Lactancia e VIH

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura
Aviso médico
Advertencia: A Wikipedia non dá consellos médicos.
Se cre que pode requirir tratamento, por favor, consúltello ao médico.
Símbolo Internacional da Lactación.

A lactancia materna por parte de nais infectadas polo VIH é a práctica da lactancia materna de nais infectadas polo Virus da Inmunodeficiencia Humana e inclúe a aquelas que poden querer aleitar ou que na actualidade están a aleitar. O VIH pode transmitirse ó bebé a través da lactancia materna.[1] O risco de transmisión pode variar e dependerá da concentración vírica presente no leite materno.[2] O infante pódese contaxiar con VIH durante toda a duración do embarazo ou durante o parto (intraparto).[3][4]

Introdución[editar | editar a fonte]

Nas directrices establecidas pola OMS sobre a alimentación do lactante por nais que se sabe que están infectadas con VIH (en especial nos países de escasos recursos), recoméndase a práctica exclusiva do amamantamento, en lugar das prácticas mixtas de lactación materna que inclúen outros suplementos nutricionais ou líquidos.[5] Varios estudos revelaron o grande beneficio da lactancia materna exclusiva, tanto para a nai como para o neno, e nestes, sinálase que a lactancia materna exclusiva durante un período de seis meses reduce significativamente a transmisión, entrega ó lactante maiores posibilidades de supervivencia durante o primeiro ano de vida e axuda á nai a recuperarse de forma máis rápida das consecuencias negativas que tivo na súa saúde o parto.[6]

A pesar destes positivos resultados, outros estudos determinaron que os bebés de nais infectadas polo VIH alimentados con biberón teñen aproximadamente un 19% de probabilidades de infectarse, en comparación cos bebés alimentados con leite materno que tiñan aproximadamente un 49% de probabilidades de infección.[3] Esta variación nos estudos dificulta a creación de directrices adecuadas para as mulleres infectadas polo VIH en países do terceiro mundo, ou en vías de desenvolvemento, onde as formas alternativas de alimentación non sempre son aceptables, factibles, alcanzables, seguras e sustentables (AFASS, polas súas siglas en inglés).[5] Por tanto, despois de moita investigación, os beneficios e/ou as consecuencias da lactancia materna con VIH aínda seguen sendo obxecto de debate.

Recomendacións para a PTMI[editar | editar a fonte]

A práctica da lactancia materna das nais seropositivas é un asunto en discusión, que crea controversia e de preocupación para a saúde pública mundial. Os programas de prevención da transmisión materno infantil (PTMI) e outras directrices internacionais ofrecen intervencións preventivas para abordar a transmisión materno infantil (TMI) do VIH en países do Terceiro Mundo.[7] Os programas de PTMI ofrecen ás mulleres seropositivas recomendacións e servizos que inclúen o tratamento antirretroviral (TAR), cambios nas formas de alimentación dos bebés (é dicir, lactancia materna exclusiva ou alimentación con fórmula (exclusive replacement feeding) e asistencia psicolóxica.[8]

Aínda que os programas de prevención da transmisión materno infantil (PTMI) foron desenvolvidos en diferentes rexións, o seu éxito en contornas con recursos limitados segue sendo obxecto de amplo debate.[9] En 2008, gran parte de África subsahariana no seu conxunto tiña unha estimación de 430.000 infeccións por VIH entre nenos menores de 15 anos.[9] A pesar dos coñecementos e tecnoloxía que se lles dedicou ós servizos de PTMI e ás directrices de alimentación dos lactantes, a pouca participación das mulleres seropositivas e a súa falta de adhesión a estes programas dificultou o éxito destas políticas.[9] Moitas mulleres temen coñecer o seu estado serolóxico.[9] En termos xerais, as nais seropositivas carecen de apoio, especialmente dos homes, o que provoca a súa estigmatización e marxinación por parte dos membros da comunidade.[9] É por isto que a maioría das mulleres terminan perdendo contacto cos programas de desenvolvemento, os cales terminan pouco despois que a nai dá a luz.[9] A interrupción destes programas dificulta para as nais o coñecemento e a comprensión das diferentes opcións de alimentación, xa que estes programas non se atopan dispoñibles para ofrecerlles a información necesaria.[9]

Experiencias interculturais[editar | editar a fonte]

