Langston Hughes

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Langston Hughes
Langston Hughes 1936.jpg
Langston Hughes fotografado en 1936 por Carl Van Vechten.
Nacemento 1 de febreiro de 1902
Lugar Joplin (Missouri)
Falecemento 22 de maio de 1967
Lugar Noova York (Estado de Nova York)
Causa Cancro de próstata
Nacionalidade Estados Unidos de América
Etnia Afroamericano
Alma máter Universidade Lincoln, Fu Foundation School of Engineering and Applied Science e Lincoln University
Ocupación poeta, novelista, dramaturgo, ensaísta, escritor e xornalista
Xéneros novela, ensaio, teatro, xornalismo
Coñecido/a por The Negro Speaks of Rivers
Premios Bolsa Guggenheim, Medalha Spingarn, Anisfield-Wolf Book Awards e William E. Harmon Foundation award for distinguished achievement among Negroes
editar datos en Wikidata ]

Langston Hughes, nado en Joplin (Missouri) o 1 de febreiro de 1902 e finado en Nova York o 22 de maio de 1967, foi un poeta, novelista e columnista estadounidense afroamericano. Foi un dos impulsores do Renacemento de Harlem.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Naceu co nome de James Mercer Langston Hughes, fillo de James Nathaniel Hughes e Carrie Langston Hughes. O seu pai abandonou a súa muller e marchou a Cuba e México por mor do racismo da época nos Estados Unidos. Hughes viviu coa súa nai e coa súa avoa. As lendas que esta lle contaba tiveron un grande impacto en Hughes, pois a través delas descubriu a tradición oral afroamericana que o fixo sentirse orgulloso da súa raza.

Pasou boa parte da infancia en Lawrence (Kansas), e tras a morte da avoa viviu coa súa nai e co novo marido desta en Lincoln (Illinois) e Cleveland (Ohio), até entrar na Universidade de Columbia e comenzar a época de Harlem. Por entón era adicto á marihuana.

Formación[editar | editar a fonte]

Mentres estaba na escola elemental, en Illinois, foi nomeado poeta da clase, porque (como el mesmo contou máis tarde) existía nos Estados Unidos o estereotipo de que os afroamericanos tiñan un gran sentido do ritmo:

Fun vítima do estereotipo; eramos só dous rapaces negros en clase, e o profesor de inglés sempre estaba a remarcar a importancia do ritmo na poesía. Ben, todo o mundo sabe (menos nosoutros) que todos os negros teñen un gran sentido do ritmo, así que me fixeron poeta da clase.

Estando aínda no instituto, en Ohio, comezou a escribir para o periódico escolar, editou o anuario e comezou a escribir os seus primeiros relatos, poesías e obras de teatro. Nesta época descubriu o seu amor polas letras e os autores que máis influirían na súa escritura: Paul Laurence Dunbar e Carl Sandburg. Esta influencia reflíctese no poema "When Sue Wears Red", no que por vez primeira incorporou o jazz, ou en "The Negro Speaks of Rivers", un dos seus poemas máis coñecidos. En 1919 Hughes viviu durante un tempo co seu pai en México, mais a relación entre eles era tan traumática que Hughes pensou en se suicidar polo menos unha vez. Porén, ao rematar o instituto regresou a México tratando que o seu pai lle financiase os estudos na Universidade de Columbia. Hughes conta en The Big Sea como, mentres viaxaba a México, adoitaba pensar sobre o seu pai e a estraña aversión que este tiña cara á súa propia xente:

Non podía entendelo, porque eu son afroamericano, e gústanme moito os afroamericanos.

O pai estaba disposto a financiar os estudos do seu fillo, pois no aprobaba o seu desexo de ser escritor. O pai agardaba que Langston fose á Universidade para estudar enxeñaría, mais non nos Estados Unidos. Finalmente chegaron a un acordo: Langston estudaría enxeñaría, mais en Columbia.

Na universidade Hughes mantivo uns resultados académicos bastante bos, mais abandonou en 1922 por mor dos prexuízos raciais dentro da institución, e porque os seus intereses se orientaban máis cara ao seu barrio do Harlem e o que alí acontecía.

