Saltar ao contido

Juli Zeh

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Modelo:BiografíaJuli Zeh

(2016) Editar o valor en Wikidata
Biografía
Nacemento30 de xuño de 1974 Editar o valor en Wikidata (50 anos)
Bonn, Alemaña Editar o valor en Wikidata
Xuíza Tribunal Constitucional de Brandenburgo
30 de xaneiro de 2019 – Editar o valor en Wikidata
Datos persoais
EducaciónUniversidade do Sarre - doutora en Leis (–2010)
Instituto Alemán de Literatura (1996–2000)
Otto-Kühne-Schule
Universidade de Leipzig
Universidade Iaguelónica de Cracovia
Universidade de Passau - xurisprudencia Editar o valor en Wikidata
Actividade
Campo de traballoDereito da Unión Europea, dereito internacional e xurisprudencia Editar o valor en Wikidata
Lugar de traballo Leipzig Editar o valor en Wikidata
Ocupaciónxurista, ensaísta, escritora de ciencia ficción, escritora, xuíza Editar o valor en Wikidata
Período de actividade2001 Editar o valor en Wikidata -
Partido políticoPartido Socialdemócrata de Alemaña (2017–) Editar o valor en Wikidata
Membro de
Xénero artísticoProsa, obra de teatro, utopía e distopía na literatura e ensaio Editar o valor en Wikidata
Pseudónimo literarioManfred Gortz Editar o valor en Wikidata
Participou en
23 de maio de 2009eleccións presidenciais de Alemaña de 2009 Editar o valor en Wikidata
Obra
Obras destacables
Familia
CónxuxeDavid Finck Editar o valor en Wikidata
PaiWolfgang Zeh Editar o valor en Wikidata
Premios
Sinatura Editar o valor en Wikidata

Descrito pola fonteObálky knih, Editar o valor en Wikidata
Sitio webjuli-zeh.de Editar o valor en Wikidata
IMDB: nm2178199 Allocine: 520898
BNE: XX1611987 Musicbrainz: 9ca31944-c8ab-4318-b323-cf8c470eeff3 Discogs: 547204 Editar o valor en Wikidata
Juli Zeh na feira do libro de Frankfurt (2018)

Juli Zeh, con nome civil Julia Barbara Finck e de nacemento Zeh, nada en Bonn (Alemaña) o 30 de xuño de 1974, é unha escritora, xurista e xuíza honoraria alemá do Tribunal Constitucional de Brandeburgo.

Traxectoria

[editar | editar a fonte]

O seu pai é Wolfgang Zeh, antigo director do Bundestag alemán. Juli Zeh asistiu e graduouse no Instituto Otto Kühne de Bonn. Posteriormente, estudou Dereito, con especialización en Dereito Internacional, grazas a unha bolsa da Fundación de Estudos do Pobo Alemán na Universidade de Passau, na Universidade Iaguelónica de Cracovia, na Universidade de Nova York e na Universidade de Leipzig. En 1998 superou o seu primeiro exame de Estado en Saxonia coa mellor nota da súa promoción, e o segundo en 2003.[1] Tras realizar unhas prácticas na Organización das Nacións Unidas (ONU) en Nova York, cursou un programa de posgrao en Dereito da Integración Europea, que concluíu cun máster en Dereito Europeo (LL.M.Eur.). Antes de rematar a carreira de Dereito, entre 1996 e o ano 2000, Zeh realizou uns estudos no Instituto de Literatura Alemá de Leipzig.

En 2010, Zeh doutorouse en Dereito pola Universidade do Sarre en Saarbrücken. A súa tese de doutoramento trata sobre a actividade lexislativa das administracións de transición das Nacións Unidas e, grazas a ela, foi galardoada co premio a tese doutoral Deutscher Studienpreis da Fundación Körber de Hamburgo. Ademais, é membro do Centro PEN de Alemaña e da Freie Akademie der Künste en Hamburgo.

Zeh viviu moitos anos en Leipzig, pero reside dende 2007 en Barnewitz, unha vila da rexión de Havelland, en Brandeburgo.[2] Está casada co escritor David Finck[3][4] e é nai de dous nenos.[5] Zeh, ademais, é xinete e trata a relación entre o cabalo e a persoa nos seus libros Gebrauchsanweisung für Pferde e Socke und Sophie.

