Saltar ao contido

Lepomis macrochirus

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Lepomis macrochirus
Estado de conservación
Pouco preocupante (LC)
Pouco preocupante[1]
Clasificación científica
Reino: Animalia
Filo: Chordata
Clase: Actinopterygii
Orde: Centrarchiformes
Familia: Centrarchidae
Xénero: Lepomis
Especie: Lepomis macrochirus
Rafinesque, 1810
Sinonimia[2]

Lepomis purpurescens Cope, 1870

Lepomis macrochirus[3] é unha especie de peixe de auga doce de América do Norte, que vive en regatos, ríos, lagos, lagoas e zonas húmidas ao leste das Montañas Rochosas. É a especie tipo do xénero Lepomis, da familia Centrarchidae.

Poden medrar ata os 41 cm de longo e pesar uns 2,0 kg. Aínda que a súa cor pode variar de poboación en poboación, normalmente teñen unha cor moi distintiva con cara e opérculo de cor azul intensa e púrpura, bandas oliváceas polos flancos e unha barriga de laranxa forte a amarela. Son omnívoros e comen calquera cousa que lles caiba na boca, pero principalmente pequenos insectos acuáticos e pequenos peixes. Son á súa vez depredados polos peixes Micropterus, outros centrárquidos máis grandes, Esox lucius e Esox masquinongy, Sander vitreus, troitas, garzas, picapeixes, tartarugas mordedoras e londras, e exercen unha función clave na cadea trófica do seu ecosistema de auga doce.

É un peixe popular entre os pescadores de cana que xeralmente se esconde arredor ou dentro de troncos vellos ocos e doutras estruturas mergulladas en pantanos, e pode vivir en augas profundas ou pouco profundas. Tamén gostan de refuxiarse entre plantas acuáticas e na sombra de árbores das ribeiras, movéndose dun refuxio a outro dependendo do momento do día ou da estación do ano.

Descrición

[editar | editar a fonte]

Ten un longo apéndice negro (a "orella") a cada lado da beira posterior do opérculo así como unha característica mancha na base da aleta dorsal. Os lados da cabeza e queixo son normalmente de tons escuros ou azuis, o que explica o nome local que lle dan en Norteamérica, bluegill (branquias azuis). A súa coloración precisa varía debido á presenza baixo a pel de cromatóforos controlados neuralmente.[4] Normalmente exhibe de 5 a 9 barrras verticais nos flancos do corpo inmediatamente despois de ser capturado, que forman parte da súa exhibición de ameaza.[5] Tipicamente ten un peito e abdome amarelado, que no macho reprodutor é laranxa brillante.[6] Ten tres espiñas na aleta anal, de dez a doce raios na aleta anal, de seis a trece espiñas na aleta dorsal, de once a doce raios dorsais, e de doce a trece raios pectorais. Caracterízase por ter un corpo alto e comprimido lateralmente. Teñen boca terminal, escamas ctenoides e unha liña lateral que está arqueada cara a arriba na parte anterior.[7]

O seu tamaño normalmente está entre 10 e 30 cm, e chega a un tamaño máximo duns 41 cm. O máis grande pescado foi un exemplar de 2,2 kg en 1950.[8]

Os peixes cos que máis está emparentado son os Lepomis humilis e os Lepomis microlophus, pero diferéncianse pola mancha preto da base da aleta dorsal branda.[6]

Posibles subespecies

[editar | editar a fonte]

Ás veces a especie divídese en tres subespecies,[3][5] pero a súa validez é moi discutida.[4] Estas son: a subespecie do norte L. m. macrochirus, a de nariz de cobre L. m. purpurascens e a subespecie do sur L. m. speciosus.[3]

L. m. macrochirus en Michigan
L. m. purpurascens na Florida

Distribución e hábitat

[editar | editar a fonte]
Exemplar pescado no lago Lanier.
Exemplar de L. m. purpurascens na Florida.