Langston Hughes en 1943

Despois de abandonar os estudos, pasou por varios empregos até servir por un tempo como tripulante a bordo do SS Malone en 1923, co que pasou seis meses viaxando a África occidental e Europa, onde abandonou o barco para ir a París. Alí coñeceu os escritores da chamada Xeración perdida, Ernest Hemingway e F. Scott Fitzgerald.

En novembro de 1924 regresou aos Estados Unidos para vivir coa súa nai en Washington, D.C., entrando a traballar como axudante persoal do historiador Carter G. Woodson, dentro da Asociación para o Estudo da Vida e a Historia dos Afroamericanos, se ben deixou este posto para traballar nun hotel. Alí coñeceu o poeta Vachel Lindsay, que fixo público o descubrimento dun novo poeta negro, levándoo á fama.

En 1926 Hughes ingresou na Universidade de Lincoln, graduándose en Artes en 1929 e doutorándose en 1943. En 1963 foi nomeado doutor honoris causa pola Universidade de Howard.

Desde novo Hughes sentiuse atraído pola cultura hispánica en xeral e pola española en particular. Con seis anos acompañou á súa nai a Toluca (México) nun intento da parella por recompoñer o matrimonio. En 1919 regresou a México chamado polo seu pai, e repetiu a viaxe en 1920, se ben nunca chegaron a reconciliarse. Mais alí aprendeu a falar castelán, e leu autores Miguel de Cervantes, Vicente Blasco Ibáñez, Pío Baroja ou Federico García Lorca. A última vez que visitou México foi en 1934, tras a morte do seu pai. Nesa ocasión coñeceu o folklorista Andrés Henestrosa, o fotógrafo francés Henry Cartier-Bresson e escritores como Salvador Novo, Carlos Pellicer, Xavier Villaurrutia ou José Gorostiza. Tivo tamén especial relación cos grandes muralistas José Clemente Orozco, David Alfaro Siqueiros e Diego Rivera.

Estivo en Cuba polo menos catro veces. A máis significativa foi en 1930, cando algúns poemas seus foran xa traducidos ao castelán por Fernández de Castro. Entón coñeceu a autores como Nicolás Guillén, a quen traduciu ao inglés xuntou a outros escritores cubanos. En 1931, na súa última visita á illa, escribiu o poema antiimperialista “To the Little Fort of San Lazaro on the Ocean Front, Habana”.

Guerra civil española[editar | editar a fonte]

En 1937 cubriu a guerra civil española como correspondente do periódico Baltimore Afro-American, tratando especialmente sobre os negros estadounidenses das Brigadas Internacionais. Xa antes de ir a España manifestara o seu apoio á República, e escribira o poema antibélico "Song of Spain". Debido á neutralidade oficial dos Estados Unidos ante a guerra de España, Hughes viaxou a través de Francia e en París asistiu ao II Congreso Internacional de Escritores,[Cómpre referencia] que reuniu intelectuais antifascistas de toda Europa. En compañía de Nicolás Guillén, Hughes chegou a España en agosto de 1937 e tras unha curta estancia en Barcelona e Valencia chegaron a Madrid, aloxándose na sede da Alianza de Intelectuais Antifascistas que dirixía José Bergamín e da que era secretario Rafael Alberti.

Desta casa madrileña, que antes foi un palacio para o ocio dos ricos, entran e saen agora os mellores escritores, artistas e pensadores de España, así como os visitantes estranxeiros que residen en Madrid ou que se encontran no país reunindo material para artigos e libros (…) En ocasións estes escritores, tanto españois como estranxeiros, deixan a casa para continuar o traballo como loitadores, pensadores ou artistas na fronte, e xa non regresan (…) Como ven, os artistas e escritores que frecuentaban a Alianza en Madrid non eran da escola da Torre de Marfil. De fecho, seríalles imposible estar nunha Torre de Marfil en Madrid. Os canóns faríana pedazos”[1]

A finais de 1937, logo de visitar as frontes de guerra, regresou a Francia a través de Valencia e Barcelona:

