O Lavender Scare (en galego:Pánico lila) foi un episodio de pánico moral sobre as persoas homosexuais que traballaban no goberno dos Estados Unidos de América, que levou ao despido de numerosos traballadores públicos a mediados do século XX. Coincidiu coa campaña anticomunista coñecida como macartismo e co segundo Red Scare.[1] As persoas gays e lesbianas foron acusadas de ser un risco para a seguridade nacional e simpatizantes do comunismo, polo que se solicitou a súa retirada dos postos públicos.[2] Ademais, pensábase que o estigma da homosexualidade os facía vulnerables ante a extorsión.[3] Neste sentido, perseguiuse menos ás lesbianas, pero aínda así moitas foron interrogadas e perderon os seus traballos.
O Lavender Scare normalizou o acoso ás persoas homosexuais mediante a institucionalización burocrática da homofobia. Segundo o senador Alan K. Simpson: "O chamado Red Scare foi o centro de atención principal da meirande parte de historiadores dese período. Un elemento menos coñecido e que danou a moitas máis persoas foi a caza de bruxas que McCarthy e outros dirixiron contra os homosexuais".[4]
A expresión Lavender Scare popularizouse polo traballo homónimo de David K. Johnson sobre esta campaña homófoba, publicado en 2004. O libro derivou o seu título do termo lavender lads (en galego:rapaces lilas), usado a eito polo senador Everett Dirksen como sinónimo de gay. En 1952, Dirksen afirmou que unha vitoria republicana nas eleccións xerais de novembro dese ano implicaría a eliminación dos "rapaces lilas" do Departamento de Estado.[5][6] A frase usouse tamén na revista Confidential, unha publicación periódica dedicada ás rexoubas sobre a sexualidade dos políticos e das estrelas de Hollywood.[7]