Saltar ao contido

Kasai do Sur

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Modelo:Xeografía políticaKasai do Sur

Localización
lang=gl Editar o valor en Wikidata Mapa
 6°09′S 23°36′L / -6.15, 23.6
CapitalMbuji-Mayi Editar o valor en Wikidata
Poboación
Poboación1.000.000 Editar o valor en Wikidata (33,33 hab./km²)
Xeografía
Superficie30.000 km² Editar o valor en Wikidata
Datos históricos
Creación1960 Editar o valor en Wikidata
Disolución1961 Editar o valor en Wikidata
Organización política
Forma de gobernomonarquía Editar o valor en Wikidata
MoedaFranco congolés Editar o valor en Wikidata

Kasai do Sur (francés: Sud-Kasaï) foi un estado secesionista non recoñecido da República do Congo (a actual República Democrática do Congo)[a] que foi semi independente entre 1960 e 1962. Inicialmente proposto só como unha provincia, Kasai do Sur buscou a autonomía plena en circunstancias similares ás do seu estado veciño de Katanga, moito máis grande e situado ao sur, durante a axitación política xurdida logo da independencia do Congo Belga coñecida como crise do Congo. Con todo, a diferenza de Katanga, Kasai do Sur non declarou de xeito explícito a súa independencia plena da República do Congo ou rexeitou a soberanía congolesa.

O líder e principal defensor de Kasai do Sur, Albert Kalonji, que representara unha facción do movemento nacionalista (o Mouvement National Congolais-Kalonji ou MNC-K) antes da descolonización, explotou as tensións étnicas entre o seu propio grupo étnico, os baluba,[b] e os bena lulla para crear un estado creado nos luba no corazón tradicional do grupo nas partes sur orientais da rexión de Kasai. Cando estalou a violencia sectaria ao longo do país, o estado declarou a súa secesión do Congo o 9 de agosto de 1960[c] e o seu goberno, e pediu aos baluba que vivían no resto do Congo que regresaran á súa "patria". Kalonji foi nomeado presidente. Aínda que o goberno de Kasai do Sur afirmaba formar unha parte autónoma dun estado federal que abarcaba todo o Congo, exercía un certo grao de autonomía rexional e mesmo produciu a súa propia constitución e selos postais. O estado, apoiado por potencias estranxeiras, particularmente Bélxica, e financiado polas exportacións de diamantes, xestionou numerosas crises, incluídas as causadas pola gran migración de refuxiados luba, mais tornouse cada vez máis militarista e represivo.

Pouco despois da súa secesión, as tropas de Kasai do Sur e as congolesas enfrontáronse logo de que o goberno central congolés ordenara a unha ofensiva contra a rexión. A campaña resultante, planeada como o primeiro acto dunha acción máis longa contra Katanga, estivo acompañada de masacres xeneralizadas de baluba e unha crise de refuxiados que algúns contemporáneos calificaron como xenocidio. O estado foi invadido axiña polas tropas congolesas. A violencia na represión de Kasai proporcionou unha maior lexitimidade á destitución de Patrice Lumumba do cargo de Primeiro Ministro por parte de Joseph Kasa-Vubu a finais da década de 1960 e o posterior arresto e asasinato de Lumumba. Como resultado, Kasai do Sur mantívose en relativamente bos termos co novo goberno congolés dende 1961. Os seus líderes, incluído o propio Kalonji, serviron tanto no goberno de Kasai do Sur como no parlamento congolés. Kasai do sur continuou a exercer unha cuase independencia na que as tropas congolesas e das Nacións Unidas puideron moverse a través do territorio sen entrar en conflito coa xendarmería de Kasai do Sur. En abril de 1961, Kalonji adoptou o título real de Mulopwe ("Rei dos baluba") para vincular máis o estado co Imperio Luba precolonial. O acto dividiu ás autoridades de Kasai do Sur e Kalonji foi repudiado pola maioría dos representantes parlamentarios de Kasai do Sur en Léopoldville.[d] En decembro de 1961, Kalonji foi arrestado cun pretexto legal en Léopoldville e encarcerado, e Ferdinand Kazadi asumiu o poder como xefe de estado interino. As tropas da ONU e do Congo ocuparon Kasai do Sur. En setembro de 1962, pouco despois de escapar da prisión e regresar a Kasai do Sur, Kalonji foi derrocado por un golpe de estado que o obrigou a exiliarse e puxo fin á secesión.

Adoita considerarse que o final da secesión de Kasai do Sur foi en decembro de 1961, a data do arresto de Kalonji, ou outubro de 1962 co golpe de estado contra Kalonji e a chegada definitiva das tropas gobernamentais.

Antecedentes

[editar | editar a fonte]

Dominio colonial

[editar | editar a fonte]
Xefes luba no Estado Libre do Congo, ca. 1900

O dominio colonial europeo no Congo comezou a finais do século XIX. O rei Leopoldo II de Bélxica, frustrado pola falta de poder e prestixio internacional do seu país, tentou persuadir ao goberno belga para que apoiara a expansión colonial ao redor da daquela pouco explorada conca do Congo. A ambivalencia do goberno belga ante a idea levou a Leopoldo a crear finalmente unha colonia pola súa propia conta. Co apoio de varios países occidentais, que vían a Leopoldo como un tapón útil entre os poderes coloniais rivais, Leopoldo conseguiu o recoñecemento internacional dunha colonia persoal, o Estado Libre do Congo en 1885.[3] O Imperio Luba, o maior poder na rexión de Kasai, foi anexado ao novo estado en 1889. Contra o cambio de século, a violencia dos funcionaris do Estado Libre contra os congoleses, e o desapiadado sistema de extracción económica levaran a unha intensa presión diplomática sobre Bélxica para que asumira o control oficial do país, o que fixo en 1908, creando o Congo Belga.[4]