Alén da súa labor literaria, exerce como periodista e, entre outras cousas, colabora redactando artigos para o periódico Die Zeit e o xornal Frankfurter Allgemeine Zeitung. Entre maio e outubro de 2014 escribiu a columna Die Klassensprecherin na revista de noticias alemá Der Spiegel,[6] en rotación regular cada tres semanas cos periodistas Jakob Augstein e Jan Fleischhauer. Tamén presenta un podcast literario para a empresa de telecomunicacións Pioneer SA, propiedade do xornalista Gabor Steingart.[7]

O 12 de decembro de 2018, Juli Zeh foi elixida xuíza honoraria do Tribunal Constitucional de Brandeburgo polo Parlamento do Estado Federado de Brandeburgo, por proposta do grupo parlamentario SPD (Partido Socialdemócrata de Alemaña), e xurou o seu cargo o 30 de xaneiro de 2019 no mesmo parlamento.[8]

Juli Zeh (2011)

A primeira novela de Juli Zeh, Adler und Engel, que foi traducida a 35 linguas,  está ambientada no mundo dos xuristas que traballan no ámbito internacional e no da mafia da droga. En sintonía coa biografía da autora, a novela destaca polo seu contido xurídico, xa que o tema central é o dereito internacional e, polo tanto, unha «forma moi especial de dereito que, en realidade, só merece a medias as características ou o nome de dereito» porque «non deixa de crearse a cada segundo» e «enfróntase constantemente á súa propia desaparición» e «á súa propia ineficacia».

Publicado en 2002, o diario de viaxe Die Stille ist ein Geräusch é o resultado dunha viaxe a Bosnia e Hercegovina no verán de 2001, que emprende acompañada unicamente polo seu can.

Trata sobre o profundo trauma das persoas dado a indiferenza da comunidade internacional ante a destrución do seu país e sobre o absoluto desinterese de Europa ante a súa situación: «Aquí xace o esqueleto do país ao descuberto. Aquí habita a morte nos pregamentos da exuberante natureza». Escrita en alemán e publicada xunto co seu marido David Finck e o escritor Oskar Ters, Ein Hund läuft durch die Republik é unha antoloxía de relatos da mocidade bosníaca e da situación no seu país.

A obra Spieltrieb desenvólvese nun instituto de Bonn, cidade natal de Zeh. Protagonizada polo alumnado e profesorado do centro, os seus comportamentos e actitudes son utilizados como exemplos para abordar a cuestión sobre a existencia obxectiva do ben e do mal dende a achega filosófico-xurídica. En 2004, presentouse ao Premio Ingeborg Bachmann de Literatura cun extracto da novela e, malia ter unha acollida desigual por parte do xurado, a novela acadou un público amplo e recibiu críticas principalmente positivas nos suplementos culturais. O dramaturgo Bernhard Studl converteu esta novela nunha obra de teatro homónima que foi estreada no Deutsches Schauspielhaus de Hamburgo o 16 de marzo de 2006. En 2013, a novela levouse ao cine co seu título orixinal, Spieltrieb, polo director Gregor Schnitzler e protagonizada pola actriz alemá Michelle Barthel.

En 2005 publicou Kleines Konversationslexikon für Haushunde con fotografías de David Finck. Nesta obra, o can Othello, a mascota dunha escritora, explica o mundo tal e como é dende o punto de vista dun can. En marzo do ano 2006 publicou Alles aus dem Rasen, unha colección de 30 ensaios.

A novela Schilf  (2007) combina unha historia policial sobre dous físicos de elite con reflexións sobre o carácter do tempo. Nese mesmo ano, Bettina Bruinier e Katja Friedrich adaptárona ao teatro, e a estrea tivo lugar o 13 de decembro no Münchner Volkstheater da capital bávara. A directora Bruinier foi galardoada pola súa produción co Stern des Jahres, un premio conxunto da editorial Gruner + Jahr e da revista Stern. A estrea en Austria tivo  lugar en 2012 no KosmosTheater de Viena.

