Lancelot Hogben
| Biografía | |
|---|---|
| Nacemento | 9 de decembro de 1895 Portsmouth |
| Morte | 22 de agosto de 1975 Wrecsam |
| 13º Regius Professor of Natural History (en) | |
| 1937 – 1941 ← James Ritchie – Alister Hardy → | |
| Datos persoais | |
| Educación | Trinity College Woodside High School (en) |
| Actividade | |
| Campo de traballo | Zooloxía e estatística |
| Ocupación | matemático, zoólogo, escritor, estatístico, xenetista, lingüista |
| Empregador | London School of Economics Universidade de Birmingham Universidade de Cidade do Cabo Universidade de Edimburgo |
| Membro de | |
| Obra | |
Obras destacables
| |
| Familia | |
| Cónxuxe | Enid Charles |
| Premios | |
Lancelot Thomas Hogben, nado en Portsmouth o 9 de decembro de 1895 e finado en Wrexham o 22 de agosto de 1975, foi un científico multidisciplinar británico, membro da Royal Society. Foi especialmente coñecido no campo da fisioloxía experimental, introducindo o Xenopus laevis (un anfibio moi parecido ao sapo) como modelo para a investigación biolóxica; no campo da estatística médica, opoñéndose activamente ao movemento pro-euxénese; e no campo da divulgación científica.[1][2][3][4][5][6][7]
Hogben escribiu a súa autobiografía pouco antes de morrer, sen chegar a entregar unha versión definitiva, polo cal os seus fillos Adrian e Annie Hogben a publicaron como autobiografía non autorizada.[8]
Traxectoria
[editar | editar a fonte]Hogben naceu en Portsmouth[9] en 1895, fillo de pais metodistas. Tras mudarse a Londres, asistiu á escola secundaria de Tottenham, en cuxa biblioteca pública descubriu as obras darwinistas e obtivo unha formación extra en zooloxía de maneira autodidacta. Mediante unha bolsa, estudou medicina no Trinity College de Cambridge,[2] graduándose en fisioloxía en 1915. Adquiriu conviccións socialistas, e participou na Sociedade Fabiana de Cambridge.
Adoptou unha visión crítica do dogmatismo marxista, e acabou sendo un membro moi activo do Partido Laborista. Finalmente, acabaría definíndose como humanista. Durante a primeira guerra mundial, a conciencia pacifista de Hogben levouno a se negar a realizar o servizo militar obrigatorio, polo cal foi encarcerado durante tres meses.
En 1918 Hogben casou coa economista e sindicalista Enid Charles, á cal coñecera un ano antes en Cambridge.
Xenética e fisioloxía
[editar | editar a fonte]En 1917, Hogben xa era profesor no departamento de zooloxía da escola universitaria de Birkbeck, e en 1919 pasou ao Imperial College London de ciencia, tecnoloxía e medicina, que contaba cun bo laboratorio de fisioloxía comparada. Alí Hogben dirixiu un estudo sobre o proceso que seguen os pares de cromosomas xusto antes de dividirse. Contra a teoría dominante da telesinapse (conexión a distancia entre cromosomas), Hogben expuxo a posibilidade de para-sinapse (conexión lateral). Esta sería unha achega importante á teoría do cromosoma.
A partir de 1922, Hogben proseguiu a súa actividade en Edimburgo, estudando a fisioloxía da glándula pituitaria en colaboración con outros biólogos como Julian Huxley e J. B. S. Haldane. Observaron a capacidade de certos vertebrados arcaicos, especialmente ras, para escurecer ou aclarar a cor da pel segundo o ton cromático da súa contorna, o cal lles levou a expor un proceso de control endócrino sobre a mutación cromática. Así, illaron unha nova hormona, a hormona estimulante melanocito, ou MSH (do inglés, melanocyte stimulating hormone).
En 1923, Hogben cofundou a Sociedade de Bioloxía Experimental e a súa revista, xunto con Julian Huxley e J. B. S. Haldane, cos cales compartía unha postura anti-euxénese. Contra a separación estrita entre herdanza e ambiente, Hogben expuña a interdependencia entre a herdanza natural e o apoio ambiental (en inglés, nature & nurture).
En 1927 Hogben e a súa familia van vivir á Cidade do Cabo, Suráfrica, nunha zona con gran diversidade biolóxica. Alí Hogben foi pioneiro no estudo dunha especie de sapo, o Xenopus laevis, que posteriormente foi moi estudado en diversos campos da bioloxía. Hogben demostrou que a función ovárica do Xenopus laevis depende dunha hormona pituitaria, a gonadotropina. Este achado deu lugar a un test de embarazo relativamente fiable (libre de falsos positivos, aínda que con posibilidade de falsos negativos), que foi de grande importancia clínica e social durante algunhas décadas, ata a introdución de novos tests inmunolóxicos na década de 1960.
A nivel social, en Suráfrica Hogben e a súa esposa opuxéronse activamente ás políticas de discriminación racial.
