Justa Freire

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Infotaula de personaJusta Freire

Editar o valor em Wikidata
Biografía
Nacemento(es) Justa Freire Méndez Editar o valor em Wikidata
4 de abril de 1896 Editar o valor em Wikidata
Moraleja del Vino, España Editar o valor em Wikidata
Morte15 de xullo de 1965 Editar o valor em Wikidata (69 anos)
Madrid, España Editar o valor em Wikidata
Datos persoais
País de nacionalidadeEspaña Editar o valor em Wikidata
EducaciónEscuela Normal de Zamora (en) Traducir Editar o valor em Wikidata
Actividade
Ocupaciónmestra Editar o valor em Wikidata
LinguaLingua castelá Editar o valor em Wikidata

Justa Freire, nada en Moraleja del Vino (Zamora) o 4 de abril de 1896 e finada en Madrid o 15 de xullo de 1965, foi unha pedagoga e mestra española.[1]

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Tras estudar maxisterio na Escola Normal de Zamora, obtivo por oposición a praza de mestra nacional en 1918, mesmo ano en que decidiu afiliarse á Unión Xeral de Traballadores, concretamente á súa Federación Española de Traballadores do Ensino. Brevemente impartiu ensino na escola de Casillas (Provincia de Ávila). En 1921 trasladouse a Madrid, onde conseguiu praza no Grupo Escolar 'Cervantes', centro vinculado á Institución Libre de Enseñanza e no que se educaban aos fillos dos obreiros do barrio madrileño de Catro Camiños. Nel Freire ocupábase da acción social (coidado da casa, comedor, acollida ao novo alumnado, veladas familiares e con antigos alumnos), así como dos ensaios pedagóxicos do centro (escola maternal, formación de mestres e atención ás visitas).[2] Así mesmo, co apoio da Junta para Ampliación de Estudios puido sufragarse viaxes a Bélxica e Francia para mellorar a súa formación pedagóxica.

Graduada na Escola de Estudos Superiores de Maxisterio, en 1932 dedicouse a impartir cursos de pedagoxía a mestres en Pamplona e San Martín de Valdeiglesias. En novembro de 1933 foi nomeada directora do grupo escolar Alfredo Calderón da Cidade Xardín, posteriormente denominado CEIP Pai Poveda, en Madrid, sendo ela unha das primeiras mulleres españolas que dirixiu a un equipo de docentes formado por homes. Grazas ao diario no que anotaba toda a actividade escolar coñecemos o labor pedagóxico que levou a cabo neste centro educativo. Ademais, deu a coñecer as súas experiencias innovadoras á comunidade educativa mediante as súas publicacións na revista especializada en pedagoxía Escuelas de España. Nese período colaborou como mestra coas Misións Pedagóxicas.[3]

Debido á Guerra civil española e pola proximidade a Madrid do exército sublevado, non se puido seguir impartindo clases con normalidade no grupo escolar Alfredo Calderón e, por iso, en decembro de 1936 deuse orde de clausurar este centro e de evacuar as súas nenas e nenos á rexión de Valencia.[4] Alí o Goberno español encargou a Freire que colaborase na creación e desenvolvemento das Comunidades Familiares de Educación xunto con outros destacados pedagogos como Ángel Llorca. Debido ao seu bo traballo o Goberno foi ascendéndoa: inspectora–visitadora de Colonias, Delegada Rexional da Infancia Evacuada e, finalmente, Delegada Nacional.

Ao acabar a guerra civil, en maio de 1939, a ditadura detivo a Freire, e en setembro dese mesmo ano un consello de guerra condenouna a seis de anos de prisión dentro dun marco ideolóxico de represaliar a docentes, intelectuais e mulleres. Finalmente estivo encarcerada dous anos. Na súa estancia no Cárcere de mulleres de Ventas, fíxose cargo da escola de adultas, axudada doutras mestras como Rafaela González Quesada. Das presas máis novas —menores de idade, entre as que se atopaba algunha das Trece Rosas—, encargouse a mestra María Sánchez Arbós.[5]

Á súa saída de Ventas en 1941 impartiu clases de forma particular, ata que en 1944 entrou a traballar como secretaria no Colexio Británico,[6] aínda que tamén alí realizou labores docentes. En 1952 solicitou que lla permitise reingresar ao corpo funcionarial de mestres nacionais. Ao ano seguinte conseguiu recuperar a súa praza maxisterial, pero sufriu o castigo de perder todos os dereitos previos, xunto coa súa antigüidade, e de recibir a prohibición expresa de exercer en Madrid. Por iso, en 1954 foi nomeada mestra do Grupo Escolar 'Padre Algué' no municipio barcelonés de Manresa. En 1958 foi trasladada ao Centro de Orientación Didáctica do Servizo Nacional do Maxisterio, en Madrid, e volveu dar clases no Colexio Británico. Neses últimos anos colaborou escribindo artigos na revista El Magisterio Español, até a súa morte en Madrid aos 69 anos de idade.

Recoñecementos[editar | editar a fonte]

Rúa da Mestra Justa Freire
  • Tiña dedicada unha rúa en Madrid, no barrio das Aguias (Distrito de Latina), desde o ano 2018 até maio de 2021 cando o Tribunal Superior de Xustiza de Madrid en sentenza xudicial repuxo o anterior nome do fundador da Lexión Española Millán-Astray.[7][8][9]
  • Foi unha das mestras republicanas especificamente homenaxeadas nas xornadas "Diarios de Libertad: maestras y pedagogas de la República" organizadas por UXT no Centro Cultural Galileo de Madrid, do 14 ao 16 de novembro de 2017.[10][11]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Pozo Andrés, María del Mar (2013). Justa Freire o la pasión de educar. La pasión de una maestra atrapada en la historia de España (1896-1965). Barcelona: Octaedro. 
  2. "Justa Freire, la maestra republicana que se ha quedado sin calle en Madrid". 2021-06-30. Consultado o 2021-07-03. 
  3. "Justa Freire". Ficha en Misiones Pedagógicas (csic.es). Consultado o 22 de marzo de 2017. Misión del 16-12-1932 en San Martín de Valdeiglesias (Madrid) 
  4. "Justa Freire Mendez". Rutas Culturales (en castelán). Consultado o 7 de marzo de 2017. 
  5. "Cárcel de ventas". Arquivado dende o orixinal o 06 de xaneiro de 2021. Consultado o 2021-05-27. 
  6. Cruz, Luis de la (2021-08-25). "Cervantes, el colegio que Justa Freire y otros maestros convirtieron en un ejemplo para el mundo". ElDiario.es (en castelán). Consultado o 2021-08-27. 
  7. "Madrid elimina 52 denominaciones franquistas de su callejero con el apoyo de Ahora Madrid, PSOE y Ciudadanos". elDiario.es (en castelán). 2017-04-28. Consultado o 2021-08-24. 
  8. Caballero, Fátima. "Justa Freire, la maestra republicana que ha dejado a Millán Astray sin calle en Madrid". ElDiario.es (en castelán). Consultado o 2021-08-24. 
  9. "Almeida restituye la placa de la calle Millán-Astray por orden judicial". Consultado o 25 de agosto de 2021. 
  10. "Exposición y Jornadas: Diarios de Libertad: Maestras y Pedagogas de la Segunda República | La Escuela de la República" (en castelán). Consultado o 20 de novembro de 2017. 
  11. Caballero, Beatriz (11 de novembro de 2017). ""Mientras me quede voz hablaré de mis muertos"". Radio Madrid (en castelán). Arquivado dende o orixinal o 11 de novembro de 2017. Consultado o 20 de novembro de 2017.