Saltar ao contido

Justin Broadrick

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Modelo:BiografíaJustin Broadrick

(2009) Editar o valor en Wikidata
Biografía
Nacemento(en) Justin Karl Michael Broadrick Editar o valor en Wikidata
15 de agosto de 1969 Editar o valor en Wikidata (55 anos)
Birmingham, Reino Unido Editar o valor en Wikidata
Actividade
Ocupaciónmúsico, cantautor, guitarrista Editar o valor en Wikidata
Período de actividade1982 Editar o valor en Wikidata -
Membro de
Xénero artísticoGrindcore, Metal industrial, Música experimental e Post-metal Editar o valor en Wikidata
InstrumentoGuitarra, Batería e voz Editar o valor en Wikidata
Selo discográficoHydra Head Records Editar o valor en Wikidata

IMDB: nm2873224 Facebook: 118373041529126 Twitter: jkbroadrick Instagram: justinkbroadrick Tumblr: avalancherecordings Bandcamp: avalancherecordings Musicbrainz: d547a180-6445-42e8-96d6-aabdb6425ab1 Discogs: 79600 Allmusic: mn0000838180 Editar o valor en Wikidata

Justin Karl Michael Broadrick,[1] nado en Birmingham o 15 de agosto de 1969 é un cantante, compositor, guitarrista e batería inglés. É coñecido sobre todo por ser o fundador da banda Godflesh, un dos primeiros grupos en combinar elementos de metal extremo e música industrial.[2] Tamén tocou brevemente na banda inglesa de grindcore Napalm Death cando era un adolescente a mediados dos 80, compoñendo e gravando guitarras para a cara A de Scum, o seu álbum de estrea.[3] Broadrick tamén mantivo unha carreira paralela como produtor, traballando para artistas como Pantera, Isis, Mogwai e os seus compañeiros no selo Hydra Head Records Pelican. Dende o ano 2012 ven editando música hard techno baixo o nome JK Flesh. Broadrick creou varios selos discográficos, como HeadDirt, Avalanche Recordings, Post Mortem Productions (brevemente renomeado como Uprising Productions), Lo Fibre e Heartache.

Traxectoria

[editar | editar a fonte]

Infancia e primeiras gravacións

[editar | editar a fonte]

Broadrick naceu o 15 de agosto de 1969 nas casas municipais do interior de Birmingham.[4][5] Durante os seus primeiros seis anos de vida Broadrick medrou coa súa nai, Gabrielle Fern (coñecida como Lucy Nation), e o seu padrasto, Robert Fern (Bob Allcock),[6] nunha comuna hippie en Shard End.[7] A finais dos 70 Gabrielle e Robert eran membros de Anti-Social, unha banda famos por concertos onde había sangue e feces, ademais de por solicitar á xente que se suicidase usando unha guillotina no escenario. Anti-Social foi bautizado "o grupo de rock máis violento do mundo" e publicou un sinxelo, "Traffic Lights/Teacher Teacher", que é no presente unha das gravacións máis raras do punk británico. Durante un período de adición á heroína, o país biolóxico de Justin estivo bastante ausente do fogar familiar. Segundo Broadrick, a súa avoa materna de Alemaña era unha "bruxa" que se adicaba ao ocultismo e á maxia negra.[8]

Con dez anos Broadrick estaba rodeado do punk rock que os seus pais escoitaban. "Había Led Zeppelin e Black Sabbath, pero o que me atrapou foi o que non era tan estándar. Sempre estaba tocando cousas como o Metal Machine Music de Lou Reed cando tiña uns oito anos! Cousas como Can, as partes máis estrañas de Pink Floyd, Hendrix". "A primeira cousa que probablemente escoitei fóra de casa, cando tiña uns 11 anos, foi Crass", dixo Broadrick. Pouco despois de velos no seu primeiro concerto gravou a súa primeira demo con 11 anos. "Aos 12 anos caín na primeira música industrial, como Throbbing Gristle, Whitehouse". Broadrick comezou a tocar coa guitarra do seu padrasto, que era un gran fan de Roxy Music e Brian Eno.[9]