A obra de teatro Corpus Delicti[9] está ambientada no ano 2057. A través da política do «método», que se converteu na base de todo o Estado, obrígase á cidadanía a tomar medidas sanitarias preventivas, e mesmo fumar un cigarro constitúe un delito. Esta obra dramática estreouse no festival Ruhrtriennale de 2007. Dous anos máis tarde, Juli Zeh publicou a novela homónima Corpus Delicti: ein Prozess e, neste mesmo ano, a autora colaborou coa banda Slut para crear Corpus Delicti – Eine Schallnovelle, unha mestura entre teatro radiofónico e música. Na escenificación tamén se incluíron elementos do videoarte e do teatro. Na primavera de 2020, Antje Thoms puxo en escena unha adaptación ao teatro no Deutsches Theater Göttingen. Debido ás restricións pola COVID-19, levouse a cabo nun aparcadoiro subterráneo da zona en diferentes partes, que o público percorría cos seus vehículos.[10]

Tamén en 2009, Juli Zeh publicou o libro Angriff auf die Freiheit: Sicherheitswahn, Überwachungsstaat und der Abbau bürgerlicher Rechte, en colaboración co autor Ilija Trojanow. Na presentación deste libro, criticaron que o estado invadise cada vez máis a privacidade da cidadanía baixo o pretexto de combater o terrorismo.[11] Afirmaban que o Estado non pretende resolver crimes logo de que acontezan, senón prevelos buscando persoas sospeitosas que estean a planear delitos, polo que queren controlar a poboación de xeito exhaustivo. Zeh e Trojanow advertiron que non debemos crer que vivimos nunha democracia, senón nunha autocracia, que abusaría do poder outorgado por unha vixilancia excesiva, pois ningún sistema é inherentemente «bo». Canto máis poder se concentre no Estado, máis perigo hai de que abuse del. Declaraban que existe a ameaza dun réxime de vixilancia totalitario baixo o lema de «o grande irmán estate observando», como na novela 1984 de George Orwell, contra o cal debemos loitar para preservar a nosa liberdade e privacidade.[12]

No ano 2010, Juli Zeh foi entrevistada no documental Amok – Anatomie sobre as causas dos tiroteos escolares.

A novela Nullzeit, publicada en 2012, relata dende dúas perspectivas distintas un triángulo amoroso que xorde durante unhas vacacións de mergullo en Lanzarote. Segundo a autora, a novela é á vez un thriller psicolóxico e un romance. Tamén se percibe a afección de Juli Zeh polo submarinismo, deporte que aprendeu en 2010.[13]

Na novela social Unterleuten,[14] publicada en 2016, a autora describe a estrutura social dunha aldea de Brandeburgo vinte anos despois da reunificación. A obra consta de seis partes, de entre oito e trece capítulos cada unha, titulados co nome da personaxe que serve de punto de vista. Con estes cambios de perspectiva, móstranos que todo o mundo fai suposicións doutras persoas que logo resultan ser falsas. O autor e crítico literario Jörg Magenau considera este recurso a verdadeira intriga da novela. O texto está «centrado no argumento e no estudo das personaxes», pero «en canto á linguaxe, é sinxelo e convencional», o cal se axeita a unha novela de aldea.[15]

Juli Zeh explicaba no xornal suízo Neue Zürcher a percepción que ten de si mesma como autora de Unterleuten coas seguintes palabras: «eu véxome como unha autora que busca entreter, esa foi sempre o meu obxectivo». Na novela menciónase un libro de consellos titulado Dein Erfolg, publicado en 2015 baixo o seu pseudónimo Manfred Gortz, un consultor de negocios ficticio. Isto provocou acusacións de plaxio, nas que foi cuestionada a verdadeira autoría do libro.[16] En 2020 foi adaptada á pantalla co título Unterleuten – Das zerrissene Dorf, e estreouse na canle de televisión alemá ZDF dividida en tres partes.

En 2017 publica a distopía Leere Herzen, un panfleto político disfrazado de thriller que trata sobre o terrorismo paraestatal no ano 2025 e a idea dun futuro pouco prometedor, aínda que ofrece certo indicio de esperanza ao final.

En 2018 publica a novela Neujahr. Trata da esixencia excesiva dun pai de familia emancipado que arrastra un trauma da infancia, que lle provoca ao protagonista ataques de pánico na súa vida adulta. Os dous fíos narrativos están unidos por unha sensación de déjà-vu e, á vez, fragméntanse en dúas narracións case independentes.