Ao verme aquel día en Tour de Carol (a primeira vila de Francia), por vez primeira en seis meses afastado do estrondo dos obuses e da bombas, sentei na cantina da estación e pedín unha suculenta comida (…) Que diferenza establece unha fronteira: a un lado dunha liña invisible, comida; ao outro, nada. A un lado, paz. Ao outro, guerra. A un lado, tranquilidade baixo o Sol. Ao outro, o bang! dos obuses, o ouveo das sirenas e o estoupido das bombas sobre cidades populosas (…) Permanecín só na plataforma da pequena estación aquel luminoso día de decembro e mirei polo val cara a España pensando nas fronteiras, as nacionalidades e a guerra. Pregunteime que sería do pobo español que marchaba pola sanguenta corda frouxa da súa guerra civil[2]

A guerra civil española ocupa un apartado significativo na súa obra literaria. Os fragmentos das súas memorias I Wonder as I Wander ofrecen un panorama suxestivo do deambular do autor por España en 1937 e as súas relacións non só con escritores españois (Alberti, Miguel Hernández) ou hispanoamericanos (Nicolás Guillén) senón tamén con estadounidenses como Ernest Hemingway.

As crónicas que enviou a diversos periódicos do seu país, estaban escritas con afán militante, para que o lectorado estadounidense se solidarizase coa República en perigo. A mensaxe é sinxela e mesmo repetitiva: na guerra de España estase a debater a loita pola liberdade e, se o fascismo triunfa en España, despois hase estender polo resto de Europa. Nesa loita pola liberdade destacan os numerosos heroes anónimos de todas partes do mundo integrados nas Brigadas Internacionais. Un colectivo destes voluntarios ao que Hughes adica especial atención está constituído por negros norteamericanos, cuxas vicisitudes nas trincheiras republicanas (desde Brunete até a batalla do Ebro) describe e comenta como exemplo e motivo de orgullo. Desde a súa perspectiva de escritor negro non deixa de sorprenderse pola presenza de soldados marroquís no exército de Franco, e sobre esa incoherencia chegou a discutir cun soldado rebelde marroquí nun hospital.

Estableceu paralelismos entre o flamenco e a música negra estadounidense, o jazz e o blues. Viaxou a España con discos de jazz, que se escoitaban nos salóns da Alianza de Escritores Antifascistas, e cando podía escoitaba a Niña de los Peines e outros artistas flamencos que actuaban no Madrid asediado polos bombardeos franquistas.

Escribiu uns doce poemas sobre España e a Guerra Civil, tanto en España como tras o seu regreso aos Estados Unidos, xa nas décadas de 1940 e 1950. Case todos son de grande emotividade e forza expresiva, a modo de cartas, postais e cancións desde España.

A excepción dalgunhas viaxes polo Caribe, non volveu saír do Harlem até a súa morte por un cancro de próstata aos 65 anos. As súas cinzas foron depositadas baixo un medallón do auditorio que leva o seu nome no Arthur Schomburg Center for Research in Black Culture de Harlem.

Obra[editar | editar a fonte]

Renacemento de Harlem[editar | editar a fonte]

Unha das características máis relevantes do Renacemento de Harlem (na súa influencia posterior) é a imitación dos sons e improvisacións do jazz na poesía (Jazz poetry), como os ritmos sincopados. Os pioneiros en adaptar os ritmos do jazz e os retrousos á poesía foron Carl Dunbar e Langston Hughes, ambos os dous moi involucrados na extensión do orgullo racial e a conservación da tradición afroamericana. Comenzaron a estudar o modo de engadir á poesía os ritmos do jazz, o blues e outros tipos de música afroamericana, como a canción espiritual. Buscaban así dar unha forma distintiva á súa poesía, que deron pé a poemas como "Weary Man Blues", adaptando ritmo, terminoloxía e temática musical. A jazz poetry volveu rexurdir dúas décadas máis tarde coa música beat, e máis tarde no rap, que tamén fai uso destes ritmos sincopados.

Se ben Langston Hughes acadou a fama como poeta do Renacemento de Harlem, foi tamén novelista, columnista, escritor de teatro e ensaísta. Outra das temáticas presentes no seu estilo é a experiencia das súas viaxes.

