Ladislao II de Polonia

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura
Ladislao II de Polonia
Wladyslaw Jagiello.jpg
Nacemento1362
 Vilnius
Falecemento1 de xuño de 1434
 Horodok
SoterradoCatedral de Wawel
NacionalidadeGran Ducado de Lituania e Reino da Polónia
Relixióncatolicismo
Ocupaciónpolítico
PaiAlgirdas
NaiUliana of Tver
CónxuxeEdviges da Polónia, Anna of Cilli, Elizabeth Granowska e Sophia of Halshany
FillosElizabeth Bonifacia of Poland, Hedwig Jagiellon, Vladislau III da Polónia e Casimiro IV da Polónia
IrmánsAgrypina of Lithuania, Alexandra da Lituânia, Švitrigaila, Lengvenis, Kaributas, Demetrius I Starshy, Karigaila, Feodor Olgerdovich, Vygantas, Skirgaila, Andrei of Polotsk, Helen of Lithuania e sen etiquetar
editar datos en Wikidata ]

Jogaila, despois Ladislao II Jagiełło, nado arredor de 1362 e finado o 1 de xuño de 1434, foi gran duque de Lituania (1377-1434) e máis tarde rei de Polonia (1386-1434), primeiro como consorte da súa dona Eduvixes ata 1399, e logo como monarca ata a súa morte. Gobernou Lituania dende o 1377.

Naceu pagán mais, a fin de contraer matrimonio coa raíña de Polonia Eduvixes I, en 1386 converteuse ao catolicismo e foi bautizado co nome de Ladislao (Władysław) en Cracovia; casou entón coa nova raíña Eduvixes, e foi coroado rei de Polonia como Ladislao II Jagiełło.[1] En 1387 converteu Lituania ao cristianismo. O seu reinado en solitario en Polonia comezou en 1399, á morte da raíña Eduvixes, e durou trinta e cinco anos máis, marcando o comezo da unión polaco-lituana. Foi o fundador da dinastía Jagiełło polaca, que leva o seu nome e que anteriormente se coñecía tamén como dinastía xemínida no Gran Ducado de Lituania. A dinastía Jagiełło gobernou Polonia e Lituania ata 1572,[nota 1] e foi unha das máis influentes da Baixa Idade Media e principios da Idade Moderna na Europa Central e Oriental.[2] Durante o reinado de Jogaila, o estado polaco-lituano foi o maior do mundo cristián.[3]

Jogaila foi o último señor pagán da Lituania medieval. Ostentou o título de Didysis Kunigaikštis. Despois de obter o cetro polaco, a raíz da Unión de Krewo, a unión polaco-lituana tivo que enfrontarse ao poderío crecente dos cabaleiros teutónicos. A vitoria de Jogaila na batalla de Grunwald en 1410, seguida da paz de Thorn, asegurou as fronteiras polacas e lituanas e marcou o comezo da puxanza da alianza polaco-lituana en Europa. En tempos de Ladislao, Polonia expandeuse e deu comezo á chamada Idade de Ouro do país.

Mocidade[editar | editar a fonte]

Lituania[editar | editar a fonte]

Sábese pouco da mocidade de Jogaila e non se coñece con certeza o ano en que naceu. Anteriormente os historiadores crían que viñera ao mundo en 1352, pero estudos recentes indican que puido facelo máis tarde, contra 1362.[4] Era membro da dinastía xedíminida e é probable que nacese en Vilnius. Os seus pais foron Algirdas, gran duque de Lituania, e a súa segunda muller, Uliana, filla de Alexandre I, gran príncipe de Tver.

O Gran Ducado de Lituania que Jogaila herdou en 1377 era unha entidade política composta de dúas nacionalidades principais, moi diferentes entre si, e de dous sistemas políticos: o da Lituania «étnica» do noroeste do territorio e o das vastas terras rutenas do desaparecido Rus de Kiev, que modernamente pertencen a Bielorrusia, Ucraína e Rusia occidental.[5] Ao principio, Jogaila —como fixera o seu pai— apoiouse nos territorios orientais e meridionais do ducado, mentres que o seu tío Kęstutis, duque de Trakai, continuaba como señor da rexión noroccidental.[nota 2] A entronización de Jogaila, con todo, pronto suscitou tensións nesta repartición do poder.[1]

Representación moderna de Ladislao II Jagiełło.