O dominio belga no Congo estaba baseado na "trindade colonial" (trinité coloniale) de estado, misioneiros e intereses da empresa privada. O privilexio dos intereses comerciais belgas significou que grandes cantidades de capital fluíron cara o Congo e que as rexións individuais se especializaron. En moitas ocasións, os intereses do goberno e da empresa privada vinculáronse estreitamente e o estado axudou ás empresas a esmagar folgas e eliminar outras barreiras impostas pola poboación.[5] O país estaba dividido en subdivisións administrativas organizadas xerarquicamente, e dirixidas de xeito uniforme segundo unha "política nativa" (politique indigène) establecida – en contraste cos británicos e franceses, que xeralmente favorecían o sistema de goberno indirecto mediante o cal os líderes tradicionais mantiñan a súa posición de autoridade baixo a supervisión colonial.[6]

Etnicidade

[editar | editar a fonte]

Antes do inicio do período colonial, a rexión de Kasai do Sur formaba parte do Imperio Luba, unha federación de reinos locais cun certo grao de uniformidade cultural. Durante os séculos XVII e XVIII, os baluba estendéronse por grandes partes da sabana de Kasai-Katanga ao longo da conca do río Kasai e finalmente se converteron en numerosos subgrupos étnicos, especialmente os luba-kasai e os luba-katanga. Aínda que nunca se uniron nun único estado centralizado, os grupos mantiveron un grao de apego emocional baseado en mitos de orixe e prácticas culturais compartidas.[7] Outros grupos, como os songye e os kanyok, tamén tiñan unha longa historia na rexión de Kasai.[8]

Un dos maiores legados do dominio colonial en Kasai foi a redivisión arbitraria da poboación en novos grupos étnicos. A pesar da lingua (tshiluba) e cultura compartidas por ambos grupos, os administradores coloniais crían que os habitantes da área do río Lulua eran etnicamente diferentes aos baluba e chamáronos bena lulua. Os colonos crían que os baluba eran máis intelixentes, traballadores e abertos a novas ideas que os bena lulua, aos que consideraban máis reaccionarios e estúpidos. Como resultado, a partir da década de 1930 o estado comezou a tratar a ambos grupos de xeito diferente e aplicou distintas políticas para cada un e promocionou aos baluba para posicións por riba doutras etnias.[9]

Durante a década de 1950, cando os belgas comezaron a temer que o ascenso dunha elite luba poderosa puidera converterse nunha ameaza para o goberno colonial, a administración comezou a apoiar as organizacións lulua. Isto contribuiu aínda máis á crecente polarización étnica entre os dous grupos. En 1952, fundouse unha organización chamada os Lulua Frères (Irmáns Lulua) para facer campaña polo ascenso socioeconómico do grupo lulua e converteuse nun representante non oficial dos bena lulua. En 1959, a animosidade entre os luba e os lulua chegou a un punto crítico co descubrimento dunha proposta colonial para trasladar os granxeiros luba fora das terras lulua ás menos fértiles terras do territorio luba. Como resultado, as hostilidades aumentaron e estalaron enfrontamentos violentos. En agosto de 1959, as manifestacións luba contra o plano foron reprimidas con violencia polo exército e a policía colonial.[10]

Movemento nacionalista e política congolesa

[editar | editar a fonte]
Patrice Lumumba separouse de Kalonji en 1959 e negoulles aos seus partidarios calquera papel no goberno central.

Nacionalismo congolés

[editar | editar a fonte]

No Congo Belga desenvolveuse durante a década de 1950 un movemento panafricano e nacionalista anticolonial, principalmente entre a clase évolué (a burguesía negra urbanizada). O movemento dividise en varios partidos e grupos que estaban amplamente divididos por liñas éticas e xeográficas e se opuñan os uns aos outros.[11] O maior deles, Mouvement National Congolais (MNC), foi unha organización de fronte unida adicada a lograr a independencia "nun tempo razoable".[12] Foi creada ao redor dunha carta que foi asinada, entre outros, por Patrice Lumumba, Cyrille Adoula e Joseph Iléo.[13] Lumumba converteuse na figura destacada e contra o final do ano 1959, o partido afirmaba contar con 58 000 membros.[14] Con todo, moitos consideraron o MNC demasiado moderado. Emerxeron outros numerosos partidos que se distinguían polo seu radicalismo, o apoio ao federalismo ou o centralismo, e a súa afiliación a determinados grupos étnicos. O principal rival do MNC foi a Alliance des Bakongo (ABAKO), liderada por Joseph Kasa-Vubu, un partido moito máis radical apoiando polo pobo congo no norte e a Confédération des Associations Tribales du Katanga (CONAKAT) de Moïse Tshombe, un partido fortemente federalista na meridional provincia de Katanga.[15]

Separación de Kalonji-Lumumba e polarización

[editar | editar a fonte]
Albert Kalonji rompeu con Lumumba e posteriormente liderou a secesión de Kasai do Sur.

Aínda que era o maior dos partidos nacionalistas africanos, o MNC tiña moitas faccións internas diferentes que adoptaban posturas diferentes sobre unha serie de cuestións. O partido foise polarizando máis entre os évolués moderados e a masa de membros máis radicais.[16] Unha facción radical e federalista encabezada por Ileo e Albert Kalonji escindiuse en xullo de 1959, mais non conseguiu inducir desercións masivas doutros membros do MNC. A facción disidente pasou a chamarse MNC-Kalonji (MNC-K), mentes que o grupo maioritario pasou a denominarse MNC-Lumumba (MNC-L). A escisión dividiu a base de apoio do partido entre aqueles que apoiaban a Lumumba, principalmente na rexión de Stanleyville, no nordés, e os que respaldaban o MNC-K, popular no sur e entre os membros do propio grupo étnico de Kalonji, os baluba.[17] Posteriormente o MNC-K formou un cartel con ABAKO e o Parti Solidaire Africain (PSA) para reclamar un Congo unido pero federalizado.[18]

As eleccións de 1960 dexeneraron nun "plebiscito antibaluba" en Kasai, xa que o MNC-K luba conseguiu obter a maioría simple pero non conseguiu tomar o control do goberno provincial. Pola contra, Lumumba promoveu a un candidato lulua, Barthélemy Mukenge, como presidente provincial mentres a Kalonji negóuselle unha importante carteira ministerial no goberno nacional de Lumumba. Kalonji rexeitou a oferta de Lumumba da carteira de Agricultura.[10] Mukenge tentou formar un goberno de unidade, mesmo ofrecendo ao membro do MNC-K Joseph Ngalula un posto no seu gabinete. Ngalula rexeitou a oferta e o 14 de xuño o MNC-K decidiu crear un goberno alternativo baixo o seu liderado.[19][20] Kalonji non recoñeceu este goberno como autoridade algunha.[21]