O acceso ós recursos dispoñibles para a prevención da TMI do VIH varía segundo as diferentes rexións culturais. "A TMI do VIH foi erradicada en contornas con recursos adecuados como os Estados Unidos e Europa".[9] Os recursos médicos e terapéuticos dispoñibles nos países desenvolvidos poden incluír medicamentos para as nais seropositivas durante o embarazo e o parto, o parto por cesárea para reducir a exposición do lactante á infección, e cambios nas formas de alimentación dos bebés.[10] Nos países do terceiro mundo, os recursos médicos e a tecnoloxía poden ser moi difíciles de atopar e poden resultar nunha carga financeira para as nais seropositivas. As nais infectadas polo VIH recorren a especialistas para que estes lles proporcionen información e lles dean recomendacións pertinentes sobre a alimentación e a saúde dos lactantes.[11] Nas zonas de escasos recursos, as nais seropositivas tamén contan con tratamentos, un deles é o tratamento antirretroviral (TAR), que é un recurso que contribuíu á eliminación da TMI do VIH nos países do primeiro mundo.[10] Para que as nais seropositivas teñan acceso ós recursos, deben ser capaces de cumprir de forma regular coas citas de control, con todo, isto é difícil en países de escasos recursos debido á precariedade na calidade da asistencia médica que ofrecen os sistemas de saúde en países como a India, Tanzania e Nixeria.[10] Isto tamén pode resultar nun dilema nas nais seropositivas porque, a pesar de que se dispoña dunha cantidade limitada de recursos, as carencias económicas poden impedir que as mulleres accedan ós tratamentos dispoñibles. Isto pode influír na decisión da nai seropositiva de recorrer á lactancia materna como opción principal para alimentar ó bebé debido ás inestables condicións económicas.[12]

As investigacións antropolóxicas demostraron que en contextos onde a lactación materna é esencial para a supervivencia do lactante, como en lugares de escasos recursos, as directrices sobre a alimentación infantil en materia de PTMI poñen en cuestión as nocións sobre a maternidade e o poder de decisión das mulleres sobre o coidado dos lactantes, e afectan ás experiencias de alimentación dos lactantes das nais seropositivas.[13] En África oriental, a mortalidade infantil é moi alta e a lactancia materna é vital para a supervivencia infantil.[14] Aquí, a maternidade pode definirse como a responsabilidade de garantir o benestar e a saúde do neno.[14] A lactación materna tamén se considera unha práctica cultural que axuda a crear un vínculo entre a nai e o fillo.[15] Con todo, existe unha discrepancia entre as directrices da política de alimentación infantil en canto á PTMI e o que se considera un bo comportamento materno.[5] A política de PTMI promove a alimentación con fórmula (replacement feeding) porque crese que prevén o risco de transmisión do VIH. Con todo, o cumprimento destas directrices é difícil para as nais en lugares de escasos recursos que creen que non aleitar ós seus fillos sería prexudicial para a súa saúde e supervivencia, ademais de ameazar o "desenvolvemento de estreitos vínculos corporais e emocionais entre nai e fillo".[16] É por iso que, para as mulleres seropositivas, non aleitar é percibido como un fracaso en ser unha boa nai.[14] Así, os programas de PTMI repercuten na participación das mulleres e na toma de decisións sobre o coidado dos lactantes, e pon en dúbida as súas visións culturais dunha boa maternidade.

Recomendacións da Organización Mundial da Saúde[editar | editar a fonte]

