatalogada ou inédita, pronto saíu deste estreito campo para incorporar libros de non ficción (desde 2007), narrativa estranxeira actual (desde 2009) e incluso autores emerxentes da narrativa castelá actual (desde 2014).[2]

Deste xeito acabaron convivindo na mesma colección a narrativa, a novela negra, o ensaio, as biografías e os libros de viaxes.[3] O deseño do logotipo e das cubertas, a dúas tintas e combinando tipografía clásica e moderna, foi obra de Enric Jardí, que traballara para empresas editoras como Emecé, Editorial Mina e Grupo 62; máis tarde sería substituído por Jordi Duró.[4] En 2008, Libros del Asteroide asociouse ás editoriais Impedimenta, Nórdica Libros, Periférica e Sexto Piso para fundar Contexto Editores, colectivo que insistiu na necesidade das pequenas editoriais de unir forzas e que organizou campañas de fomento da lectura.[2] En 2021 a editorial convocou por primeira vez o Premio de Non Ficción Libros del Asteroide.[3]

Os primeiros títulos editados por Libros del Asteroide foron En busca del barón Corvo (2005), de A. J. A. Symons; A la caza del amor (2005), de Nancy Mitford, e Dos inglesas y el amor (2005), de Henri-Pierre Roché. Un ano despois El quinto en juego (2006), de Robertson Davies, gañou o premio da narrativa que concede o Gremio de Libreiros de Catalunha. A editorial publicou autores de expresión castelá como Manuel Chaves Nogales, Marcos Ordóñez, Eduardo Halfon e Llucia Ramis, e escritores internacionais vivos como Christopher R. Beha, Jean Rolin o Nickolas Butler. Tamén traduciu ao castelán clásicos catalás, como K. L. Reich, de Joaquim Amat-Piniella, ou El desgavell, de Ferran Planes.[5]

  1. Letras de Encuentro. "Editorial Libros del Asteroide". letrasdeencuentro.es (en castelán). Consultado o 24 de outubro de 2025.
  2. 1 2 González Gómez, Sofía. "Libros del Asteroide (2005- )". Biblioteca Virtual Miguel de Cervantes (en castelán). Consultado o 8 de xullo de 2025.
  3. 1 2 L'Illa dels Llibres (2025-05-11). "20 anys de Libros del Asteroide, literatura en òrbita lliure i amb més llibertat que un planeta". illadelsllibres.com (en catalán). Consultado o 8 de xullo de 2025.
  4. Mengual, Josep (2024-01-12). "La órbita de los Libros del Asteroide". Negritas y Cursivas (en castelán). Consultado o 8 de xullo de 2025.
  5. Nopca, Jordi (11-07-2015). "Libros del Asteroide celebra deu anys de publicar “bons llibres”". Ara (en catalán). Consultado o 8 de xullo de 2025.