Os partidarios de Kalonji, que se sentían rexeitados e marxinados polo goberno central, comezaron a apoiar a partidos alternativos. Entre eles, os seguidores ide Kalonji apoiaron o partido CONAKAT de Tshombe na próxima Katanga que, debido á súa postura fortemente federalista, opúñase á Concepción de Lumumba dun goberno central forte con capital sede na Léopoldville. Como parte disto, os seguidores de Kalonji apoiaron o CONAKAT fronte os seus pincipais rivais locais, a Association Générale des Baluba du Katanga (BALUBAKAT) liderada por Jason Sendwe, que, aínda que representaba os baluba da provincia de Katanga, estaba a favor do centralismo.[22] Os partidarios de Kalonji, que crían que actuaban en nome de todos os luba-kasai, crearon unha inimizade entre os luba-kasai e os luba-katanga, mais tampouco puideron conseguir todo o apoio do CONAKAT, moito do cal tiña prexuízos raciais contra os baluba e apoiaba só os "auténticos katangueses".[22]

Secesión

[editar | editar a fonte]

Persecución dos baluba

[editar | editar a fonte]

A República do Congo conseguiu a independencia o 30 de xuño de 1960 con Kasa-Vubu como presidente e Lumumba como primeiro ministro. A Cámara do Parlamento de Léopoldville reunírase unha semana antes para revisar o gabinete de Lumumba e darlle un voto de confianza. Durante a sesión, Kalonji, na súa calidade de deputado electo, criticou o gabinete proposto, expresando o seu descontento porque o seu partido non fora consultado na súa formación, e declarando que estaba orgulloso de non ter sido incluído nun goberno "antibaluba" e "antibatshoke"[e] que amosara desprecio polos desexos do pobo de Kasai. Tamén declarou as súas intencións de alentar os baluba e os batshoke a absterse de participar no goberno e dar os seus propios pasos para formar un estado soberano centrado en Bakwanga.[24]

O 26 de xuño funcionarios do MNC-K pedíronlle ao Parlamento de Léopoldville que dividira pacificamente a provincia de Kasai segundo as liñas suxeridas por Kalonji. A moción, que tería requirido a modificación da nova constitución do Congo (Loi fondamentale), foi recibida por unha lexislatura dividida entre as faccións de Lumumba e Kasa-Vubu e non se puido chegar a ningún acordo.[2]

Logo da independencia, as tensións étnicas comezaron a estalar en todo o país, moitas delas directamente en contra dos baluba, e tiveron lugar numerosos enfrontamentos violentos.[22] O 3 de xullo o goberno central ordenou o arresto do goberno rival do MNC-K en Kasai, precipitando disturbios en Luluabourg.[25] A pesar de rexeitar propostas anteriores para a repatriación dos luba á provincia en xaneiro de 1960, os seguidores de Kalonji fixeron unha chamada oficial aos baluba de todo o Congo o 16 de xullo para que regresaran á súa "patria" de Kasai. Inicialmente os partidarios de Kalonji preveron a división da provincia de Kasai en dous para permitir a creación dun goberno provincial case autónomo dominado polo MNC-K e os luba.[22] A provincia proposta foi denominada Estado Federado de Kasai do Sur (État fédératif du Sud-Kasaï).[26] Con todo, rapidamente Kalonji deuse conta de que o caos no resto do Congo podería ser empregado para separarse unilateralmente e declarar a independencia total local.[22] Esta decisión vise reforzada pola secesión total do Estado de Katanga (État du Katanga), liderado por Tshombe, o 11 de xullo de 1960.[27] Kalonji visitou Katanga a principios de agosto de 1960, pouco despois da súa secesión, onde, o 8 de agosto, declarou que Kasai "debe dividirse a toda costa".[2]

Secesión

[editar | editar a fonte]
Joseph Ngalula foi nomeado primeiro ministro de Kasai do Sur.

O 9 de agosto de 1960, Kalonji, aínda en Katanga, declarou que a rexión suroriental de Kasai sería o novo Estado Mineiro de Kasai do Sur (État minier du Sud-Kasaï) ou Estado Autónomo de Kasai do Sur (État autonome du Sud-Kasaï).[f][28][22]

Ao contrario de Katanga, con todo, a secesión de Kasai do Sur non significou explicitamente o rexeitamento da súa posición dentro da República do Congo. Máis ben, parecíase aos gobernos locais autodeclarados na provincia de Équateur.[29] O título de estado autónomo foi escollido para reforzar a impresión de que a secesión non era un rexeitamento da soberanía congolesa, mais a creación dunha rexión do Congo gobernada federalmente.[26] A secesión tivo un certo apoio entre xornalistas, intelectuais e políticos de Léopoldville, e un xornal calificouno de "un modelo polo cal moitos estados que agora proliferan no Congo poderían formar unha nova federación".[29] Na práctica Kasai do Sur tiña unha independencia considerablemente maior que unha provincia normal e, ao outorgar os seus propios poderes federais de xeito unilateral, estaba a separarse efectivamente do Congo.[30] Tampouco enviaban ningún imposto ao goberno central e os locais (facendo unha comparación co estado secesionista do sur) ás veces referíanse a Kasai do Sur como a "Pequena Katanga".[31] Os deputados do MNC-K tamén rexeitaron inicialmente sentarse no Parlamento Congolés en Léopoldville.[32]

Kalonji foi declarado presidente e Joseph Ngalula primeiro ministro. Aínda que os luba-kasai nunca antes viviran nun só estado, Kalonji puido obter o amplo apoio dos xefes luba para a secesión.[22] Puido retratar a secesión internacionalmente como o resultado da persecución e o fracaso do goberno congolés para protexer suficientemente os baluba no resto do Congo.[33] As fronteiras de Kasai do Sur cambiaron frecuentemente e nunca se estabilizaron durante as súa breve existencia.[34] A capital do estado foi Bakwanga.[26] En 1962 a súa poboación estaba estimada nos 2 000 000 de persoas.[31]