En 1982 comezou a publicar cintas co seu amigo Andy Swan, que tiña un sintetizador. O priemeiro nome que tiveron foi Atrocity Exhibition, pola canción de Joy Division (que á súa vez colle o nome dun libro de J. G. Ballard). A súa primeira gravación titulouse Live in the Studio e foi o primeiro lanzamento do seu selo de casetes Post Mortem Rekordings. Pouco despois o proxecto pasou a chamarse Smear Campaign, por un tema de Nocturnal Emissions. Con este nome realizaron o seu primeiro concerto o 7 de xullo de 1984 en The Mermaid, en Birmingham. Pouco despois do concerto adoptaron o nome de Final. Final inspirouse en artistas como Throbbing Gristle e Maurizio Bianchi. "Estabamos moi involucrados na cultura das cintas e fancines industriais de principios dos 80", dixo Broadrick. O proxecto desenvolveuse para abarcar o subxénero do power electronics da música industrial en 1983, publicando material deles e doutros proxectos industriais a través de Post Mortem Rekordings (que despois foi renomeado Uprising Productions en 1985), como Family Patrol Group, Mental Health Act, Ashenden, The Grey Wolves, Con-Dom, Death Magazine 52, Fern e Un-Kommuniti.[10] Final pasou por numerosos cambios na formación durante a súa vida, pasando músicos como Philip Timms, Daniel Johnson, Paul Neville, Nicholas Bullen, Graham Robertson e Guy Pearce. "Tiven uns 50 lanzamentos de Final nun ano e medio", dixo.[11] Outros nomes de proxectos cos que Broadrick gravou foron Last Exit, Crusade e Dead Pulp. Broadrick tamén tivo unha banda de punk progresivo que durou moi pouco chamada The Blakk Korridor con Diarmuid Dalton e Dan.[12]

Fall of Because e Napalm Death

[editar | editar a fonte]

En 1984 Broadrick uniuse a Fall of Because, banda fundada por G. Christian Green e Paul Neville en 1982, como batería e vocalista adicional. O grupo gravou a demo en casete Extirpate en 1986, a cal tiña varias cancións que posteriormente se converterían en temas de Godflesh (includas "Life Is Easy", "Mighty Trust Krusher" e "Merciless"). A banda separouse en 1988. O álbum recompilatorio de demos e gravacións ao vivo Life Is Easy foi editado en 1999.

Broadrick coñeceu a Nicholas Bullen en 1985 no mercadillo onde coñecera a Andy Swan. Justin deulle as cintas de Final a Bullen e gravaron algún material xuntos. "Despois toqueille algunhas cousas que fixera coa guitarra, que despois el tocou a outro rapaz en Napalm Death. Basicalmante, quedaron impresionados co que estaba facendo coa guitarra, e así uninme a Napalm Death", dixo Broadrick. Ao pouco tempo Mick Harris (entón membro dunha banda de psicobilly) uniuse á formación e cambiaron o seu estilo do metal ao grindcore. "Nick emáis eu deixamos Napalm Death despois de gravar a primeira cara de Scum. Tiven suficiente de Napalm Death moi, moi rápido", dixo. Lee Dorrian e Jim Whitely serían os substitutos de Bullen e Broadrick. Justin deulle a primeira cara ao fundador de Earache Records, Digby Pearson, que despois contactou co novo Napalm Death para que gravasen a segunda cara do disco.[13]

Head of David e formación de Godflesh

[editar | editar a fonte]
Justin Broadrick con Godflesh en 1996

A banda de metal industrial Head of David tocara ao vivo con Napalm Death antes. O seu batería marchou e Broadrick foi invitado a ocupar o seu lugar. "Estiven en Head of David literalmente seis semanas, e fixemos unha sesión John Peel para Radio One. Ese foi o primeiro momento destacable da miña vida", dixo Justin. Broadrick escribira máis cancións brutais para a banda, pero debido a diferenzas artísticas foi despedido en 1988. "Cando me expuxen por vez primeira en 1989 ao primeiro movemento acid house convertinme inmediatamente. A primeira vez que escoitei a Aphex Twin, cando saíu Digeridoo, souben que era cara onde quería ir".

