Kang Youwei

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura
Kang Youwei
Kangnanhai.jpg
Nome completo康有為
Nacemento19 de marzo de 1858
 Distrito de Nanhai
Falecemento31 de marzo de 1927
 Qingdao
SoterradoTomb of Kang Youwei
NacionalidadeRepública da China e Dinastía Qing
RelixiónConfucianismo
Ocupaciónfilósofo, xornalista, escritor e político
FillosKang Tongbi
IrmánsKang Youpu
editar datos en Wikidata ]

Kang Youwei ou K'ang Yu-wei, nado en Fosan (Guangdong) o 19 de marzo de 1858 e finado en Qingdao o 31 de marzo de 1927, foi un académico chinés, figura clave no desenvolvemento intelectual da moderna China. Destacou no campo da caligrafía e especialmente como reformista social.

Segundo o ensaísta indio Pankaj Mishra, "Kang considerábase a si mesmo un sabio confuciano coa misión moral de rexuvenecer a China. Coa vista posta nese resultado, Kang non dubidaba en reformular o propio confucianismo". Nese sentido o gran pensador reformista chinés e discípulo seu, Liang Qichao, dixo del que era o Martiño Lutero do confucianismo.[1] Kang ademais era un firme partidario da monarquía constitucional e pretendía remodelar o país a imaxe da transformación ocorrida no Xapón trala revolución Meiji.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Dirixiu unha escola situada nun templo confuciano de Cantón dedicada á preparación dos alumnos para os exames de ingreso no corpo de funcionarios imperiais e en que ademais explicaba a súa reinterpretación do confucianismo como instrumento para o cambio social e educativo que China precisaba, tal como explicara nas numerosas cartas e memorandos que enviara á corte Qing de Pequín e que non obtiveran resposta.[2]

Kang Youwei antes de 1906

Durante a viaxe que fixo en 1895 a Pequín co seu discípulo máis brillante, Liang Qichao, para presentarse aos exames imperiais, o seu barco, aínda que estaba en aguas territoriais chinesas, foi abordado e rexistrado por un navío do Xapón, país que acababa de inflixir unha contundente derrota á China, o que enfureceu a Kang e a Liang, preocupados ambos pola insuficiente resposta da China á agresión que estaba a padecer dende as Guerras do Opio por parte das potencias occidentais e agora tamén polo Xapón.[3] A súa ira creceu cando estando xa en Pequín se coñeceron os termos do humillante tratado de Shimonoseki polo que a China, entre outras concesións, se vía obrigada a ceder a illa de Taiwán ao Xapón e a renunciar a Corea.[4] Entón Kang reuniu todos os mozos que ían realizar os exames imperiais e nun xesto inaudito presentou unha petición colectiva ao mozo emperador Guangxu, totalmente dominado pola súa tía, a emperatriz viúva Cixi, para que rexeitase o tratado e iniciase unha serie de reformas ao estilo do tanzimat do Imperio Otomán. Kang organizou a continuación unha campaña de propaganda e creou sociedades de estudo con nomes como Sociedade para o Estudo da Fortaleza Nacional.[5]

A principios de 1898 a emperatriz Cixi deixou que o emperador Guangxu, que tiña entón vinte e tres anos, gobernase con plenos poderes e este chamou inmediatamente a Kang, de quen lera a petición e o memorando que lle enviara tres anos antes, para que se reunise con el na Cidade Prohibida. Durante cinco horas falaron das reformas que había que poñer en marcha e a partir do 10 de xuño comezaron a publicarse unha batería de decretos que se propuxeron transformar a China en todos os ámbitos, dende a administración local ata o intercambio cultural internacional. Kang contou coa colaboración de Liang Qichao e de Tan Sitong, que lle acompañaron ás reunións que mantivo co emperador e nas que non se gardaba en absoluto o ríxido protocolo da corte Qing.[6]

O ritmo tan rápido das reformas iniciadas o 10 de xuño de 1898 e o seu contido, especialmente a abolición do sistema de exames imperiais, provocou a hostilidade dos sectores conservadores que continuaban a ser fieis á emperatriz viúva. A súa contudente resposta produciuse o 21 de setembro de 1898, 103 días despois do primeiro decreto imperial, cando anunciou que volvía asumir os plenos poderes porque o emperador estaba aqueixado dunha grave doenza, aínda que en realidade estaba prisionero nunha pequena illa dentro dos xardíns imperiais.[7]