Unha vez establecido no poder, Kalonji posicionouse persoalmente como "gran home" e patrón do que se orixinou o poder estatal.[30] Os líderes tribais dos luba e outros grupos étnicos gozaban dunha relación próxima, similar á dun cliente, con Kalonji e recibían un trato preferente a cambio dos servizos prestados.[30] En particular, Kalonji dependía dos líderes tribais para mobilizar os paramilitares para apoiar o exército de Kasai do Sur.[30] A gobernabilidade de Kasai do Sur era complicada pola dinámica política luba na que se enconntraba inmersa. As tensións aumentaron entre Kalonji e Ngalula, que tiñan ideas diferentes sobre como debía debía dirixirse o estado; Kalonji quería que o goberno estivera baseado na tradición e dependera de xefes consuetudinarios, mentres que Ngalula prefería un sistema democrático e trabajaba coa elite intelectual. Kasai do Sur tivo cinco diferentes gobernos nos primeiros meses da súa existenca.[35]

Selos postais de Kasai do Sur sobreimpresos sobre emisións anteriores do Congo Belga.[26]

Os problemas internos inmediatos que afrontaba Kasai do Sur eran a gran cantidade de refuxiados luba non asentados e a disidencia das minorías non luba. O estado puido destinar cartos da exportación de diamantes e do soporte estranxeiro a crear servizos públicos que permitiran os refuxiados luba encontrar un emprego. Os servizos sociais estaban "relativamente ben xestionados".[36] Os ingresos do estado estimáronse nun total de 30 000 000 dólares anuais.[37] O estado tivo tres constitucións, a primeira foi promulgada en novembro de 1960 e a última o 12 de xullo de 1961.[38] A constitución de xullo transformou o estado no Estado Federado de Kasai do Sur (État fédéré du Sud-Kasaï), declarando o estado en si mesmo "soberano e democrático" mais tamén parte dunha hipotética "República Federal do Congo".[26] A constitución tamén proveu dunha lexislatura bicameral, cunha cámara baixa composta por todos os deputados nacionais, senadores, e asembleístas provinciais elixidos nas circunscricións dentro do territorio de Kasai do Sur, e unha cámara alta formada por xefes tradicionais.[39] Organizouse un sistema xudicial, con xuíces de paz, tribunais de maxistrados e un tribunal de apelación.[40] O estado tiña a súa propia bandeira e escudo de armas,[41] publicaba o seu propio diario oficial, o Moniteur de l'État Autonome du Sud-Kasaï,[42] e mesmo produciu os seus propios selos postais,[g] e placas de rexistro automobilístico.[44][31] Ao contrario que Katanga, Kasai do Sur non mantivo misións diplomáticas no estranxeiro.[37] O franco congolés mantívose como moeda do estado.[41]

O exército ou xendarmería de Kasai do Sur creceu dende apenas 250 membros nos seus inicios ata os 3 000 en 1961.[45] Estivo dirixido polo "xeneral" Floribert Dinanga, de 22 anos, coa axuda de nove oficiais europeos.[46] En 1961, o exército dirixiu unha campaña para aumentar o tamaño do territorio do estado a expensas dos grupos étnicos veciños.[47] A pesar de recibir algo de apoio por parte de Bélxica, a xendarmería estaba pobremente equipada e constantemente carecía de subministracións e munición.[47]

Á medida que se consolidaba a autoridade gobernamental en Kasai do Sur, o réxime volveuse cada vez máis militarista e autoritario.[36] Os grupos que non eran luba foron cada vez máis marxinados.[47] Os opoñentes políticos foron asasinados ou obrigados a exiliarse, incluído Ngalula, que tivo un enfrontamento con Kalonji en xullo de 1961.[48] Os grupos relixiosos non luba, especialmente os kanyok, loitaron nunha insurxencia constante pero de baixa intensidade contra o goberno de Kasai do Sur.[36]

Apoio internacional

[editar | editar a fonte]
Diamante amarelo en bruto de Kasai do Sur; a exportación de diamantes foi un activo importante para o Estado.

Kalonji foixo grandes esforzos para conseguir o recoñecemento e o apoio internacional para o estado de Kasai do Sur. A antiga potencia colonial, Bélxica, desconfiaba do goberno central congolés e apoiou os dous gobernos de Kasai do Sur e Katanga. Como Katanga, Kasai do Sur tiña importantes depósitos minerais, incluídos campos de diamantes, e as compañías belgas tiñan grandes sumas de cartos investidas nas minas da zona. Unha compañía belga, Forminière, era o principal partidario do estado e recibiu concesións de Kasai do Sur a cambio de apoio financeiro.[33] Logo da secesión, os diamantes de Kasai do Sur foron desviados a través de Congo-Brazzaville para a súa exportación aos mercados internacionais.[49] Os ingresos comparativamente grandes das compañías mineiras[h] significaron que Kasai do Sur puido manter servizos públicos significativos e facer fronte a un gran número de refuxiados desprazados internos.[36] No contexto da Guerra Fría, Kalonji estivo apoiado polas potencias occidentais e polos moderados do goberno congolés, que o consideraban prooccidental e anticomunista.[36] Aínda que tanto Katanga como Kasai do Sur estaban apoiados pola Unión Surafricana, Francia e a Federación Centroafricana, ningún dos dous estados recibiu nunca algún tipo de recoñecemento diplomático oficial.[50][51] Unha delegación de Kasai do Sur foi á Unión Surafricana en setembro de 1960 cunha carta asinada por Ngalula solicitando axuda militar ao primeiro ministro Hendrik Verwoerd. O goberno surafricano negouse a proporcionar equipo militar, mais informou á delegación de que podían mercar o material que se ofrecía no mercado surafricano.[52]

Logo do golpe de estado que derrocou a Lumumba do poder, Kalonji tentou cultivar boas relación co goberno congolés.[36] O xeneral Joseph-Désiré Mobutu, en particular, puido empregar a Kasai do Sur para executar os seus opoñentes políticos e os partidarios de Lumumba disidentes, incluído a Jean-Pierre Finant.[36] Dita actividade levou o estado secesionista a ser alcumado "o matadoiro nacional".[53]