Vive como nativo nos Estados Unidos ao leste das Montañas Rochosas desde as costas de Virxinia ata as da Florida, e polo oeste chega ata Texas e norte de México, e polo norte ata o oeste de Minnesota, Nova York e sur de Ontario.[9] Foi intoducido en moitos lugares de América do Norte e Europa, Suráfrica, Zimbabwe,[10] Asia, América do Sur e Oceanía. Tamén se atoparon na baía de Chesapeake, o que indica que pode tolerar un 1,8 % de salinidade.[6]

Nalgúns lugares nos que foi introducido considérase unha praga: o comercio desta especie está prohibido en Alemaña e o Xapón. No caso do Xapón, exemplares deste peixe déronse como agasallo ao entón príncipe coroado Akihito en 1960, ofrecido por Richard J. Daley, alcalde de Chicago. O príncipe doou o peixe ás axencias de investigación de pesquerías do Xapón, desde onde o animal conseguiu escapar e acabou converténdose nunha especie invasora na natureza que causa estragos nas especies nativas, especialmente no lago Biwa. Akihito despois mesmo pediu perdón.[11]

Viven en augas pouco profundas de moitos lagos e lagoas, xunto con regatos, ríos pequenos e grandes. Prefire augas con moitas plantas acuáticas, e escóndese en ou preto de tronco caídos, vexetación acuática ou outras estruturas (naturais ou feitas polo home) que están mergulladas. Poden atoparse a miúdo en leitos de vexetación acuática, onde buscan comida ou desovan.[12] No verán, os adultos trasládanse a augas profundas abertas onde quedan suspendidos xusto baixo a superficie e aliméntanse de plancto e outras criaturas acuáticas. Tratan de pasar a maior parte do tempo en augas a temperaturas entre 16 e 27 °C, e adoitan ter unha área para vivir de 30 m2 durante os meses non reprodutores. Gostan da calor, pero non da luz solar directa; normalmente viven en augas máis profundas, pero pasan tempo preto da superficie polas mañás para quecer.[6] Adoitan atoparse en bancos de 10 a 20 exemplares, e estes bancos a miúdo inclúen outros pequenos peixes, como Pomoxis sp., Lepomis gibbosus e Micropterus dolomieu.[13]

Ecoloxía

[editar | editar a fonte]
Macho.

A dieta dos individuos xoves consiste en rotíferos, copépodos,[14] pulgas de auga e insectos (principalmente quironómidos).[14] A dieta do adulto consiste en larvas de insectos acuáticos (efémeras, tricópteros, libélulas), mais tamén pode incluír insectos terrestres,[14] zooplancto,[15] camaróns,[15] cangrexos, samesugas, outros vermes,[14] caracois e outros pequenos peixes (como os Leuciscinae[14]).[16] Se escasea a comida, tamén come vexetación acuática e algas,[15] e se é aínda máis escasa, mesmo comen os seus propios ovos ou crías. Como pasa gran parte do tempo preto da superficie da auga, pode tamén alimentarse de insectos da superficie. A maioría deste peixes aliméntanse durante as horas diúrnas, principalmente pola mañá e no serán (cun pico máximo no serán).[13] A elección do lugar onde se alimentan adoita ser un balance entre a abundacia de comida e de predadores que haxa no lugar. Utilizan as branquiespiñas e bandas de pequenos dentes para inxerir a comida. Durante os meses de verán, xeralmente consomen o 3,2 %[17] do seu peso corporal en alimento por día. Para capturaren as presas, usan un sistema de succión no cal aceleran a auga na súa boca. As presas entran na boca con esta auga que absorben. Só poden succionar unha cantidade limitada de auga, así que as súas presas deben estar a unha distancia de non máis de 1,75 cm.[16]

Á súa vez, os L. macrochirus son as presas de moitas especies máis grandes, como Micropterus nigricans, Micropterus dolomieu, Morone saxatilis,[15] troitas, Esox masquinongy, tartarugas, Esox lucius, Perca flavescens, Sander vitreus, siluriformes e mesmo outros exemplares máis grandes da súa propia especie. As garzas, picapeixes,[15] e londras tamén se observaron capturándoos [Cómpre referencia] en augas pouco profundas. Porén, a forma do peixe fai que sexa difícil de tragar.[13] Tamén se cre que os mapaches son un dos seus predadores.[15]

Adaptacións

[editar | editar a fonte]

