Julio Aneiros

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura
Julio Aneiros
Nacemento19 de agosto de 1916
 Valdoviño
Falecemento16 de xaneiro de 2006
 Ferrol
NacionalidadeEspaña
Ocupaciónmetalúrxico e político
editar datos en Wikidata ]

Julio Germán Aneiros Fernández, nado en Valdoviño o 19 de agosto de 1916 e finado en Ferrol o 16 de xaneiro de 2006, foi un dirixente sindicalista e político comunista galego.[1]

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Traballador da desaparecida Empresa Nacional Bazán (despois, Navantia), a mediados dos anos corenta organizou as primeiras estruturas do Partido Comunista de España na empresa.[1] En 1946 participou nas primeiras mobilizacións e peches de traballadores no Ferrol e os estaleiros galegos na folga do aceite,.[1] A folga foi reprimida con dureza, moitos traballadores foron presos, todos os participantes despedidos e o proceso de readmisión demorouse por un ano nalgúns casos.[2]

A principios dos anos sesenta, Aneiros entrevistouse en París co secretario xeral do PCE, Santiago Carrillo, para conformar a estrutura interna do Partido Comunista en Galicia e o embrión das Comisións Obreiras de Galicia.[1] Xunto a Paco Filgueiras e Paco Balón creou a estrutura de CCOO. Durante esa década, foi detido en varias ocasións, chegando a ser torturado. En 1967 foi procesado por primeira vez polo Tribunal de Orde Publico, o que volveu a ocorrer en 1969 e 1971, con sucesivas condenas, ingresos en prisión e posteriores indultos.[3]

O 7 de marzo de 1972, un paro de media hora dos traballadores de Bazán, desembocou no despedimento de dous dos seus líderes sindicais, Rafael Pillado Lista e Julio Aneiros.[4] Tres días despois, o 10 de marzo, Bazán pechou e os traballadores, en protesta, realizaron unha manifestación[4] na que participaron os despedidos xunto o cadro de persoal de Bazán e os líderes sindicais Amor Deus e José María Riobó, entre outros. Os enfrontamentos de obreiros e forzas da orde terminaron con dous traballadores mortos por disparos da policía, Amador Rey e Daniel Niebla.[4][1][3] Julio Aneiros foi ferido gravemente por un disparo no peito. Porén, foi detido antes da alta médica e xulgado como instigador da protesta.[3][1] A represión non evitou que en setembro, os traballadores dos estaleiros, e doutras empresas industriais de Vigo, se mobilizaran con máis de quince mil traballadores e declarasen unha folga xeral que durou dúas semanas, á que seguiron, de novo, despidos masivos, pero na que Comisións Obreiras e outros movementos sindicais fora do aparato franquista mostraron a súa capacidade de resposta e organización.[5] Julio Aneiros permaneceu preso e saíu coa primeira lei de amnistía.

Durante a Transición democrática foi líder do Partido Comunista de Galicia e de Comisións Obreiras. Traballou trinta e oito anos nos estaleiros ferroláns e mantivo o seu compromiso político e sindical ata o seu falecemento. En marzo de 2016 o Concello de Ferrol dedicou unha rúa na súa honra.[6]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 1,2 1,3 1,4 1,5 Pereiro, Xose Manuel (18 de xaneiro de 2006). "Julio Aneiros, veterano dirigente sindical gallego". El País. Consultado o 2 de abril de 2016. 
  2. Sánchez Sánchez, Isidro Sánchez; Ortiz Heras, Manuel; Ruiz, David (1993). España franquista: causa general y actitudes sociales ante la dictadura. Universidad de Castilla-La Mancha. p. 215. ISBN 978-84-88255-25-9. 
  3. 3,0 3,1 3,2 Agencia EFE (17 de marzo de 2006). Federación de Comisiones Obreras, ed. "Muere Julio Aneiros, histórico dirigente de CCOO y del PCG". Consultado o 2 de abril de 2016. 
  4. 4,0 4,1 4,2 "Cuadernos de Ruedo Ibérico" (49-54). Éditions Ruedo Ibérico. 1976: 40. ISSN 0011-2488. 
  5. ""La huelga general de Vigo de 1972 fue el mayor éxito histórico de la clase obrera gallega"". eldiario.es. 15 de marzo de 2013. Consultado o 2 de abril de 2016. 
  6. Corral, Marta (9 de marzo de 2016). ferrol360.es, ed. "Ferrol inaugura una calle dedicada al histórico sindicalista Julio Aneiros este 10 de marzo". Consultado o 2 de abril de 2016.