Kate Charlton-Robb

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Infotaula de personaKate Charlton-Robb

Editar o valor em Wikidata
Biografía
Nacementoséculo XX Editar o valor em Wikidata
Victoria Editar o valor em Wikidata
Datos persoais
País de nacionalidadeAustralia Editar o valor em Wikidata
EducaciónUniversidade de Monash Editar o valor em Wikidata
Actividade
Ocupaciónxenetista molecular , marine mammalogist (en) Traducir Editar o valor em Wikidata
EmpregadorUniversidade de Monash
Museums Victoria (en) Traducir Editar o valor em Wikidata

Kate Charlton-Robb, nada na península de Mornington, Victoria (Australia), é unha bióloga, xenetista molecular e zoóloga australiana, especializada no estudo dos cetáceos.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Arroaz austral en Port Phillip, Australia.

Kate Charlton-Robb naceu nunha vila da península de Mornington, Victoria, Australia e, desde pequena, sentiu unha grande atracción polas augas do mar, que creceu despois de comezar a mergullarse, interesándose por saber máis sobre as especies que viven nese ambiente, as súas interaccións con outros animais e os efectos do cambio ambiental.

Graduouse en bioloxía mariña na Universidade de Monash, e comezou a súa carreira estudando os mamíferos mariños, e un momento decisivo, nas súas palabras, foi unha conferencia á que asistiu sobre a conservación e a xenética de poboacións de especies crípticas, sorprendéndose de cuanto se podería descubrir acerca dos animais estudado o seu ADN, comezando así o seu camiño na xenética dos golfiños que foi o foco dos seus estudos de doutoramento, que fixo na súa universidade, baixo a dirección de Steve McKechnie e Andrea Taylor, presentando a tese titulada Species status and population structure of bottlenose dolphin in southern Australian waters, assessed using genetic markers and morphology.

O seu campo de investigación é e o estudo do estado e a estrutura das poboacións das especies de arroaces en augas do sur de Australia, avaliada mediante a morfoloxía e marcadores xenéticos.

Charlton-Robb sinalou a posibilidade dunha nova especie de arroaz, daquela coñecido como "Tursiops sp residente na baía de Port Phillip e os lagos Gippsland", baseada no estudo do ADN mitocondrial.

Máis adiante, nun traballo en colaboración, investigou máis profundamente utilizando múltiples rexións de xenes de diferentes especies.

Máis recentemente, Charlton-Robb et al. vincularon a morfoloxía cranial e datos xenéticos para completar a caracterización da nova especie.[1][2]

Dado o rango probabelmente restrinxido desta nova especie, para Charlton-Robb é un asunto de alta prioridade a protección e conservación destes animais.

Na actualidade (2013), Charlton-Robb leva máis de 14 anos investigando os golfiños do sur de Australia, estudando a estrutura e o estado das súas poboacións utilizando metodoloxías morfolóxicas e de múltiples xenes, cara a un maior coñecemento e avaliación da taxonomía dos delfínidos, a distribución das súas especies e a xenética das poboacións.

Kate Charlton-Robb é a fundadora, directora e principal investigadora da Australian Marine Mammal Conservation Foundation.

Transcendencia do descubrimento[editar | editar a fonte]

Durante moito tempo os científicos pensaron que o xénero Tursiops era monoespecífico, coa única especie Tursiops truncatus, aínda que moitos pensaban que podería haber máis dunha.

Desde que en 1998 Rice recoñeceu como válida a especie Tursiops aduncus (que fora descrita por Ehrenberg en 1833) houbo un crecente consenso de que o xénero estaba formado por estas dúas especies.[3]

Pero os traballos de Kate Charlton-Robben en xenética molecular dos arroaces permitiron un mellor coñecemento deste problema, anteriormente insuperábel, e a terceira especie, Tursiops australis foi descrita por ela en 2011.

É a terceira vez que se recoñece unha nova especie de golfiño desde finais do século XIX.[4]

Algunhas publicacións[editar | editar a fonte]

  • Dunn, W., Goldsworthy, A., Glencross, D. e Charlton, K. (2001): "Interactions between bottlenose dolphins and tour vessels in Port Phillip Bay, Victoria". Department of Sustainability and Environment. Melbourne. Australia.
  • Charlton, K., Taylor, A. C., McKechnie, S. W. (2006): "A note on divergent mtDNA lineages of bottlenose dolphins from coastal waters of southern Australia". J. Cetacean Res. Manage. 8 (2): 173-179.
  • Moller, L., Bilgmann, K. Charlton-Robb, K. e Beheregaray, L. (2008): "Multi-gene evidence for a new bottlenose dolphin species in southern Australia". Molecular Phylogenetics and Evolution 49: 674-681.
  • Kylie Owen, Kate Charlton-Robb e Ross Thompson (2011): "Resolving the trophic relations of cryptic species: an example using stable isotope analysis of dolphin teeth". Australian Centre for Biodiversity and School of Biological Sciences, Monash University, Victoria, Australia. Resumo.
  • Papakonstantinou,Theo, Kate Charlton-Robb, Richard D. Reina e Gerry Rayner (2013): "Providing research-focused work-integrated learning for high achieving science undergraduates". Asia-Pacific Journal of Cooperative Education 14 (2): 59-73. Resumo

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Kate Charlton-Robb, Lisa-Ann Gershwin, Ross Thompson, Jeremy Austin, Kylie Owen e Stephen McKechnie (2011): "A New Dolphin Species, the Burrunan Dolphin Tursiops australis sp. nov., Endemic to Southern Australian Coastal Waters" Ver en liña PLoS ONE 6 (9): e24047.
  2. Researcher discovers new dolphin species in Victoria. Universidade de Monash, 15-09-2011. (en inglés)
  3. Tursiops Gervais, 1855 Arquivado 15 de marzo de 2016 en Wayback Machine. en SIIT(en inglés).
  4. New dolphin species discovered in Victoria. ABC News, 15-09-2011. (en inglés)

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]