Libia italiana

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á busca
Libia italiana
Libia italiana

19111942
 

Bandeira Escudo
En verde (escuro e claro) a Libia italiana
dentro do Imperio Italiano
Capital Trípoli
Lingua árabe, italiano
Relixión islam, catolicismo, xudaísmo
Goberno Reino de Italia
Rei de Italia Vítor Manuel III
Gobernador Xeral de Libia
 • 1934 - 1940 Italo Balbo
 • 1940 - 1941 Rodolfo Graziani
 • 1941 Italo Gariboldi
 • 1941 - 1943 Ettore Bastico
Período histórico Imperio Italiano
 • Establecido 1911
 • Guerra italo-turca 1911 - 1912
 • Segunda Batalla de El Alamein 23 de outubro de 1942

Libia italiana foi unha colonia do Reino de Italia que formaba parte da África Setentrional Italiana.[1]

Historia[editar | editar a fonte]

Nas últimas décadas do século XIX as principais potencias europeas colonizaran a case totalidade do continente africano. A conferencia de Berlín de 1884, organizara o repartimento colonial de África, deixando o que se consideraban as mellores zonas baixo o control das potencias de primeira orde. O Reino de Italia, que non gozaba dese status (pero que xa tiña presenza no Corno de África desde 1869, quedara á marxe da repartición colonial.

Italia procurouse a si mesma un imperio colonial no territorio libio invadíndoo en 1911, aproveitando a súa proximidade coa península Italiana e a debilidade do imperio Otomán. Libia permanecera, até ese momento, e debido ao descoñecemento dos seus potenciais recursos por parte das nacións coloniais europeas, baixo o control máis ou menos directo do imperio Otomán, sen ter maior relevancia desde o punto de vista xeoestratéxico.

A presenza italiana en Libia afianzouse coa chegada ao poder de Benito Mussolini no Reino de Italia (1922), que emprendeu unha campaña de "pacificación" do territorio libio, buscando eliminar calquera posíbel resistencia local e consolidar o réxime colonial italiano sobre as provincias libias. Porén, isto trouxo o incremento dos problemas derivados deste réxime colonial. A pesar da extremada pobreza da maior parte do territorio, o goberno italiano intentou o asentamento de colonos italianos, especialmente de campesiños procedentes de Sicilia e do sur de Italia.

Expansión italiana en Libia

. Lenda:

     1912 - Do Impero Otomán - Segundo o Tratado de Lausana      1919 - Da Alxeria francesa e da África Occidental Francesa - Segundo o Tratado de Versalles      1923 - De jure do Imperio Otomán - Seguundo o Tratado de Lausana - 1931 - De facto de Senussi - Seguido da Conquista italiana de Cufra      1926 - De Exipto - En compensación á participación na Primeira Guerra Mundial      1934 - Do Sudán Anglo-Exipcio - En compensacióne á participación na Primeira Guerra Mundial      1935 - Da África Ecuatorial Francesa - Segundo o Acordo franco-italiano en compensación á participacióne na Primeira Guerra Mundial - non ratificado

O gobernador Italo Balbo, "creador" da Libia italiana, en 1934.

Familias enteiras viaxaron na busca dun mellor porvenir, esperanzados pola promesa de recibir terras gratuítas por parte do Estado. Pero estas terras non eran as mellores e, a pesar da proximidade con Italia, eran totalmente diferentes, xa que eran en gran medida zonas desérticas ou semidesérticas. As terras máis aptas para o cultivo encontrábanse no litoral mediterráneo, polo que as poboacións nativas foron desprazadas á forza para dar as súas terras aos colonos. Isto provocou conflitos coa poboación autóctona, que terminaron en 1931, data na que os beduínos Sanusi abandonaron a resistencia fronte aos italianos. O xefe dos Sanusi era o xeque Sidi Idris, que recibiu o título de emir de Cirenaica con soberanía sobre o oasis de Cufra.

En 1934 o gobernador Italo Balbo uniu as dúas colonias italianas de Tripolitania e Cirenaica, creando a chamada Libia italiana, cuxos límites correspondían á actual Libia (en 1935 foi engadida a Franxa de Aouzou). Balbo fixo prosperar a súa colonia asentando moitos colonos italianos en vilas e cidades construídas para eles: en 1938 e 1939 fixo chegar os chamados Ventimilli, é dicir, 20 000 colonos italianos que se asentaron en varias ducias de novas colonias agrícolas.[2]

En 1940 había case 120 000 italianos en Libia, que representaban o 13 % do total da poboación. Balbo creou novas pequenas cidades para o desenvolvemento agrícola do norte de Libia por parte destes colonos italianos (e algnhas tamén para os árabes locais).

Con Balbo realizáronse infraestruturas fundamentais para Libia, como a estrada da costa desde Tunisia até Exipto, 400 km de liñas férreas, portos e hospitais, etc. Todo este progreso estancouse co inicio das hostilidades entre a Italia fascista e o Reino Unido en xuño de 1940. Balbo foi o único xefe fascista que se opuxo á alianza de Mussolini con Hitler, e que se opuxo tamén, até a súa morte accidental (por certo, dubidosa para algúns), á entrada de Italia na Segunda Guerra Mundial.