Teñen a capacidade de nadar e cambiar de dirección a gran velocidade por medio de movementos sincronizados das aletas. Usan as aletas caudais amosegadas, as aletas dorsais brandas, as ondulacións do corpo e as aletas pectorais para movérense cara adiante. Poden acelerar rapidamente. A velocidade á que se moven cara adiante depende da forza coa cal fan os movementos de abdución e adución das aletas. O seu corpo plano e delgado diminúe a resistencia á auga e permite que corten a auga eficazmente. As aletas pectorias grandes e flexibles permítenlle acelerar rapidamente. Esta gran manobrabilidade facilítalles a busca de alimento e escapar dos predadores con grande éxito. Teñen un sistema da liña lateral e un oido interno que actúan como receptores das vibracións e cambios de presión na auga. Porén, dependen moito da vista para atopar alimento. A súa visión é óptima nas horas diúrnas. A boca é moi pequena e require o uso da farinxe para succionar as presas.[18]

Natación normal e cara atrás

[editar | editar a fonte]

Esta especie depende da flexibilidade das súas aletas para manter a manobrabilidade en resposta ás florzas do fluído. A segmentación dos raios da súa aleta pectoral mitiga os efectos de forzas fluídas no movemento do peixe.[19] Ten diversas adaptacións pouco comúns grazas ás que pode navegar en diferentes ambientes. En condicións nas que está privado de varias capacidades sensoriais, utiliza as aletas pectorais para a navegación.[20] Por exemplo, ee a información visual e da liña lateral están comprometidas, pode utilizar as aletas pectorais como mecanosensores[21] ao dobrárense as aletas cando o peixe entra en contacto co seu ambiente.[20] Na natación normal cara adiante utiliza a aleta caudal, a dorsal e a anal.[22] Os músculos da aleta caudal son importantes na natación lenta e tamén para iniciar a acelerar ao nadar.[22] As aletas dorsal e anal son dous tipos de aletas medias que funcionan en paralelo para equilibraren o torque durante a natación estable.[23]

Cando nada cara atrás, utiliza un conxunto de músculos das aletas localizados en varias partes do corpo.[24] A natación cara atrás é máis complexa que a natación estable, xa que non é simplemente o inverso da natación cara adiante. O peixe utiliza as aletas pectorais para realizar un batido rítmico mentres que as aletas dorsal e anal producen momento para pular o peixe cara atrás.[24] O batido rítmico das aletas pectorais é asimétrico e axúdalle a equilibrarse no seu lento movemento cara atrás.[24]

Resposta de escapar

[editar | editar a fonte]

Igual que moito outros peixes,[25][26] realiza unha resposta de escape poñendo inicialmente o corpo en forma de C, que é xerada por grandes neuronas chamadas células de Mauthner.[27] Estas células funcionan como un centro de mando par a resposta de escapar e responden rapidamente unha vez que se activa a vía neural por algún estímulo inicial.[27] As células desencadean a contracción dos músculos que dobran o corpo do peixe que toma forma de C para despois axudaren na propulsión ao escapar dun predador.[27] A traxectoria que inicia en posición C é moi variable, e o peixe pode alterala en cada momento.[28] Debido a esta alta variabilidade, os predadores teñen poucas posibilidades de aprenderen unha técnica de predación eficaz para capturalo.[28] A resposta de escapar iniciando co corpo en forma de C ten outras vantaxes, como a capacidade de moverse rapidamente e de forma impredicible para capturar presas.[27]

Hidrodinamicamente, L. macrochirus mostra padróns de flotación específicos que acompañan a súa resposta de escape iniciando en posición en C.[29] A aleta caudal é a fonte principal do momento en modelos cimemáticos típicos desta resposta, pero L. macrochirus consegue a maior parte do seu momento do dobramento do seu corpo asociado coa resposta, así como das súas aletas dorsal e anal.[29] O papel das aletas dorsal e anal como propulsores durante a resposta de escape suxire que o tamaño das aletas podería dar unha vantaxe evolutiva ao escapar dos predadores.[29]

Reprodución e estilo de vida

[editar | editar a fonte]