En maio de 2020 sae á luz un libro titulado Fragen zu Corpus Delicti, no cal a autora volve abordar a súa obra Corpus Delicti para falar sobre a súa orixe e as numerosas preguntas que xurdiron dende entón.[17]

En marzo de 2021 publica a novela Über Menschen, que, ao igual que a súa obra Unterleuten, volve estar ambientada no Brandeburgo rural. A protagonista é Dora, unha redactora publicitaria que remata de deixar o seu mozo Robert. Ao comezo da pandemia da COVID-19 en marzo de 2020, múdase dende o barrio berlinés de Kreuzberg a unha casa vella con 4000 metros cadrados de terreo ermo e cuberto de maleza, situada nas aforas da vila de Bracken, no distrito de Prignitz.

«Unha catástrofe botánica que Dora pretende transformar cos seus esforzos nun romántico xardín de casa de campo cunha horta. Ese é o plan».

O argumento xira en torno á autoexaltación moral e á comparativa entre a xente da cidade e do rural. Así, a autora ofrécenos unha novela sobre o autocoñecemento dos tempos da COVID-19.[18]

En 2023 publicou, xunto co escritor e xornalista Simon Urban, a novela Zwischen Welten, que afonda na cuestión de se a poboación das cidades e do rural se enfrontan a unha incomprensión mutua. Nesta moderna novela epistolar, Theresa e Stefan, que foran mellores amigos cando estudaban Filoloxía Alemá hai vinte anos, comunícanse por correo electrónico e WhatsApp. Actualmente, ela dirixe unha granxa en Brandeburgo e loita por sobrevivir economicamente. El é xefe da sección de cultura dun importante xornal semanal de Hamburgo e vive unha guerra cultural co activismo das novas xeracións. Nunha entrevista concedida ao xornal Neue Zürcher Zeitung, Juli Zeh declarou: «Tivemos a idea entre os dous a idea do libro, porque ambos percibimos que a falta de diálogo entre as distintas faccións políticas e a agresividade ían en aumento». Porén, a xornalista e escritora alemá Julia Encke comentou no xornal Frankfurter Allgemeine que, coa súa novela, Zeh e Urban só «repañaron a dura e xeada superficie de todos os temas polémicos do discurso social actual».

Temas recorrentes

[editar | editar a fonte]

A obra de Juli Zeh xira en torno ao antagonismo entre o caos e a orde. Pregúntase se é posible reconstruír o sentido e a moral cando os valores tradicionais perderon o significado, e como facelo. Algúns temas recorrentes son as cuestións sobre a perda, a solidariedade e as normas fundamentais así como a contorna vital dunha sociedade de individualismo e globalización, onde xa non existe ningunha responsabilidade común polo futuro dunha comunidade internacional. En maio de 2011, no episodio do programa Das Philosophische Quartett sobre o tema de se as sociedades son quen de aprender, Juli Zeh expresou a súa «frase preferida»:

«A democracia non é un proceso para acadar realmente un bo obxectivo. [...] A democracia non é o método para atopar o mellor resultado, senón tan só un método para dispersar o poder».

Segundo Zeh, a escritura literaria é exclusivamente unha maneira de se comunicar con unha mesma no momento no que se crean os textos.[19] En termos de teoría literaria, a autora vese a si mesma en consonancia coa «moda», non como seguidora da «escritura intencional con vistas a unha mensaxe concreta», senón que responde á «famosa pregunta» que aínda se adoita formular nas clases de literatura: «que intenta dicirnos a persoa autora?». A resposta é «absolutamente nada». Ao mesmo tempo, a autora parte da base de que as historias non se escriben porque «algo está a funcionar ben», senón que sempre se escriben sobre o que «non funciona». Para ela, resultou «determinante» considerar «marxinal a diferenza entre a ficción e a realidade». Zeh sempre leu moito e cando era nena «víase a si mesma coma unha personaxe de novela».

Posicionamentos políticos

[editar | editar a fonte]

Juli Zeh tamén utiliza no ámbito da política a súa reputación literaria. Así como por exemplo, na campaña electoral de 2005 ao Parlamento Federal, xa que foi unha das autoras que firmou o chamamento do escritor alemán Günter Grass, Premio Nobel de Literatura,  na procura de apoio para a coalición vermello-verde. En 2009 formou parte da 13.ª Asemblea Federal polo SPD. Ademais, tamén presta a súa voz como «embaixadora do benestar animal» para a fundación internacional Vier Pfoten.