Broadrick formou Godflesh co seu amigo G. C. Green. Comezaron traballando con cancións de Fall of Because e Justin viuse influenciado polo son hip hop da época (por artistas como Public Enemy, Beastie Boys e Run-D.M.C.).[14] Godflesh publicou o seu primeiro EP, Godflesh, a través do selo Swordfish Records e en 1989 Earache Records editou o seu álbum de estrea, Streetcleaner.

Justin coñeceu a Kevin Martin da banda GOD. Kevin tiña un club en Brixton e foi o promotor do primeiro concerto de Godflesh en Londres. Godflesh foi recibido con burlas na súa primeira xira. Porén, Godflesh foi ben recibido nos Estados Unidos. "Ata o día de hoxe sigo vendendo a meirande parte dos meus discos nos Estados Unidos. De calquera música que fago a maioría vai para os Estados Unidos".[15]

Broadrick tamén tocou a guitarra en Sweet Tooth ao lado de Scott Kiehl (de GOD) e Dave Cochrane (de Head of David), editando o álbum Soft White Underbelly a través de Earache Records en 1990. No disco aparece acreditado como co-escritor de todos os temas. A banda tamén colaborou coa canción "Fat City" ao recompilatorio Grindcrusher - The Ultimate Earache, publicado tamén por Earache Records.

Proxectos paralelos

[editar | editar a fonte]

En 1991 Broadrick e Martin gravaron o seu álbum de estrea como Techno Animal, Ghosts, a través do selo de Kevin, Pathological Records. A finais dese ano Godflesh gravou o EP experimental Slavestate. En 1992 Godflesh lanzou o seu segundo álbum de estudio, Pure. Justin e Kevin crearon un novo proxecto chamado Ice en 1993, onde experimentaron con música industrial e dub, ademais de con patróns de ritmo hip hop. Broadrick tamén resucitou o seu proxecto Final cos seus experimentos de guitarra ambient en 1993.[16] Durante ese período Broadrick produciu discos para Pram, Terminal Power Company, Lull e Cable Regime.[17]

Colaboracións con Kevin Martin e electrónica

[editar | editar a fonte]

En 1994 Godflesh publicou o seu álbum Selfless a través de Columbia Records e vendeu unhas 180 000 copias. Justin uniuse á banda de Kevin Martin, GOD, como guitarrista para o seu segundo e derradeiro álbum, The Anatomy of Addiction. O dúo gravou o segundo disco de Techno Animal, Re-Entry, que foi lanzado como un CD duplo a través de Virgin Records en 1995. Broadrick estaba máis influenciado polo hip-hop e a música dub cando Godflesh gravou o seu cuarto traballo, Songs of Love and Hate, co batería Bryan Mantia. Justin tamén gravou o segundo álbum de Final, editado por Rawkus Records. En 1997 Godflesh editou o disco de remesturas electrónicas Love and Hate in Dub. "O que Kevin e máis eu estabamos facendo con Techno Animal comezou a contaxiarse a Godflesh, e viceversa", dixo Broadrick. De 1997 a 1999, Kevin e Justin lanzaron dous recompilatorios de Techno Animal, Versus Reality e Radio Hades, un álbum compartido con Porter Ricks. Tamén iniciaron un novo proxecto titulado Curse of the Golden Vampire con Alec Empire. Justin tamén gravou temas como JK Flesh durante ese período, pero esas cancións non serían editadas ata o ano 2009 no recompilatorio From Hell.[18][19][20] Tamén rexeitou invitacións para unirse tanto a Faith No More como a Danzig.[21] Broadrick publicou música drum and bass baixo varios pseudónimos como Cylon, Tech Level 2 e Youpho, e tamén gravou música deste tipo con Kevin Martin cos nomes White Viper e Eraser. Na época estaban influenciados por artistas como Ed Rush e Dillinja, e selos como No U-Turn e Renegade Hardware.[14]