Ao principio do seu reinado, Jogaila tivo que lidar co malestar que se estendía polas terras do antigo Rus'. En 1377-78, Andrei de Polotsk, o primoxénito de Algirdas, desafiou a súa autoridade e tratou de arrebatarlle o título de gran duque. En 1380, Andrei e outro irmán, Dmitri, tomaron partido polo príncipe Dmitri de Moscova contra Jogaila, que se coligou pola súa banda co emir Mamai, de facto kan da Horda de Ouro.[9] Jogaila con todo deixou só a Mamai, a pesar de acharse preto do campo de batalla en que este sufriu unha grave derrota a mans do príncipe Dmitri na batalla de Kulikovo. A vitoria pírrica dos moscovitas ante a Horda de Ouro tivo a longo prazo unha consecuencia notable: marcou o principio do lento desenvolvemento do Principado de Moscova, que un século máis tarde xa era o principal inimigo de Lituania. No momento, con todo, Moscova quedou moi debilitada polas enormes perdas sufridas na batalla e grazas a iso Jogaila puido centrarse na disputa que o enfrontaba a Kęstutis.

No noroeste, Lituania afrontaba as incursións constantes dos cabaleiros teutónicos, cuxa orde se fundou en 1226 para loitar e converter as tribos bálticas pagás dos prusianos, yotvingios e lituanos. En 1380, Jogaila asinou en segredo o tratado de Dovydiškės contra Kęstutis.[1] Cando este o descubriu, estalou a guerra civil lituana. Kęstutis conquistou Vilnius, depuxo a Jogaila, e proclamouse gran duque.[10] En 1382, Jogaila reuniu un exército de vasalos do seu pai e enfrontouse a Kęstutis preto de Trakai. Kęstutis e o seu fillo Vitautas acudiron a parlamentar ao campamento de Jogaila, pero este apresounos e enviou ao castelo de Kreva, onde Kęstutis faleceu probablemente asasinado, unha semana máis tarde.[10] Vitautas fuxiu á fortaleza teutónica de Mariemburgo e alí foi bautizado co nome de Wigand.[11]

Jogaila rubricou o tratado de Dubysa, en que se comprometeu cos cabaleiros a converterse ao cristianismo e cedeulles a Samoxicia ao oeste do Dubysa, como premio pola súa axuda no conflito con Kęstutis e Vitautas. Con todo, cando Jogaila non ratificou o tratado, os cabaleiros invadiron Lituania no verán de 1383. En 1384, Jogaila reconciliouse con Vitautas prometendo devolverlle as súas propiedades en Trakai. Entón Vitautas acometeu os cabaleiros, saqueando varias das súas fortalezas en Prusia.[12]

Bautismo e matrimonio[editar | editar a fonte]

A nai rusa de Jogaila, Uliana de Tver, instouno a casar con Sofía, filla de Dmitri Donskoi, príncipe de Moscova, quen lle esixiu que primeiro se convertese ao cristianismo ortodoxo.[nota 3] Isto, no entanto, probablemente non acabase coas cruzadas teutónicas contra Lituania, xa que os cabaleiros consideraban os cristiáns ortodoxos cismáticos apenas mellores que os pagáns.[1][11] Por conseguinte, Jogaila preferiu aceptar a oferta polaca de converterse ao catolicismo e desposar a raíña de Polonia Eduvixes, que por entón contaba once anos.[nota 4] Os nobres da Pequena Polonia fixéronlle este ofrecemento por diversas razóns: querían eliminar a ameaza que supuña Lituania e obter dela as feraces terras de Galicia-Volinia.[16] Os nobres polacos consideraron o acordo como unha oportunidade para acrecentar os seus privilexios[17] e evitar a influencia austríaca, que se estendeu polo reino grazas á presenza do anterior prometido de Eduvixes, Guillerme, duque de Austria.[18]

O 14 de agosto de 1385 no castelo de Kreva, Jogaila confirmou o seu compromiso matrimonial na chamada Unión de Krewo. Aquel incluía a promesa de converterse ao cristianismo, a de recuperar as terras perdidas por Polonia a mans dos seus veciños, e a de terras suas Lithuaniae et Russiae Coronae Regni Poloniae perpetuo applicare, cláusula que os historiadores interpretan de varias maneiras: dende unha unión persoal entre Lituania e Polonia á incorporación completa de Lituania a Polonia.[19][15] As valoracións do acordo de Kreva van dende as que o enxalzan como visionario ata as que o tachan de aposta desesperada.[nota 5]

