Lepisma saccharina

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Peixiño de prata
Silberfischchen.jpg
Clasificación científica
Reino: Animalia
Filo: Arthropoda
Clase: Insecta
Orde: Zygentoma
Familia: Lepismatidae
Xénero: Lepisma
Especie: L. saccharina
Linnaeus, 1758

O peixiño de prata[Cómpre referencia] (Lepisma saccharina), tamén coñecido como lepisma ou coloquialmente como traza[Cómpre referencia] (denominación xenérica que abrangue diferentes grupos de insectos que se alimentan de tecidos, madeira ou papel), é unha especie de insecto tisanuro, orde hoxe reclasificada en dúas, das cales esta especie é Zygentoma, da familia Lepismatidae. É áxil e cunha forte fototaxia negativa (foxe da luz), o que dificulta a súa observación. O nome da especie deriva do brillo gris metálico do seu corpo. As lepismas viven de materias vexetais diversas, como mofo, o papel, o cartón[1] e os alimentos amilosos (con amidón), como a cola de encadernar libros ou o apresto para a roupa.

Pertence a un grupo moi antigo, os tisanuros, con restos fósiles de preto de 400 millóns de anos de antigüidade[2]. Os tisanuros son considerados os insectos verdadeiros de trazos máis primitivos, e carecen primariamente de ás (noutros insectos esta carencia é o resultado secundario da súa perda evolutiva).[3]

Aspecto[editar | editar a fonte]

A lonxitude dun peixiño de prata, sen incluír as súas extremidades, é de entre varios milímetros e un centímetro[4]. O brillo metálico do seu corpo débese ás súas escamas prateadas, que aparecen despois da súa terceira muda. As ninfas das primeiras fases son abrancazadas. Presenta dúas longas antenas na cabeza e outros tres apéndices semellantes na parte posterior, un filamento caudal que é en realidade o décimo e derradeiro segmento do abdome e dous cercos.[5]

Desenvolvemento[editar | editar a fonte]

Imaxe dun peixiño de prata xunto a unha escala, para apreciar o seu tamaño.

Dependendo das súas condicións de vida, un peixiño de prata require polo menos catro meses para chegar a adulto, e ás veces pode requirir máis de tres anos. Nunha temperatura ambiente, pode crecer nun ano. Pode vivir en calquera lugar ata unha idade de entre dous e oito anos. Muda aproximadamente oito veces ao longo da súa vida, pero por mor do seu constante crecemento, pode mudar máis de catro veces ao ano.

Vive en lugares húmidos e escuros, máis frecuentemente en edificios vellos, ou entre libros e papeis nas casas. Cando a temperatura está entre 25 °C e 30 °C, a femia pode depositar entre 60 e 100 ovos, preferiblemente en fendas[6]. É imposible para un peixiño de prata reproducirse nun ambiente frío e seco.

Alimentación[editar | editar a fonte]

Os alimentos favoritos do peixiño de prata son os que conteñen amidón ou outros polisacáridos como a dextrina dos adhesivos empregados na encadernación de libros, a xelatina das fotografías ou a silicona.[7] Tamén o papel vello, o azucre, os cabelos, a caspa e a sucidade, ademais de substancias como o algodón, o liño, a seda e mesmo outros insectos mortos ou a súa propia exuvia (pel mudada). Conducido pola súa fame, a lepisma pode tamén comer roupa de pel e mesmo tecidos feitos con certas fibras artificiais. Con todo, como moitos insectos, é capaz de interromper a súa actividade vital durante varios meses sen sufrir dano apreciable.

É quen de dixerir a celulosa debido a que pode producir celulasa, unha enzima que degrada a celulosa, cousa extremadamente rara nos animais. A maioría dos animais herbívoros, mesmo os insectos xilófagos (comedores de madeira) posúen microorganismos simbióticos no tubo dixestivo que realizan a dixestión. Só se coñecen dous animais capaces de producir celulasa: Lepisma saccharina e o molusco bivalvo Teredo navalis, que tradea madeira.[8]

Reprodución[editar | editar a fonte]

Os peixiños de prata non copulan, senón que o macho produce un espermatóforo que adhire pendurando dun fío tensado suxeito desde algún obxecto vertical. Conduce a femia mediante manobras de cortexo a tropezar co espermatóforo. A femia recólleo cos seus cercos e lévao ata a abertura xenital, onde o introduce e se produce a fecundación.[9]

Depredadores[editar | editar a fonte]

Un dos depredadores naturais do peixiñode prata é o insecto coñecido como cadela de frade (Forficula auricularia).

Notas[editar | editar a fonte]

  1. "La presencia de pececillos de plata en casa es muy común". En www.anticimex.com.
  2. Grimaldi, D.; Engel, M. Evolution of the Insects. Gambridge University Press. 2005. Páxinas 148-155. [ISBN 0-521-82149-5]
  3. Getty, P. R. et al. "Variations in Wingless Insect Trace Fossils: Insights from Neoichnology and the Pennsylvanian of Massachussetts". Palaios (2013), 28(4):243
  4. Day, Eric. "Silverfish factsheet, Department of Entomology". Virginia Cooperative Extensión. Virginia Polytechnic Institute and State University. 1996.
  5. "Silverfish". Virginia Cooperative Extension. Virginia State University.
  6. Houseman, R. Silverfish and Firebrats. University of Missouri Extension.
  7. "Insectos en casa: cómo acabar con los pececillos de plata". En 20minutos.es.
  8. Torralba Burrial, A. Algunos bichos devoradores de cosas raras, I: Lepisma saccharina. Boletín da SEA, 9:60. 1995.
  9. Von H. Sturm. "Die Paarung beim Silberfischchen, Lepisma saccharina". En Zeitschrift fur Tierpsychologie. 13:1. (1965).

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]