Laxmi Prasad Devkota

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura
Laxmi Prasad Devkota
Mahakavi laxmi prasad devkota.jpg
Nome de nacementoलक्ष्मीप्रसाद देवकोटा
Nacemento12 de novembro de 1909
 Katmandú
Falecemento14 de setembro de 1959 (49 anos)
 Katmandú
NacionalidadeNepal
Relixiónateísmo
Ocupaciónpoeta, ensaísta, dramaturgo, novelista, letrista, contista e tradutor
PaiTilmadhav Devkota
NaiAmar Rajyalakshmi Devi
CónxuxeManadevi Chalise
Coñecido/a porMuna Madan, The Lunatic, Sakuntal, Sulochana, Prithwiraj Chouhan, Champa, Savitri Satrawan, Bhikhari, Putali, Sunko Bihan, Kunjini, Lakshmi Nibandha Sangraha, Lakshmi Katha Sangraha, Dushyanta Samuntala Bhet, Prometheus e Maharana Pratap
editar datos en Wikidata ]
Laxmi Prasad Devkota

Laxmi Prasad Devkota (en nepalés लक्ष्मीप्रसाद देवकोटा), nado en Dhobidhara o 12 de novembro de 1909 e finado en Katmandú o 14 de setembro de 1959, foi un escritor e político nepalés. Está considerado o meirande poeta en nepalés, honrado co título de Maha Kavi[1] ("O meirande poeta") da literatura nepalesa.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Fillo dun estudoso do sánscrito, estudou no Insitituto Durbar en Katmandú onde estudou en sánscrito e mais en inglés. Gradouse en dereito na Universidade de Patna e despois traballou primeiro como profesor particular e logo como censor na Nepal Bhasanuwad Parishad, e alí coñeceu ao dramaturgo Balkrishna Sama.

Obra e estilo[editar | editar a fonte]

Devkota contribuíu á renovación da literatura nepalesa, modernizou a lingua, co seu uso innovador da linguaxe. Foi o primeiro en escribir poemas épicos, mahakavya na literatura nepalesa. Saíndo da tradición sánscrita que dominaba a literatura nepalesa, escribiu Muna Madan (1930), un longo poema narrativo baseada na balada popular en newari "Ji Waya La Lachhi Maduni"[2]. A obra recibiu recoñecemento inmediato, e é o meirande éxito da literatura en nepalés.[3]

Laxmi Prasad, inspirándose na súa estadía de cinco meses nun asilo mental en 1939, escribiu o poema en verso libre "Pagal". Tamén escribiu Shakuntala, o seu primeiro mahakavya e da literatura nepalesa[4], publicado en 1945, é unha voluminosa obra en 24 cantos baseado na obra de KālidāsaAbhijñānaśākuntalam. Devkota tamén publicou varias coleccións de curtos poemas líricos. A maioría da súa poesía mostra unha influencia dos poetas románticos ingleses, como William Wordsworth e Samuel Taylor Coleridge. Moitos dos seus poemas tratan de elementos mundanos do mundo humano e natural. Entre eles salientan "Ban वन", "Kisaan किसान", "Baadal बादल", neles amosa a súa fonda fe na humanidade.Ademais de poesía, Devkota tamén fixo contribucións significativas ao xénero de ensaio, está considerado o creador do ensaio nepalés moderno. Desafiou a forma convencional dos ensaios, rompendo as regras da gramática e a sintaxe, e achegándose a un estilo máis fluído e coloquial. Os seus ensaios adoitan ter un ton satírico, caracterizado polo seu humor e a crítica ás influencias modernizadoras de occidente. Un dos seus ensaios titulado भलादमी (Bhaladmi) critica unha tendencia decadente da sociedade nepalesa en mirar ás persoas polas aparencias máis que polo seu valor real e a súa personalidade. Noutro titulado के नेपाल सानो छ? (Ke Nepal Sano Cha?) expresa un sentimentos fondamente nacionalista contra as forzas coloniais da India británica que estaban influíndo en todas as expresións da cultura nepalesa. Tamén traduciu Macbeth de William Shakespeare ao nepalés.

Política[editar | editar a fonte]

A súa poesía amosa unha actitude de rebelión contra a dinastía Rana gobernantes hereditarios do Nepal mentres o rei era unha figura sen poder. Durante o seu autoexilio en Varanasi traballou como editor do xornal Yugvani do partido Congreso Nepalés o que levou a que o goberno confiscase as súas propiedades. Logo da Revolución de 1951 e a introdución da democracia o rei Tribhuvan nomeouno membro do Nepal Shalakar Samiti en 1952 e en 1957 foi o ministro de educación no goberno de Kunwar Inderjit Singh.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Mahakavi Laxmi Prasad Devkota en We all Nepali
  2. Hutt, Michael (1991). Himalayan Voices: An Introduction to Modern Nepali Literature University of California Press. ISBN 9780520070486. Páx. 41
  3. Bishnu K.C. 'Muna Madan,' a Literary Masterpiece. Nepal's best-selling poem about a man who finds wealth only to lose love. Ohmy News, 27 de xaneiro de 2006
  4. Mohan Lal (1992) Encyclopaedia of Indian Literature: Sasay to Zorgot. Sahitya Akademi, p. 3964