Fin de Godflesh e Techno Animal

[editar | editar a fonte]

No ano 2000 Broadrick, Green e o batería Ted Parsons comezaron a traballar no álbum de Godflesh Hymns. "Xa era consciente da mortalidade de Godflesh. Aínda que gocei con gran parte do álbum, aínda me sentín un pouco restrinxido. Comecei a facer moitas cousas durante a gravación dese disco onde realmente estaba intentando superar as limitacións de Godflesh, que foran auto-creadas". Despois do lanzamento do disco G. C. Green deixou a banda porque non quería xirar máis. Godflesh estaba reservando unha xira europea como abreconcertos de Fear Factory, polo que Broadrick invitou a Paul Raven para substituír a Green. Tras unha semana de xita Broadrick dixo, "Raven é un baixista fantástico, pero non era Benny, co que tocara durante 13 anos e era unha parte do que Godflesh representaba". Tamén se planeou unha xira por América do Norte sen a opinión de Justin. Pouco despois, Broadrick e a súa moza romperon tras unha relación de 13 anos. Justin tivo unha crise nerviosa, regresou a Birmingham e agochouse na casa dun amigo cando tiña que coller o avión para comezar a xira norteamericana. Bandas, empresas de equipo e promotores movéronse para recuperar os cartos perdidos e Broadrick perdeu a súa casa e outras propiedades valiosas ao seu nome. Kevin Martin comezou a gravar só como The Bug e Techno Animal disolveuse.

Jesu e Final

[editar | editar a fonte]

En agosto de 2004 o novo proxecto de Broadrick, Jesu, publicou o EP Heart Ache. No mes de decembro a banda publicou o seu álbum de estrea, Jesu. O disco contaba con Ted Parsons na batería, Diarmuid Dalton no baixo e a aparición como invitado de Paul Neville. O álbum era menos brutal e máis melódico que os seus traballos anteriores. "Aínda estaba facendo música grave, pesada e gutural, no fondo disto había algo bastante bonito e fermoso, só que estaba sendo interpretado dun xeito feo", dixo Justin. En novembro de 2005 Broadrick tocou ao vivo como Final por primeira vez en 20 anos e actuou de abreconcertos para Jarboe.[22] O dobre disco de Final 3 levaba case cinco anos en proceso de elaboración en foi publicado en 2006. Justin xirou por Europa como Final en marzo de 2006.[23][24]

No mes de abril de 2006 Jesu lanzou o EP Silver a través do selo Hydra Head Records. O segundo álbum, Conqueror, apareceu en febreiro de 2007. Jesu xirou con Sunn O))) e Isis e Broadrick tocou como invitado coas dúas bandas. O 30 de abril de 2007 Jesu lanzou un 12" titulado Sun Down/Sun Rise. Broadrick comezou a publicar edicións limitadas de material a través do seu selo Avalanche Recordings, incluído material novo de Final e un recompilatorio de temas electrónicos de Jesu titulado Pale Sketches.[25] En 2008 Broadrick colaborou con Jarboe nun álbum titulado . En maio dese ano Justin publicou o primeiro álbum de Final dispoñible só a través de descarga por Internet, Fade Away, e en outubro apareceu o segundo, Afar.[26][27] En 2009 Broadrick publicou o álbum Disconnected coa súa nova banda, Greymachine.

En xaneiro de 2009 publicou dous novos lanzamentos dixitais a través de Avalanche Recordings: o álbum de Krackhead e Kitsland. Kitsland foi unha gravación como Council Estate Recordings con Diarmuid Dalton. O proxecto estaba influenciado polo vello material en casete de Justin dos anos 80.[28] En novembro dese mesmo ano Broadrick anunciou que reformara Godflesh para realizar un feixe de concertos no verán de 2010.

