Libertalia
Libertalia [1][2] ou Libertatia[3][4], era o nome dunha colonia establecida na costa norte de Madagascar, probablemente na illa Nosy Boraha, polo capitán pirata Misson e o dominico Caraccioli a finais do século XVII. De existencia discutida, enmárcase no contexto da piratería dos séculos XVII e XVIII, época de grande auxe de corsarios e bucaneiros e na que floreceron gran número de asentamentos incontrolados dos mesmos.
Historia
[editar | editar a fonte]Misson e Caraccioli tomaran o mando do buque de guerra francés Victoire á morte do capitán Fourbin en combate naval nas Antillas cun buque inglés. Animados por Caraccioli, lector da Utopía de Tomás Moro, os 200 tripulantes do barco aprópianse del, nomeando capitán do barco a Misson, decidindo dedicarse a liberar escravos dos barcos negreiros como ocupación principal.
Os piratas tomaron a decisión de colectivizar todo o buque, sometendo todas as cuestións ao Voto da Compañía, dar un trato humanitario aos prisioneiros e prohibiron o alcol e a blasfemia; así como obrigarse mutuamente ao traballo e a defensa.
Enarborando unha bandeira branca coa lenda "Por Deus e a Liberdade", puxeron rumbo á costa occidental de África, onde capturaron un barco negreiro holandés, do que liberaron os escravos e gran parte deles pasaron a formar parte da tripulación. Dobraron o Cabo de Boa Esperanza e dirixíronse á illa de Madagascar, territorio que aínda non estaba reclamado por ningunha das potencias da época. Alí atoparon unha baía para desembarcar cunha boa subministración de auga, boas terras de labor e nativos amigables, polo que elixiron o lugar para fundar unha colonia, que lles serviu de base de operacións durante as súas correrías polo océano Índico. Déronse a si mesmos o nome de Liberi, e renunciando á súa nacionalidade, xuntáronse sen diferenzas de raza, falando unha linguaxe común, mestura do francés, inglés, holandés, portugués e malgaxe nativo, creando un idioma parecido ao esperanto. Puxeron todo o botín nun fondo común e aboliron o diñeiro, xa que non tiñan necesidade del nun lugar onde todo era comunitario, e volvéronse granxeiros.
Unha vez establecidos atopáronse co pirata Thomas Tew, unha persoa nada allea á idea de formar unha colonia, tendo en conta que perdera parte dos seus homes nun intento de desembarco na costa da illa. Este capitán pirata nacera en 1650 en Nova Inglaterra e en 1691 comprara parte do barco Amity. A este barco sumoulle outro pequeno ao mando de George Drew e xuntos dobraron o Cabo e dirixíronse ao Golfo de Adén, onde capturaron un veleiro árabe que lles repuxo unha suma de 3.000 libras para cada home. Dirixíronse cara ao sur e foi entón cando se atoparon con Libertatia. Misson quixo fortalecer a colonia e decidiu atacar barcos escravistas no golfo de Guinea, empresa que propuxo a Tew e que este aceptou. Ao mando do Amity dirixiuse a dobrar o Cabo e fronte a el atrapou un barco holandés, o East Indianman, uníndoselles 9 mariños holandeses e desembarcando ao resto. Na costa da Guinea, capturou a un buque negreiro inglés, onde liberou a 240 escravos, entre homes, mulleres e nenos. A colonia foi punto de reparación doutros buques, entre eles o do soado capitán Kidd, que tivo que ver como a metade da súa tripulación uníase á colonia.