A estación da desova deste peixe empeza tarde en maio e prolóngase ata agosto. O pico da estación de desova ocorre normalmente en xuño en augas a 19-27 °C. O macho chega primeiro ao sitio do apareamento. Prepara unha cama de desova de 15 a 30 cm de diámetro en augas pouco profundas, xuntándose ata 50 desas camas nunha zona. Os machos reparan estas camas en grava ou area. Os machos tenden a ser moi protectores e expulsan a todos os que se achegan aos seus niños, especialmente outros machos da súa especie. Algúns, malia o seu pequeno tamaño, mesmo se atreven a atacar mergulladores de snorkel se pasan preto do niño. A medida que a femia se aproxima, o macho empeza a circular facendo ruídos gruñóns. O movemento e sons dos machos parecen atraer as femias. As femias son moi selectivas e normalmente escollen os machos cos corpos e "orellas" mais grandes, o que fai que o tamaño grande sexa unha característica desexable nos machos. Se a femia entra no niño, macho e femia nadan un arredor do outro, e o macho ten un comportamento moi agresivo cara á femia. Se a femia permanece, a parella entra no niño e descansan no medio. Co macho en postura ergueita, a parella tócase as barrigas, treman, e desovan. Estas accións son repetidas a intervalos irregulares varias veces seguidas. Unha vez realizada a desova, o macho expulsa a femia do niño e dedícase a gardar o niño.[13] O proceso de fecundación é totalmente externo na auga. Os machos máis pequenos a miúdo escóndense en vexetación próxima e nadan velozmente e intentan fecundar os ovos e despois liscan rapidamente.[6] O tamaño da femia é un factor importante na cantidade de ovos que produce. Unha femia pequena pode producir só 1.000 ovos, mais unha grande e sa pode producir ata 100.000 ovos. O macho continúa a vixilancia do niño ata que as crías fan eclosión e marchan nadando pola súa conta. Xeralmente empezan a desovar cun ano de idade, pero en condicións favorables observáronse casos de desova aos catro meses de idade.[30] Os pescadores de cana consideran a estación de desova moi propicia para pescar este peixe, xa que eles atacan agresivamente calquera cosa que se achegue, incluíndo un anzó.[13]

O crecemento do L. macrochirus é moi rápido nos seus primeiros tres anos de vida, pero faise considerablemente máis lento unha vez que o peixe chega á madureza. Moitos exemplares chegan aos oito anos de vida, e en casos extremos aos 11.[13]

Hibridación con outras especies

[editar | editar a fonte]

Ocasionalmente un L. macrochirus pode desovar con outro membro do seu xénero, aínda que é raro. Isto adoita acontecer en corpos de auga que están bastante illados e teñen unha poboación significativa de L. macrochirus en estreita proximidade con outra poboación máis pequena doutro Lepomis, como o Lepomis cyanellus. A limitación de terreos de nidificación tamén é un factor na hibridación que causa que as femias dunha especie prefiran o niño doutra.[31] Pode teoricamente hibridarse con outras especies do xénero Lepomis, pero o híbrido máis común é o Lepomis macrochirus × cyanellus.[32] Os peixes híbridos son agresivos e teñen bocas máis grandes que o L. macrochirus parental. Este peixe tamén crece máis rápidamente que outros peixes de boca pequena debido á súa boca maior. Estes híbridos son máis eficientes á hora de crecer e poden acadar aproximadamente os 0,91 kg nun ano.[33]

Tomando e fecundando artificialmente ovos, os L. macrochirus pode hibridarse con especies de centrárquidos que non son do xénero Lepomis, creando un híbrido interxenérico. Desta maneira, cruzáronse co Pomoxis nigromaculatus e Micropterus salmoides.[34]

Relacións cos humanos

[editar | editar a fonte]

É o peixe oficial do estado de Illinois.[35]

No lago St. Helen, Míchigan, celébrase anualmente en xuño o "Blue Gill Festival" na que este peixe é o protagonista.[36]

Exemplar capturado nunha lagoa de Alabama.
xemplar da subespecie de nariz de cobre na Florida.
Na Estación de Campo da Universidade de Mississippi.