Jogaila bautizouse segundo o prometido na catedral de Wawel en Cracovia o 15 de febreiro de 1386 e dende entón utilizou o nome de Ladislao (Władysław) ou versións latinas deste.[6][nota 6] O matrimonio coa raíña polaca celebrouse tres días despois, e o 4 de marzo de 1386 Jogaila foi coroado rei polo arcebispo Bodzanta. Tamén foi adoptado pola nai de Eduvixes, Isabel de Bosnia, para que mesmo se Eduvixes falecía, conservase o trono.[11] O bautismo real suscitou a conversión da maioría da corte de Jogaila e dos nobres lituanos; tamén houbo gran número de conversións nos territorios ribeiregos dos ríos lituanos,[22] o que marcou o principio da cristianización de Lituania. Aínda que a maioría dos novos conversos se reduciu á nobreza lituana —tanto o paganismo como a ortodoxia mantiveron gran cantidade de fieis entre os campesiños—, a conversión do rei e as súas consecuencias políticas tiveron grande importancia para a historia tanto de Lituania como de Polonia.[22]

Soberano de Lituania e Polonia[editar | editar a fonte]

Ascesión ao trono[editar | editar a fonte]

Polonia e Lituania entre 1386 e 1434.

Ladislao II Jagiełło e a raíña Eduvixes reinaron conxuntamente; aínda que esta probablemente gozaba de escaso poder, participou activamente na política e a cultura polacas. En 1387, dirixiu dúas expedicións militares vitoriosas á Rutenia Vermella, recuperou territorios que o seu pai Luís entregara a Hungría, e someteu a homenaxe a Petru I, vaivoda de Moldavia.[23] En 1390, estableceu persoalmente negociacións coa Orde Teutónica. A maioría de responsabilidades políticas, emporiso, desempeñounas Ladislao, mentres que Eduvixes se dedicou principalmente ás actividades culturais e benéficas polas que aínda é admirada.[23]

Ao pouco de ser entronizado, Ladislao concedeu a Vilnius uns foros similares aos de Cracovia, que seguían o Dereito de Magdeburgo; Vitautas outorgou privilexios a unha comuna xudía de Trakai case iguais aos que recibiran os xudeus de Polonia nos reinados de Boleslao o Piadoso e Casimiro o Grande.[24] Os esforzos de Ladislao por unificar os sistemas legais dos dous países deron froitos parciais, pero tiveron resultados duradeiros.[23] Para cando se asinou a Unión de Lublin en 1569, non existían xa grandes diferenzas entre os sistemas administrativos e xudiciais de Lituania e Polonia.[25]

Unha das consecuencias das medidas aplicadas por Ladislao foi o aumento da influencia dos católicos en Lituania a expensas dos ortodoxos; en 1387 e 1413, por exemplo, os boiardos católicos lituanos recibiron privilexios xudiciais e políticos especiais que non obtiveron os ortodoxos.[26] Este proceso determinou a acentuación das diferenzas entre a Lituania propiamente dita e os territorios de Rus' no século XV.[27]

Retos[editar | editar a fonte]

Vitautas o Grande, gran duque de Lituania.

O bautismo de Ladislao non terminou coas cruzadas dos cabaleiros teutónicos, que afirmaban que a súa conversión fora un truco e quizais mesmo unha herexía; redobraron polo tanto as súas incursións co pretexto de que Lituania continuaba albergando pagáns.[11][28][29] Dende entón, con todo, a Orde tivo cada vez maior dificultade para xustificar a cruzada e tivo que afrontar a ameaza crecente que supuña a liga entre Polonia e Lituania.[30][31] Ladislao favoreceu a creación da diocese de Vilnius polo bispo Andrzej Wasilko, que fora o confesor de Isabel de Hungría. O bispado, que abarcaba Samoxicia, por entón dominada fundamentalmente a Orde teutónica, dependía do de Gniezno e non do teutónico de Königsberg.[11] Esta decisión probablemente empeorou as relacións de Ladislado coa Orde, pero serviu para estreitar os lazos entre Lituania e Polonia e achandou a cooperación da igrexa polaca coa lituana.[22]

En 1389, Vitautas de novo alzouse contra Ladislao a causa do favor que este concedía a Skirgaila en Lituania ás súas expensas.[12] Vitautas desatou unha guerra civil en Lituania, coa ambición de proclamarse gran duque. O 4 de setembro de 1390, as forzas conxuntas de Vitautas e do gran mestre teutónico, Konrad von Wallenrode cercaron Vilnius, que defendía en nome de Ladislao o rexente Skirgaila con tropas polacas, lituanas e rutenas.[1] Aínda que os cabaleiros abandonaron o asedio da cidade ao cabo dun mes, arrasaron os seus arrabaldes. O tratado de Ostrow de 1392 puxo fin temporalmente ao conflito: Ladislao entregou o goberno de Lituania ao seu primo para alcanzar a paz; Vitautas gobernou como gran duque (magnus dux) ata a súa morte, sometido á autoridade do «duque supremo» (dux supremus), título que asumiu o soberano polaco.[32] Skirgaila perdeu o goberno do Ducado de Trakai, pero foi nomeado para compensalo príncipe de Kiev. Vitautas aceptou o pacto durante un tempo, pero logo tratou de independizar Lituania de Polonia.[23][17]