Hogben retornou a Inglaterra para asumir a nova cátedra de Bioloxía Social na London School of Economics, onde coincidiu con figuras importantes da xenética e a demografía, como Ronald Fisher (figura destacada do movemento pro-euxénese), J. B. S. Haldane, Lionel Penrose, e Sewall Wright. En 1931 Hogben publicou Genetic Principles in Medicine and Social Science (en galego, Principios xenéticos en medicina e ciencia social), tras tratar a materia nunha serie de conferencias exitosas na universidade de Birmingham. Adquiriu unha casa de campo en Devon, que é evocada polo seu fillo Adrian Hogben nun comentario que suxire un enfoque limitado da ciencia xenética:
Lancelot gave me pairs of rabbits of six different breeds, which enabled me to verify Mendel's laws. But he warned me to avoid medical genetics. Genetic disorders were rare and most had been discovered.
[Tradución:] Lancelot deume pares de coellos de seis razas diferentes, coas que eu podía verificar as leis de Mendel. Pero avisoume que evitase a xenética médica. As desordes xenéticas eran raras e a maioría foran descubertas.Adrian Hogben (1998, p. XIII)
A Royal Society de Edimburgo concedeu a Hogben un premio pola súa contribución á xenética. En 1946, Hogben publicou An Introduction to Mathematical Genetics (Unha introdución á xenética matemática).
Divulgación científica
[editar | editar a fonte]Xa en 1937, Hogben publicou o manual divulgativo Mathematics for the million: a popular self-educator (Matemáticas para a multitude: un auto-educador popular), cuxo título denotaba a vontade de Hogben por divulgar o coñecemento científico a unha gran multitude de xente. Aínda que o libro non conseguiu vender un millón de copias, como algúns criticaron con sarcasmo, de feito chegou a vender medio millón xa en 1978. Gran parte do éxito deste libro debeuse aos debuxos e gráficos imaxinativos que concibiu Hogben, influenciado polo tratamento gráfico que observara no libro Outline of History de H. G. Wells (1922).
En 1938, Hogben publicou o manual divulgativo Science for the Citizen: a self-educator (Ciencia para o cidadán: un auto-educador), que obtivo menos éxito que o anterior. Tras editar The loom of language (O xurdimento da linguaxe) de F. Bodmer, Hogben publicou en 1943 Interglossa: A draft of an auxiliary for a democratic world order (Interglossa: Un esbozo dunha lingua auxiliar para unha orde mundial democrática). Hogben observara a dificultade dos seus estudantes para memorizar termos biolóxicos, debido ao seu descoñecemento da etimoloxía, e afíxose a aclararlles as principais raíces greco-latinas mediante exemplos que resultaban de valor mnemotécnico. Así foi como empezou a recompilar un vocabulario universal formado por raíces latinas e gregas. Xa durante a segunda guerra mundial, en Birmingham, Hogben desenvolveu unhas pautas de sintaxe e completou o esbozo dunha nova lingua auxiliar internacional baseada no léxico da ciencia moderna:[10]
Because natural science is the only existing form of human co-operation on a planetary scale, men of science, who have to turn to journals published in many languages for necessary information, are acutely aware that the babel of tongues is a social problem of the first magnitude. Men of science, more than others, have at their finger-tips an international vocabulary which is already in existence
[Tradución: ] Xa que a ciencia natural é a única forma existente de cooperación humana a escala planetaria, os homes de ciencia, que teñen que acudir a revistas publicadas en moitas linguas para información necesaria, son agudamente conscientes de que a babel de linguas é un problema social de primeira magnitude. Os homes de ciencia, máis que outros, teñen nos seus dedos un vocabulario internacional que xa existe (...)Hogben, Interglossa. (1943, p. 7)
Estatística médica
[editar | editar a fonte]Hogben atopábase en Oslo dando unhas conferencias sobre a falsidade das teorías raciais nazis, cando estes ocuparon Noruega, e tivo que escapar a través de Suecia, Siberia e Xapón, emigrando temporalmente a Canadá coa súa familia. En 1942, volveu a Gran Bretaña, e en 1946 a universidade de Birmingham creou unha nova cátedra en Estatística Médica para el. En 1957, catro anos antes do seu retiro, escribiu unha análise crítica dos erros ou puntos débiles da metodoloxía estatística, Statistical Theory: an examination of the contemporary crisis in statistical theory from a behaviourist viewpoint (Teoría estatística: un exame da crise contemporánea en teoría estatística desde un punto de vista condutista). Hogben trataba de clarificar o misticismo que rodea o concepto de significación estatística. Esta obra foi reeditada en 1970 como primeira parte do libro The Significance Test Controversy (A controversia do test de significación). Así, Hogben cuestionaba as bases da estatística fisheriana, enfoque predominante sobre análise de datos en medicina e ciencias sociais.