En xaneiro de 2008, presentou sen éxito ante o Tribunal Constitucional Federal alemán un recurso de amparo constitucional contra o pasaporte biométrico[20][21] porque, na súa opinión, o rexistro obrigatorio das impresións dactilares constituía unha «inxerencia nos dereitos fundamentais». O Tribunal Constitucional Federal non admitiu a trámite o recurso por a xustificación do mesmo non abordaren de maneira suficiente as disposicións pertinentes da Lei de pasaportes e, polo tanto, non cumprían os requisitos formais para a presentación da suposta violación de dereitos fundamentais.[22]

Con motivo do caso da NSA (Axencia de Seguridade Nacional estadounidense), en xullo de 2013 pediu unha «resposta adecuada» nunha carta aberta a Angela Merkel, a que naquel momento era a chanceler alemá, e esixiulle que «se dixese á poboación do país toda a verdade sobre os ataques de espionaxe».[23] O 18 de setembro de 2013 ela, xunto cunha vintena de escritores e escritoras, entregaron a carta firmada por máis de 67 000 persoas na Oficina de Prensa Federal.[24] Zeh é unha das impulsoras da Carta dos Dereitos Dixitais da Unión Europea, publicada a finais de novembro de 2016, e tamén é unha das fundadoras do movemento cidadán p≡p coop, que loita pola protección automatizada de datos en Internet mediante cifrado.[25][26]

Con motivo da designación como candidato a chanceler de Martin Schulz, político alemán do SPD,[27] afiliouse a este partido a mediados de 2017 e apoia a iniciativa SPD++, que busca modernizar as estruturas internas do partido.[28]

No transcurso do debate sobre a usurpación dos dereitos fundamentais durante a pandemia da COVID-19, Zeh participou nun chamamento publicado por persoas destacadas do mundo literario na revista Der Spiegel en abril de 2020. Nel pedíase a fin do confinamento á maior brevidade posible, xa que, segundo a autora, «os dereitos fundamentais de toda a poboación se reduciran case a cero nalgúns ámbitos». En agosto de 2021, pronunciouse en contra dunha obriga xeral de vacinación, argumentando que na actualidade non había motivos para unha «restrición masiva da liberdade individual».

Sendo xuíza do Tribunal Constitucional de Brandeburgo, participou na sentenza do 23 de outubro de 2020 sobre a inconstitucionalidade da Lei de paridade de Brandeburgo. O Tribunal Constitucional considerou por unanimidade que a Lei de paridade interfería na liberdade dos partidos para designar a quen quixesen, deterioraba a igualdade electoral pasiva e vulneraba o dereito dos partidos á igualdade de oportunidades.[29]

Juli Zeh foi unha das primeiras 28 persoas asinantes dunha carta aberta ao chanceler federal Scholz publicada pola revista feminista Emma o 29 de abril de 2022 onde se instaba a non subministrar máis armamento pesado a Ucraína tras a invasión rusa: «Advertimos contra o erro que supón pensar que a responsabilidade do perigo dunha escalada cara a un conflito nuclear recae unicamente no agresor orixinal e non tamén en quen, conscientemente, lle proporciona un motivo para actuar de forma criminal». Nun mitin do Primeiro de Maio, Scholz rebateu estas críticas argumentando que esixirlle á poboación de Kíiv que se defendese sen armas estaba «desfasado».

O 21 de setembro de 2022, a autora reiterou a súa postura co periodista Markus Feldenkirchen, na entrevista filmada e emitida para a revista Der Spiegel e explicou que as sancións a Rusia a facían sentir «incómoda» porque non tiñan os efectos desexados.

Autógrafo

Novela

  • Adler und Engel (2001)/(2003)
  • Spieltrieb (2004)
  • Schilf (2007)
  • Corpus Delicti. Ein Prozess. (2009)
  • Nullzeit (2012)
  • Unterleuten (2016)
  • Leere Herzen (2017)
  • Neujahr (2018)
  • Über Menschen (2021)
  • Zwischen Welten. Con Simon Urban (2023)

Relato curto

  • Do ut des (2001)
  • Der Hof (2002)
  • Feindliches Grün (2003)
  • Die geschenke Stunde: eine Geschichte (2012)