Son peixes populares na pesca deportiva, pescados con isco vivo como vermes, grilos, saltóns, moscas, leuciscinos, careixas ou ras pequenas, así como pequenos cachos de camarón, isco procesado, pan, millo, outras sobras de comida,[37] pequenos crankbaits e spinnerbaits artificiais, vermes falsos, ou mesmo un anzó sen isco. Principalmente morden os iscos de cores brillantes como o laranxa, amarelo, verde ou vermello, especialmente ao mencer ou ao solpor. Buscan a vexetación mergullada para agocharse; a súa dieta natural consiste principalmente en grilos, insectos acuáticos, larvas e peixes moi pequenos. O propio L. macrochirus é utilizado ás veces como isco para pescar especies máis grandes, como o Ictalurus furcatus, Pylodictis olivaris e Micropterus nigricans.[38]

Os pescadores ás veces usan lentes de sol polarizadas para ver a traves da auga e atopar as camas de desova dos peixes.[39] Este peixe ten un carácter bastante ousado; moitos non teñen medo dos humanos, comendo alimento botado directamente na auga, e os exemplares dunha poboación do lago Scugog do Canadá mesmo permiten que os toquen e agarimen os observadores humanos. Debido ao seu tamaño e o método de cociñalos, adoitan denominarse "peixe de tixola".[40]

A mellor marca da IGFA de pesca en todas as modalidades desta especie é a dun exemplar de 2,15 kg capturado no lago Ketona en Alabama en 1950.[41]

As poboacións deste peixe son moi vulnerables aos efectos dos anzós e a recolección.[42] Os machos grandes parecen ser especialmente vulnerables aos efectos da pesca debido á súa tendencia a gardar os niños no centro das colonias.[43] As poboacións con grandes machos son cada vez máis difíciles de atopar, e normalmene só se encontran en lugares remotos que non sofren a presión da pesca[38] ou en rexións máis ao sur onde as taxas de crecemento son altas. A redución da limitación de capturas parece ser potencialmente efectiva para mellorar o tamaño-estrutura en poboacións sometidas a sobrepesca.[44]

Nun estudo de 1973 da EPA, comprobouse que a administración a través da auga de 180 ppm de propionato de calcio era lixeiramente tóxica para esta especie.[45]

Os L. macrochirus xogan un importnte papel na xestión de lagoas e lagos para manter baixas as poboacións de crustáceos e insectos, xa que un só L. macrochirus pode comer ata seis veces o seu propio peso nun só verán.[18] Porén, os L. macrochirus poden chegar a ter un exceso de poboación que pode desbordar o ecosistema dunha lagoa se non se xestionan axeitadamente. Os propietarios das lagoas controlan tipicamente a poboación deste peixe coa pesca e trampas.[46]

