Koldo Gorostiaga

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Koldo Gorostiaga
Nacemento 30 de maio de 1940
  Bilbao
Nacionalidade España
Ocupación político, economista, avogado e profesor
editar datos en Wikidata ]

Koldo Gorostiaga Atxalandabaso, nado en Bilbao o 30 de maio de 1940, é un político vasco de ideoloxía nacionalista vasca. Foi deputado no Parlamento Europeo entre 1999 e 2004 en representación de Euskal Herritarrok, a plataforma electoral independentista vasca refundada posteriormente en Batasuna, actualmente ilegal pola súa vinculación con ETA.

Traxectoria académica[editar | editar a fonte]

Gorostiaga naceu en Bilbao. Cursou Dereito nas universidades de Valladolid e Deusto, obtendo a licenciatura en 1963. Doutorouse na Universidade de Barcelona cunha tese sobre Dereito do Traballo en 1966. Traballou como profesor titular nas universidades de Barcelona e Pau. Tamén en Nantes, Bordeus e París. É tamén fundador do Instituto de Dereito Cooperativo e Economía Social da Universidade do País Vasco do que é profesor de Dereito do Traballo.[1]

Traxectoria política[editar | editar a fonte]

Gorostiaga vive dende 1974 no País Vasco Francés. Traballou tamén para a Oficina Europea de Linguas Minoritarias (1995) e foi membro do Consello Económico e Social da comunidade autónoma do País Vasco.[2] Foi a cabeza de lista de Euskal Herritarrok nas eleccións ao Parlamento Europeo de 1999, conseguindo o único eurodiputado conseguido por EH.[3] Nestas eleccións, EH obtivo 306.923 votos (1,47%), 225.796 no País Vasco e 45.146 en Navarra. No Parlamento Europeo, Gorostiza permaneceu como deputado non adscrito.

En marzo de 2002, a policía francesa detivo ao entón tesoureiro de Batasuna, Jon Gorrotxategi, tras pasar a Francia desde Bélxica con 200.304 euros en metálico, declarando que se trataba de fondos que Gorostiaga recibira do Parlamento Europeo en concepto de dietas, gastos de viaxes e axudas para a contratación de axudantes. Ante estes feitos, a Mesa do Parlamento Europeo abriu unha investigación concluíndo en 2003 que Gorostiaga non xustificara de adecuadamente 176.516 euros, polo que tiña que devolvelos. Gorostiaga devolveu 58.155 euros, pero recorreu xudicialmente a decisión do Parlamento. En 2005, Tribunal de Primeira Instancia da Unión Europea rexeitou o recurso de Gorostiaga.[4] Aínda que recorreu de novo, o Tribunal de Xustiza da Unión Europea, desestimou de novo o recurso (febreiro de 2009) e ordenou a Gorostiaga devolver o resto do diñeiro.[5] O Parlamento Europeo tamén votou non prorrogarlle a inmunidade parlamentaria que Gorostiaga reclamara para facer fronte ao proceso xudicial aberto en Francia polo caso, ao ocorrer durante o seu período como deputado.[6]

Tras a súa saída do Parlamento Europeo, Gorostiaga apoiou publicamente diversas iniciativas políticas da contorna de Batasuna: presentación de Herritarren Zerrenda ás eleccións ao Parlamento Europeo de 2004 (a lista foi anulada en aplicación da Lei de Partidos por constituír unha continuación de Batasuna); procura de apoios para as conversacións entre ETA e o Goberno español entre diversas forzas do Parlamento Europeo (2005); a presentación dun ""marco democrático para Euskal Herria" en Pamplona o 3 de marzo de 2007; ou a presentación de Euskal Herriaren Alde para concorrer ás eleccións ao Parlamento Europeo de 2009 en Francia.[7][8][9][10]

Notas[editar | editar a fonte]

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]