Pale Sketcher e álbum en solitario

[editar | editar a fonte]

En marzo de 2010 Broadrick anunciou que sentía que Jesu afastárse moito da música guitarreira que pretendía e dirixíase máis cara a electrónica. Como resolución, aínda que Jesu aínda contería elementos electrónicos, regresaría ás guitarras e iniciaría un novo proxecto, titulado Pale Sketcher, que permitiría a Broadrick explorar o son orientado á electrónica sen interferir con Jesu.[29] O 24 de agosto publicou Jesu: Pale Sketches Demixed a travé de Ghostly International. Broadrick contribuíu con paisaxes sonoras de guitarra no audiolibro de Alan Moore Unearthing.[30]

Broadrick publicou o álbum Posthuman baixo o nome do proxecto JK Flesh o 30 de abril de 2012.[31] Aínda que en moitos dos seus proxectos aparece el tocando todos os instrumentos, este disco está considerado o primeiro álbum en solitario de Broadrick. Nese mesmo mes Valley of Fear, un novo proxecto de Justin Broadrick, Matthew Bower e Samantha Davies, editou un álbum de experimentos noise rock e black metal a través de Legion Blotan Records.[32] O 11 de decembro lanzouse un disco compartido entre JK Flesh e Prurient chamado Worship is the Cleansing of the Imagination polo selo Hydra Head Records.[33] O 17 de xuño de 2013 Justin publicou o sinxelo dixital gratuíto "Warm Sunday / Mogadon" como Pale Sketcher a través do seu novo selo Heartache Records.

Colaboración Jesu/Sun Kil Moon

[editar | editar a fonte]

En 2002, dende a incepción de Jesu, Broadrick usou unha guitarra Schecter C-7 Diamond Series afinada en re.[34] En 2014 Blakhart Guitars sacou unha edición personalizada de Broadrick dunha guitarra de 8 cordas.[35]

En xaneiro de 2016 Jesu colaborou co proxecto de folk rock de Mark Kozelek Sun Kil Moon para gravar un álbum titulado Jesu/Sun Kil Moon e as dúa bandas xiraron xuntas para promocionar o disco. Jesu e Sun Kil Moon colaboraron novamente para gravar unha versión de "Condor Ave" para un álbum tributo a Elliott Smith chamado Say Yes!, publicado no mes de outubro de 2016. Un segundo álbum de Jesu e Sun Kil Moon, titulado 30 Seconds to the Decline of Planet Earth, foi editado en maio de 2017.

