Li He

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Li He (李賀)
Nacemento790 ou 791
Lugar de nacementoHenan
Falecemento816 ou 817
Lugar de falecementoHenan
Causatuberculose
NacionalidadeChinesa
OcupaciónFuncionario, poeta
PaiLi Jinsu
Na rede
Musicbrainz: 762cd5f7-2768-42bf-af6a-0d64bdd16242 IMSLP: Category:Li,_He Editar o valor em Wikidata
editar datos en Wikidata ]

Li He (chinés tradicional: 李賀; chinés simplificado: 李贺; pinyin: Lǐ Hè; Wade-Giles: Li3 Ho4), nado en 791 e finado en 817, foi un escritor chinés da dinastía Tang.[1] O seu nome de cortesía foi Changji, e tamén foi coñecido como Guicai ou Shigui; os xaponeses coñéceno como Ri Ga.

Impediuselle realizar os exames imperiais debido a un tabú co seu nome. Morreu moi novo, e sempre destacou polo seu aspecto enfermizo. Foi un poeta dilixente, escribindo inmediatamente calquera verso que se lle ocorría, aínda estando fóra da casa, completando o poema ao volver ao fogar. A súa obra explora o fantasmal, o sobrenatural e mais o fantástico.

A súa popularidade e lugar no canon literario chinés variou co paso dos séculos. O seu estilo idiosincrático foi moi imitado durante a dinastía Qing. Durante esta época, a súa popularidade viuse afectada por un cambio nos gustos literarios, e as súas pezas foron excluídas da importante compilación San bai Tang shi 三百唐诗 ("Trescentos poemas dos Tang"). Porén, a súa obra recuperouse ao longo do século XX; foi un dos poetas de Tang máis apreciados por Mao Zedong.

Fontes[editar | editar a fonte]

O capítulo 137 do Jiu Tang shu 舊唐書 ("O antigo libro dos Tang") e o capítulo 203 do Xin Tang shu ("O novo libro dos Tang") ofrecen un breve resumo da biografía de Li He.[2][3]

Li Shangyin, un poeta da xeración posterior a Li He, escribiu Li He xiao chuan 李賀小傳 ("Unha pequena biografía de Li He").[2] Du Mu, no 831, redactou un prefacio aos poemas de Li He, menos emotivo ca o libro de Li Shangyin, pero no que apenas hai datos biográficos.[4]

As historias oficiais baseanse nestes rexistros previos, especialmente na obra de Li Shangyin.[4]

Nomes[editar | editar a fonte]

O seu nome de cortesía era Changji, polo que tamén é coñecido como Li Changji.[2] Así mesmo, foi chamado Guicai 鬼才 ("Talento demoníaco"), xa que o seu estilo morboso contrasta cos de Li Bai (chamado Tiancai 天才 ou "talento do ceo") e Bai Juyi (alcumado Rencai 人才 ou "talento humano").[5] Este título foille outorgado polo erudito da dinastía Song Qian Yi.[6]

Outro dos seus nomes foi Shigui 詩鬼 ("O demo da poesía"), tamén en referencia a Li Bai (Shixian 詩仙 ou "inmortal da poesía") e a Du Fu (Shisheng 詩聖 ou "sabio da poesía").[7]

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Primeiros anos[editar | editar a fonte]

A súa familia estaba emparentada coa dinastía gobernante, mais pertencía a unha rama secundaria que caera en declive en xeracións anteriores, polo que na época de Li He posuían un rango moi baixo.[2][8] As historias oficiais da dinastía Tang refírense a el como "descendente de Zheng Wang", mais non hai consenso sobre a identidade deste Zheng Wang.[4] A teoría máis aceptada é que se trata de Zheng Xiao Wang Liang, un dos tíos de Li Yuan, o primeiro emperador dos Tang, aínda que outras teorías o identifican con Zheng Wang Yuan Yi, décimo terceiro fillo de Li Yuan.[4]

Li He naceu en 790 ou 791; é probable que nacera no ano do cabalo, xa que vinte e tres dos seus poemas conservados empregan este animal como símbolo do propio poeta.[8] Nativo do condado de Fuchang (na actual provincia de Henan), comezou a compoñer poesía aos sete anos, e cando tiña só quince foi comparado co mestre de yuefu Li Yi.[2]

Carreira política[editar | editar a fonte]

Cando contaba con vinte anos, intentou presentarse aos exames imperiais, pero prohibiuselle por un tabú co seu nome: o primeiro carácter do nome do seu pai, Jinsu 晉肅, é homófono co primeiro carácter de Jinshi 進士, o nome do grao que tería obtido de superar os exames.[2] Este rexeitamento podería ser un pretexto elaborado polos seus rivais, que tiñan envexa do seu talento poético.[6]

Han Yu, que admiraba a súa poesía, escribiu o seu Hui bian 諱弁 para animalo a facer os exames, pero Li He non tivo éxito.[2] Serviu só durante tres anos nun posto moi baixo, antes de regresar ao seu pobo natal.[6]