Kalonji como Mulopwe

[editar | editar a fonte]

Debido á importancia da etnia luba para Kasai do Sur, Kalonji empregou o seu apoio ás autoridades tradicionais luba para que o declararan Mulopwe.[22] O título, Mulopwe (xeralmente traducido como "Rei" ou "Emperador"), era extremadamente simbólico porque era un título empregadop polos gobernantes do Imperio Luba precolonial e estivera en desuso dende a década de 1880. Ao tomalo, xunto co nome adicional de Ditunga ("patria"), Kalonji podía vincularse estreitamente a si mesmo e ao estado de Kasai do Sur co Imperio Luba para aumentar a súa legitimidade a ollos dos baluba.[22] Para evitar acusacións de irregularidades, o título foi outorgado ao pai de Kalonji o 12 de abril de 1961, que inmediatamente abdicou no seu fillo. Coa ascensión de Kalonji ao título de Mulopwe o 16 de xullo, o título do estado mudou a Reino Federado de Kasai do Sur (Royaume fédéré du Sud-Kasaï).[54]

A ascensión de Kalonji ao cargo de Mulopwe foi fortemente criticada mesmo por moitos luba en Kasai do Sur.[55][i] A medida foi tamén obxecto de mofas nos medios occidentais.[57] Kalonji seguiu a ser popular entre algúns grupos, mais perdeu o apoio dos évolués de Kasai do Sur, que viron o seu ascenso como un oportunismo flagrante. Pouco despois do seu ascenso, Kalonji foi condenado publicamente e repudiado por 10 dos 13 representantes de Kasai do Sur no Parlamento de Léopoldville, comezando a desintegración do estado secesionista.[55]

Colapso e reintegración

[editar | editar a fonte]

Campaña de agosto–setembro de 1960

[editar | editar a fonte]
Artigo principal: Invasión de Kasai do Sur.

Cando Kasai do Sur se separou, as tropas gobernamentais da Armée Nationale Congolaise (ANC) xa estaban loitando contra as tropas de Katanga na rexión de Kasai.[22] Kasai do Sur posuía importantes nos ferroviarios que o exército congolés precisaba para a súa campaña en Katanga, e polo tanto axiña se converteu nun obxectivo importante.[58] Kasai do Sur tiña tamén unha importante riqueza mineral que o goberno central ansiaba devolver ao Congo.[59] O goberno central tamén entendeu mal a posición de Kasai do Sur, pensando que, do mesmo xeito que Katanga, a rexión declarara a súa independencia total do Congo e rexeitaba a soberanía congolesa.[2]

[As accións da ANC en Kasai do Sur] implican a máis flagrante violación dos dereitos humanos elementais e ten características do crime de xenocidio, xa que parecen estar dirixidas ao exterminio dun grupo étnico específico, os Balubas[sic].

Dag Hammarskjöld, Secretario xeral da ONU, setembro de 1960.[60]

Inicialmente Lumumba esperaba que as Nacións Unidas (ONU), que enviara ao Congo unha forza multinacional de mantemento da paz en xullo de 1960, axudaran ao goberno central a suprimir as secesións tanto de Katanga como de Kasai do Sur. A ONU, con todo, monstrouse reticente a facelo, xa que consideraba a ambas secesións como asuntos políticos internos e que a súa misión era manter a lei e a orde básicas.[61] Rexeitado tanto pola ONU como polos Estados Unidos, Lumumba procurou o apoio militar da Unión Soviética comunista.[59] Aos poucos días da secesión e co apoio loxístico soviético, 2 000 tropas da ANC lanzaron unha grande ofensiva contra Kasai do Sur.[62] O ataque foi un éxito. O 27 de agosto, os soldados da ANC chegaron a Bakwanga.[63]

Durante o transcurso da ofensiva, a ANC viuse involucrada na violencia étnica entre os Baluba e os Bena Lulua.[62] Cando as tropas do goberno chegaron a Bakwanga, ceivaron a todos os detidos Lulua da prisión e comezaron a requisar vehículos civís. Cando David Odia, o Ministro de Obras Públicas de Kasai do Sur, protestou, os soldados o golpearon e o feriron fatalmente. Moitos Baluba inicialmente fuxiron aterrorizados, mais logo comezaron a resistir con escopetas caseias.[64] Como resultado, a ANC perpetrou unha serie de grandes matanzas de civís Luba.[62] En setembro, Dag Hammarskjöld, o Secretario xeral das Nacións Unidas que recentemente despregara unha gran forza de paz no Congo, referiuse ás masacres como "un caso de xenocidio incipiente".[60] Os Baluba foron tamén atacados polos katangueses dende o sur.[65] Nas masacres que seguiron, nas que participaron frecuentemente as tropas da ANC, morreron en torno a 3 000 Baluba.[65] A violencia do avance causou un éxodo de milleiros de civís Luba que fuxiron dos seus fogares para escapar dos combates; máis de 35 000 foron a campos de refuxiados só en Élisabethville (a capital de Katanga).[66] Ata 100 000 persoas buscaron refuxio en.[67] As enfermidades, especialmente Kwashiorkor, mais tamén a malaria, a varíola e a anemia estendéronse e alcanzaron "proporcións epidémicas" entre os refuxiados Luba enter outubro e decembro de 1960.[68] A Organización Mundial da Saúde enviou a Kasai do Sur un millón vacinas para a varíola para aliviar o problema. A epidemia estivo precedida por unha fame xeneralizada que contra o mes de decembro xa estaba a matar a unhas 200 persoas cada día. A ONU fixo un chamamento de axuda aos estados membros, e a finais de xaneiro a axuda gobernamental e privada reducira a mortalidade nun 75%. A axuda adicional en forma dunha ponte aérea de alimentos, persoal médico adicional, e sementes da Organización das Nacións Unidas para a Alimentación e a Agricultura aseguraron que a fame estivera case resolta por completo en marzo de 1961.[69] Os traballadores de socorro da ONU retiráronse en abril de 1961 logo do incidente de Port Francqui debido ás preocupacións pola seguridade, aínda que seguiuse a levar axuda alimentaria á fronteira.[70]

As acusacións de xenocidio[j] e brutalidade por parte da ANC empregáronse parar lexitimar a destitución de Lumumba por parte de Kasa-Vubu, co apoio de Mobutu, en setembro de 1960.[7] Logo da campaña, o estado de Kasai do Sur puido proporcionar axuda substancial aos seus refuxiados, moitos dos cales foron reasentados en casas e postos de traballo.[36] Con todo, a invasión causou trastornos considerables á economía local; contra o mes de decembro o número de diamantes curtados por Forminière e o número de persoas que empregaba diminuíran en milleiros.[72]

Convivencia e intento de reconciliación

[editar | editar a fonte]
Kalonji co presidente congolés Joseph Kasa-Vubu en 1961.

