Saltar ao contido

Lei para a represión dos delitos contra a Patria e o Exército

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirección desde «Lei de xurisdicións»)
Primeira páxina da Gaceta de Madrid do 24 de abril de 1906 sobre a Lei para a represión dos delitos contra a Patria e o Exército (Lei de Xurisdicións)

A Lei para a represión dos delitos contra a Patria e o Exército de España, coñecida como Lei de xurisdicións, foi aprobada polo Congreso o 23 de marzo de 1906 e sancionada polo rei Afonso XIII (1886-1941), e publicada na Gaceta de Madrid o 24 de abril de 1906, no número 114.[1] Foi promovida por Segismundo Moret, presidente do Consello de Ministros, e o conde de Romanones, ministro do Interior, co apoio de Afonso XIII, como reacción aos sucesos de ¡Cu-Cut!. Foi aprobado durante o período constitucional do reinado de Afonso XIII.

Aínda que supuxo un forte intervencionismo dos militares na política xa contaba con antecedentes como a Lei de Prensa de 1881 ou o Código de Xustiza Militar de 1886, baixo os gobernos de Cánovas del Castillo.[2]

A raíz do desastre de Cuba e Filipinas e da conseguinte corrente antimilitarista que se estendera entre as masas populares, os militares reaccionan escudados no monarca obrigando ó goberno de Segismundo Moret a aprobar en 1906 a, que se chamou coloquialmente, Lei de xurisdicións. O que os militares entenden como inxerencia da sociedade civil nos seus asuntos culmina co asalto do exército a dúas publicacións barcelonesas, a satírica ¡Cu-Cut! e o xornal La Veu de Catalunya.

O 25 de novembro de 1905, un grupo de oficiais asalta en Barcelona a redacción do semanario satírico catalanista ¡Cu-Cut!" pola publicación dunha viñeta ironizando as derrotas do exército español. Tamén foi atacada a redacción doutra publicación catalanista, o xornal La Veu de Catalunya. O choque provocado por estes acontecementos foi enorme. O goberno liberal de Eugenio Montero Ríos intentou impoñer a súa autoridade sobre os militares e acordou non ceder ás presións dos capitáns xerais que mostraron o seu apoio aos oficiais sublevados, aínda que declarou o estado de guerra en Barcelona o 29 de novembro, ao parecer baixo a presión do rei.[3] O monarca, finalmente, deixou de apoiar o goberno para apoiar a actitude do Exército, feito que obrigou a Montero Ríos a dimitir.[4]

O rei designou un novo goberno presidido polo outro líder liberal, Segismundo Moret, quen recibiu o encargo de evitar que se repetisen os ataques «contra o Exército e os símbolos da Patria».[5] Moret, propúxose satisfacer aos militares e nomeou ministro da guerra ao xeneral Agustín Luque, un dos capitáns xerais que máis aplaudira o asalto ao ¡Cu-Cut!—e, axiña, conseguiu a aprobación das Cortes para a Lei para a represión dos delitos contra a Patria e o Exército —coñecida como Lei de xurisdicións—. Polo que, a partir dese momento, a competencia para xulgar ese tipo de delitos contra os símbolos do Estado Español e incluía as inxurias de palabra ou por escrito pasaban a quedar baixo xurisdición militar.[4] En realidade, varios dos artigos supoñían un importante recorte ás liberdades públicas, en particular á liberdade de expresión.

Segundo o historiador Santos Juliá, “o goberno cedeu ao exército grazas ao peso que a Coroa botou no platillo militar, cun resultado de grande envergadura: as Cortes aprobaron a Lei, coa que crearon unha esfera de poder militar autonómico. e estableceu o precedente de ceder á insubordinación militar. A militarización da orde pública dera un paso de xigante con esa Lei".[4] Segundo o historiador Borja de Riquer, "ao tolerar a insubordinación dos militares barceloneses, o monarca deixara o sistema político exposto a novas presións e chantaxes, debilitándoo así notablemente a supremacía do poder civil fronte ao militarismo".[6]

Porén, a interpretación que fan dos feitos os historiadores Javier Tusell e Genoveva García Queipo de Llano, é diferente. Segundo eles «a intervención do Rei produciuse unha vez demostrada a incapacidade inicial do goberno [de Montero Ríos] para impoñerse; polo que fixo que o xeneral Bascarán, segundo xefe do Cuarto Militar, acudise aos cuarteis de Madrid e procurase acougar as actitudes apaixonadas e prometer en nome do monarca unha modificación da lexislación nese sentido. [...] O papel do rei pódese cualificar dun xeito moito máis axeitado como o de intermediario entre o poder civil e o militar nun marco institucional non democrático no que, se o primeiro tomaba as principais decisións, o segundo, cando puido actuar por unanimidade, acadou autonomía e, mesmo, deferencia».[7]

Oposición á lei

[editar | editar a fonte]