Ensaios e conferencias

  • Die Stille ist ein Geräusch. Eine Fahrt durch Bosnien (2002)
  • Allgemeine Erklärung der Menschenrechte. Verkündet von den Vereinten Nationen am 10. Dezember 1948, con Mario Früh, Wolfgang Grätz e Lee D. Böhm (2005)
  • Alles auf dem Rasen. Kein Roman (2006)
  • Angriff auf die Freiheit. Sicherheitswahn, Überwachungsstaat und der Abbau bürgerlicher Rechte. Con Ilija Trojanov (2009)
  • Das Mögliche und die Möglichkeiten. Discurso na graduación do alumnado bacharel da promoción do ano 2010 (2010)
  • Aufgedrängte Bereicherung. Tübinger Poetik-Dozentur 2010. Con Georg M. Oswald et al. (2011)
  • Die Diktatur der Demokraten. Warum ohne Recht kein Staat zu machen ist (2012)
  • Treideln. Frankfurter Poetikvorlesungen (2013)
  • Was steht zur Wahl? Über die Zukunft der Politik. Con Herfried Münkler e Hamed Abdel-Samad (2013)
  • Nachts sind das Tiere (2014)
  • Das Turbo-Ich – Der Mensch im Kommunikationszeitalter (2018)[30]

Teatro

  • Corpus Delicti, 2007
  • Der Kaktus
  • Good Morning Boys and Girls
  • Schilf,  2007
  • 203, 2011
  • Mutti, 2014
  • Good Morning, Boys and Girls, 2013

Divulgación

  • Kleines Konversationslexikon für Haushunde. Con David Finck, 2005
  • Dein Erfolg. Baixo o pseudónimo de Manfred Gortz, 2015
  • Gebrauchsanweisung für Pferde, 2019

Literatura infanto-xuvenil

  • Das Land der Menschen. Ilustrado por Wolfgang Nocke, 2008
  • Feldmann und Lammer, 2013  
  • Jetzt bestimme ich, ich, ich! Con Dunja Schnabel, 2015
  • Alle Jahre wieder. Ilustrado por Lena Hesse, 2020[31]
  • Socke und Sophie. Pferdesprache leicht gemacht. Ilustrado por Felix Görman, 2020
  • Der war's. Con Elisa Hoven. Ilustrado por Lena Hesse, 2023

Audionovelas

  • Adler und Engel, 2006
  • Unter Glas, 2008
  • Blue Mountain, 2010
  • Nullzeit, 2013
  • Unterleuten, 2018
  • Neujahr. Audiolibro. Lectura íntegra de Florian Lukas, 2018

Monografías de ciencia xurídica

  • Recht auf Beitritt? Ansprüche von Kandidatenstaaten gegen die Europäische Union. 2002
  • Das Übergangsrecht. Zur Rechtsetzung von Übergangsverwaltungen am Beispiel von UNMIK im Kosovo und dem OHR in Bosnien-Herzegowina. 2011

Como editora

  • Ein Hund läuft durch die Republik. 2004

Premios e galardóns

[editar | editar a fonte]
  • De 1993 a 1998: Bolsa da Studienstifftung des deutschen Volkes
  • 1999: Premio do xornal Humboldt Forum Recht
  • 2000: Caroline-Schlegel-Preis por redacción de ensaios
  • 2002: Deutscher Bücherpreis
  • 2002: Rauriser Literaturpreis do estado federado austríaco de Salzburgo.
  • 2002: Premio promocional do Bremer Literaturpreis
  • 2003: Ernst-Toller-Preis
  • 2003: Friedrich-Hölderlin-Preis der Stadt Bad Homburg (premio monetario)
  • 2004: Premio Inselschreiber
  • 2005: Per-Olov-Enquist-Preis
  • 2005: Premio de literatura LESE (Bonn)
  • 2008: Jürgen Bansemer & Ute Nyssen-Dramatikpreis
  • 2008: Prix Cévennes du roman européen
  • 2009: Premio de literatura Carl-Amery
  • 2009: Premio de literatura Solothurner
  • 2009: Premio de literatura Gerty-Spies
  • 2010: Conferencias de Poesía de Tübingen
  • 2010: Invitación á docencia Heinrich-Heine[32]
  • 2013: Conferencias de Poesía de Frankfurt
  • 2013: Premio Thomas Mann
  • 2014: Premio Hoffmann von Fallersleben
  • 2015: Premio da Cultura do Consello Cultural Alemán (panexirista Manuela Schwesig)
  • 2015: Premio Hildegard von Bingen de Periodismo
  • 2017: Premio Samuel Bogumil Linde
  • 2017: Cátedra Irmáns Grimm na Universidade de Kassel
  • 2017: Premio Bruno Kreisky ao libro político, premio especial pola súa labor periodística anterior[33]
  • 2018: Cruz do Mérito con Cinta da Orde ao Mérito da República Federal de Alemaña
  • 2018: Premio de Literatura Ernest Johann da cidade de Schifferstadt
  • 2019: Premio Heinrich Böll da cidade de Colonia
  • 2021: Premio do Público do Premio Bávaro do Libro por Über Menschen[34]
  • 2023: Premio de Literatura Hannelore Greve