Finalmente Trew decidiu volverse a América, pero regresou en pouco tempo con outro barco, o Frederick. Misson e Tew, cada un cun barco e 250 tripulantes dirixíronse ao Golfo de Adén, onde capturaron un barco con máis de 1.000 pasaxeiros, peregrinos indúes que se dirixían á Meca, desembarcándoos a todos, menos a un grupo de 100 mulleres de entre 12 e 18 anos de idade, a pesar da oposición de Misson. Cinco barcos portugueses atacaron a colonia, dos cales afundiron 2 e capturaron un. Aproveitando unha ausencia da frota, nativos malgaxes atacárona, morrendo Caraccioli no enfrontamento. Misson escapou con 45 homes e dous barcos, e unha considerable parte do botín, pero a colonia quedo abandonada. Tew volveuse a América, retirándose en Rhode Island e Misson morreu ao afundirse o seu barco nunha tormenta no Cabo. Posteriormente, os seus tripulantes convenceron a Tew de volver embarcarse, morrendo este dunha ferida recibida en combate no Mar Vermello.
Os piratas da época
[editar | editar a fonte]Era normal que nos buques piratas de entón non houbese distincións. Os capitáns elixíanse en votación e eran considerados iguais que os seus compañeiros, tendo como función a de dirixir o barco durante os combates, e sendo iguais á hora de repartir o botín.
Nestes barcos dábase un trato igualitario aos seus tripulantes, polo que non era raro que se convertesen no único sitio onde podía acudir un escravo fuxido e ser tratado en plano de igualdade con todos, do mesmo xeito que os nativos americanos.
Había outras cousas que distinguía aos bucaneiros, eran igualitarios en sexo (houbo capitáns mulleres) e non castigaban a homosexualidade, ao contrario das mariñas civís e militares do momento, onde era severamente castigada. Nos barcos adoitábase permitir o alcol, polo que non era raro que bandearan polo mar sen decidirse a un sitio, e gustábase da música, con ritmos adaptados de África e O Caribe.
Discusión
[editar | editar a fonte]A historia de Libertalia esta baseada nunha única fonte, o libro do capitán Charles Johnson A General History of the Robberies and Murders of the Most Notorius Pirates, publicado en Londres en 1728.
In either case the story of Libertalia represents the literary expression of the living traditions, practices and dreams of the Atlantic proletariat
Pénsase que este capitán é un pseudónimo do escritor Daniel Defoe, autor de Robinson Crusoe, que o utilizou para facer un panexírico das súas ideas, influídas polo partido Whig. Moitos autores táchana de falsa, xa que non hai corroboracións da época; pero o certo é que no momento foi bastante aceptada. O libro do capitán Johnson contiña historias reais doutros piratas e bucaneiros do momento e entón non foi discutida a exactitude das súas historias.
O certo é que naquela época fundáronse varias colonias por parte dos piratas, e moitas delas funcionaban seguindo uns principios colectivistas non moi distintos dos relatados no libro. Discutiuse se o Capitán Misson foi un personaxe real, pero sábese que existiu o Capitán Tew. A historia era crible no momento porque houbo moitas colonias piratas en Madagascar, aínda que poida que o libro sexa unha versión novelada da historia por Defoe.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Daniel DEFOE, Libertalia, París, L'esprit frappeur, ISBN 2-84405-058-1
- ↑ J. MARTIN, OMONDL, Sang et encre : Libertalia (tome 3) (BD), Delcourt Productions, 2002
- ↑ The True History of the Pyrate Captain Misson, His Crew & Their Colony of Libertatia. Londres. Spectacular Times, 1980
- ↑ Daniel Defoe, A General History of the Pyrates ISBN 0-486-40488-9, Dover Publications, 1999
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Bibliografía
[editar | editar a fonte]- The True History of the Pyrate Captain Misson, His Crew e Their Colony of Libertatia. Londres. Spectacular Times, 1980 (en inglés)
- Daniel Defoe, A General History of the Pyrates (Dover Publications, 1999) ISBN 0-486-40488-9 (en inglés)
- Daniel DEFOE, Libertalia, París, L'esprit frappeur (en francés)
- J. MARTIN, OMONDL, Sang et encre : Libertalia (tome 3) (BD), Delcourt Productions, 2002 ISBN 2-84405-058-1 (en francés)
Outros artigos
[editar | editar a fonte]Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- Libertalia Arquivado 01 de setembro de 2009 en Wayback Machine. (en francés)