Liase
En bioquímica, unha liase é un encima que cataliza a ruptura de enlaces químicos en compostos orgánicos por un mecanismo distinto á hidrólise ou á oxidación, reaccións que son realizadas por outros encimas específicos chamados hidrolases e deshidroxenases, respectivamente. Como resultado do proceso de ruptura fórmanse frecuentemente novos dobres enlaces ou novas estruturas en anel.
Son encimas da clase IV que levan a cabo reaccións bioquímicas nas que se eliminan grupos por medio da rotura dun enlace, xeralmente entre dous átomos de carbono, entre carbono e osíxeno, entre carbono e nitróxeno ou entre carbono e xofre, para formar un dobre enlace. Tamén poden funcionar á inversa, catalizando a formación destes enlaces por medio da adición dun grupo ao dobre enlace. Por exemplo o encima adenilato ciclase, que cataliza a seguinte reacción, sería unha líase.
Unha característica peculiar das liases é que requiren a participación dun só substrato para realizaren unha reacción nun sentido, e de dous para realizaren a reacción en sentido oposto.
Nomenclatura
[editar | editar a fonte]Os nomes sistemáticos destes encimas son "substrato + grupo + liase". Os nomes comúns inclúen descarboxilases, deshidratases, aldolases etc. Cando a reacción inversa é máis importante, pode que se utilice o nome de sintase.
Clasificación
[editar | editar a fonte]Corresponden ao EC 4 na catalogación por medio do número EC. As súas subclases son:
- EC 4.1. Encimas que rompen enlaces carbono-carbono como as descarboxilases (EC 4.1.1), aldehido liases (EC 4.1.2), oxoácido liases (4.1.3) e outros (4.1.99).
- EC 4.2. Encimas que rompen enlaces carbono-osíxeno como as deshidratases.
- EC 4.3. Encimas que rompen enlaces carbono-nitróxeno.
- EC 4.4. Encimas que rompen enlaces carbono-xofre.
- EC 4.5. Encimas que rompen enlaces carbono-halóxeno.
- EC 4.6. Encimas que rompen enlaces carbono-fósforo como a adenilato ciclase e a guanilato ciclase.
- EC 4.99. Inclúe outros tipos de liases como a ferroquelatase.
Notas
[editar | editar a fonte]- EC 4 Introduction do Departmento de Química do Queen Mary, Universidade de Londres.