Lampris immaculatus

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Lampris immaculatus
Estado de conservación
Pouco preocupante (LC)
Pouco preocupante[1]
Clasificación científica
Reino: Animalia
Filo: Chordata
Clase: Actinopterygii
Subclase: Neopterygii
Infraclase: Teleostei
Orde: Lampriformes
Familia: Lampridae
Xénero: Lampris
Especie: L. immaculatus
Nome binomial
Lampris immaculatus
Gilchrist, 1904
Sinonimia
  • Véxase o texto

Lampris immaculatus é unha especie de peixe osteíctio da clase dos actinopterixios, subclase dos neopterixios, infraclase dos teleósteos, orde dos lampriformes, e familia dos lámpridos, unha das dúas que comprende na actualidade (2020) o xénero Lampris.[2]

Taxonomía[editar | editar a fonte]

Descrición[editar | editar a fonte]

A especie foi descrita en 1904 polo ictiólogo suraficano de orixe escocesa John Dow Fisher Gilchrist, baixo o nome de Lampris immaculata.[2]

Etimoloxía[editar | editar a fonte]

Para a do xénero, ver Lampris.

O epíteto específico, immaculatus, fai referencia a que o seu corpo non ten manchas, como o seu conxénere Lampris guttatus.

Sinónimo[editar | editar a fonte]

Ademais de polo nome válido actualmente, a especie coñeceuse tamén polo sinónimo:[2]

  • Lampris immaculata Gilchrist, 1904, protónimo desbotado por incorreción gramatical, xa que Lampris é un nome masculino.

Características[editar | editar a fonte]

É un peixe mariño, peláxico, oceánico,[3] de corpo deprimido lateralmente, de coloracoón de tons azuis e vermellos brillantes e manchas metálicas.

Pode alcanzar até os 110 cm de lonxitude e acadar unha masa corporal de até os 30 kg.[4]

A aleta dorsal está sustentada por de 55 a 56 raios brandos, e a anal por de 36 a 40 raios igualmente brandos.[3]

Aliméntase de cefalópodos,[4] krill e peixes.[5]

Distribución e hábitat[editar | editar a fonte]

A súa distribución é cosmopolita, encontrándose nos mares austrais desde os 34° S até os 69° S (no límite da fronte polar antártica), a profundidades de entre os 50 e os 500 m.[3][6] A maioría das capturas fixéronse ao sur dos 40° S.[6][7]

Ameazas[editar | editar a fonte]

Non se coñecen ameazas importantes para esta especie. Porén, parece que segue aos barcos pesqueiros para alimentarse das especies desbotadas, o que pode afectar o seu comportamento de busca e provocar unha inxestión considerábel de plásticos. [5]

Estado de conservación[editar | editar a fonte]

Segundo a Unión Internacional para a Conservación da Natureza e dos Recursos Naturais (UICN), esta especie que habita en augas profundas está amplamente distribuída, e aínda que se pode tomar como captura accesoria nas pescarías de palangre e arrastre, non se coñecen ameazas importantes e non se sabe se a pesca está causando descensos a nivel mundial neste momento; polo tanto, cualifícase o status da especie como LC (pouco preocupante).[1]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 Moore, J. (2019): Lampris immaculatus na Lista vermella da UICN. Versión 2020-2. Consultada o 19 de setembro de 2020.
  2. 2,0 2,1 2,2 Lampris immaculatus Gilchrist, 1904 no WoRMS.
  3. 3,0 3,1 3,2 Lampris immaculatus Gilchrist, 1904. Southern opah en FishBase.
  4. 4,0 4,1 Opah. Lampris immaculatus Gilchrist 1904 na EOL.
  5. 5,0 5,1 Jackson, G .D.; Buxton, N. G. & George, M. J. A. (2000): "Diet of the southern opah Lampris immaculatus on the Patagonian Shelf; the significance of the squid Moroteuthis ingens and anthropogenic plastic". Marine Ecology Progress Series 206: 261-271.
  6. 6,0 6,1 Gon, O. & Heemstra, Phillip C (1990): Fishes of the southern ocean Grahamstown, South Africa : J.L.B. Smith Institute of Ichthyology. ISBN 0-8661-0211-3,pp. 215-217.
  7. Heemstra, P. C. (1986): "Lampridae". En: Smith, Margaret M. & Heemstra, Phillip C (eds.) Smith's Sea Fishes. Berlín/Heidelberg: Springer-Verlag. ISBN 978-3-6428-2858-4.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]