Durante a Segunda Guerra Mundial libráronse cruciais batallas en territorio libio, como a batalla de Tobruk, que en gran medida decidiron a sorte da guerra no seu teatro europeo.

Tras un ataque italiano ao reino de Exipto en 1940, os contraataques británicos requiriron a intervención de forzas alemás. O famoso Afrika Korps, mandado polo xeneral Rommel, combateu cos italianos os aliados, dirixidos por Montgomery.

Libia despois da II GM.

En 1943 os italo-alemáns foron finalmente derrotados e as tropas do Eixe foron expulsadas da costa norteafricana.

No período postbélico a maior parte de Libia quedou baixo administración británica, salvo a zona de Fezzan, controlada por Francia.

En 1947 Italia quedou sen colonias en virtude do Tratado de Paz de París e así perdeu a Libia italiana. Para a comunidade italiana empezou un difícil período en que se reduciu a súa presenza considerabelmente.

O territorio de Fezán uniuse a Tripolitania e Cirenaica para formar o Reino de Libia o 24 de decembro de 1951.

Foi o primeiro país en lograr a independencia a través das Nacións Unidas, e unha das primeiras antigas posesións europeas en África en gañar a independencia.

Despois de derrocada a monarquía, en 1970 o ditador libio Muammar al-Gaddafi expulsou os últimos 20 000 italianos que quedaban en Libia.

División administrativa[editar | editar a fonte]

A Libia italiana foi dividida en catro provincias ou comisariados (Commissariati ou, oficialmente, Commissariati generale provinciali), e un territorio militar:

  • Provincia de Trípoli (Provincia di Tripoli) (capital Trípoli)
  • Provoincia de Misurata (Provincia di Misurata) (capital Misurata)
  • Provincioa de Bengasi (Provincia di Bengasi) (capital Bengasi)
  • Provincia de Derna (Provincia di Derna) (capital Derna)
  • Territorio Militar do Sur (Territorio Militare del Sud)

A capital administrativa de toda a Libia italiana, onde residía o gobernador, era Trípoli.

Mapas das provincias da Libia italiana

A comunidade italiana de Libia[editar | editar a fonte]

A comunidade italiana en Libia foi pequena inicialmente a causa da guerrilla árabe entre 1912 e 1922.

Coa chegada de Mussolini ao poder empezou a crecer o número de italianos en Libia e xa en 1940 eran case 120 000, concentrados na costa.

Ano Italianos Porcentaxe Habitantes de Libia Fonte
1936 112 600 13,26 % 848.600 Enciclopedia Geografica Mondiale K-Z, De Agostini, 1996
1939 108 419 12,37 % 876 563 Guida Breve d'Italia Vol. III, C.T.I., 1939
1962 35 000 2,1 % 1 681 739 Enciclopedia Motta, Vol. VIII, Motta Editore, 1969
1982 1 500 0,05 % 2 856 000 Atlante Geografico Universale, Fabbri Editori, 1988
2004 22 530 0,4 % 5 631 585 L'Aménagement Linguistique dans le Monde

Cómpre facer notar que os 22 530 italianos do 2004 eran, na súa maioría, traballadores da industria petroleira italiana con nacionalidades asiáticas, que foron rexistrados polas autoridades libias como "italianos".

Despois da derrota italiana moitos italianos emigraron de Libia. Os últimos 20 000 foron expulsados en 1970. Agora quedan en Libia soamente uns poucos centos de vellos colonos italianos, concentrados en Trípoli e Bengasi.

Italianos famosos nacidos en Libia[editar | editar a fonte]

Notas[editar | editar a fonte]

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Antonicelli, Franco (1961): Trent'anni di storia italiana 1915-1945. Torino: Mondadori.
  • Chapin Metz, Hellen (1987): Libya: A Country Study. Washington: GPO for the Library of Congress.
  • Del Boca, Angelo (1997): Gli italiani in Libia. Vol. 1: Tripoli bel suol d’Amore. Milano: Mondadori. ISBN 978-88-0442-660-8.
  • Del Boca, Angelo (1997): Gli italiani in Libia. Vol. 2. Milano: Mondadori. ISBN 978-88-0443-235-7.
  • Maravigna, Pietro (1949): Come abbiamo perduto la guerra in Africa. Le nostre prime colonie in Africa. Il conflitto mondiale e le operazioni in Africa Orientale e in Libia. Testimonianze e ricordi. Roma: Tipografía L'Airone.
  • Sarti, Roland. The Ax Within: Italian Fascism in Action. New York: Modern Viewpoints. ISBN 978-0-5310-6367-5.
  • Smeaton Munro, Ion (1974): Trough Fascism to World Power: A History of the Revolution in Italy. Manchester, New Hampshire, USA: Ayer Publishing. ISBN 0-8369-5912-4.
  • Tuccimei, Ercole (1999): La Banca d'Italia in Africa, Presentazione di Arnaldo Mauri, Collana storica della Banca d'Italia. Bai: Laterza. ISBN 88-4205-686-3.
  • Taylor, Blaine (1996): Fascist Eagle: Italy's Air Marshal Italo Balbo. Missoula, Montana, USA: Pictorial Histories Publishing Company. ISBN 1-5751-0012-6.

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]