A longa contenda entre os lituanos e os cabaleiros teutónicos acabou o 12 de outubro de 1398 coa firma do tratado de Salynas, que recibiu o nome da illa fluvial do Niemen onde se subscribiu. Lituania cedeu Samoxicia e comprometeuse a colaborar coa Orde teutónica na campaña que esta planeaba para apropiarse de Pskov; pola súa banda, a Orde accedeu a axudar a Lituania a conquistar Nǘvgorod.[23] Pouco despois, algúns nobres coroaron rei a Vitautas; ao ano seguinte, no entanto, as súas forzas e as do seu aliado, o kan Toqtamish da Horda Branca, foron vencidas polas dos timúridas na batalla do río Vorskla, o que desbaratou os seus soños de crear un imperio nos territorios orientais e obrigouno a someterse novamente a Ladislao para obter a súa protección.[1][17]

Rei de Polonia[editar | editar a fonte]

Primeiras accións[editar | editar a fonte]

O 22 de xuño de 1399, Eduvixes deu a luz a unha filla á que bautizou como Isabel Bonifacia, pero un mes máis tarde as dúas morreron; Ladislao herdou o Reino de Polonia mais quedou sen herdeiro e con escasa lexitimidade para gobernar o Estado. O falecemento de Eduvixes debilitou os dereitos de Ladislao ao trono, e reavivou as vellas desavinzas entre a nobreza da Pequena Polonia, xeralmente favorable a Ladislao, e a da Gran Polonia. En 1402, Ladislao reaccionou ante o descontento sobre o seu goberno casando con Ana de Celje, unha neta de Casimiro III; esta voda reforzou a súa lexitimidade.

A Unión de Vilnius e Radom de 1401 confirmou a Vitautas como gran duque sometido á autoridade de Ladislao, aínda que o título recaeu á morte daquel nos fillos do rei e non nos de Vitautas: no caso de que Ladislao morrese sen herdeiros, os boiardos lituanos elixirían un novo monarca.[33][34] tanto Vitautas como Ladislao carecían de herdeiros, aínda se descoñecía cal sería o resultado da unión, pero esta en calquera caso estableceu vínculos entre as nobrezas polaca e lituana e unha alianza defensiva permanente entre os dous estados, que fortaleceu a Lituania na nova contenda coa Orde teutónica, na que con todo Polonia non participou oficialmente.[30][17] Aínda que o documento non modificou os privilexios dos aristócratas polacos, si que aumentou os dos boiardos lituanos, cuxos grandes duques poderían actuar sen os límites e molestias aos que si que estaban sometidos os soberanos de Polonia. A Unión de Vilnius e Radom polo tanto proporcionou a Ladislao certa simpatía da nobreza lituana.[23]

A finais de 1401, a nova guerra contra a Orde Teutónica atafegou os lituanos, que tiñan que combater en dúas frontes despois de que estalasen revoltas nas provincias orientais. Outro dos irmáns de Ladislao, Švitrigaila, descontento, aproveitou o momento para atizar rebelións e arrogarse o título de gran duque.[28][29] O 31 de xaneiro de 1402, acudiu a Mariemburgo e obtivo a colaboración dos cabaleiros teutónicos a cambio de concesións similares ás que Jogaila e Vitautas lles outorgaran nas disputas anteriores polo poder no gran ducado.[33]

Enfrontamentos coa Orde Teutónica[editar | editar a fonte]

Selo real de Ladislao II Jagiełło.

O tratado de Raciąż puxo fin á guerra o 22 de maio de 1404. Ladislao aceptou ceder Samoxicia e participar nos plans da Orde contra Pskov; a cambio, Konrad von Jungingen accedeu a vender a Polonia a disputada rexión de Dobrzyń e a cidade de Złotoryja, arrendada á Orde por Ladislao de Opole, e colaborar nos novos intentos de Vitautas por apoderarse de Novgorod.[33] Ambas as partes tiñan razóns para asinar o tratado naquel momento: a Orde necesitaba tempo para fortificar as súas novas adquisicións; aos polacos e lituanos convíñalles a paz para lidar cos problemas que tiñan no leste e en Silesia.

