Lebna Dengel

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Lebna Dengel
Nacemento1496 e c. 1500
Lugar de nacementoDebre Damo
Falecemento2 de setembro de 1540 e 1540
Lugar de falecementoDebre Damo
SoterradoDebre Damo
Ocupaciónpolítico e líder militar
PaiNa'od
CónxuxeSeble Wongel
FillosMenas of Ethiopia, Gelawdewos e Yāʿqob
editar datos en Wikidata ]

Dawit II (ge'ez ዳዊት dāwīt), tamén coñecido como Wanag Segad (wanag sagad, 'ante quen os leóns se inclinan') e aínda máis polo seu nome de nacemento Lebna Dengel (ge'ez ልብነ ድንግል libna dingil), nado en 1501 e finado o 2 de setembro de 1540, foi o nəgusä nägäst (1508–1540) de Etiopía. Membro da dinastía salomónica, foi o fillo do emperador Na'od e a raíña Na'od Mogasa. A importante vitoria sobre Mahfuz, líder de Adal, pode que dese a Dawit o título de Wanag Segad, que combina termos ge'ez e harari.[1]

Comezos do reinado[editar | editar a fonte]

Malia ter máis de setenta anos, a emperatriz nai Eleni comezou a actuar como rexente do seu "bisnetastro" até 1516, cando tivo a mairoría de idade. Durante este tempo, ela foi consciente de que os estados musulmáns veciños recibían asistencia doutros países musulmáns máis grandes, como o Imperio Otomán. Eleni procurou neutralizar esta vantaxe despachando ao armenio Mateu a Portugal para pedir asistencia. Con todo, a resposta portuguesa non chegou a Etiopía senón moito máis tarde, cando unha embaixada encabezada por Rodrigo de Lima chegou a Massawa o 9 de abril de 1520. Tras atravesar as montañas de Etiopía, non chegaron ao campamento de Dawit até o 19 de outubro daquel ano. Francisco Álvares proporciónanos unha descrición do emperador:

En idade, complexión, e estatura, é un home novo, non moi negro. A súa complexión podería ser castaña ou baia, dunha cor non moi escura; é un home de moita crianza, de estatura mediana; dixeron que tiña vinte e tres anos de idade, e así parece; o rostro é redondo, os ollos grandes, o nariz alto no medio e a súa barba comeza a crecer. En presenza e estado parece totalmente o gran señor que é.[2]

Dawit emboscara e matara ao Emir Mahfuz de Adal en 1517. Por esa mesma época unha frota portuguesa atacou Zeila, un forte musulmán, e queimouno. En 1523, Dawit fixo unha campaña entre o pobo gurage preto do lago Zway. Contemporáneos concluíron que a ameaza musulmá a Etiopía finalmente acabara, por iso, cando a misión diplomática de Portugal finalmente chegou, Dawit negou que Mateu tivera autoridade para negociar tratados, ignorando os consellos de Eleni. Despois dunha estadía de seis anos, os portugueses finalmente partiron e deixaron atrás unha clase gobernante que cría ter firmemente o control da situación. Como Paul B. Henze observa: "Eles estaban enganados."[3]

Guerra etíope-Adal[editar | editar a fonte]

Coa morte do sultán Abu Bakr en 1520, un imán novo Ahmad ibn Ibrahim al-Ghazi consolidou o seu control no Sultanato de Adal, e fixo o seu candidato, Umar Din, sultán, entón empezou unha campaña para extinguir o Imperio de Etiopía. O imán cruzou o río Awash e entrou Fatagar en 1528, saqueando e queimando a cidade de Badeqe antes de que Dawit puidese chegar co seu exército. O imán comezou a retirarse e cruzou o Samara, un afluente do Awash. Os seguidores do imán estaban acostumados a facer incursións "lóstrego" en territorio etíope, atacando rapidamente e volvendo axiña; non tiñan experiencia en batallas campais, e o imán Ahmad Gragn tivo que afrontar numerosas desercións.[4] O Emperador Dawit alcanzou as forzas do imán Ahmad Gragn e entraron en batalla o 7 ou 9 de marzo de 1529 en Shimbra Kure, mais non puido destruír o exército do imán. Aínda que non fora unha vitoria clara para o imán, esta batalla probou aos seus seguidores que podían loitar contra o exército etíope.