Relación con Lorca[editar | editar a fonte]

Hughes sentiu grande admiración pola obra literaria de Federico García Lorca, e traduciu ao inglés varios textos seus, se ben non hai constancia de que se coñecesen persoalmente. Na estancia de Lorca en Nova York tratou amizades comúns, como a novelista negra Nella Larsen, e segundo contou na súa conferencia "Un poeta en Nueva York" (1932), visitou o local Small’s Paradise, club de moita sona por entón no Harlem, frecuentado tanto por brancos como por negros, do que Hughes era tamén asiduo. Quizais coincidiron tamén en Cuba en marzo de 1930. Cando Hughes estivo en España, coa axuda de Rafael Alberti e Manuel Altolaguirre emprendeu a tradución do Romancero gitano, se ben nos Estados Unidos só se publicou en 1938 o "Romance de la guardia civil". Xa en 1951 quince dos dezaoito poemas do libro apareceron en “The Beloit Poetry Champbook" co título de Gipsy Ballads. Para esta tradución Hughes contou co asesoramento do irmán do poeta asasinado, Francisco García Lorca, por entón profesor na Universidade de Columbia. Hughes traduciu tamén a obra teatral Bodas de sangre, mais non chegou a publicarse.

Obras[editar | editar a fonte]

Danse Africaine (Leiden).
Poesía
  • The Weary Blues (Knopf, 1926)
  • Fine Clothes to the Jew (Knopf, 1927)
  • The Negro Mother and Other Dramatic Recitations (1931)
  • Dear Lovely Death (1931)
  • The Dream Keeper and Other Poems (Knopf, 1932)
  • Scottsboro Limited: Four Poems and a Play (N.Y.: Golden Stair Press, 1932)
  • Shakespeare in Harlem (Knopf, 1942)
  • Freedom's Plow (1943)
  • Fields of Wonder (Knopf,1947)
  • One-Way Ticket (1949)
  • Montage of a Dream Deferred (Holt, 1951)
  • Selected Poems of Langston Hughes (1958)
  • Ask Your Mama: 12 Moods for Jazz (Hill & Wang, 1961)
  • The Panther and the Lash: Poems of Our Times (1967)
  • The Collected Poems of Langston Hughes (Knopf, 1994)
  • Let America be America Again (2004)
Ficción
  • Not Without Laughter (Knopf, 1930)
  • The Ways of White Folks (Knopf, 1934)
  • Simple Speaks His Mind (1950)
  • Laughing to Keep from Crying (Holt, 1952)
  • Simple Takes a Wife (1953)
  • Sweet Flypaper of Life (fotografía de Roy DeCarava; 1955)
  • Simple Stakes a Claim (1957)
  • Tambourines to Glory (1958)
  • The Best of Simple (1961)
  • Simple's Uncle Sam (1965)
  • Something in Common and Other Stories (Hill & Wang, 1963)
  • Short Stories of Langston Hughes (Hill & Wang, 1996)
Non ficción
  • The Big Sea (New York: Knopf, 1940))
  • Famous American Negroes (1954)
  • Marian Anderson: Famous Concert Singer (1954)
  • I Wonder as I Wander (New York: Rinehart & Co., 1956)
  • A Pictorial History of the Negro in America (1956; con Milton Meltzer)
  • Famous Negro Heroes of America (1958)
  • Fight for Freedom: The Story of the NAACP (1962)
Obras de teatro (selección)
  • Mule Bone (1931; con Zora Neale Hurston)
  • Mulatto (1935; editado en 1950 como The Barrier, an opera)
  • Troubled Island (1936; con William Grant Still)
  • Little Ham (1936)
  • Emperor of Haiti (1936)
  • Don't You Want to be Free? (1938)
  • Street Scene, canciones (1947)
  • Tambourines to glory (1956)
  • Simply Heavenly (1957)
  • Black Nativity (1961)
  • Five Plays by Langston Hughes (Bloomington: Indiana University Press, 1963.)
  • Jericho-Jim Crow (1964)
Obras infantís
  • Popo and Fifina (1932; con Arna Bontemps)
  • The First Book of the Negroes (1952)
  • The First Book of Jazz (1954)
  • The First Book of Rhythms (1954)
  • The First Book of the West Indies (1956)
  • First Book of Africa (1964)

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Hughes, Langston (2011): Escritos sobre España. Ed. La Oficina/BAAM, páx 29.
  2. Hughes, Langston (2011): Escritos sobre España. Ed. La Oficina/BAAM, páx 223.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]