Falecemento[editar | editar a fonte]

Li He é descrito sempre como enfermizo. Era un home extremadamente fraco, cunha soa cella, e que deixaba crecer moito as súas unllas.[2] Morreu no ano 816 ou 817, sendo un oficial pobre de baixo rango, á idade de vinte e seis ou vinte e sete.[8] Segundo o Li He xiao chuan, na hora da súa morte foi visitado por unha figura escarlata que o informou de que o señor do ceo (shangdi 上帝) o convocara para escribir poesía.[2]

Obra[editar | editar a fonte]

Escolma dos poemas de Li He
Páxina do Li He ge shipian 李賀歌詩篇

Li He foi un poeta do chamado período Tang medio, entre finais do século VIII e comezos do IX.[2][6] Entre as súas influencias literarias, están os seus contemporáneos Meng Jiao e Han Yu.[9] Tamén se teñen identificado influencias chamánicas do Chu Ci 楚辭 e da particular poesía de Li Bai.[9]

Consérvanse arredor de 240 poemas de Li He.[5] Segundo o Xin Han shu, a escasa cantidade de pezas conservadas débese á estrañeza da súa obra e á súa morte temperá.[10] Unha anécdota recollida no Taiping guangji 太平廣記 (978) conta que lle solicitaron a un curmán de Li que compilase os seus poemas; porén, este curmán desprezaba ao poeta, polo que se desfixo de moitos dos seus escritos.[10]

Hai dúas antoloxías principais dos seus traballos: Li He ge shipian 李賀歌詩篇 ("Escolma de cancións e poemas de Li He"), e mais o Waiji 外集 ("Escolma adicional").[2]

O Li He xiao chuan descríbeo como un poeta dilixente, que levaba sempre unha vella bolsa con papel para escribir e, sempre que se lle ocorría un verso, o anotaba e o gardaba dentro.[6][9] Ao volver a casa, reunía as novas liñas nun poema.[9]

A súa poesía é única, chea de imaxes fantásticas e infrecuentes, de onde procede o seu alcume de Guicai.[2] Practicamente ningún dos seus poemas está en verso regular (un estilo moi popular, coñecido como jintishi 近體詩), e adoitan conter palabras de mal agoiro como "avellentar" (lao 老) ou "morte" (si 死).[2] En poemas como Tianshang yao 天上谣 ("Balada celestial") e Meng tian 夢天 ("Un soño do ceo"), escribiu de maneira evocativa sobre o mundo dos deuses e o Buda.[2]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. "Li He - Tang Dynasty, Poetry, Lyrical - Britannica". www.britannica.com (en inglés). Consultado o 2023-12-04. 
  2. 2,00 2,01 2,02 2,03 2,04 2,05 2,06 2,07 2,08 2,09 2,10 2,11 2,12 2,13 Ozaki; et al. (2013). Chugoku bunkashi daijiten 中国文化史大辞典 (en xaponés). Taishukan Shoten. ISBN 978-4469012842. 
  3. Endō, Seiki (2005). "Gafu bungaku shijō ni okeru Ri Ga no ichi: Fuzan Takashi ni motozuku kōsatsu" (PDF). Tōkyō daigaku chūgokugo Chūgoku bungaku kenkyūshitsu kiyō (en xaponés) 8 (1): 1–24. Archived from the original on 02 de febreiro de 2017. Consultado o 14 de xaneiro de 2024. 
  4. 4,0 4,1 4,2 4,3 Ogawa, Tamaki, ed. (1975). Tōdai no shijin: Sono denki. Taishūkan Shoten. 
  5. 5,0 5,1 Kai, Katsuji; Higashi, Hidetoshi (2010). "Bantō godai no bungaku hihyō, shoron yakuchū (jō)". Fukuoka daigaku jinbun ronsō (en xaponés) 42 (3): 821–842. 
  6. 6,0 6,1 6,2 6,3 6,4 Matsuura, Tomohisa, ed. (1999). Kanshi no jiten 漢詩の事典 (en xaponés). Taishūkan Shoten. 
  7. Sugitani, Shizuka (2014). Chūgoku tōdai bungaku kenkyū: Kō Shō, Kō Kōken, Ryū Shin'un o chūshin ni (PDF) (en xaponés). Universidade de Kumamoto. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 15 de febreiro de 2017. Consultado o 14 de xaneiro de 2024. 
  8. 8,0 8,1 8,2 Frodsham, J.D. (1983). The Poems of Li He (790-816), vol. 1 (en inglés). North Point Press. ISBN 0-86547-084-7. 
  9. 9,0 9,1 9,2 9,3 Hinton, David (2014). Classical Chinese Poetry: An Anthology, vol. 1 (en inglés). Farrar, Straus and Giroux. ISBN 978-1-46687-322-3. 
  10. 10,0 10,1 Wu, Fusheng (1998). The Poetics of Decadence: Chinese Poetry of the Southern Dynasties and Late Tang Periods (en inglés). SUNY Press. ISBN 9780791437513. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]