Nun esforzo por perfeccionar aínda máis as directrices das Nacións Unidas para unha óptima alimentación dos infantes por nais infectadas polo VIH, a Organización Mundial da Saúde (OMS), no ano 2006, realizou unha convención de tres días en Xenebra para revisar as novas investigacións que se realizaron desde a última vez que se elaborou unha directriz no ano 2000. Entre os participantes atopábanse organismos das Nacións Unidas, representantes de organizacións non gobernamentais, investigadores, expertos en alimentación infantil e departamentos da sede principal da OMS. A convención finalizou coas seguintes recomendacións: Se a alimentación con fórmula é aceptable, factible, alcanzable e segura, recoméndase ás nais infectadas co VIH que utilicen a alimentación con fórmula. Pola contra, recoméndase a lactación materna exclusiva. Ós seis meses, se aínda non se dispón de alimentación substitutiva (fórmula), recoméndase ás nais infectadas co VIH a que comecen a incorporar lentamente alimentos mentres continúan aleitando ós seus fillos. Recoméndase que as persoas con bebés infectados polo VIH continúen aleitando mesmo despois dos 6 meses.[17]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Health, Australian Government Department of. "Human Immunodeficiency virus (HIV)". www.health.gov.au (en inglés). Consultado o 2017-12-16. 
  2. Moland, K, Blystad A (2008). "Counting on Mother's Love: The Global Politics of Prevention of Mother-to-Child Transmission of HIV in Eastern Africa". En Hahn R, Inhorn M. Anthropology and Public Health: Bridging Differences in Culture and Society. Oxford University Press. p. 449. 
  3. 3,0 3,1 White, E. (1999). Breastfeeding and HIV/AIDS: The Research, the Politics, the Women's Perspectives. McFarland & Company, Inc., Publishers. p. 12. 
  4. Polin, Richard (2014). Fetal and neonatal secrets. Philadelphia: Elsevier Saunders. ISBN 978-0-323-09139-8. 
  5. 5,0 5,1 5,2 Moland K, De Paoli M, Sellen D, Van Esterik P, Leshbari S, Blystad A (2010). "Breastfeeding and HIV: Experiences from a Decade of Prevention of Postnatal HIV Transmission in Sub-Saharan Africa". International Breastfeeding Journal 5 (10): 4. PMC 2987846. PMID 20977709. doi:10.1186/1746-4358-5-10. 
  6. Stein Z, Kuhn L (2009). "Breast feeding: A time to craft new policies". J Public Health Policy 30 (3): 300–10. PMC 2813715. PMID 19806071. doi:10.1057/jphp.2009.23. 
  7. Moland, K, Blystad A (2008). "Counting on Mother's Love: The Global Politics of Prevention of Mother-to-Child Transmission of HIV in Eastern Africa". En Hahn R, Inhorn M. Anthropology and Public Health: Bridging Differences in Culture and Society. Oxford University Press. p. 468. 
  8. Moland, K, Blystad A (2008). "Counting on Mother's Love: The Global Politics of Prevention of Mother-to-Child Transmission of HIV in Eastern Africa". En Hahn R, Inhorn M. Anthropology and Public Health: Bridging Differences in Culture and Society. Oxford University Press. p. 450. 
  9. 9,0 9,1 9,2 9,3 9,4 9,5 9,6 9,7 Baek C, Rutenberg N (2010). "Implementing programs for the prevention of mother-to-child HIV transmission in resource-constrained settings: Horizons studies, 1999-2007". Public Health Rep 125 (2): 293–304. PMC 2821859. PMID 20297758. doi:10.1177/003335491012500220. 
  10. 10,0 10,1 10,2 Bulhões AC, Goldani HA, Oliveira FS, Matte US, Mazzuca RB, Silveira TR (2007). "Correlation between lactose absorption and the C/T-13910 and G/A-22018 mutations of the lactase-phlorizin hydrolase (LCT) gene in adult-type hypolactasia". Brazilian Journal of Medical and Biological Research 40 (11): 1441–6. PMID 17934640. doi:10.1590/S0100-879X2007001100004. 
  11. Hollen C (2011). "HIV-Positive Women's Responses to Global Policy in Infant Feeding in Canada" (Submitted manuscript). Medical Anthropology Quarterly 5 (4): 503. doi:10.1111/j.1548-1387.2011.01182.x. 
  12. Krocker L, Beckwith A (2011). Safe Infant Feeding in Lesotho in the Eras of HIV/AIDS. Annals of Anthropological Practice 35. p. 59. doi:10.1111/j.2153-9588.2011.01066.x. 
  13. Blystad A, Moland K (2011). "Technologies of Hope? Motherhood, HIV and Infant Feeding in Eastern Africa". Anthropology & Medicine 16 (2): 105–118. PMID 27276404. doi:10.1080/13648470902940655. hdl:11250/2481714. 
  14. 14,0 14,1 14,2 Moland, K, Blystad A (2008). "Counting on Mother's Love: The Global Politics of Prevention of Mother-to-Child Transmission of HIV in Eastern Africa". En Hahn R, Inhorn M. Anthropology and Public Health: Bridging Differences in Culture and Society. Oxford University Press. 
  15. Van Esterik P (2002). "Contemporary Trends in Infant Feeding Research". Annual Review of Anthropology 31: INSERT. doi:10.1146/annurev.anthro.31.040402.085428. 
  16. Moland, K, Blystad A (2008). "Counting on Mother's Love: The Global Politics of Prevention of Mother-to-Child Transmission of HIV in Eastern Africa". En Hahn R, Inhorn M. Anthropology and Public Health: Bridging Differences in Culture and Society. Oxford University Press. p. 471. 
  17. WHO. "HIV and infant feeding: new evidence and programmatic experience: report of a technical consultation held on behalf of the Inter-agency Task Team (IATT) on prevention of HIV infections in pregnant women, mothers and their infants. Xenebra, Suíza, 25–27 Outubro 2006". 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]