A pesar da súa ocupación, o estado de Kasai do Sur non foi desmantelado e coexistiu co resto do Congo. Os delegados congoleses, así como as tropas da ANC e a ONU puideron moverse xeralmente polo territorio sen conflitos coas autoridades de Kasai do Sur mentres continuaban as súas campañas esporádicas contra as forzas de Katanga.[2] Un alto o fogo auspiciado pola ONU en setembro de 1960 deu unha pausa ao conflito entre os Luba e os Lulua, mais en novembro as forzas de Kalonji romperon a tregua.[73] Durante boa parte deste período, a xendarmería de Kasai do Sur loitou coas milicias Kanyok e Lulua en toda a rexión mentres persistía a violencia étnica local.[74] En xaneiro de 1961 Kasa-Vubu voou a Bakwanga para reunirse con Kalonji. A viaxe comezou con acritude, xa que Kasa-Vubu rexeitou recoñecer á garda de honra de Kasai do Sur presente no aeroporto e viaxar na limusina provista, que ondeaba a bandeira de Kasai do Sur. Finalmente Kalonji retirou a bandeira e ambos se reconciliaron.[75]

A mediados de 1961 tiveron lugar conferencias en Coquilhatville (hoxe en día Mbandaka), e máis tarde en Antananarivo (Madagascar para tentar negociar unha reconciliación pacífica entre as faccións secesionistas e o goberno central fronte a un goberno rebelde no leste do Congo liderado por Antoine Gizenga.[76] Críase que, con Lumumba morto, podería ser posible crear unha constitución federal que puidera reconciliar os tres partidos.[76] Os acordos, pola contra, levaron a unha maior incerteza.[77] O derrocamento xullo de Ngalula, o principal organizador do estado de Kasai do Sur, acelerou o colapso interno.[56] Creou o seu propio partido político, a Unión Democrática, para opoñerse aos seguidores de Kalonji.[78] Máis tarde ese mes, o parlamento volveu reunirse coa presenza de Kalonji e os outros deputados de Kasai do Sur. O 2 de agosto formouse un novo goberno central congolés con Ngalula como ministro de educación, e Kalonji regresou a Kasai do Sur.[79] A finais de outubro de 1961 Kalonji e varios líderes Lulua fixeron unha unión simbólica como intento de acabar co conflito tribal Luba-Lulua.[80]

Arresto de Kalonji

[editar | editar a fonte]
Mapa no que se aprecia a situación no Congo en 1961 co territorio dividido entre catro faccións enfrontadas.

O 2 de decembro de 1961, Kalonji foi acusado por outro deputado, o comunista Christophe Gbenye, de ter ordenado castigos físicos contra un prisioneiro político en Kasai do Sur.[81] O parlamento votou para retirar a inmunidade parlamentaria e foi posto baixo custodia da ANC en Léopoldville.[82] Unha delegación de en torno a 400 anciáns tribais Luba enviados para protestar foron tamén arrestados brevemente.[83] Mobutu e o xeneral Victor Lundula visitaron Bakwanga pouco despois.[74] Ferdinand Kazadi asumiu o poder como xefe de estado interino de Kasai do Sur.[31]

O 9 de marzo de 1962, o recentemente convocado parlamento de Léopoldville, baixo o mando do primeiro ministro Cyrille Adoula, acordou modificar a Constitución e concedeu a Kasai do Sur o status de provincia oficial.[2] En abril de 1962, ordenouse ás tropas da ONU ocupar Kasai do Sur como parte da nova postura agresiva do secretario xeral da ONU, U Thant, contra a secesión logo da morte de Hammarskjöld. En Léopoldville, Kalonji foi sentenciado a cinco anos de prisión.[74] O 7 de setembro, con todo, Kalonji escapou da prisión e regresou a Kasai do Sur, onde esperaba recuperar un cargo oficial nas eleccións locais e, como xefe dun goberno, recuperar a súa inmunidade.[84]

Golpe de estado de setembro–outubro de 1962

[editar | editar a fonte]

Segundo medraba a insatisfacción pola secesión, Ngalula e outros emigrados de Kasai do Sur en Léopoldville conspiraron para derrocar o réxime de Bakwanga. En setembro de 1962 o goberno de Léopoldville nomeou a Albert Kankolongo,[47] un antigo ministro do goberno de Kalonji,[85] como comisionado especial (commissaire extraordinaire) para Kasai do Sur, outorgándolle plenos poderes militares e civís para desmantelar o estado local. Ngalula achegouse a Kankolongo para encabezar un motín e un golpe de estado contra Kalonji.[47]

Na noite do 29 ao 30 de setembro de 1962, os comandantes militares de Kasai do Sur, liderados por Kankolongo, iniciaron un golpe de estado en Bakwanga contra o réxime de Kalonji.[36][2] Emitiuse un chamamento por Radio Bakwanga a todos os oficiais da xendarmeía de Kasai do Sur para que apoiaran o goberno central coa promesa de que se integrarían na ANC co rango e salario que tiñan no momento.[86] Kalonji e o xeneral Dinanga foron postos baixo arresto domiciliario, mentres que outros ministros de Kasai do Sur foron encarcerados nunha soa casa.[87] Kalonji e Dinanga escaparon poucos días despois;[88] o primeiro tomou un camión a Katanga.[89] Kankolongo reaccionou enviando inmediatamente os ministros restantes a Léopoldville.[88] O 5 de outubro de 1962, as tropas do goberno central chegaron de novo a Bakwanga para apoiar os amotinados e axudar a reprimir os últimos leais a Kalonji, marcando o final da secesión.[90] Kalonji estableceu a súa residencia en Kamina e tentou reunirse con Tshombe, mais foi rexeitado polo ministro do interior katangués Godefroid Munongo. Logo fuxiu a París[89] antes de establecerse en Barcelona na España franquista.[91]

Consecuencias

[editar | editar a fonte]
Selo postal de 1963 celebrando a "reconciliación" de Kasai do Sur e Katanga co goberno central congolés.