  1. Fallon, Patric (2011-05-30). "Outbox: Justin K. Broadrick". XLR8R (en inglés). Consultado o 2020-07-22. 
  2. "Godflesh | Biography & History". AllMusic (en inglés). Consultado o 2020-07-22. 
  3. "Scum - Napalm Death | Songs, Reviews, Credits | AllMusic" (en inglés). Consultado o 2020-07-22. 
  4. "Godflesh Interview". www.godflesh.com. Consultado o 2020-07-22. 
  5. "Justin Broadrick on The Secret History of Godflesh". www.vice.com (en inglés). Consultado o 2020-07-22. 
  6. "Anti-Social". www.boredteenagers.co.uk. Consultado o 2020-07-22. 
  7. "Longmeadow, by Council Estate Electronics". Council Estate Electronics. Consultado o 2020-07-22. 
  8. "Justin Broadrick on The Secret History of Godflesh". www.vice.com (en inglés). Consultado o 2020-07-22. 
  9. "JUSTIN BROADRICK Napalm Death - Godflesh - Techno Animal - Jesu - Pale Sketcher". exclaim.ca (en inglés). Consultado o 2020-07-22. 
  10. "Final Interview". godflesh.com. Consultado o 2020-07-23. 
  11. "JUSTIN BROADRICK - Napalm Death - Godflesh - Techno Animal - Jesu - Pale Sketcher (Page 2) • Timeline • exclaim.ca". web.archive.org. 2012-10-04. Archived from the original on 04 de outubro de 2012. Consultado o 2020-07-23. 
  12. "Ben Green on Instagram: “Flyer for a gig at the home of Diarmuid Dalton (Jesu) in 1984..Blakk Korridor was a prog-punk band with Justin Broadrick, Diarmuid Dalton…”". Instagram (en inglés). Consultado o 2020-07-23. 
  13. "JUSTIN BROADRICK - Napalm Death - Godflesh - Techno Animal - Jesu - Pale Sketcher (Page 3) • Timeline • exclaim.ca". web.archive.org. 2012-10-24. Archived from the original on 24 de outubro de 2012. Consultado o 2020-07-25. 
  14. 14,0 14,1 "The Quietus | Features | In Extremis | Extreme Language: An Interview With Justin K. Broadrick". The Quietus (en inglés). Consultado o 2020-07-25. 
  15. "JUSTIN BROADRICK - Napalm Death - Godflesh - Techno Animal - Jesu - P…". archive.vn. 2012-07-08. Arquivado dende o orixinal o 08 de xullo de 2012. Consultado o 2020-07-25. 
  16. "JUSTIN BROADRICK - Napalm Death - Godflesh - Techno Animal - Jesu - P…". archive.vn. 2012-07-08. Arquivado dende o orixinal o 08 de xullo de 2012. Consultado o 2020-07-25. 
  17. "Related Project Discography". www.godflesh.com. Consultado o 2020-07-25. 
  18. "Justin K Broadrick: Avalanche Recs new Digital Download only releases" (en inglés). Consultado o 2020-07-26. 
  19. "JUSTIN BROADRICK - Napalm Death - Godflesh - Techno Animal - Jesu - P…". archive.vn. 2012-07-08. Arquivado dende o orixinal o 08 de xullo de 2012. Consultado o 2020-07-26. 
  20. "JUSTIN BROADRICK - Napalm Death - Godflesh - Techno Animal - Jesu - P…". archive.vn. 2012-07-20. Arquivado dende o orixinal o 20 de xullo de 2012. Consultado o 2020-07-26. 
  21. "Decibel Magazine". web.archive.org. 2007-03-18. Archived from the original on 18 de marzo de 2007. Consultado o 2020-07-26. 
  22. "Justin K Broadrick: Final - live supporting The Living Jarboe Nov 7th 2005" (en inglés). Consultado o 2020-07-27. 
  23. "Justin K Broadrick: Final - '3' front sleeve" (en inglés). Consultado o 2020-07-27. 
  24. "Justin K Broadrick: FINAL European Tour March 2006" (en inglés). Consultado o 2020-07-27. 
  25. "Justin K Broadrick: jesu 'Sundown'/'Sunrise' and 'Conqueror' on Vinyl" (en inglés). Consultado o 2020-07-27. 
  26. "Justin K Broadrick: FINAL - 'AFAR' Digital Download Available" (en inglés). Consultado o 2020-07-27. 
  27. "Justin K Broadrick: Final download only LP, Vinyl update..." (en inglés). Consultado o 2020-07-27. 
  28. "Justin K Broadrick: Avalanche Recs new Digital Download only releases" (en inglés). Consultado o 2020-07-28. 
  29. "Justin K Broadrick" (en inglés). Consultado o 2020-07-28. 
  30. "Unearthing Box Set". Lex Records. Arquivado dende o orixinal o 30 de xullo de 2020. Consultado o 2020-07-30. 
  31. "Justin Broadrick readies first album as JK Flesh". Resident Advisor. Arquivado dende o orixinal o 30 de xullo de 2020. Consultado o 2020-07-30. 
  32. "Justin Broadrick readies first album as JK Flesh". Resident Advisor. Arquivado dende o orixinal o 30 de xullo de 2020. Consultado o 2020-07-30. 
  33. "JK FLESH/PRURIENT Pre-Order & Pitchfork Track Premiere". Consultado o 2020-07-30. 
  34. "https://twitter.com/jkbroadrick/status/2549376156". Twitter (en inglés). Consultado o 2020-07-30.  Ligazón externa en |title= (Axuda)
  35. "Godflesh To Release New EP "Decline & Fall" In June, Justin K Broadrick Unsure What Djent Is". Theprp.com (en inglés). 2014-05-07. Consultado o 2020-07-30.