Humanismo científico
[editar | editar a fonte]En Dangerous Thoughts (Pensamentos perigosos), de 1939, Hogben autodefiníase como humanista científico:
The Utopians—as they are usually called—anticipated scientific humanism because they saw clearly that human needs cannot be assessed in terms of "consumers' choice" and because they saw the hypertrophied metropolitanism of capitalist evolution creating psychological strains for which redistribution of spending power furnishes no sufficient remedy.
[Tradución: Os Utopistas—como son chamados usualmente—xa anticiparon o humanismo científico, porque viron claramente que as necesidades humanas non poden ser avaliadas en termos de “elección do consumidor”, e porque xa viron o metropolitanismo hipertrofiado da evolución capitalista creando tensións psicolóxicas para as cales a redistribución do poder adquisitivo non prové suficiente remedio.]Hogben (1998, p. XVII)
Obras
[editar | editar a fonte]- Lancelot T. Hogben (1926). Comparative physiology. London: Sedgwick & Jackson; New York: MacMillan.
- — (1927). Principles of evolutionary biology. Cape Town and Johannesburg: Juta.
- — (1930). The nature of living matter. London: Kegan Paul
- — (1933). Nature and nurture. London: Williams & Norgate.
- — (1936). Mathematics for the million: a popular self-educator. London: Allen & Unwin; New York: Norton 1937.
- — (1938). Science for the citizen: a self-educator based on the social background of scientific discovery. London: Allen & Unwin; New York: Norton.
- — (1939). Dangerous thoughts. London: Allen & Unwin.
- — (1943). Interglossa. A draft of an auxiliary for a democratic world order, being an attempt to apply semantic principles to language design. Harmondsworth and New York: Penguin Books.
- — (1949). From cave painting to comic strip: a kaleidoscope of human communication. London: Max Parrish.
- — (1955). Man must measure: The wonderful world of mathematics. London: Rathbone.
- — (1957). Statistical theory: An examination of the contemporary crisis in statistical theory from a behaviorist viewpoint. London: Allen & Unwin.
- — (1960). Mathematics in the making. London: Macdonald.
- — (1963). Essential World English. London: Michael Joseph.
- — (1964). The mother tongue. London: Secker & Warburg.
- — (1967). Mathematics for the million (4.ª ed., extensivamente revisada con material adicional e completamente re-ilustrada). London: George Allen & Unwin; New York: Norton 1937.
- — (1968). The wonderful world of mathematics. London: Macdonald.
- — (1968). The wonderful world of energy. London: Macdonald.
- — (1969). The wonderful world of communication. London: Macdonald.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Sarkar, S. (1996). "Lancelot Hogben, 1895-1975". Genetics 142 (3): 655–660. PMC 1207007. PMID 8849876. doi:10.1093/genetics/142.3.655.
- 1 2 Bud, Robert (2004). "Lancelot Hogben". Oxford Dictionary of National Biography 1 (online ed.). Oxford University Press. doi:10.1093/ref:odnb/31244. require subscrición
- ↑ Tabery, J. (2008). "R. A. Fisher, Lancelot Hogben, and the origin(s) of genotype-environment interaction". Journal of the History of Biology 41 (4): 717–761. PMID 19244846. doi:10.1007/s10739-008-9155-y.
- ↑ Tabery, J. (2007). "Biometric and developmental gene–environment interactions: Looking back, moving forward". Development and Psychopathology 19 (4): 961–976. PMID 17931428. doi:10.1017/S0954579407000478.
- ↑ Keynes, M. (1999). "Lancelot Hogben, F.R.S. (1895-1975): A review of his autobiography. Review of: Hogben, A; Hogben, A.: Lancelot Hogben - scientific humanist. Woodbridge, Suffolk: Merlin Press, 1998". Notes and Records of the Royal Society of London 53 (3): 361–369. PMID 11624011. doi:10.1098/rsnr.1999.0088.
- ↑ Hogben, L. (1996). "Fifty years ago: Lancelot Hogben reviews Bradford Hill. 1948". Journal of Epidemiology and Community Health 50 (1): 3; discussion 3–4. PMC 1060894. PMID 8815153. doi:10.1136/jech.50.1.3.
- ↑ "Lancelot Hogben". Lancet 2 (7934): 565. 1975. PMID 51402. doi:10.1016/s0140-6736(75)90955-1.
- ↑ Hogben, Adrian & Hogben, Anne (editors, 1998). Lancelot Hogben: Scientific Humanist. Woodbridge, Suffolk: Merlin Press. (Baseado na autobiografía inédita de Lancelot Hogben (1973-4), Look back with Laughter).
- ↑ Wells, GP (1978). «Lancelot Thomas Hogben. 9 de decembro de 1895-22 de agosto de 1975» . Memorias biográficas de membros da Royal Society . 24 : 183–21 . doi : 10.1098/rsbm.1978.0007 . PMID: 11615739 .
- ↑ Hogben, Lancelot (1943). Interglossa. A draft of an auxiliary for a democratic world order, being an attempt to apply semantic principles to language design. Harmondsworth, Middlesex, Eng. / New York: Penguin Books. OCLC 1265553.