Saltar ao contido

Kató Lomb

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Modelo:BiografíaKató Lomb
Biografía
Nacemento8 de febreiro de 1909 Editar o valor en Wikidata
Pécs Editar o valor en Wikidata
Morte9 de xuño de 2003 Editar o valor en Wikidata (94 anos)
Budapest Editar o valor en Wikidata
Lugar de sepulturaCemitério de Farkasréti (pt) Traducir Editar o valor en Wikidata
Actividade
Ocupaciónlingüista, Políglota, escritora, tradutora, intérprete Editar o valor en Wikidata

Kató Lomb, nada en Pécs o 8 de febreiro de 1909 e finada en Budapest o 9 de xuño de 2003, foi unha intérprete e tradutora húngara e unha das primeiras intérpretes simultáneas no mundo.[1] Formada inicialmente en física e química, axiña dirixiu o seu interese cara ás linguas. Nativa en húngaro, podía interpretar con fluidez en 9 ou 10 linguas (en 4 sen preparación previa). Así mesmo, podía realizar traducións técnicas e ler belles-lettres en 6 linguas, e entendía o xornalismo escrito noutras 11. Afirmou traballar de xeito profesional con 16 linguas (alemán, búlgaro, chinés, danés, eslovaco, español, francés, hebreo, inglés, italiano, latín, polaco, romanés, ruso, ucraíno e xaponés),[2] as cales aprendeu de maneira autodidacta debido ao seu interese nelas.

Segundo ela mesma, a súa vida destacou non tanto polo seu uso das linguas, senón polo seu estudo delas. Describiu isto nos seus libros, conversacións e entrevistas. Como intérprete visitou 40 países en cinco continentes e documentou as súas experiencias no seu libro Egy tolmács un világ körül («Unha intérprete arredor do mundo»).[3]

Na cuarta edición de Így tanulok nyelveket («Como aprendo linguas») de 1995 escribiu:

«Só teño unha lingua materna: o húngaro. O ruso, o inglés, o francés e o alemán viven dentro de min de xeito simultáneo co húngaro. Podo cambiar dunha a outra destas linguas con gran facilidade, dunha palabra á seguinte.

Para traducir textos do italiano, o español, o xaponés, o chinés e o polaco polo xeral necesito arredor de medio día para refrescar as miñas destrezas nesas linguas e examinar os textos que teño que traducir.

As outras seis linguas coñézoas só de traducir literatura e textos técnicos nelas».

No prólogo á primeira edición de Így tanulok nyelveket («Como aprendo linguas») de 1970 escribiu:

«Sinxelamente gostaría de contar como, durante máis de 25 anos, logrei ser capaz de falar 10 linguas, traducir textos técnicos e gozar da ficción noutras 6 e entender xornalismo escrito nunhas 11 máis».

No seu libro Bábeli harmónia («Harmonía de Babel») de 1988 escribiu:

«Cantas linguas falo? Teño unha soa lingua materna: o húngaro. Falo ruso, alemán, inglés e francés o suficientemente ben para ser quen de interpretar ou traducir entre calquera delas de xeito improvisado. Necesito algo de preparación previa para o español, o italiano, o xaponés, o chinés e o polaco. Para iso eu folleo os meus diarios escritos nestas linguas. Podo ler literatura en sueco, noruegués, romanés, portugués, holandés, búlgaro e checo. Podo traducir textos políticos ou técnicos escritos nesas linguas».

Lomb citou o danés, o hebreo, o latín, o eslovaco e o ucraíno só na entrevista de Hetek, e o checo, o neerlandés, o noruegués, o portugués e o sueco só en Bábeli harmónia. No xeral, clasificou as súas linguas así:


En Így tanulok nyelveket mencionou outras linguas que tamén entendía. En total, afirmou saber polo menos 28 linguas (contando o seu húngaro natal) como mínimo nun nivel que lle permitía comprender textos escritos. Delas, era capaz de interpretar en 10.

Segundo conta nos seus libros, adquiriu ditas linguas nesta orde: o francés (na escola, aproximadamente aos 10–14 anos), o latín (antes de e/ou durante os seus estudos universitarios), o inglés (desde 1933, pola súa conta), o ruso (desde 1941, pola súa conta; o que lle permitiu entender o ucraíno e, en certo xeito, o búlgaro), o romanés (pola súa conta), o chinés (aproximadamente desde 1950, en dous anos, nun curso universitario), o polaco (arredor de 1955, nun curso), o xaponés (desde 1956, pola súa conta), o checo (en 1954, pola súa conta, e de xeito similar o eslovaco), o italiano (pola súa conta, despois dalgunhas nocións previas na década de 1940), o español (na segunda metade da década de 1960, pola súa conta) e o alemán.

Obras seleccionadas

[editar | editar a fonte]
  • Így tanulok nyelveket (Egy tizenhat nyelvű tolmács feljegyzései) – «Como aprendo linguas (Notas dunha intérprete de dezaseis linguas)» (1970)
  • Egy tolmács a világ körül – «Unha intérprete arredor do mundo» (1979)
  • Nyelvekről jut eszembe... – «As linguas lémbranme...» (1983)
  • Bábeli harmónia (Interjúk Európa híres soknyelvű embereivel) – «Harmonía de Babel (entrevistas con persoas políglotas famosas en Europa» (1988)
  1. Lomb, Kató. Polyglot: how I learn languages (PDF) (en inglés). p. 8. ISBN 9781606437063.
  2. Szlazsánszky, Ferenc (14 de novembro de 1998). "A nyelvekről jut eszembe". Hetek (en húngaro). Consultado o 27 de xuño de 2025.
  3. Nomeados no libro, por orde de aparición: os Estados Unidos, o Reino Unido, Grecia, Austria, o Xapón, Suíza, o Canadá, o Líbano, a China, a Unión Soviética, Finlandia, Singapur, Dinamarca, Liechtenstein, Italia, Francia, España, Alemaña, os Países Baixos, Suecia, Marrocos, México, Bélxica, Mongolia, Corea do Norte, Turquía, Vietnam, Checoslovaquia, Tailandia, Malaisia, Samoa, Fiji, a India, Irán, Sri Lanka, Indonesia, Australia, Nova Zelandia e Tonga.