O imán Ahmad Gragn pasou os seguintes dous anos preocupado máis aló do Awash, mais regresou para atacar Etiopía en 1531, onde dispersou o exército baixo o xeneral Eslamu disparando o primeiro canón no Corno de África. Dawit foi forzado a retirarse ás montañas de Etiopía e fortificar os pasos a Bet Amhara ("a Casa de Amhara"), deixando os territorios do leste e do sur baixo a protección do seu xeneral Wasan Sagad. Con todo, Wasan Sagad morreu preto do Monte Busat mentres loitaba contra Ura'i Utman o 29 xullo (5 de nahase de 1524 no calendario etíope) e o seu exército dispersouse. O imán sorprendeu o emperador na Batalla de Amba Sel o 27 de outubro, onde o emperador case foi capturado, un revés, segundo R.S. Whiteway, que deixou Lebna Dengel en "ningunha posición para ofrecer unha batalla campal aos seus inimigos."[5] Os seguidores do imán caeron sobre Bet Amhara, saqueando cada igrexa que atoparon, incluíndo Mekane Selassie, Atronsa Maryam, Debre Nagwadgwad e Ganata Giyorgis. O emperador Dawit retrocedeu tras o río Abay á seguranza relativa de Gojjam. Só o fracaso dos musulmáns en capturar a fortificación real en Amba Geshen os atrasou.

Nas campañas seguintes, os seguidores de Ahmad destruíron igrexas, mosteiros e converteron cristiáns a punta de lanza. En abril de 1533, Ahmad unha vez máis reuniu as súas tropas en Debre Berhan para conquistar —ou polo menos devastar— as rexións do norte de Tigray, Begemder, e Gojjam.

Tanto Etiopía como Dawit padeceron moito estas agresións. O mosteiro de Debre Libanos foi queimado, e os establecementos das illas do Lago Tana foron saqueados.[6][7] O fillo máis vello de Dawit, Fiqtor, foi matado en Zara, en Wag, por un tenente de Ahmad o 7 de abril de 1537; outro fillo, Menas, foi capturado o 19 de maio de 1539 e despois enviado a Iemen. Amba Geshen caeu noutra agresión en xaneiro de 1540, e os prisioneiros reais foron enterrados onde morreran, cos seus gardas e o tesouro real saqueado. Durante os anos que viviu como un proscrito no seu propio reino, Dawit veu á procura da sabedoría da raíña Eleni para conseguir axuda externa, en Europa, e para pedila unha vez máis enviou João Bermudes, quen chegara a Etiopía con Rodrigo de Lima. Con todo, esta axuda, baixo a forma de Cristóvão da Gama e a súa tropa de 400 elixidos, non chegou a Etiopía ata despois de que Dawit morrera en batalla preto de Debre Damo, o 2 de setembro de 1540. O historiador etíope Taddesse Tamrat escribe, "A ocupación musulmá das montañas cristás baixo Ahmad Gragn durou pouco máis que dez anos, entre 1531 e 1543. Mais a cantidade de destrución ocasionada nestes anos só se pode estimar en séculos."[8]

Dise que Yaqob, un dos fillos máis novos de Dawit II, ficou detrás para esconderse na provincia de Menz, en Shewa. O neto de Yaqob, Susenyos, derrotou os seus varios segundos curmáns en 1604 para devir emperador e iniciou a liña Gondar da dinastía solomónica.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Emmanuel Kwaku Akyeampong, Henry Louis Gates, Dictionary of African Biography, Volume 4
  2. Francisco Alvarez, The Prester John of the Indies translated by C.F. Beckingham and G.W.B. Huntingford (Cambridge: Hakluyt Society, 1961), p. 304.
  3. Paul B. Henze, Layers of Time, A History of Ethiopia (New York: Palgrave, 2000), p. 85.
  4. As described by Sihab ad-Din Ahmad bin 'Abd al-Qader, Futuh al-Habasa: The conquest of Ethiopia, translated by Paul Lester Stenhouse with annotations by Richard Pankhurst (Hollywood: Tsehai, 2003), pp. 68-70
  5. R.S. Whiteway, The Portuguese Expedition to Abyssinia in 1541-1543, 1902 (Nendeln, Liechtenstein: Kraus Reprint Limited, 1967), p. xxxvi.
  6. Futuh, pp. 186-193.
  7. Futuh, pp. 381-384.
  8. Taddesse Tamrat, Church and State in Ethiopia (1270 - 1527) (Oxford: Clarendon Press, 1972), p. 301.