  1. Espinosa Pérez, H.; Lambarri Martínez, C.; NatureServe (2019). "Lepomis macrochirus". IUCN Red List of Threatened Species 2019: e.T61260A58309944. doi:10.2305/IUCN.UK.2019-2.RLTS.T61260A58309944.en. Consultado o 19 de novembro de 2021.  Parámetro descoñecido |doi-access= ignorado (Axuda)
  2. Froese, Rainer; Pauly, Daniel (eds.). "Lepomis macrochirus". FishBase. Versión de decembro de 2019. "Bluegill (Lepomis macrochirus)".
  3. 3,0 3,1 3,2 "Bluegill (Lepomis macrochirus)". 
  4. 4,0 4,1 Bauer, Diana H. (1980). "Vertical banding evoked by electrical stimulation of the brain in anaesthetized green sunfish, Lepomis cyanellus, and bluegills, Lepomis macrochirus" (PDF). Journal of Experimental Biology 84: 149–160. PMID 7365413. doi:10.1242/jeb.84.1.149. 
  5. 5,0 5,1 Stacey, Peter; Chiszar, David (1975-05-01). "Changes in the darkness of four body features of bluegill sunfish (Lepomis macrochirus Rafinesque) during aggressive encounters". Behavioral Biology (en inglés) 14 (1): 41–49. ISSN 0091-6773. PMID 1169938. doi:10.1016/S0091-6773(75)90302-8. 
  6. 6,0 6,1 6,2 6,3 6,4 Schultz, Ken. Ken Schultz's Field Guide to Freshwater Fish. Hoboken, NJ: J. Wiley & Sons, 2004
  7. Sublette, J. E., M. D. Hatch, and M. Sublette. 1990. University of New Mexico Press, Albuquerque. 393 pp
  8. Ross, S. T. 2001. The Inland Fishes of Mississippi. University Press of Mississippi, Jackson. 624 pp
  9. "Bluegill". Ministry of Natural Resources and Forestry, Government of Ontario. 4 de xaneiro de 2023. Consultado o 25 de maio de 2024. 
  10. "Cat-and-mouse game at Chivero". 11 de xaneiro de 2014. 
  11. McCurry, Justin (26 de novembro de 2007). "Japan in culinary offensive to stop spread of US fish". The Guardian.
  12. Lee, D. S. 1980. Lepomis macrochirus (Rafinesque 1819), Bluegill. pp. 597 in D. S. Lee, et al. Atlas of North American Freshwater Fishes. N. C. State Mus. Nat. Hist., Raleigh, 854 pp
  13. 13,0 13,1 13,2 13,3 13,4 13,5 Paulson, Nicole, and Jay T. Hatch. "Fishes of Minnesota – Bluegill." GC 1112 Welcome. Minnesota Department of Natural Resources, 18 de xuño de 2004. Web. 04 May 2011.
  14. 14,0 14,1 14,2 14,3 14,4 Niranjan Siriwardena, Sunil (2012). "Lepomis macrochirus (Bluegill)". CABI Compendium. CABI Compendium. doi:10.1079/cabicompendium.77082. 
  15. 15,0 15,1 15,2 15,3 15,4 15,5 Parr, Cynthia Sims. "Lepomis macrochirus (Bluegill)". Animal Diversity Web. 
  16. 16,0 16,1 Carlander, K.D. 1997. Handbook of freshwater fishery biology. Volume 2. Life history Data on centrarchid fishes of the United States and Canada. Iowa State Univ.Press, Iowa.
  17. Kolehmainen, Seppo E. (1974). "Daily Feeding Rates of Bluegill (Lepomis macrochirus) Determined by a Refined Radioisotope Method". Journal of the Fisheries Research Board of Canada 31: 67–74. doi:10.1139/f74-010. 
  18. 18,0 18,1 Swingle, H. S. and E. V. Smith. 1943. Factors affecting the reproduction of bluegill bream and large black bass in ponds. Ala. Poly-Tech. Inst. Agr. Exp. Stn. Circ. 87:8
  19. Flammang, Brooke (Spring 2013). "Functional Morphology of the Fin Rays of Teleost Fishes" (PDF). Journal of Morphology 274 (9): 1044–1059. PMID 23720195. doi:10.1002/jmor.20161. hdl:2027.42/99601. 
  20. 20,0 20,1 Flammang, Brooke (Spring 2013). "Pectoral fins aid in navigation of a complex environment by bluegill sunfish under sensory deprivation conditions". The Journal of Experimental Biology 216 (16): 3084–3089. PMID 23885089. doi:10.1242/jeb.080077. 
  21. Timmermans, J.-p.; Adriaensen, D. (2007-12-17). "Gastrointestinal mechanosensors: analysis of multiple stimuli may require complex sensors". Neurogastroenterology & Motility 20 (1): 4–7. ISSN 1350-1925. PMID 18173558. doi:10.1111/j.1365-2982.2007.01049.x. 
  22. 22,0 22,1 Flammang, Brooke (Fall 2008). "Caudal fin shape modulation and control during acceleration, braking and backing maneuvers in bluegill sunfish, Lepomis macrochirus". The Journal of Experimental Biology 212 (2): 277–286. PMID 19112147. doi:10.1242/jeb.021360. 