Tamén en 1404, Ladislao tratou en Breslavia con Wenceslao IV de Bohemia, que ofreceu devolver Silesia a Polonia se aquel o apoiaba nas súas ambicións no Sacro Imperio Romano Xermánico.[35] Ladislao, con todo, rexeitou a proposta co beneplácito dos nobres polacos e silesios, xa que era remiso a involucrarse en novas guerras no oeste.[36]

Guerra polaco-lituano-teutónica[editar | editar a fonte]

Batalla de Grunwald, 1410. Pintura de Jan Matejko

En decembro de 1408, Ladislao e Vitautas reuníronse no castelo de Navahrudak, onde decidiron fomentar unha revolta en Samoxicia contra a Orde teutónica para obrigala a retirar as súas forzas de Pomerelia. A cambio da súa axuda, Ladislao prometeulle a Vitautas que recuperaría Samoxicia cando se asinase a paz.[37] A revolta, que estalou en maio de 1409, ao principio non preocupou moito aos cabaleiros, que aínda non construíran castelos en Samoxicia para consolidar a súa autoridade; en xuño os seus diplomáticos na corte de Ladislao, por entón en Oborniki, trataban de convencer os nobres do inconveniente de que Polonia se vise envolta no conflito entre Lituania e a Orde.[38] Ladislao, con todo, pasou por alto a opinión da aristocracia polaca e advertiu ao novo gran mestre Ulrich von Jungingen que se os cabaleiros trataban de esmagar a revolta en Samoxicia, Polonia interviría. Isto precipitou a declaración de guerra contra Polonia do 6 de agosto, que Ladislao recibiu en Nowy Korczyn o día 14.[38]

Os castelos que protexían a fronteira setentrional polaca estaban en tan malas condicións que os cabaleiros teutónicos conquistaron facilmente os de Złotoryja, Dobrzyń e Bobrowniki —capital da rexión de Dobrzyń—; ademais os burgueses alemáns de Bydgoszcz (en alemán, Bromberg) entregáronlles a cidade. Ladislao acudiu á rexión a finais de setembro, recuperou Bydgoszcz nunha semana, e pactou unha tregua coa Orde o 8 de outubro. Durante o inverno, os dous exércitos aprestáronse a retomar as hostilidades. Ladislao instalou un almacén de subministracións en Płock en Mazovia e mandou construír unha ponte de pontóns que trasladou ao norte polo Vístula.[39]

Namentres, ambos os bandos realizaron manobras diplomáticas. Os cabaleiros enviaron misivas aos monarcas europeos, predicando como habitualmente a cruzada contra os pagáns;[40] pola súa banda, Ladislao contraatacou enviando tamén cartas nas que acusaba a Orde de planear conquistar o mundo enteiro.[41] Estas epístolas atraeron numerosos cabaleiros aos dous bandos. Venceslau IV de Bohemia asinou un tratado defensivo cos polacos contra a Orde; o seu irmán, Sexismundo de Luxemburgo, pola contra, aliouse coa Orde e declarou a guerra a Polonia o 12 de xullo, aínda que os seus vasalos húngaros se negaron a participar nela.[42]

Batalla de Grunwald[editar | editar a fonte]

El castillo teutónico en Mariemburgo.

Cando a guerra se renovou en xuño de 1410, Ladislao penetrou no territorio teutónico ao mando dun exército composto por vinte mil xinetes achegados pola nobreza, quince mil peóns e dous mil xinetes bohemios mercenarios. Tras cruzar o Vístula polos pontóns en Czerwińsk, as súas hostes uníronse ás de Vitautas, que chegara con once mil xinetes de cabalaría lixeira, lituanos, rutenos e tártaros.[43] Pola súa banda, o exército teutónico formábano aproximadamente dezaoito mil xinetes, case todos alemáns, e cinco mil peóns. O 15 de xullo, os polaco-lituanos obtiveron unha vitoria esmagadora na batalla de Grunwald, unha das maiores e máis feroces que se libraron na Idade Media;[1][44] o exército teutónico foi virtualmente aniquilado, incluídos os seus xefes principais, como o gran mestre Ulrich von Jungingen e o gran mariscal Friedrich von Wallenrode. Os dous bandos sufriron miles de mortos.[43]