Tanto republicanos coma carlistas opuxéronse a ela. De igual xeito, os partidos catalanistas, interpretándoa como ataque directo a Cataluña, pois en pouco tempo comezaron a se producir condenas (ao director da Campana de Gracia, ao catalanista Luis Manau, a un periodista do Empordà Federal etc.). Por iso, e en resposta á impunidade na que se atopaban os responsables dos sucesos de ¡Cu-Cut! e a Lei de Xurisdicións, constituíuse en Cataluña en maio de 1906 unha gran coalición denominada Solidaritat Catalana,[8] presidida polo vello republicano Nicolás Salmerón, na que se integraban os republicanos —agás o Partido Republicano Radical de Alejandro Lerroux—, os catalanistas —a Lliga Regionalista, a Unió Catalanista e o Centre Nacionalista Republicà, grupo escindido da Lliga uns meses antes—, e mesmo os carlistas cataláns.[9] Os seus éxitos de convocatoria foron espectaculares con manifestacións masivas como a celebrada en Barcelona o 20 de maio de 1906, que congregou a 200.000 persoas.[10] Nas eleccións xerais de 1907 Solidaritat Catalana obtivo unha esmagadora vitoria xa que obtivo 41 deputados dos 44 que correspondían a Cataluña.[11]

A oposición tamén se manifestou dende a intelectualidade. O 23 de febreiro de 1906, cando a lei aínda non era efectiva, Miguel de Unamuno deu unha resoante conferencia no teatro da Zarzuela contra esa lei que só os daquela chamados progresistas históricos querían aprobar.

Malia todo, a lei foi aprobada o 22 de marzo e, entón, as Cortes foron disoltas. O 20 de maio levantouse o estado de excepción en Barcelona e celebrouse unha homenaxe aos deputados e senadores cataláns que votaran en contra da lei.

A lei de xurisdicións colocaba baixo xurisdición militar as ofensas orais ou escritas contra a unidade do país, a bandeira e a honra do exército. Varios dos artigos representaron unha importante redución das liberdades públicas, en particular da liberdade de expresión. Esta lei ampliou o campo de acción da xurisdición militar sobre a poboación civil, cousa que non ocorreu noutros países onde os civís estaban baixo xurisdición ordinaria.

Artigo 2. Os que verbalmente, por escrito, mediante imprenta, gravados, estampas, alegorías, caricaturas, sinais, berros ou alusións indignen á nación, á súa bandeira, himno nacional ou outro emblema da súa representación, serán castigados coa pena de prisión correccional.

Na mesma pena incorrerán os que cometen os mesmos delitos contra as comarcas, provincias, cidades e vilas de España, e as súas bandeiras e escudos.

Artigo 3. Os que verbalmente ou por escrito, mediante imprenta, gravado ou outros medios mecánicos de publicación, en estampas, alegorías, caricaturas, emblemas ou alusións de forma clara ou encuberta insulten ou ofendan ao Exército ou á Armada ou ás institucións, armas, clases ou organismos determinados. do mesmo, será castigado coa pena de prisión correccional. E coa detención maior nos seus graos medio e máximo ata cárcere correccional no seu grao mínimo, aqueles que por palabra, por escrito, por imprenta, gravado e outros medios de publicación instigaron directamente á insubordinación nos Institutos armados ou a desviarse do cumprimento dos seus militares. deberes para as persoas que serven ou están chamadas a servir nas forzas nacionais terrestres ou marítimas.[12]

Derrogación

[editar | editar a fonte]

A evidente deterioración do parlamentarismo poñía o poder en mans do monarca e do corpo de oficiais. Coa ambigua aquiescencia de Afonso XIII, o capitán xeneral Miguel Primo de Rivera encabezaría en 1923 unha ditadura que persistiría ata 1930. A Lei de Xurisdicions estivo en vigorata o 17 de abril de 1931 cando o goberno provisorio da República dirixido por Manuel Azaña, que tamén era ministro de Guerra, a derrogou por un decreto, que posteriormente as Cortes converterían en lei. O principal argumento para a súa derrogación foi:

Nun país moderno debería ser posible criticar ao Exército sen medo a ser procesado por unha xurisdición militar especial, nin a Institución armada precisa dun parapeto circunstancial na súa relación coa cidadanía consciente e libre.[12]
  1. "Ley" (PDF). boe.es. 24-04-1906. Consultado o 23-05-2018. 
  2. Núñez (1990), p. 345.
  3. De Riquer (2013), p. 48.
  4. 4,0 4,1 4,2 Juliá (1999), p. 29.
  5. De Riquer (2013), p. 49.
  6. De Riquer (2013), pp. 49-50.
  7. Tusell & García Queipo de Llano (2002), pp. 166-167.
  8. Núñez (1990), pp. 373-374.
  9. Moreno Luzón (2009), pp. 362-363.
  10. De Riquer (2013), pp. 51-52.
  11. Juliá (1999), p. 31.
  12. 12,0 12,1 García Rodríguez (2013), p. 107.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]

Outros artigos

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]