Lázaro Candal

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura
Lázaro Candal
Nacemento4 de decembro de 1931
Lugar de nacementoA Coruña
Ocupaciónnarrador, xornalista deportivo e futbolista
FillosÁlex Candal Elizabeth candal. Anna ca.dal.
editar datos en Wikidata ]

Antonio Lázaro Candal Bravo, nado na Coruña o 4 de decembro de 1931, é un ex futbolista, narrador e xornalista deportivo galego. Desenvolveu a maior parte da súa carreira profesional en Venezuela, onde se converteu nun dos narradores deportivos máis coñecidos do país.

É pai do tamén narrador deportivo Álex Candal.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Naceu na rúa coruñesa do Orzán, sendo fillo do derradeiro condutor de tranvías da Coruña, Antonio Candal, e da ama de casa Jesusa Bravo.[1] Xogou ao fútbol en varios equipos da cidade como o Alameda, no que coincidiu con Luis Suárez e Carlos Torres, o Torre SD, o Imperátor, ou o Orzán.

Comezou no xornalismo no semanario deportivo Riazor e en La Voz de Galicia, onde asinaba como Candy, antes de marchar en 1956 a Costa Rica xunto con José María Penabad, "Zoquiñas". Alí traballou na sección de deportes do diario El Nacional e fichou polo Gimnástica Española de San Xosé.[1][2][3] Con ese equipo xogou dúas tempadas na Primeira División de Costa Rica e a continuación fichou polo Club Sport La Libertad.[2]

En 1959 instalouse en Caracas, onde fichou polo La Salle FC da Primeira División de Venezuela, e traballou como correspondente para La Voz de Galicia e Marca, ademais de noutros diarios e radios venezolanas.[4][2] Xogou tamén no Deportivo Español, retirándose en 1963, e logo foi secretario técnico do Deportivo Galicia.[5]

En 1967 comezou a narrar os partidos dos equipos venezolanos na Copa Libertadores, tarefa que realizou durante 33 anos. En 1974 foi o narrador do Mundial de Alemaña en Venevisión, e fixo o meso coas seguintes nove Copas do Mundo, a partir da de 1986 en Radio Caracas Televisión. Durante ese tempo narrou tamén a liga española, as Copas de Europa, Eurocopas, Copas América e os Xogos Olímpicos entre outros.

Foi ademais vicepresidente durante vinte anos da Liga Nacional de Fútbol Menor, creou o Premio ao Mellor Futbolista Suramericano do Ano e fundou o Mundial de Fútbol da Emigración.[6] Levou en tres ocasións o Deportivo da Coruña a Venezuela, e foi galardoado coa insignia de ouro do club.[1]

Premios e galardóns[editar | editar a fonte]

Durante a súa longa carreira foi galardoado con numerosos premios e recoñecementos, entre eles os seguintes:

  • Premio á Hispanidade do Instituto de Cultura Hispánica (1988).
  • Trofeo Venus da Prensa como Mellor Narrador Deportivo de Venezuela (1990).
  • Premio Cacique de Ouro como Mellor Narrador Deportivo do Ano (1992 e 1994).
  • Orde de Cabaleiros de María Pita (1995).
  • Distinguido como Fillo Ilustre de Maracaibo (2007).
  • Orde de Honra ao Mérito do Fútbol Suramericano pola Confederación Suramericana de Fútbol (2007).

Ademais leva o seu nome un campo de fútbol na cidade de Clarines, Anzoátegui.

Obras[editar | editar a fonte]

  • Hacia el mundial de España (1982).
  • México 1986 (1986).
  • El fútbol es risa... y poesía (2002).
  • Fútbol es (2006).
  • La historia de la Vinotinto (2014).

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 1,2 Miranda, Carlos (16 de maio de 2016). "Lázaro Candal, el coruñés que narró diez Mundiales de fútbol". La Opinión A Coruña (en castelán). Consultado o 31 de marzo de 2021. 
  2. 2,0 2,1 2,2 "Candal, el periodista gallego que cantó goles con guardaespaldas". El Correo Gallego (en castelán). 21 de xaneiro de 2017. Consultado o 31 de marzo de 2021. 
  3. "El coruñés Candal ha fichado por la Gimnástica Española de Costa Rica". La Voz de Galicia (en castelán). 17 de maio de 1956. p. 5. 
  4. "El debut de Lázaro “papaíto” Candal" (en castelán). 6 de abril de 2016. Consultado o 31 de marzo de 2021. 
  5. "Pedro “El Gallego” Castro un defensa central de lujo, testimonios de compañeros que compartieron en la cancha con él" (en castelán). 11 de outubro de 2020. Consultado o 24 de marzo de 2021. 
  6. Maceiras, Xabier (16 de abril de 2016). "O Mundialito da Emigración de 1982". Consultado o 31 de marzo de 2021.