Bibliografía (selección)

[editar | editar a fonte]
  • Unterwegs zu wilden Tieren. Die Regisseurin Bettina Bruinier und wie sie Juli Zehs Roman Schilf auf die Kleine Bühne des Münchner Volkstheaters brachte.  En: Politische und mögliche Welten. Regisseure von morgen. 2008
  • Physik und Ethik. Juli Zeh im Dialog zu „Schilf“.  En: Physik und Poetik. Produktionsästhetik und Werkgenese. Autorinnen und Autoren im Dialog 2015
  • Kein Autor würde ein dickes Buch schreiben, wenn er im Vornherein wüsste, auf welche Weise er später gelesen werden wird.“ Über Erzählanstrengungen, Frauenphantasien und Missbräuche dieser und jener Art in Juli Zehs Klügelei Spieltrieb. En: Gescheit, gescheiter, gescheitert? Das zeitgenössische Bild von Schule und Lehrern in Literatur und Medien 2016
  • Da „Materie, die sich selbst anglotzt“. Postmoderne Reflexionen in den Romanen Juli Zehs. 2017
  • Unter die Leute. En: Süddeutsche Zeitung. 2021
  • Am Schmerzpunkt. En: ZEITMagazin. Fotos de Marzena Skubatz. 2023
  • Juli Zeh 2023
  • Juli Zeh. A Critical Companion. 2024
  1. Jacqueline Thör: Kurzbiographie Juli Zeh. En: uni-due.de, consultado o 30 de xaneiro de 2019.
  2. Charlotte Haunhorst e Verena Mayer nunha entrevista con Juli Zeh: "Die Stadt ist wie ein großes Tier.“ Die Schriftstellerin Juli Zeh lebt auf dem Land, aber genießt das Gefühl, in der Großstadt zu sein. In ihrem Berliner Lieblingscafé spricht sie darüber, was Städte mit Menschen machen". En: Süddeutsche Zeitung PLANW. Consultado o 02 de 2016.
  3. "Frankfurter Poetik-Vorlesung: Dauergast in der Ewigkeit". FAZ.NET (en alemán). 2013-06-12. Consultado o 2025-01-17. 
  4. "«Es gibt nichts Teureres als ein langes Leben»". Tages-Anzeiger (en alemán). 2011-12-27. Consultado o 2025-01-17. 
  5. "Ein Besuch bei Juli Zeh: Clash der Dorfkulturen". Der Tagesspiegel Online (en alemán). ISSN 1865-2263. Consultado o 2025-01-17. 
  6. "Fehler 404". meedia.de (en alemán). Consultado o 2025-01-17. 
  7. "Juli Zeh". The Pioneer (en alemán). Consultado o 2025-01-17. 
  8. "Ernennung und Vereidigung einer Richterin des Verfassungsgerichts des Landes Brandenburg". www.rbb-online.de (en alemán). Consultado o 2025-01-17. 
  9. Christopher Schmidt: Die Erfindung der Realität. Über Juli Zehs Theaterstück Corpus delicti. En: Sprache im technischen Zeitalter.
  10. deutschlandfunkkultur.de (2020-05-09). "Tiefgaragen-Inszenierung in Göttingen - Leben in einer Gesundheitsdiktatur". Deutschlandfunk Kultur (en alemán). Consultado o 2025-01-17. 
  11. online, heise (2009-08-12). "Neues Buch: "Angriff auf die Freiheit"". Telepolis (en alemán). Consultado o 2025-01-17. 
  12. Ilija Trojanow, Juli Zeh: Angriff auf die Freiheit. Sicherheitswahn, Überwachungsstaat und der Abbau der bürgerlichen Rechte. Múnich, 2014, páxs. 65, 80, 131 e 137.
  13. "Juli Zeh - Nullzeit. Buchrezension - Diveinside Diverses". taucher.net (en alemán). Consultado o 2025-01-17. 
  14. "Juli Zeh, UNTER/LEUTEN – Literarische Altersbilder". www.literarische-bilder-unserer-zeit.uni-koeln.de. Consultado o 2025-01-17. 
