Labradas (traballo agrícola)

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Sachadores cun xugo de bois

As labradas eran un traballo agrario colectivo realizado en Galiza, nos meses de abril e maio, antes da introdución da maquinaria agrícola. A veciñanza traballaba os campos conxuntamente, nun sistema de axuda mutua polo que se ían labrando unha por unha todas as veigas. O costume conservouse até os anos setenta do século XX nas comarcas galegas do Condado e da Paradanta, e documéntase a súa existencia en Boqueixón[1], na Terra de Montes e na Serra do Suído.[2]

Características[editar | editar a fonte]

Cantareiras acompañándose cos sachos
'
Xa que levaste-la aña,

mociñas do cabeceiro

Xa que levaste-la aña,

levai tamén o carneiro.


Por aquí pasa unha aña

por aqui un arañon

As mozas do cabeceiro

xa non poden co leghón.

—Cantigas da aña

Pola configuración minifundista das parcelas galegas, as beiras e cabeceiros das leiras tiñan que ser traballados cos sachos xa que os valados impedían ao arado achegarse o suficiente. Normalmente eran as mulleres as encargadas desta tarefa, e da posterior sementeira, mentres os homes guiaban os bois, mantiñan o arado no rego e mudaban as artes: arado, grade de reixa e grade de liso.[3] O traballo manual facíano dous grupos de persoas que, nun ritual de divertimento argallado coa finalidade de alixeirar o labor, competían por ver quen remataba antes o seu cabeceiro, ou os regos asignados caso de non contar cun arado.

Os vencedores gañaban o dereito a botar a aña. Uns cantos que, na súa versión mais simple, consistían en aturuxos e petos con pedras nos legóns en sinal de vitoria, e nas máis complexas nunha serie de cantigas de desafío ao grupo perdedor marcando nos sachos o ritmo da xota ou da muiñeira.[4] Estas coplas inxuriosas adoitaban facer referencia á aña, en orixe a cría ruín do carneiro, premio aldraxante para o bando derrotado que, por suposto, podía tamén devolver as cantigas.[3]

'
Viva o noso amo d'hoxe,

que é un ramo d'alegria

Que nos puxo de comer-e,

Ai!!! A gusto de señoría.

—Cantar das labradas

Outro elemento ritual que se desencadeaba coa vitoria na competencia era o baile da aña. Un ritual no que o cabeceiro gañador enviaba un ramallo de loureiro, ou doutra árbore calquera, aos perdedores espetado no arado ou pola man do home que guiaba os bois, nunha sorte de burla.[1] Entregado o ramo, chamado tamén aña por extensión, espetábase na terra e iniciábase o baile solto ao seu redor acompañado polo ritmo dos legóns. Sendo necesario en ocasións labrar novamente a leira pois o baile estragaba o traballo feito.

Noutra das versións do rito o ramo aparecía na merenda. Contra o serán era tradición que o dono da veiga labrada convidase ao resto dos veciños a merendar. Viñan daquela as viandas en cestos desde a casa familiar nunha procesión ao ritmo dos sachos e as cantareas. Un dos mozos levaba o ramo, adobiado con fitas, roscas, doces, etc, e chegados á veiga bailaba un punto con cada unha das mulleres coa pola na man.[5] Unha vez que todas tiñan botado un punto con el, espetábao na terra para pedir pola colleita, nun evidente ritual de fertilidade.

Rematado o baile tomábase a merenda acompañada de cantos de agradecemento[6], unha serie de cantares que loaban o "amo", é dicir, o dono da parcela á que lle tocaba a labrada e o encargado de subministrar o banquete.[3]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 Carpintero, Pablo. "Ferramentas agrícolas". Os Instrumentos Musicais na Tradición Galega. Consello da Cultura. Consultado o 2021-04-08. 
  2. Outeiro, Xandre (2012). ManüEle... de Pandeireta e canto tradicional. Ediciones Intermitentes. p. 63. 
  3. 3,0 3,1 3,2 Feijoo, Xisco (2020). "As añas". Aturuxo (19): 69–71. 
  4. Pablo Carpintero, Rosa Sánchez (2019). Música e evolución. p. 40m 27s. 
  5. Alalá nº 59 (2008). Os ciclos do ano en Toutón. Youtube. p. 28m 3s. 
  6. Camafeita, Olga (2001). "agradecemento". A música popular en Galicia (PDF). Proxecto de fin de carreira (Universidade de Vigo). 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]