  23. Standen, E. M. (Spring 2005). "Dorsal and anal fin function in bluegill sunfish Lepomis macrochirus: three-dimensional kinematics during propulsion and maneuvering". The Journal of Experimental Biology 208 (14): 2753–2763. PMID 16000544. doi:10.1242/jeb.01706. 
  24. 24,0 24,1 24,2 Flammang, Brooke (Fall 2016). "Functional morphology and hydrodynamics of backward swimming in bluegill sunfish, Lepomis macrochirus". Zoology 119 (5): 414–420. PMID 27291816. doi:10.1016/j.zool.2016.05.002. 
  25. Eaton, Robert C. (Summer 1976). "The Mauthner-Initiated Startle Response in Teleost Fish". The Journal of Experimental Biology 66 (1): 65–81. PMID 870603. doi:10.1242/jeb.66.1.65. 
  26. Eaton, Robert C. (Summer 1991). "How Stimulus Direction Determines the Trajectory of the Mauthner-Initiated Escape Response in a Teleost Fish". The Journal of Experimental Biology 161: 469–487. PMID 1757775. doi:10.1242/jeb.161.1.469. 
  27. 27,0 27,1 27,2 27,3 Sillar, Keith T. (2009). "Quick Guide: Mauthner Cells". Current Biology 19 (9): 353–355. PMID 19439253. doi:10.1016/j.cub.2009.02.025. 
  28. 28,0 28,1 Korn, Henry (Summer 2005). "The Mauthner Cell Half a Century Later: A Neurobiological Model for Decision-Making?". Neuron 47 (1): 13–28. PMID 15996545. doi:10.1016/j.neuron.2005.05.019. 
  29. 29,0 29,1 29,2 Tytell, Eric D. (Fall 2008). "Hydrodynamics of the escape response in bluegill sunfish, Lepomis macrochirus". The Journal of Experimental Biology 211 (21): 3359–3369. PMC 2669901. PMID 18931309. doi:10.1242/jeb.020917. 
  30. Sternberg, Dick. Freshwater Gamefish of North America. 1987.
  31. "Greengill (Lepomis cyanellus x Lepomis macrochirus)". Koaw Nature (en inglés). Consultado o 2021-01-15. 
  32. "Hybrid Lepomids - An Introduction". Koaw Nature (en inglés). Consultado o 2021-01-15. 
  33. "How Big Do Hybrid Bluegill Get? (9 Answers You Should Know)". upicefishing.com. 27 de xaneiro de 2022. Consultado o 19 de xaneiro de 2025. 
  34. West, Jerry L.; Hester, F. Eugene (1966). "Intergeneric Hybridization of Centrarchids". Transactions of the American Fisheries Society (en inglés) 95 (3): 280–288. ISSN 1548-8659. doi:10.1577/1548-8659(1966)95[280:IHOC]2.0.CO;2. 
  35. "Illinois State Symbols". Department of Natural Resources. Arquivado dende o orixinal o 2017-02-17. Consultado o 2019-05-22. 
  36. "bluegillfestival.com". bluegillfestival.com. 
  37. "Best Bait for Bluegill – Living in a Fisherman's Bream" (en inglés). 3 de marzo de 2016. Consultado o 2019-12-03. 
  38. 38,0 38,1 Coble, Daniel W. "Effects of Angling on Bluegill Populations: Management Implications." North American Journal of Fisheries Management 8.3 (1988): 277
  39. "Bluegill Fishing 101". bluegillslayer.com. Consultado o 25 de novembro de 2014. 
  40. "Fishes of Minnesota: Bluegill Arquivado 10 de xuño de 2011 en Wayback Machine. Minnesota DNR." Minnesota Department of Natural Resources: Minnesota DNR. Web. 04 de maio de 2011.
  41. "Bluegill". igfa.org. IGFA. Consultado o 17 de xuño de 2019. 
  42. Rypel, Andrew L.; Lyons, John; Griffin, Joanna D. Tober; Simonson, Timothy D. (2016-05-03). "Seventy-Year Retrospective on Size-Structure Changes in the Recreational Fisheries of Wisconsin". Fisheries 41 (5): 230–243. ISSN 0363-2415. doi:10.1080/03632415.2016.1160894. 
  43. Miller, Matthew L. (2015-10-15). "Why Everything You Know About Bluegill Management is Wrong". Cool Green Science (en inglés). Consultado o 2021-02-16. 
  44. Rypel, Andrew L. (2015-03-04). "Effects of a Reduced Daily Bag Limit on Bluegill Size Structure in Wisconsin Lakes". North American Journal of Fisheries Management 35 (2): 388–397. ISSN 0275-5947. doi:10.1080/02755947.2014.1001929. 
  45. "OPP PESTICIDE ECOTOXICITY DATABASE - Details - Pesticide: Calcium propionate". EPA / USDA / NIFA. Arquivado dende o orixinal o 2019-01-23. Consultado o 2019-01-22. 
  46. "PERCH TRAP | Best Catching Cloverleaf Style". Reel Texas Outdoors. Consultado o 2024-05-27.