Leptostráceos

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Leptostráceos
Leptostraca

Rango fósil: Cámbrico - Actualidade

Nebalia bipes
Clasificación científica
Reino: Animalia
Filo: Arthropoda
Subfilo: Crustacea
Clase: Malacostraca
Subclase: Phyllocarida
Orde: Leptostraca
Claus, 1880
Subordes
Véxase o texto
Esquema de Nebalia bipes que mostra as principais características da súa anatomía externa. 1: anténula; 2: rostro; 3: casca; 4: abdome/pleon; 5: furca; 6: telson; 7: pleópodos; 8: antena; 9: toracópodos; 10: ollo.

A dos leptostráceos (Leptostraca) é unha orde de crustáceos da clase dos malacostráceos, a única da subclase dos filocáridos.[1]

As súas especies, entre elas as do ben estudado xénero Nebalia, encóntranse en todos os océanos do mundo e adoitan considerarse que son organismos filtradores.[2]

Crese que son os membros máis primitivos da súa clase, a dos malacostráceos, e apareceron por primeira vez no rexistro fósil durante o período Cámbrico.[3]

Taxonomía[editar | editar a fonte]

Descrición[editar | editar a fonte]

A suborde foi descrita en 1904 polo zoólogo escocés, especialista en carcinoloxía, William Thomas Calman.[1]

Etimoloxía[editar | editar a fonte]

O nome científico Leptostraca está formado pola unión dos elementos de latín científico lept- e -ostraca.[4] O primeiro deriva do adxectivo do grego antigo λεπτός leptós, "fino", delgado",[4] e o segundo do latín científico -ostracum, neutro tirado do grego antigo ὄστρακον ‎óstracon, "vasilla de barro", "anaco dunha vasilla rota", e tamén "cuncha" (de molusco ou de crustáceo).[5][6][7][8] Literalmente: "os de casca fina".

Suborde[editar | editar a fonte]

A orde só contén unha suborde, a dos nebaliáceos (Nebaliacea).[1]

Características[editar | editar a fonte]

Os leptostráceos adoitan seren pequenos, normalmente miden de 5 a 15 mm de lonxitude.[9]

Estes crustáceos distínguense dos demais membros da súa clase por ter sete segmentos abdominais, en lugar de seis. A súa cabeza ten ollos compostos pedunculados, dous pares de antenas (unha birrámea e outra unirrámea) e un par de mandíbulas, pero sen maxilípedos.[2]

A casca é grande e comprende dúas valvas que cobren a cabeza e o tórax, incluíndo a maioría dos apéndices torácicos, e serve como bolsa de cría para os embrións en desenvolvemento. Os seis primeiros segmentos abdominais levan pleópodos, mentres que o sétimo ten un par de furcas caudais (apéndices abdominais en forma de forcada), que poden ser homólogas aos urópodos doutros crustáceos.[10]

Teñan as branquias nas extremidades torácicas, pero tamén respiran a través dunha membrana respiratoria no interior da casca. Os ovos eclosionan nun estadio postlarvario que carece dunha casca totalmente desenvolvida, pero que é parecida á dos adultos.[3]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 1,2 Calman, 1904 no WoRMS. Consultado o 6 de marzo de 2022.
  2. 2,0 2,1 J. K. Lowry (1999): «"Leptostraca". Crustacea, the Higher Taxa: Description, Identification, and Information Retrieval». Australian Museum. Arquivado desde o orininal o 23 de setembro de 2017. Consultado o 6 de marzo de 2022.
  3. 3,0 3,1 Robert D. Barnes (1982): Invertebrate Zoology. Filadelfia, Pensilvania: Holt-Saunders International. ISBN 978-0-0305-6747-6, pp. 708–709.
  4. 4,0 4,1 Leptostraca no Merriam-Webster Dictionary.
  5. «O periostraco (sic) é unha capa delgada composta dunha sustancia (sic) orgánica córnea coñecida como conquiolina» en Rosa Ramonell (1985): Guía dos mariscos de Galicia. Vigo: Galaxia. ISBN 84-7154-506-3, páx. 25.
  6. ostracum en YourDictinorary.
  7. ostracum Arquivado 13 de maio de 2016 en Wayback Machine. en International-Dictiorary.
  8. O termo óstracum, nos dous primeiros significados, úsase en arqueoloxía; no terceiro, en malacoloxía.
  9. Estela C. Lopretto (30 de xullo de 2003): "Phyllocarida", en answers.com.
  10. Franziska Knopf et al. (2006): "The urosome of the Pan- and Peracarida". Contributions to Zoology 75 (1-2): 1-21.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]