En outubro de 1962, Kasai do Sur regresou á República do Congo. O Estado de Katanga seguiu resistíndose ao goberno central ata que tamén colapsou en xaneiro de 1963 logo de que as forzas da ONU comezaran a adoptar unha postura máis agresiva baixo o mando de Thant.[92] Como compromiso, Kasai do Sur foi unha das 21 provincias formalmente establecidas pola constitución federal de 1964. Cando o réxime de Mobutu puxo en marcha unha reestruturación centralista do estado congolés a partir de 1965, Kasai do Sur foi unha das poucas provincias que se conservaron. Posteriormente a provincia foi reestruturada para incluír novos territorios nos distritos de Kabinda e Sankuru, e renomearse Kasai Oriental (Kasaï-Oriental).[36]

A maioría dos soldados de Kasai do Sur foron integrados na ANC logo da disolución do estado, mais case 2 000 leais agocháronse para agardar unha posible restauración de Kalonji. Os rebeldes estaban liderados polo xeneral Mwanzambala e loitaron unha guerra de guerrillas contra o novo goberno provincial ata 1963, cando tamén aceptaron a integración na ANC.[90] Pouco despois da fin da secesión, a cidade de Bakwanga renomeouse como Mbuji-Mayi en honor ao río local, nun intento por significar a reconciliación étnica das etnias Luba. A pesar de todo, a violencia entre as faccións Luba mantívose ata 1964, e ata 1965 non se acadou unha solución política coa elección de J. Mukamba como presidente provincial de Kasai do Sur.[93]

Fin da Crise do Congo

[editar | editar a fonte]

En 1965, Mobutu lanzou un segundo golpe de estado contra o goberno central e atribuiuse poderes de emerxencia personáis. Unha vez establecido como a única fonte de poder político, Mobutu consolidou gradualmente o seu control no Congo. O número de provincias reduciuse, e a súa autonomía recurtouse, o que deu lugar a un estado altamente centralizado. Mobutu colocou a cada vez máis dos seus partidarios nos restantes postos de importancia.[94] En 1967, para demostrar a súa lexitimidade, creou un partido, o Movemento Popular da Revolución (MPR), que foi ata o ano 1990 o único partido político legal da nación baixo a constitución revisada por Mobutu.[94] En 1971, o estado foi renomeado Zaire e realizáronse esforzos para eliminar todas as influencias coloniais. Tamén nacionalizou os activos económicos en mans estanxeiras que quedaban no país.[95] Co tempo Zaire caracterizouse cada vez máis polo fisioloxismo, a corrupción e a mala xestión económica.[96] O descontento co réxime en Kasai Oriental foi particlarmente forte.[97]

As cuestións do federalismo, a etnicidade na política, e a centralización do estado non se resolveron coa crise e contribuíron parcialmente a reducir o apoio ao concepto de estado entre o pobo congolés.[98] Mobutu estaba fortemente a favor da centralización, e un dos seus primeiros actos, en 1965, foi reunificar as provincias e abolir a maior parte da súa capacidade lexislativa independente.[99] A posterior perda de fe no goberno central é un dos motivos polos que o Congo ten sido etiquetado como estado falido, e ten contribuído á violencia por parte de faccións que abogan polo federalismo étnico e localizado.[98]