A vitoria franqueou o camiño dos polaco-lituanos á capital teutónicá de Marienburg, que se achaba indefensa; pero, por razóns que as fontes non aclaran, Ladislao dubidou en aproveitar a oportunidade para conquistala.[44] O 17 de xullo, o seu exército emprendeu un lento avance; chegou a Mariemburgo o 25 de xullo, pero para entón o novo gran maestre, Heinrich von Plauen, alistara a defensa da fortaleza.[45][46] A aparente desgana dos sitiadores, que abandonaron o asedio o 19 de setembro, atribuíuse a distintas causas: o inexpugnable da praza;[45] as copiosas baixas sufridas polos lituanos; a reticencia de Ladislao a perder máis homes ou o seu desexo de debilitar pero non eliminar a Orde para non desbaratar o equilibro de poder entre Polonia (á que beneficiara sobre todo a desaparición dos teutónicos) e Lituania; a falta de documentos impide dar unha explicación concluínte.[47]

Anos finais[editar | editar a fonte]

Desavinzas[editar | editar a fonte]

Principais batallas no conflito polaco-lituano coa Prusia teutónica, 1377-1434.

A guerra rematou en 1411 coa paz de Thorn, na que nin Polonia nin Lituania aproveitaron a vantaxe obtida nos combates, o que desgustou os nobres polacos. Polonia recuperou Dobrzyń; Lituania, Samoxicia; e Mazovia, un reducido territorio alén do Wkra. A Orde Teutónica conservou a pesar de todo o groso dos seus territorios, incluídas algunhas cidades que na contenda se renderon aos polaco-lituanos. Ladislao liberou entón varios destacados cabaleiros e funcionarios teutónicos a cambio de modestos rescates. O total destes, con todo, resultou moi oneroso para a Orde.[35] Esta incapacidade para aproveitar a vitoria na contenda desgustou os nobres e atizou o descontento contra Ladislao a partir de 1411; á paz insatisfactoria sumáronse ademais a concesión de Podolia a Vitautas, rexión que se disputaban Polonia e Lituania, e a estancia do rei en Lituania, que se prolongou dous anos.[48]

Para desbaratar a oposición, Ladislao concedeu ao dirixente desta, o bispo Mikołaj Trąba, o arcebispado de Gniezno no outono de 1411 e entregoulle o bispado de Cracovia a Wojciech Jastrzębiec, partidario de Vitautas.[48] Tamén tratou de atraerse máis aliados en Lituania. Na unión de Horodłou, asinada o 2 de outubro de 1413, decretou que o Gran Ducado de Lituania quedaba «ligado ao noso reino de Polonia permanente e irreversiblemente» e concedeu á nobreza católica lituana os mesmos privilexios que os que tiña a szlachta polaca. O documento contiña unha cláusula que prohibía aos nobres polacos elixir un monarca sen o consentimento os lituanos, e a estes escoller un gran duque sen o beneplácito do monarca polaco.[34][49][50]

Últimos conflitos[editar | editar a fonte]

En 1414 estalou unha breve guerra, coñecida como a guerra da fame pola táctica de terra queimada dos cabaleiros, que arrasaron terras e muíños para estorbar o avance inimigo, o que orixinou logo escaseza na zona; pero como tanto os cabaleiros como os lituanos estaban esgotados pola contenda anterior como para emprender outra guerra, o conflito cesou no outono.[48] Non houbo novos choques até 1419, durante o Concilio de Constanza; entón púxolles fin o legado pontificio, que esixiu que se detivesen.[48]

O concilio de Constanza foi un punto de inflexión para as cruzadas teutónicas, do mesmo xeito que para outros conflitos europeos. Vitautas enviou a el unha delegación en 1415 da que formaban parte tanto o metropolitano de Kiev como algúns samoxicios; chegaron a Constanza a finais de ano para expresar a súa preferencia por ser «bautizados con auga e non con sangue».[28][29] Os emisarios polacos, entre os que se contaban Mikołaj Trąba, Zawisza Czarny, e Paweł Włodkowic, avogaron pola fin das conversións forzadas e porque concluísen as agresións da Orde contra Lituania e Polonia.[51] Como resultado da actividade da diplomacia polaco-lituana, o concilio, a pesar do escándalo que causou o cuestionamento da lexitimidade da Orde por Włodkowic, negouse a autorizar a petición dos teutónicos para que se predicase unha nova cruzada e confiou a conversión dos samoxicios a Polonia–Lituania.[52]