A continuación anulou a maioría dos decretos promulgados dende o 10 de xuño e emitiu ordes de arresto en contra de Kang, Liang e Tan Sitong, entre outros intelectuais que participaron na Reforma dos Cen Días. Kang logrou escapar a Shanghai e dende alí fuxiu á colonia británica de Hong Kong, mentres que Liang se refuxiou na embaixada xaponesa, mais Tan Sitong non quixo fuxir e deixouse deter. Foi condenado a morte e decapitado xunto con outros cinco promotores das refomas, que foron coñecidos como os Seis Cabaleiros da Reforma dos Cen Días.[8] A emperatriz Cixi ordenou tamén que as tumbas da familia de Kang fosen profanadas.[9]

Vista de Darjeeling en 1880

Kang logrou chegar ao Xapón en novembro de 1898, onde se reuniu con Liang Qichao, mais no verán do ano seguinte marchou ao Canadá onde fundou a Sociedade para a Protección do Emperador. Cando estalou a rebelión dos bóxers na primavera de 1900 Kang intentou incitar unha insurrección armada, mais o seu fracaso obrigouno a refuxiarse na illa de Penang, entón baixo soberanía británica, onde se atopaba tamén Sun Yat-sen, con quen acabou pelexando. En decembro de 1901 trasladouse á India, pasando un ano no complexo de Darjeeling no Himalaia. Alí rematou o seu tratado O libro da Gran Comunidade, en que defendía un certo internacionalismo utópico ao proper a formación dunha comunidade moral universal en que non habería distinción de raza, etnia ou lingua, e en que mesmo xa non existiría a familia.[10]

Nas súas viaxes reuniuse coa diáspora chinesa para promover unha monarquía constitucional, á vez que competía co revolucionario Sun Yat-sen e as súas organizacións Sociedade Revivir China e Alianza Revolucionaria para conseguir fondos e seguidores.

No exilio opúxose á revolución; en cambio, favoreceu a reconstrución da China mediante a ciencia, a tecnoloxía e a industria. Regresou en 1914 e participou nun intento de reinstauración do emperador mediante un golpe de estado fracasado en 1917. Os seus temores dun país dividido fixérono oporse ao goberno de Sun Yat-sen no sur da China.

Kang foi envelenado en Qingdao (Shandong) en 1927.

Legadó[editar | editar a fonte]

A reputación de Kang serviu como termómetro das actitudes políticas do seu tempo. Nun prazo de vinte anos pasou de ser considerado un radical iconoclasta a ser un paria anacrónico sen modificar a súa ideoloxía de modo significativo.

Escribiu un tratado utópico titulado O Libro da Grande Unidade (大同書), en que tomou como referencia o principio do confucianismo chamado datong.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Mishra 2014, p. 225; 228-229: "Kang converteu moitos membros da burguesía culta aos valores políticos de Occidente polo procedemento de que parecesen formar parte das tradicións confucianas. O desafío que Kang estaba formulando á orde política tradicional co seu arsenal de teoría política tradicional ía resultar trascendental; foi o comezo dunha nova fase radical na historia da China en que se ían cuestionar e subverter todas e cada unha das antigas verdades eternas."
  2. Mishra 2014, p. 211-212.
  3. Mishra 2014, p. 210-212.
  4. Mishra 2014, p. 219-221.
  5. Mishra 2014, p. 221-223.
  6. Mishra 2014, p. 232: "Kang, Liang e Tan Sitong chegaron a ser tan poderosos como o sería calquera outro grupo de intelectuais dunha mentalidade semellante en calquera outro país dende a Revolución Francesa."
  7. Mishra 2014, p. 232-233.
  8. Mishra 2014, p. 233-234.
  9. Mishra 2014, p. 234.
  10. Mishra 2014, p. 242; 256.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Mishra, Pankaj (2014) [2012]. "La China de Liang Qichao y el destino de Asia". De las ruinas de los imperios. La rebelión contra Occidente y la metamorfosis de Asia. Barcelona: Galaxia Gutenberg. ISBN 978-84-16072-45-3. 

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]