  15. Magenau, Jörg (2016-03-21). "Die Landidylle, in der Gewalt alltäglich ist". Süddeutsche.de (en alemán). Consultado o 2025-01-17. 
  16. Tobias Lehmkuhl: Wer in Juli Zehs „Unterleuten“ wen bewegt. En: Süddeutsche Zeitung. 14 de abril de 2016. Richard Kämmerlings: Echt gelogen. Juli Zeh hat einen Bestseller geschrieben, dessen erfundene Figuren plötzlich im echten Leben auftauchen. Was steckt hinter dem Verwirrspiel? Eine Begegnung. En: welt.de. 1 de maio de 2016.
  17. deutschlandfunkkultur.de (2020-05-25). "Neues Buch von Juli Zeh - Kritische Verteidigerin der hiesigen Demokratie". Deutschlandfunk Kultur (en alemán). Consultado o 2025-01-17. 
  18. deutschlandfunkkultur.de (2021-03-20). "Juli Zeh: "Über Menschen" - Der erste echte Corona-Roman". Deutschlandfunk Kultur (en alemán). Consultado o 2025-01-17. 
  19. Über Recht und Literatur. Ein Gespräch mit Juli Zeh und Martin Mosebach, geführt von Britta Lange und Hermann Weber, abgedruckt in: Hermann Weber (Hrsg.): Literatur, Recht und Musik. Tagung im Nordkolleg Rendsburg vom 16. bis 18. September 2005. Berliner Wissenschafts-Verlag, Berlin 2007, ISBN 978-3-8305-1339-1, S. 183–204, hier S. 189.
  20. Vollständiger Text der Verfassungsbeschwerde. (PDF; 443 kB) En: zeit.de, 29 de xaneiro de 2008.
  21. Bittner, Jochen (2008-01-31). "Finger weg, Otto!". Die Zeit (en alemán). ISSN 0044-2070. Consultado o 2025-01-17. 
  22. Bundesverfassungsgericht, Beschluss vom 30. Dezember 2012, Aktenzeichen 1 BvR 502/09. En: bundesverfassungsgericht.de, consultado o 10 de marzo de 2022.
  23. "Offener Brief an Angela Merkel: Deutschland ist ein Überwachungsstaat". FAZ.NET (en alemán). 2013-07-25. Consultado o 2025-01-17. 
  24. Pramstaller, Christopher (2013-09-18). "NSA-Ausspähung: Aufmarsch der Autoren". Die Zeit (en alemán). ISSN 0044-2070. Consultado o 2025-01-17. 
  25. deutschlandfunkkultur.de (2018-05-06). "Internet-Kampagne von Sibylle Berg - "Wir wollen das Netz neu errichten"". Deutschlandfunk Kultur (en alemán). Consultado o 2025-01-17. 
  26. Modelo:Web archive. En: pep.coop. p≡p project, consultado o 2 de novembro de 2018.
  27. Radisch, Iris; Cammann, Alexander (2017-09-21). "Juli Zeh und Martin Schulz: "Ich hätte gerne öfter erlebt, Martin, dass du dich mal ereiferst"". Die Zeit (en alemán). ISSN 0044-2070. Consultado o 2025-01-17. 
  28. "SPD++ | Die SPD neu denken.". SPD++ (en alemán). 2019-09-29. Consultado o 2025-01-17. 
  29. "Verfassungsrichter kippen Brandenburger Paritätsgesetz". Der Spiegel (en alemán). 2020-10-23. ISSN 2195-1349. Consultado o 2025-01-17. 
  30. deutschlandfunkkultur.de (2020-12-04). "Juli Zeh über Kinderbuch "Alle Jahre wieder" - "Boah Alter Christkind!"". Deutschlandfunk Kultur (en alemán). Consultado o 2025-01-17. 
  31. "2010: Zeh, Oswald | Universität Tübingen". uni-tuebingen.de. Consultado o 2025-01-17. 
  32. "Bruno-Kreisky-Preis für das Politische Buch 2017 geht an Arundhati Roy". OTS.at (en alemán). Consultado o 2025-01-17. 
  33. Rundfunk, Bayerischer (2021-11-11). "Bayerischer Buchpreis 2021: Der Bayern 2-Publikumspreis geht an Juli Zeh und "Über Menschen" | BR.de" (en alemán). Consultado o 2025-01-17.