O concilio foi coetáneo da revolta dos husitas bohemios, que trataban de obter o auxilio de Polonia nas súas loitas con Sexismundo, emperador e novo rei de Bohemia. En 1421, a Dieta bohemia depuxo a Segismundo e ofreceu a coroa a Ladislao a condición de que aceptase os principios relixiosos dos Catro Artigos de Praga, pero este non se mostrou disposto a cumprir esta condición. Trala negativa de Ladislao, elixiuse in absentia a Vitautas, pero este asegurou ao papa que se opuña aos herexes. Entre 1422 e 1428, un sobriño de Ladislao, Sexismundo Korybut, tratou infructuosamente de implantar unha rexencia na arrasada Bohemia, desgarrada pola guerra.[53][54] Vitautas aceptou a coroa real que Sexismundo lle ofreceu en 1429 —aparentemente co beneplácito de Ladislao— pero forzas polacas apoderáronse dela mentres cruzaba por territorio polaco e a coroación anulouse.[34][55]

En 1422, Ladislao disputou otra contenda, coñecida como a guerra de Gollub, contra a Orde teutónica; venceu en menos de dous meses, antes de que os reforzos imperiais tivesen tempo para chegar en socorro dos teutónicos. No tratado de Melno os cabaleiros abandonaron definitivamente a súa reclamación de Samoxicia e trazouse unha frontera clara entre Prusia e Lituania. Esta obtivo Samoxicia, co porto de Palanga, pero a Orde conservou Klaipeda.[34] Esta fronteira apenas cambiou nos seguintes cincocentos anos, ata 1920. As disposicións do tratado describíronse non obstante como un revés para Polonia debido a que nel Ladislao renunciou a Pomerania, Pomerelia, e a rexión de Chełmno, a cambio unicamente da cidade de Nieszawa.[56] O tratado de Melno puxo fin a unha etapa de guerras dos teutónicos con Lituania, mais non resolveu as desavinzas con Polonia. Por iso, entre 1431 e 1435 libráronse novas guerras entre a Orde e os polacos.

As diferenzas que xurdiron entre Polonia e Lituania á morte de Vitautas en 1430 permitiron aos cabaleiros entrometerse novamente nos asuntos polacos. Ladislao apoiou as pretensións do seu irmán Švitrigaila ao trono do Gran Ducado de Lituania,[6] pero cando Švitrigaila, co respaldo dos teutónicos e de nobres de Rus' desafectos sacudiuse a soberanía polaca,[27] os polacos, acaudillados polo bispo Zbigniew Oleśnicki de Cracovia, ocuparon Podolia, que Ladislao entregara a Lituania en 1411, e Volinia.[34] En 1432, os partidarios dos polacos en Lituania elixiron gran duque a un irmán de Vitautas, Sexismundo, o que desencadeou unha guerra polo trono que perdurou durante anos, mesmo tralo falecemento de Ladislao.[27][34]

Morte e sucesión[editar | editar a fonte]

O sarcófago de Ladislao, na catedral de Wawel.

A segunda muller de Ladislao, Ana de Celje, morrera en 1416, deixando unha filla, Eduvixes. En 1417, Ladislao desposou a Isabel de Pilica, que faleceu en 1420 sen ter fillos; dous anos máis tarde, casou de novo, con Sofía de Halshany, coa que tivo dous fillos varóns. A morte en 1431 da princesa Eduvixes, a última herdeira da liñaxe dos Piastas, permitiulle a Ladislao nomear como tales os fillos que tivera con Sofía de Halshany, aínda que tivo que lograr para iso a aquiescencia dos nobres polacos mediante a concesión de mercés, xa que a monarquía era electiva.

