Lenda da fonte de Ana Manana

Unha das lendas de mouras máis coñecidas a lenda da fonte de Ana Manana. Resulta que un señor[1] de Castela encargoulle a un labrego de Ourense que volvía da seitura, levar un queixo de catro esquinas ata o pozo Meimón, no Miño. Nunha fonte que hai alí a carón do camiño que sobe de Castrelo de Miño a Ourense, entre unhas penas, tiña que chamar por tres veces por unha tal Ana Manana e darlle o queixo. Como premio, ela entregaríalle un tesouro que tiña alí agochado.
A condición que debía cumprir era gardar o segredo do queixo (especialmente coa súa muller) e entregarllo enteiro, pois doutro xeito podía sufrir unha desgraza. O home aceptou o traballo, colleu o queixo e o señor desapareceu sen saber como nin por onde. Seguiu o camiño de regreso, co queixo envolto nun pano e con moito coidado por se llo roubaran, pero antes de coller para o pozo Meimón desviouse e atallou á súa casa para ver á muller e os fillos, e deixar na casa o diñeiro que ganara en Castela. Pero tivo a mala sorte de que a muller axiña lle veu o paquete tan ben empaquetadiño e, por máis que el porfiou en que non tocara o paquete e en que non podía dicirlle o que contiña, ela non parou. Cando subíu ó sobrado para gardar o diñeiro, ela aproveitou para abrir o paquete e, ó ver o queixo, rebandoulle un cornecho e volveuno a envolver sen que o home notase nada.
O home baixou, colleu o paquete e, sen sospeitar nada, marchou a cumprir o encargo, pois xa lle tardaba recibir o premio que lle prometeran. Cando por fin chegou á fonte, chamou por Ana Manana e aparecéuselle unha muller, fermosa, fermosísima, vestida de branco, que lle preguntou de malos modos o que quería. El explicouse e deulle o paquete, ela abriuno e arrepúxose toda enrabechada, berrándolle polo que fixera: este queixo era o cabalo que lle mandaba o pai (o mouro) co que ela podería fuxir de alí, pero agora, por culpa da larpeira da muller, ó cabalo faltáballe unha pata, e por iso nin ela conseguiría nunca saír de alí nin el recibiría o tesouro prometido. Efectivamente, pousou o queixo no chan e transformouse nun cabalo branco pero só con tres patas.
A falta doutra recompensa por levarlle o paquete, a moura deulle unha faixa de picote[2] para a muller, para cando esta estivera para parir, escusándose por non terlle outra cousa que dar. E desapareceu ela e mais o cabalo coxo.
Resignado, e pensando na tunda que lle había dar á muller, o home volveu para casa pero, antes de chegar, quixo probar a faixa nunha sobreira no camiño, e menos mal que o fixo, porque de socato aquilo empezou a arder ata consumirse faixa e sobreira. E desde entón, a fonte do pozo Meimón coñécese como fonte de Ana Manana.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Na mitoloxía galega, os mouros sempre se representaban como señores, ben vestidos, con riquezas en ouro e falando -normalmente- en castelán. Todo isto, máis o feito de non necesitar traballar a terra nin atender o gando para subsistir, son indicadores evidentes da súa pertenza a outro mundo, un status social superior.
- ↑ Tecido coa urda de liño e a trama de la, co que se fan prendas de roupa resistentes.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Alejos Álvarez Novoa (1927). "Arquivo Filolóxico e Etnográfico de Galiza". Nós (39): 15–16.
- Carré Alvarellos, Leandro (1977). Las leyendas tradicionales gallegas. Austral. Madrid: Espasa Calpe. ISBN 84-239-1609-X.
- Cuba, X. R.; Reigosa, A.; Miranda, X. (2008). Dicionario dos seres míticos galegos. Vigo: Xerais. ISBN 978-84-9782-869-7.
- González Reboredo, X. M. (1983). Lendas galegas de tradición oral. Vigo: Galaxia. ISBN 84-7154-455-5.
- Risco, Vicente (1962). "Etnografía: cultura espritual". En Otero Pedrayo, Ramón. Historia de Galiza I. Buenos Aires: Nós. p. 295 (ed. Akal (1979). ISBN 84-7339-429-1.