Naupacto
Lepanto ou Naupacto (en grego: Ναύπακτος, transcrito Náfpaktos; en latín: Naupactus) é un municipio e unha cidade de Grecia.
Forma parte da unidade periférica Etolia-Acarnania,[1] na costa norte do estreito que separa o golfo de Patras do golfo de Corinto.
Está situada ao pé do Monte Rigani, de 1472 metros. A cidade antiga estivo rodeada por unha muralla e aínda conserva a súa cidadela veneciana e o seu porto, á súa vez protexido por varias torres da muralla.[2]
É coñecida sobre todo pola batalla de Lepanto de 1571, unha das principais batallas navais da Idade Moderna.
Está irmandada coa cidade galega de Pontevedra desde o 10 de outubro de 1981, data na que o pleno municipal aprobou o irmandamento, a proposta da Orde do Mar Océano.[3] En 1986 unha rúa de Pontevedra recibiu o nome de Lepanto como «plasmación do irmandamento» da cidade coa localidade grega.[4]
Topónimo
[editar | editar a fonte]O nome Lepanto, difundido nas linguas románicas occidentais a través do italiano, é un exónimo medieval da cidade coñecida na Antigüidade como Naupactus, forma latina do grego antigo Naupaktos.[5]
A evolución non corresponde a unha transformación fonética frecuente, mais hai casos de oscilación inicial entre n e l, por exemplo en lila<lilac, procedente do persa nīlak, ou a relación entre Nebrissa e o topónimo Lebrija.[6][7]
Historia
[editar | editar a fonte]Idade Antiga
[editar | editar a fonte]Despois das guerras médicas, Atenas tomou Lepanto e instalou nela, entre o 456 e o 455 a.C., exiliados mesenios da Terceira guerra mesenia.
Durante a Guerra do Peloponeso (431-404 a. C.) serviu como base naval ateniense antes de ser capturada polos espartanos. Baixo Filipo II de Macedonia, Lepanto pasou a formar parte de Etolia e máis tarde, baixo dominio romano, integrouse en Locrida.
Idade Media
[editar | editar a fonte]No século IX a cidade era a capital do thema bizantino de Nicópole e sede dunha metrópole eclesiástica. Despois de que a cidade pasase á República de Venecia, que construíu poderosas fortificacións, de xeito que en 1477 a cidade resistiu a un exército otomán de 10.000 homes. Pero en 1499 as tropas de Bayezid II conseguiron capturar a cidade.
Idade moderna e contemporánea
[editar | editar a fonte]Nas augas de Lepanto tivo lugar en 1571 a batalla de Lepanto, pero a cidade permaneceu en mans dos turcos durante moitos séculos, agás un breve paréntese veneciano (1678-1699) durante a guerra de Morea.
En marzo de 1829, Lepanto finalmente converteuse en parte da Grecia independente.

Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ En grego Αιτωλοακαρνανία, tr. Etoloakarnanía.
- ↑ Guía Total: Grecia p. 20. Juan Ignacio Luca de Tena, Grupo Anaya, 2003.
- ↑ "Pontevedra apenas rentabiliza sus lazos con otras localidades". La Voz de Galicia (en castelán). 2015-12-10. Consultado o 2026-09-06.
- ↑ García, Alba (2024-07-01). "Esta es mi calle; Lepanto, símbolo de la hermandad con Grecia". Diario de Pontevedra (en castelán). Consultado o 2026-09-06.
- ↑ "Lepanto". brunelleschi.imss.fi.it. Consultado o 2026-09-08.
- ↑ "Lilac". Oxford Learner's Dictionaries (en inglés). Consultado o 2026-09-08.
- ↑ "Nabrissa". Diccionarios del patrimonio cultural de España (en castelán). Ministerio de Cultura. Consultado o 2026-09-08.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]| Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Naupacto |
Este artigo sobre xeografía é, polo de agora, só un bosquexo. Traballa nel para axudar a contribuír a que a Galipedia mellore e medre. Existen igualmente outros artigos relacionados con este tema nos que tamén podes contribuír. |