Lepidopsetta polyxystra

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Lepidopsetta polyxystra
Clasificación científica
Reino: Animalia
Filo: Chordata
Subfilo: Vertebrata
Clase: Actinopterygii
Subclase: Neopterygii
Infraclase: Teleostei
Superorde: Acanthopterygii
Orde: Pleuronectiformes
Suborde: Pleuronectoidei
Familia: Pleuronectidae
Subfamilia: Pleuronectinae
Xénero: Lepidopsetta
Especie: L. polyxystra
Nome binomial
Lepidopsetta polyxystra
Orr & Matarese, 2000

Lepidopsetta polyxystra é un peixe teleósteo da orde dos pleuronectiformes, familia dos pleuronéctidos e subfamilia dos pleuronectinos,[1] unha das tres que integran o xénero Lepidopsetta.[2]

Como todos os peixes da familia dos pleuronéctidos, as especies deste xénero teñen o corpo aplanado, asimétrico, e cos dous ollos situados no lado pigmentado do corpo.

Taxonomía e nomenclatura[editar | editar a fonte]

A especie foi descrita no ano 2000 polos biólogos estadounidenses James Wilder Orr e Ann Matarese Kiernan.

Antes dese ano, Lepidopsetta polyxystra e Lepidopsetta bilineata considerábanse como unha única especie dentro do xénero Lepidopsetta, pero un traballo de Orr e Matarese publicado en 2000 reorganizou o xénero en tres taxa separados.[3]

Como resultado desta reclasificación, L. bilineata cambiou o seu nome en inglés, denomínandose agora "southern rock sole" para evitar a confusión coa especie L. polyxystra ou "northern rock sole".[4]

Características[editar | editar a fonte]

Trátase dun peixe mariño, demersal, que vive en fondos de area, lama e grava a profundidades de até os 700 m, aínda que comunmente se encontra entre os 19 e os 246 m. O seu hábitat natural son as augas temperadas do Pacífico norte, desde o estrecho de Puget,[5] e Alasca (onde coincide coa especie L. bilineata), as illas Aleutianas e, a través do mar de Bering até as illas Kuriles e o mar de Okhotsk (onde se comparte área de dispersión con L. mochigarei).[6]

Os machos poden chegar até os 69 cm de lonxitude, mentres que as femias alcanzan tan só os 49 cm. A lonxevidade máxima rexistrada para esta especie é de 18 anos.[6]

Bioloxía[editar | editar a fonte]

Papel no ecosistema[editar | editar a fonte]

A especie ocupa unha moderadamente alta posición na cadea alimentaria.

Alimentación[editar | editar a fonte]

A dieta de Lepidopsetta polyxystra consiste principalmente en organismos do zoobentos, poliquetos e anfípodos.[7]

Predadores[editar | editar a fonte]

Esta especie é depredada por mamíferos mariños e por outros peixes, incluíndo diversos tiburóns, o bacallau de Alasca (Gadus chalcogrammus) o bacallau do Pacífico (Gadus macrocephalus) e outros peixes planos, como o hipogloso do Pacífico (Hippoglossus stenolepis) e a limanda áspera (Limanda aspera).[4][6]

Reprodución[editar | editar a fonte]

Lepidopsetta polyxystra alcanza a madureza reprodutiva entre os 4 e os 7 anos de idade. A desova prodúcese en inverno e principios da primavera. Os ovos son demersais e permanecen na superficie na que se depositan, A eclosión ocorre entre os 6 e os 25 días despois da posta.[4]

Pesca comercial[editar | editar a fonte]

Lepidopsetta polyxystra péscase comercialmente e forma parte importante das pescarías de arrastre no mar de Bering e no golfo de Alasca. Aínda que a súa explotación foi excesiva nos anos 1960, as poboacións recuperáronse e hoxe en día estímase que a súa biomasa no mar de Bering e as illas Aleutianas é moi alta, até dúas veces o nivel necesario para o rendemento máximo sustentábel. En 2008 a súa biomasa estimada na pescaría do golfo de Alasca era dunhas 102.303 t, en comparación coas capturas, que oscilaron desde as 453 t en 2004 e as 4.330 t en 2006.[4]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Lepidopsetta polyxystra Orr & Matarese, 2000 no WoRMS.
  2. Lepidopsetta Gill, 1862 no WoRMS.
  3. Orr, James W. & Matarese, Ann C. (2000): "Revision of the genus Lepidopsetta Gill, 1862 (Teleostei: Pleuronectidae) based on larval and adult morphology, with a description of a new species from the North Pacific Ocean and Bering Sea". Fishery Bulletin 98 (3): 539–82. Consultado o 18 de xullo de 2015.
  4. 4,0 4,1 4,2 4,3 Rock Sole Lepidopsetta bilineata (South) and L. polyxystra (North) en Fish Watch, U. S. Seafoods Facts, NOAA.
  5. O estreito de Puget (ou Puget Sound) é un profundo entrante do océano Pacífico siuado na costa noroccidental dos Estados Unidos, no estado de Washington.
  6. 6,0 6,1 6,2 Lepidopsetta polyxystra Orr & Matarese, 2000 en FishBase.
  7. Poltev, Yu. N.; Labai, V. S. & Mukhametov, I. N. (2008-08). "On the diet of the rock sole Lepidopsetta polyxystra off the eastern coast of the northern Kuril Islands and the southern extremity of Kamchatka". Journal of Ichthyology (en inglés) 48 (7): 505–514. ISSN 0032-9452. doi:10.1134/S0032945208070047. Consultado o 18 de xullo de 2015. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Cooper, J. A. & F. Chapleau (1998): "Monophyly and intrarelationships of the family Pleuronectidae (Pleuronectiformes), with a revised classification". Fish. Bull. 96 (4): 686-726.
  • Nelson, Joseph S. (2006): Fishes of the World. Nova York: John Wiley & Sons, Inc. ISBN 0-471-25031-7.
  • Orr, J. W. (2000): "Revision of the genus Lepidopsetta Gill, 1862 (Teleostei: Pleuronectidae) based on larval and adult morphology, with a description of a new species from the North Pacific Ocean and Bering Sea". Fishery Bulletin 98: 539-582.

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]