Kipchoge Keino

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura
Kipchoge Keino
14-01-10-tbh-012-kipchoge-keino.jpg
Keino en 2014
Nacemento17 de xaneiro de 1940
 Nandi District
NacionalidadeKenya
Ocupaciónfondista, mediofondista e atleta
PremiosOrdem Olímpica e Olympic Laurel
editar datos en Wikidata ]

Kipchoge Hezekiah Keino, nado en Kipsamo o 17 de xaneiro de 1940 é un atleta kenyano retirado, que ademais dirixiu o Comité Olímpico Kenyano (KOC) ata o 29 de setembro de 2017. Dúas veces campión olímpico, Keino foi un dos primeiros dunha longa listaxe de fondistas e mediofondistas de éxito do seu país, e inspirou moitos dos seus compatriotas a converterse na potencia do atletismo que son. En 2012, foi un dos vinte e catro primeiros atletas incluídos como membros iniciais do International Association of Athletics Federations Hall Of Fame.[1]

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Primeiros anos[editar | editar a fonte]

Keino naceu en Kipsamo (Distrito Nandi). O seu nome, Kipchoge, é unha expresión nandi que significa "nado preto do almacén de gran".[2] Os seus pais faleceron cando el era novo e foi criado por unha tía. Tras acabar a escola uniuse á policía de Kenya.[3] Antes de dedicarse ao atletismo, xogou ao rugby.[4]

Carreira[editar | editar a fonte]

Comezou a súa carreira internacional nos Xogos da Commonwealth de 1962 en Perth (Australia) onde foi undécimo nas tres millas. Nos Xogos Olímpicos de 1964 rematou quinto nos 5000 m e só perdeu a cualificación para a final dos 1500 m.

O 27 de agosto de 1965, Keino rebaixou o récord do mundo dos 3000 m en máis de 6 segundos ata 7:39.6 no seu primeiro inteno na distancia. Gañou dúas medallas (1500 e 5000 metros) nos primeiros Xogos Africanos. Ese mesmo ano rompeu o récord mundial dos 5000 m que tiña Ron Clarke, conseguindo 13:24.2. Nos Xogos da Commonwealth de 1966 en Kingston (Xamaica), gañou as carreiras da milla e das tres millas. Nos seguintes Xogos da Commonwealth, Keino gañou os 1500 metros e foi terceiro nos 5000.

Nos Xogos Olímpicos de 1968 na Cidade de México, gañou a medalla de ouro nos 1500 metros, vencendo ao favorito, o estadounidense e récord do mundo Jim Ryun, por 20 metros, a maior marxe de vitoria na historia da proba,[5] e a medalla de prata dos 5000 metros. Catro anos máis tarde gañou o ouro nos 3000 metros obstáculos e a prata nos 1500 metros nos Xogos Olímpicos de 1972 en Múnic. Retirouse en 1973.[3] Apareceu na portada de outubro de 1968 da revista Track and Field News, primeiro número tralos xogos.[6] Compartiu a portada do número de setembro de 1969 con Naftali Bon.[7]

Despois do deporte[editar | editar a fonte]

Coa súa esposa, Phyllis Keino, dedicou significativos esforzos ao traballo humanitario en Eldoret, Kenya. Estableceron a Casa de Nenos Lewa para orfos, a escola de primaria KipKeino[8] en 1999, e a escola de secundaria Kip Keino en 2009.[9]

Polo seu traballo cos orfos, compartiu en 1987 o título de "Deportista do Ano" da revista Sports Illustrated con outros sete denominados como "Atletas que se preocupan". En 1996 foi incluído no Salón da Fama Mundial Humanitario do Deporte.

O Kipchoge Keino Stadium de Eldoret recibe o seu nome.[3]

En 2007, recibiu un doutoramento honorífico en dereito pola Universidade de Bristol.[10] Anteriormente, a Universidade de Egerton en Nakuru outorgáralle un grao honorífico. En xullo de 2012 recibiu maior recoñecemento por parte da cidade de Bristol xa que durante a súa presidencia do comité olímpico kenyano, este converteu Bristol na base de adestramento dos seus atletas na preparación dos Xogos Olímpicos de Londres. O concello de Bristol deulle o premio da liberdade da cidade, primeira persoa en recibir a honra dende Winston Churchill[3]

O 5 de agosto de 2016, na cerimonia inaugural dos Xogos Olímpicos de Río de Xaneiro, Keino recibiu o primeiro Loureiro Olímpico polos seus destacados servizos ao movemento olímpico.[11]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. "IAAF Hall Of Fame". International Association of Athletics Federations. Consultado o 14 de xaneiro de 2015. 
  2. "Focus on Africa : Eliud Kipchoge (KEN)". iaaf.org. International Association of Athletics Federations. 9 de marzo de 2006. 
  3. 3,0 3,1 3,2 3,3 Legendary runner with a heart of gold [Ligazón morta permanente], Daily Nation, 27 de agosto de 2007.
  4. "Kip roots for 'Olympic Sevens'", Daily Nation, 23 de abril de 2009.
  5. Kipchoge Keino, CNN.com, 23 de xuño de 2004.
  6. "1969 Covers (18-issue year)". TrackandFieldNews.com. Arquivado dende o orixinal o 03 de marzo de 2016. Consultado o 7 de agosto de 2016. 
  7. "1968 Covers (17-issue year)". TrackandFieldNews.com. Arquivado dende o orixinal o 04 de marzo de 2016. Consultado o 7 de agosto de 2016. 
  8. "KipKeino Primary School". Arquivado dende o orixinal o 16 de agosto de 2016. Consultado o 16 de agosto de 2016. 
  9. "Keino's remarkable legacy runs deep in the Rift Valley". HeraldScotland (en inglés). Consultado o 2 de maio de 2018. 
  10. "Honorary degrees awarded today". University of Bristol. 17 July 2007. 
  11. "The Latest: Keino gives heartfelt speech after Olympic award". Lincoln Journal Star. Associated Press. 5 de agosto de 2016. Arquivado dende o orixinal o 20 de agosto de 2016. Consultado o 5 de agosto de 2016. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]