  1. Non confundir co estado veciño que actualmente é coñecido como República do Congo, anteriormente o Congo Frances, cuxa capital é Brazzaville. O nome do estado murou a República Democrática do Congo en agosto de 1964.[1]
  2. Na maior parte das linguas bantús, o prefixo ba- engádese a un substantivo humano para formar un plural. Polo tanto, baluba refírese colectivamente aos membros do grupo étnico luba. A súa forma adxectivada é muluba.
  3. Algunhas fontes sinalan como data de proclamación do estado o 8 de agosto.[2]
  4. Durante o período de Mobutu Sese Seko como mandatario do Congo (1965–97), un gran número de nomas de lugares creados durante o período colonial mudaron como parte da súa campaña de authenticité. Para as equivalencias modernas, véxase antigos nomes de lugares na República Democrática do Congo.
  5. Os batshoke eran un grupo étnico que estaba aliado cos baluba.[23]
  6. No período inmediatamente posterior á súa formación, o nome oficial de Kasai do Sur non estivo claro. Ademais de État autonome ou État minier, é ás veces referido como Provincia dos Luba (Province muluba) ou Provincia Mineira (Province minier). O emprego da palabra "estado" (état) foi deliberadamente ambiguo, permitíndolle a Kalonji evitar especificar se Kasai do Sur reclamaba a súa independencia como estado-nación a imitación de Katanga, ou como provincia dentro do Congo.[2]
  7. Kasai do Sur emitiu un total de 28 selos postais únicos e un bloque conmemorativo, todos en 1961.[43]
  8. Un administrador da Societé Minière de Bakwanga estimou que a súa compañía pagaba aproximadamente 12 000 000 de dólares en impostos ao goberno de Kasai do Sur. Outros belgas estimaron que o réxime, ao quedar coa metade dos beneficios das minas de diamantes, extraía 350 000 000 de francos belgas (7 000 000 de dólares) ao ano e 235 000 000 de francos belgas (4 700 000 dólares) adicionais en impostos especiais.[31]
  9. Algúns detractores de Kalonji sinalaron que o Imperio Luba estaba centrado historicamente en Katanga, non en Kasai, e que os baluba de Kasai nunca foran liderados por un Mulopwe.[56]
  10. Aínda que ten habido poucos estudos sobre as atrocidades da ANC en Kasai do Sur, nunca se presentou información que corroborara a noción dee que Lumumba ou outros funcionarios tentaran eliminar a certas poboacións e a utilización do termo "xenocidio" foi principalmente un recurso retórico para danar a súa reputación.[71]
Referencias
  1. EISA 2002.
  2. 2,0 2,1 2,2 2,3 2,4 2,5 2,6 2,7 Le Potentiel 2008.
  3. Pakenham 1992, pp. 253–255.
  4. Pakenham 1992, pp. 588–549.
  5. Turner 2007, p. 28.
  6. Turner 2007, p. 29.
  7. 7,0 7,1 Nzongola-Ntalaja 2007, p. 102.
  8. Nzongola-Ntalaja 2007, pp. 102–103.
  9. Nzongola-Ntalaja 2007, p. 103.
  10. 10,0 10,1 Nzongola-Ntalaja 2007, p. 104.
  11. Freund 1998, p. 199.
  12. Zeilig 2008, p. 64.
  13. Zeilig 2008, pp. 64–65.
  14. Zeilig 2008, p. 76.
  15. Zeilig 2008, p. 74.
  16. Zeilig 2008, pp. 82–83.
  17. Zeilig 2008, pp. 83–85.
  18. Haskin 2005, p. 16.
  19. Omasombo Tshonda 2014, pp. 181–182.
  20. Belgian Congo Home Service 1960.
  21. Omasombo Tshonda 2014, p. 201.
  22. 22,00 22,01 22,02 22,03 22,04 22,05 22,06 22,07 22,08 22,09 Nzongola-Ntalaja 2007, p. 105.
  23. Olivier 2010, 1 THE CONGOLESE CRISIS (1960–1963).
  24. Kanza 1994, p. 101.
  25. O'Ballance 1999, p. 15.
  26. 26,0 26,1 26,2 26,3 26,4 Dufresne 2011, p. 26.
  27. Nugent 2004, p. 85.
  28. Packham 1996, p. 37.
  29. 29,0 29,1 Willame 1972, p. 35.
  30. 30,0 30,1 30,2 30,3 Willame 1972, p. 66.
  31. 31,0 31,1 31,2 31,3 31,4 The New York Times 1962a.
  32. Kanza 1994, p. 284.
  33. 33,0 33,1 Nugent 2004, p. 86.
  34. CRISP 1961, parágrafo 5.
  35. Omasombo Tshonda 2014, pp. 200, 204.
  36. 36,00 36,01 36,02 36,03 36,04 36,05 36,06 36,07 36,08 36,09 Nzongola-Ntalaja 2007, p. 106.
  37. 37,0 37,1 The New York Times 1962b.
  38. Omasombo Tshonda 2014, p. 198.
  39. Young 1965, p. 395.
  40. Rubbens 1961, p. 799.
  41. 41,0 41,1 Omasombo Tshonda 2014, p. 197.
  42. Dufresne 2011, pp. 25–26.
  43. Linn's Stamp News 2017.
  44. Packham 1996, p. 71.
  45. Willame 1972, pp. 66–67.
  46. Young 1965, p. 454.
  47. 47,0 47,1 47,2 47,3 47,4 Willame 1972, p. 67.
  48. Packham 1996, p. 90.
  49. Williams 2021, p. 212.
  50. Nugent 2004, p. 97.
  51. Nzongola-Ntalaja 2007, p. 101.
  52. Passemiers 2019, p. 61.
  53. Kanza 1994, p. 325.
  54. Gondola 2002, p. 187.
  55. 55,0 55,1 Packham 1996, p. 66.
  56. 56,0 56,1 Young 1965, p. 396.
  57. Akyeampong & Gates 2012, p. 275.
  58. Nzongola-Ntalaja 2007, pp. 105–106.
  59. 59,0 59,1 Haskin 2005, p. 5.
  60. 60,0 60,1 Bring 2011, p. 160.
  61. Haskin 2005, pp. 5, 23.
  62. 62,0 62,1 62,2 Zeilig 2008, p. 114.
  63. Packham 1996, p. 38.
  64. Hoskyns 1965, p. 194.
  65. 65,0 65,1 Haskin 2005, p. 26.
  66. Haskin 2005, p. 33.
  67. UN-CHS 1991, p. 129.
  68. Lowenstein 1962, p. 751.
  69. Simmonds 2012, pp. 243–244.
  70. Janzen 2013, Chapter 16: "Hammarskjöld and Beyond".
  71. Stapleton 2017, p. 92.
  72. Hoskyns 1965, p. 286.
  73. The New York Times 1960.
  74. 74,0 74,1 74,2 Packham 1996, p. 40.
  75. "Protocol Disputes Mar Kasavubu Tour". The New York Times (en inglés). Associated Press. 3 de xaneiro de 1961. p. 6. 
  76. 76,0 76,1 Willame 1972, p. 37.
  77. Willame 1972, pp. 37–38.
  78. Packham 1996, p. 111.
  79. Hoskyns 1965, pp. 374, 377.
  80. Omasombo Tshonda 2014, p. 217.
  81. Packham 1996, p. 88.
  82. Packham 1996, pp. 88–89.
  83. Packham 1996, p. 89.
  84. Packham 1996, pp. 40, 155.
  85. Packham 1996, p. 156.
  86. Packham 1996, pp. 155–156.
  87. Packham 1996, p. 157.
  88. 88,0 88,1 Packham 1996, p. 158.
  89. 89,0 89,1 Othen 2015, Chapter 24: "The Flying Horror".
  90. 90,0 90,1 Willame 1972, p. 68.
  91. Congo Indépendant 2010.
  92. Boulden 2001, p. 40.
  93. Pandey & Geschiere 2003, p. 203.
  94. 94,0 94,1 Nugent 2004, p. 233.
  95. Nugent 2004, pp. 234–235.
  96. Nugent 2004, pp. 236–239.
  97. French 2007, pp. 117, 119.
  98. 98,0 98,1 Turner 2007, p. 185.
  99. Turner 2007, p. 117.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]

Outras lecturas

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]