Ladislao faleceu en 1434, deixando Polonia ao seu fillo maior, Ladislao III, e Lituania ao benxamín, Casimiro; os dous eran por entón aínda menores de idade.[30][57] A herdanza lituana, aínda así, non era segura. A morte de Ladislao disolveu a unión persoal dos territorios, e non estaba claro que a substituiría.[58]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Ana Jagiełło, a última da liñaxe homónima, faleceu en 1596.
  2. Algúns historiadores describiron este sistema como unha diarquía.[6][7]) Porén, Rowell afirma que a natureza dual do poder «...era un sinal de pragmatismo político; o sistema non cumpría o requisito da diarquía de estar composta de "dúas autoridades independentes", as dúas autoridades non se atopaban en pé de igualdade: o gran duque de Vilnius tiña a primacía».[8]
  3. O historiador John Meyendorff indica que Jogaila puido ser xa ortodoxo: «En 1377, Algirdas de Lituania faleceu e deixou o gran ducado ao seu fillo Jogaila, cristián ortodoxo...»[13]. Dmitri, non obstante, puxo como condición para concederlle a man da súa filla que se «bautizase na fe ortodoxa e que a proclamase ante os homes».[14]
  4. Eduvixes (Jadwiga) ostentaba en realidade o título de rei (rex poloni), porque o sistema político polaco non prevía que pudiese reinar unha muller.[15]
  5. Reflicte a excepcional visión dos grupos dirixentes dos dous Estados», afirmou Kłoczowski.[20]). Polo contrario, para Lukowski e Zawadzki: foi «un intento desesperado de Jogaila de evitar o sometemento, que parecía inevitable».[21]
  6. Nome eslavo que significa aproximadamente «goberno glorioso»; Władysław escríbese habitualmente Vladislao ou Ladislao. A elección traía á memoria a Ladislao I de Polonia, bisavó de Eduvixes e unificador do reino en 1320, e a san Ladislao I de Hungría, rei que apoiou o papa contra o emperador Henrique IV d cristianizou Transilvania.[11]
Referencias
  1. 1,0 1,1 1,2 1,3 1,4 1,5 1,6 Bojtár 2000, p. 182.
  2. Bojtár 2000, pp. 180-186.
  3. Boczkowska & 2011, p. 27.
  4. Tęgowski 1999, pp. 124-125.
  5. Stone 2001, p. 4.
  6. 6,0 6,1 6,2 Sruogienė-Sruoga 1987.
  7. Deveike 1950.
  8. Rowell 1994, p. 68.
  9. Plokhy 2006, p. 46.
  10. 10,0 10,1 Bojtár 2000, p. 181.
  11. 11,0 11,1 11,2 11,3 11,4 11,5 Rowell 2000, pp. 709-712.
  12. 12,0 12,1 Mickūnaitė 1999, p. 157.
  13. Meyendorff 1989, p. 205.
  14. Dvornik 1992, p. 221.
  15. 15,0 15,1 Stone 2001, p. 8.
  16. Lukowski & Zawadzki 2001, p. 42.
  17. 17,0 17,1 17,2 17,3 Dvornik 1992, p. 129.
  18. Lukowski & Zawadzki 2001, p. 37.
  19. Lukowski & Zawadzki 2001, p. 41.
  20. Kłoczowski 2000, p. 55.
  21. Lukowski & Zawadzki 2001, p. 38.
  22. 22,0 22,1 22,2 Kłoczowski 2000, pp. 54-57.
  23. 23,0 23,1 23,2 23,3 23,4 23,5 Jasienica 1988, pp. 80-146.
  24. Jasienica 1988, pp. 74-80.
  25. Dvornik 1992, p. 344.
  26. Magocsi 1996, p. 134.
  27. 27,0 27,1 27,2 Plokhy 2006, p. 98.
  28. 28,0 28,1 28,2 Housley 1992, p. 361.
  29. 29,0 29,1 29,2 Rowell 2000, p. 733.
  30. 30,0 30,1 30,2 Sedlar 1994, p. 282.
  31. Turnbull 2004, p. 22.
  32. Rowell 2000, p. 732.
  33. 33,0 33,1 33,2 Jasienica 1988, p. 103.
  34. 34,0 34,1 34,2 34,3 34,4 34,5 Stone 2001, p. 11.
  35. 35,0 35,1 Rowell 2000, p. 348.
  36. "Śląsk w polityce Piastów (Silesia within the policies of the Piasts)". Polska Piastów. 2005. Consultado o 9 de agosto de 2006. 
  37. Karwasińska & Zakrzewski 1935, p. 21.
  38. 38,0 38,1 Jasienica 1988, p. 106.
  39. Turnbull 2003.
  40. Delbrück 1990, p. 526.
  41. Jasienica 1988, p. 108.
  42. Jasienica 1988, p. 110.
  43. 43,0 43,1 Stone 2001, p. 16.
  44. 44,0 44,1 Turnbull 2003, p. 7.
  45. 45,0 45,1 Stone 2001, p. 17.
  46. Turnbull 2003, p. 73.
  47. Jasienica 1988, p. 2.
  48. 48,0 48,1 48,2 48,3 Jasienica 1988, p. 121.
  49. Rowell 2000, pp. 775–6.
  50. Dvornik 1992, pp. 342-343.
  51. Kłoczowski 2000, p. 73.
  52. Housley 1992, pp. 351-361.
  53. Bideleux 1998, pp. 233-235.
  54. Turnbull & McBride 2004, pp. 11-12.
  55. Rowell 2000, p. 353.
  56. Jasienica 1988, p. 130.
  57. Rowell 2000, p. 711.
  58. Stone 2001, p. 15.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]